Cuntilín
COÑECEMOS ARBO E AS NEVES!
Moi boas a todos e todas!
O noso percorrido por Galicia está chegando ao seu fin, ao igual que o curso, que está a piques de rematar.
Esta semana fixemos unha parada nos Concellos de Arbo e As Neves, situados ao sur da provincia de Pontevedra e que practicamente lindan con Portugal. Coñecemos a súa historia, falamos do río máis importante de Galicia e que pasa por alí: o Miño, e do peixe máis antigo do planeta terra, a lamprea. En Arbo celébrase a festa da lamprea, por iso aproveitamos para coñecer un pouco máis este animal prehistórico e posteriormente facer unha manualidade.
Como falta menos dun mes para rematar, comezamos a preparar o noso festival do Cuntilín.
Ademais de todas estas actividades, sempre adicamos un tempo as tarefas e o estudo.
Ata a semana!
SEMANA DAS LETRAS GALEGAS
Esta semana conmemoramos o Día das Letras Galegas con diferentes actividades sobre Francisco Fernández del Riego: xogamos a un trivial sobre a súa vida e obra e levamos a cabo un xogo interactivo.
Seguindo a promagración “Galicia Máxica”, paramos en Agolada, un pobo situado no mapa de Galicia no punto máis céntrico de todos, que destaca pola súa cultura e tradición. Falamos principalmente dos pendellos onde se realizaba a feira. Eran un tipo de construcción que os resgardaba do calor no verán, e da choiva do inverno. Por iso, aproveitamos para xogar aos mercados. Por grupos, crearon diferentes postos onde compraban, vendían e trocaban. Para iso empregaron unhas moedas e billetes de mentira, pero estaban encantados de andar con tantos cartos!
Á volta do festivo, fixemos de “labregos” e aproveitamos para plantar unhas leitugas, nunhas macetas decoradas polos nenos e nenas.
Rematamos a semana cunha sesión de risoterapia que nos viñeron dar ao Cuntilín, onde o pasamos xenial nas diferentes dinámicas de xogos físicos e mentales que conseguiron xerar moitas risas!
CHEGARON OS VIKINGOS!
Moi boas a todos e todas!
Esta semana o Cuntilín, dentro da programación “Galicia Máxica”, parou nunha vila tan coñecida pola súa historia como é Catoira. Fixemos un percorrido polo pobo, visitando as Torres do Oeste, os muiños de Vento e a lagoa das Pedras Miúdas. Aproveitamos para coñecer a historia vikinga e facer unha manualidade.
Pero non só tocou coñecer Catoira, senón que de alí partimos a Baiona, outro pobo, neste caso costeiro, con gran riqueza cultural e arquitectónica.
O Taller de Igualdade desta semana, xirou en torno a figura de Isabel Zendal, a primeira enfermeira en misión humanitaria que cruzou o océano.
En canto á actividade polo Día da nai, os nenos e as nenas elaboraron uns agasallos para darlle á persoa elixida por eles. (nais, avoas. tías etc).
Rematamos a semana cos “venres de xogos”, realizando xogos deportivos, por equipos no exterior.
Ata a semana!
Un saúdo!!!
EXCURSIÓN AO SALÓN DO LIBRO
Esta semana para conmemorar o “Día do libro”, que se celebra o 23 de abril, fomos de excursión a Pontevedra, ao Salón do Libro. Saudamos a Orbil, a mascota do salón e realizamos unha visita guiada polas instalacións, rematando con un contacontos. Pasámolo xenial!
En canto a programación Galicia máxica, tocou coñecer Combarro. Falamos da súa riqueza paisaxística, dos hórreos, cruceiros e das casas mariñeiras. Realizamos un obradoiro cretivo e un taller de medioambiente, onde fixemos papel de reciclaxe.
Por outro lado, os maiores do Cuntilín asistiron a un taller de robótica na aula CeMit.
Rematamos a semana animando ao clube de baloncesto de Cuntis, xa que xogaron na casa, aproveitamos para ir ver un partido.
Que teñades unha boa ponte!
O PIRATA BENITO DE SOTO
Moi boas, amigos e amigas do Cuntilín!
Esta semana estivemos «percorrendo» a vila de Pontevedra, dentro da nosa programación “Galicia Máxica”.
Coñecemos as diferentes prazas, recreando os oficios que no pasado se levaban a cabo nelas (ferreiros na da Ferrería, na das Verduras.. legumes, etc.) .
Tamén falamos da historia do maior pirata de Pontevedra: Benito de Soto e realizamos unha búsqueda do tesouro. Elaboramos un obradoiro creativo inspirado na «illa das esculturas» empregando elementos da natureza como pedras ,etc.
