O ÚLTIMO EMPUXÓN NOS REFORZOS DE VALGA!

Estamos a punto de finalizar o curso escolar, e os nenos e nenas están cargados de probas para comprobar o aprendido durante este terceiro trimestre. Nas horas de reforzo facemos os deberes día a día e preparamos con nenos e nenas as súas probas, facilitando así o estudo destes na casa. Ademais cando os exames e os deberes no lo permiten reforzamos os contidos que o alumnado aprende na cola dunha maneira máis dinámica, como pode ser a través do bingo, para reforzar os números, o bingo das horas e por suposto tamén utilizamos as novas tecnoloxías. Estamos poñendo o noso esforzo en sacar este curso coas mellores cualificacións posibles!

ÁNIMO, QUE XA QUEDA POUCO!

OBXECTIVOS CONSEGUIDOS

No Programa de Reforzo Educativo de Muros encaramos xa as últimas semanas do curso 2023-2024. Nestas alturas do curso tódolos nenos e nenas contan xa con diferentes mecanismos individuais cos que poder facer fronte ás dificultades tanto académicas coma educativas. Sendo un dos principais obxectivos do Programa poder dotar aos rapaces de ferramentas de traballo que poidan atender ás súas necesidades para que poidan así traballar de forma cada vez máis autónoma, neste e nos próximos cursos.

Así, ó longo deste curso aprendemos e traballamos aspectos como a adquisición de novas técnicas de estudo, a autonomía na realización das tarefas, a motivación e a seguridade, a interacción e as relacións sociais e en definitiva, aqueles aspectos educativos que precisábamos traballar para acadar tamén unha mellora na actitude e no comportamento.

ABRIL, ENERXÍAS MIL!

Despois do descanso de Semana Santa, retomamos os talleres con enerxías renovadas.

Nestas semanas introducimos novidades nas sesión de traballo e estreamos as habilidades lingüísticas a través de sopas de letras que ademais nos esixen una alta concentración.

Ademais, tivemos algunha sesión na que a través de xogos de mesa traballamos a concentración, agudeza visual, estratexia e resolución de problemas, ao mesmo tempo que nos botábamos unas risas. O “4 en raia”, “Escaleiras e serpes”, “Busca a parella” ou quebracabezas foron algúns dos convidados a estas sesións.

COMEZAMOS OS TALLERES EN PONTECESURES!

A xente de Pontecesures tamén quere exercitar a cachola e este pasado mes de abril comezamos os talleres de estimulación cognitiva e memoria en Pontecesures.

Nestas primeiras semanas aproveitamos para irnos coñecendo, ver como serían as dinámicas das sesión e coñecer a situación de partida de cada participante para, deste xeito, tratar de levar propostas e actividades que se adapten e das que todas as e os participantes poidan desfrutar.

Nestas primeiras sesión traballamos as habilidades lingüísticas a través de actividades de clasificación de palabras por categorías, ordenando letras para atopar a palabra oculta, ou completando refráns.

Tamén traballamos a memoria con actividades como a busca de palabras que comecen por determinado conxunto de letras.

De xeito oral, buscando traballar a axilidade mental e lingüística, realizamos actividades como “Palabras Encadeadas” ou nomear distintos obxectos dentro dunha categoría preestablecida, nestes, ademais, exercitamos a memoria a curto prazo e a concentración, pois debemos recordar que palabras dixeron as compañeiras e compañeiros para non repetilas.

Encaramos con ganas as seguintes sesións!

CANTAS COUSAS PASARON NESTES MESES!.

Coñecedes a   Elmer?

Pois os nenos da Aula Concilia Mesía decidiron que era boa idea debuxar e remarcar a Elmer na nosa Aula. Tamén aprenderon unhas lendas ben recoñecidas  no panorama galego: A lenda da Virxe da Barca.  E entre tanto…. fixemos uns pequenos agasallos para as nosas mamis chulas!

Seguiremos informando.

EN ABRIL, XOGOS MIL!

A estimulación cognitiva é cada vez máis importante para tratar de frear perdas de memoria e previr as mesmas. De feito, a través de dita estimulación, calquera persoa pode mellorar as súas capacidades cognitivas.

Polo tanto, en Valga, durante este mes combinamos as actividades teóricas con outras máis lúdicas, a través de diferentes xogos.

No que respecta ao ámbito teórico traballamos diferentes tipos de memoria como son: a memoria inmediata, memorizando unha serie de palabras que, posteriormente, tiñan que escribir nunha folla; a memoria a curto prazo, memorizando unha serie de obxectos que despois tiñan que rodear entre unha morea deles; e a memoria visual, memorizando a posición das formas xeométricas nunha cuadrícula e colocándoas en cadanseu sitio nunha cuadrícula en branco.

Amais tamén realizamos exercicios como: campos semánticos, deletrear palabras á inversa, cálculo mental e ordenar letras para formar palabras.

Finalmente, algúns dos xogos que levamos a cabo foron: o bingo, no cal traballamos a atención, a rapidez, a escoita e a memoria; o vexo, vexo, no cal potenciamos a creatividade e a agudeza e memoria visual; o xadrez de cores, para traballar a atención, a concentración, a retentiva e a memoria; e o mémori, a través do cal potenciamos a concentración, a memoria, as habilidades motoras finas e a memoria visual.