Xa que Marín queda moi preto de Pontevedra, aproveitamos para falar do Parque dos Sentidos e facer aquí diferentes xogos sensoriais.
Como o tempo non acompañou no final da semana, realizamos unha «tarde de cine».
Para a semana contámosvos máis…
Un saúdo!
ENCONTRO INTERXENERACIONAL
Esta semana, aínda que foi curta, dounos tempo a facer moitas actividades diferentes.
A actividade por execelencia foi a visita que recibimos dos alumnos e alumnas dos talleres de memoria, que organiza o Concello de Cuntis. Tivemos unha tarde moi entretida, compartindo xogos e risas entre todos e todas, independetemente da idade. Realizamos o xogo do trivial, pero o «Trivial de Cuntis» e xogamos a diferentes xogos populares como ós aros, á corda, ás canicas, etc.
Esperamos repetir pronto esta experiencia!
Ademais, como a programación «Galicia máxica» remataba o seu percorrido pola provincia de Ourense, coñecemos un pouco máis o pobo de San Cristovo de Cea, moi famoso entre outras cousas polo seu pan (o pan de Cea). Por iso, aproveitamos para facer de panadeiros e panadeiras e amasar o noso propio pan. Saíron uns bolos e unhas barras de pan boísimas!.
O xoves, fomos a visitar a exposición “Autismo somos tod@s”, na casa da cultura “Roberto Blanco Torres”, polo día mundial do autismo. Alí, vimos os diferentes debuxos realizados polos nenos e nenas de atención temperá, e tivemos o contacontos «El cazo de Lorenzo».
Ata a semana!
BENVIDAS VACACIÓNS!
E así, voando, pasou este segundo trimestre. Como sabedes, o Cuntilín pechará estes días para descansar e coller forzas para o último sprint do curso, pero antes, quixemos rematar con unhas actividades moi especiais.
Comezamos o martes con un taller de neve. Empregando diferentes técnicas, creamos neve artificial. Fixemos ata uns pequenos bonecos, encantounos a actividade!
O mércores realizamos o xogo de pistas:“O coelliño de Pascua”. Por equipos e superando diferentes probas, tiveron que buscar o coelliño. O equipo gañador recibeu o seu premio, pero como todos e todas formamos un gran equipo, decidimos que o premio fose compartido, así que cada neno e cada nena levou o seu coelliño con ovos de chocolate para a súas casas.
O xoves tocou realizar o obradoiro de cociña, que por mor da pandemia, había moito que non o facíamos. Un a un foron elaboraron as súas roscas, que levaron para compartir coas familias. Saíron boísimas!
Para rematar a semana, o venres tivemos un obradoiro de artesanía con Nerea, de “Dona Formiguinha”. Explicounos en que consiste o seu traballo e ensinounos a realizar chaveiros con coiro. Encantounos a visita!
Rematamos un trismestre máis. Que teñades unhas boas vacacións!
CHEGOU A PRIMAVERA
Moi boas, amigos e amigas do Cuntilín! Como sabedes, esta semana comezou a primavera, por iso chegou o momento de cambiar a nosa decoración de inverno por unha moito máis alegre, acorde a esta nova estación do ano. Creamos bolboretas e paxariños con folios de cores e tamén diferentes bechos que empezan a saír nesta época. Ademais, fixemos un novo mural para a entrada.
En canto á programación Galicia máxica, coñecemos o Carballiño, o último pobo no que pararemos da provincia de Ourense. Falamos das súas lendas e mitos, así resolvemos o gran «misterio» de porqué o polbo a feira e tan típico desta zona, sendo un pobo de interior. Sen dúbida curiosa a resposta.
O Taller de Igualdade xirou en torno a primeira muller aviadora de Europa. Rematamos a semana (coa tregua que nos dou o tempo) facendo xogos no exterior.
Boa semana e un saúdo!
O CUNTILÍN PARA EN ALLARIZ
A programación “Galicia Máxica” parou esta semana no concello de Allariz. Un pobo cheo de cultura e tradición, así como un referente en moitos aspectos, entre outros, a xardinería, ou o liño.
Fixemos un percorrido virtual pola cidade, falamos da “lenda do Martirio de Santa Mariña de Aguas Santas”, moi coñecida, e xa que na vila hai un museo do coiro, coñecemos a técnica do repuxado, empregando un cacho de goma eva.
Aproveitamos o Taller de Igualdade para coñecer a Celia Rivas Casais, a primeira muller galega e española en obter o permiso de conducir de camións, así como a primeira que participou nunha guerra como transportista.
Rematamos a semana realizando diferentes obradoiros, entre eles un de moda e outro de xoguetes.
Como o domingo é o «Día do pai”, todos aqueles nenos e nenas que quixeron, elaboraron un pequeno agasallo para eles, ou para os avós, tíos, irmáns, etc.
Esperamos que lles guste moito!
Boa semana!
Un saúdo dende Cuntilín!
8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
Esta semana no Cuntilín conmemoramos o día da muller, e para iso realizamos diferentes actividades.
Asistimos ao espectáculo no Patelas de «Circo na casa» onde o paiaso: Mere Clown, nos ensinou como as tarefas da casa son cousa de todos e todas, e como se poden facer dun xeito divertido. Desfrutamos moito!
Tamén realizamos outras actividades como un Que é quen? coas pioneiras galegas máis relevantes, un debate sobre a figura da muller nas diferentes culturas (aprobeitando a diversidade cultural das familias do Cuntilín), un role playing ondetraballamos distintas situacións da vida cotiáe un mural moi simbólico en relación co tema, que preside as instalacións.
En canto á programación Galicia máxica, esta semana andivemos coñecendo Ourense e arredores.
Ata a semana!
JOSÉ GIL. Pioneiro do cinema galego
Esta semana o Cuntilín tivo unha saída moi especial, fomos ao “Centro Sociocultural e Xuvenil Patelas” a unha actividade sobre José Gil, pioneiro do cinema Galego. A verdade, é que a vida e obra deste ilustre galego nos resultou moi interesante.
Por primeira vez, moitos nenos e nenas viron o que era unha película en branco e negro e coñeceron a figura de Chaplin. Tamén vimos extractos das súas gravacións, feitas en diferentes vilas galegas sobre a vida das xentes dos pobos. Pero non só iso, tamén poidevos ver a recreación dun camión-cine: O Cinemóbil 3, un cine ambulante que el usaba para proxectar películas por toda Galicia.
Ademais, estes días falamos de Samos, e creamos uns murais como os que aparecen nas paredes do seu mosteiro. Falamos das árbores milenarias e fixemos un percorrido polas máis importantes do país. Aprendemos a calcular os anos aproximados dunha árbore a través duns cálculos matemáticos, e saímos ao patio a poñelo en práctica.
Non queremos esquecernos de contarvos que, o 23 de febreiro: Día de Rosalía, lembramos a figura desta escritora galega tan importante, xogando a un trivial sobre a súa vida, e elaboramos un marcapáxinas.
Ata a semana!
CHEGOU O ENTROIDO!
E así, case sen darnos conta, estamos no Entroido! Por iso, esta semana no Cuntilín metémonos de cheo coa temática destas datas: rematamos os disfraces, decoramos as instalacións e coñecemos os Carnavais máis tradicionais de Galicia como son os de Laza, Verín e Xinzo de Limia…
Pero, sen dúbida, as actividades máis destacadas foron o tradicional desfile polas rúas de Cuntis, onde o disfraz elixido para este ano foi o de peliqueiro/a, de acorde coa programación que estamos levando a cabo.
E rematamos a semana con festa de disfraces nas instalacións; tivemos desfile, xogos, baile e merendola. Cantas orellas e filloas comemos..
Marchamos de vacacións uns días… Feliz Entroido!
A MULLER NA CIENCIA
Aquí estamos dende o Cuntilín, unha semana máis.
Xa comezamos a preparar os disfraces para o tradicional desfile de entroido do Cuntilín e a decorar as instalacións.
En canto a programación de Galicia Máxica, esta semana paramos en Piornedo, situado nos Ancares, polo que seguimos coñecendo as características da zona, fauna, flora e lendas.
Rematamos a semana traballando o “Día da Muller e da Nena na Ciencia”, que se conmemora o 11 de febreiro. Para iso realizamos diferentes actividades, entre outras un “quen é quen?” coas máis importantes da historia.
Para a semana moito máis…, xa que estaremos festexando o entroido!
Un saúdo!
DÍA DA NON VIOLENCIA E DA PAZ
O 30 de xaneiro é o Día da non violencia e da paz, e no Cuntilín conmemorámolo elaborando un mural e realizando diferentes actividades de sensibilización.
Por outro lado, seguimos percorrendo a provincia de Lugo coa programación “Galicia Máxica” e tocou parar nun lugar con moita historia: Portomarín. Coñecemos datos de interese deste pobo, sobre todo cando na Idade Media chegou a contar con tres ordes de cabalería. Por iso, creamos a nosa “orde de cabaleiros”, encomendados a protexer o patio e aos nenos e nenas do Cuntilín. Pero Portomarín tamén é coñecido polo paso do río Miño e polo encoro, que sepultou o pobo orixinal. Isto levounos a falar sobre o funcionamento da enerxía hidráulica e a realizar un experimento.
Para rematar, como esta semana foi o día da Candeloria, aproveitamos para coñecer os diferentes refráns relacionados con ese día; saímos a observar os paxariños, porque di a tradición que ese é o día que se casan e voan de dous en dous.
Ata a semana!
AS PALLOZAS
Esta semana o Cuntilín, coa súa programación Galicia Máxica, parou no interior de Lugo, nun fermoso pobo coñecido polo seu paso do camiño de Santiago, O Cebreiro. Visualizamos imaxes do pobo, falamos das antigas costumes e da forma de vida nas montañas dos Ancares, e coñecemos as tradicionais vivendas da zona, “as pallozas”.
Afondamos nas diferentes lendas, e a que máis lles gustou foi a do peregrino perdido hai moitos anos, que gracias ao son das campás foi capaz de chegar ao pobo. Por iso, a partir dese día, os monxes do mosteiro fixeron tocar as campás para que os peregrinos non se perdesen. En relación coa lenda fixemos un xogo, onde os nenos e nenas se metían no papel dos peregrinos, e cos ollos pechados tiñan que seguir o son das campás. Encantoulles a actividade!
En canto ás actividades de igualdade, coñecemos a unha diseñadora de roupa que fixo historia “Coco Chanel”. Aproveitamos para facer de estilistas e cada un/unha creou o seu deseño.
No obradoiro de cociña que levamos a cabo aproveitamos para elaborar un queixo.
Rematamos a semana coas actividades se sensibilización sobre o “Día da Paz”.
Para a semana xa vos contaremos máis!
O CUNTILÍN VIAXA A VIVEIRO
Esta semana o Cuntilín viaxou ata Viveiro, para coñecer as súas rúas, praias e historia. Visitamos as portas da muralla, a “Praza Maior” e a “Ponte da Misericordia”. En canto ao entorno natural, coñecemos o famoso paseo “Fuciño do Porco”, a “Praia de Covas” e unha das árbores máis antigas de Europa: “O avó”, un eucalipto centenario.
Aproveitando a visita a Viveiro, traballamos no Taller de medioambiente ás árbores, e realizamos como manualidade unha, empregando materiais de reciclaxe.
No taller de animación á lectura lemos o conto “A cousa que máis doe do mundo” e no taller de Igualdade analizamos as letras de varias cancións de actualidade para debatir como se reflexan os diferentes roles (masculinos e femininos) e posterior debate.
Rematamos a semana realizando experimentos. O que máis lle gustou foi o que trataba sobre a densidade da auga, empregando unha mandarina.
Como sempre, houbo tempo para xogos no exterior, por equipos, etc.
Para a semana máis!
Un saúdo.
CUNTILÍN EN MONDOÑEDO
Despois de uns días de descanso, aquí estamos de volta das vacacións de Nadal. Foi unha semana para adaptarnos e volver á rutina. Recollemos a decoración de Nadal e comezamos coa de inverno, co xa famoso mural que nos identifica e que preside a entrada ao Cuntilín.
Empezamos de novo coa programación “Galicia Máxica”. Esta semana tocou parar en Mondoñedo, un precioso municipio ao norte da provincia de Lugo, con unha gran historia, cultura e tradición, na que afondamos con diferentes actividades.
Aproveitamos para coñecer un pouco máis a un mindoniense de referencia na literatura Galega, como foi Álvaro Cunqueiro. Visitamos “virtualmente” a Catedral e coñecemos a historia das súas vidrieiras e o rosetón, que teñen unha lenda relacionada. Rematamos o percorrido coñecendo a lenda do Rei Cintolo e a súa cova.
Como xa é habitual, ao longo das tardes hai tempo para o estudo, para xogos deportivos, animación á lectura, etc.
Para a semana máis!
Un saúdo!
CHEGOU O NADAL!
Pois si, familias, chegou o Nadal e con el un montón de actividades para celebrar estas datas.
A máis importante foi o festival que realizamos o último día. Tivemos diferentes actuacións e ata unha pequena representación. As familias estiveron convidadas, e como sempre, encantoulles!
Por outra banda, como hai uns días foi noticia o chamamento que facía na prensa o director da residencia de maiores de Campolongo (Pontevedra) pedindo cartas para alegrarlle un pouquiño máis estas datas a todos os maiores que están sós, dende Cuntilín decidimos levar a cabo a mesma iniciativa, pero no Concello de Cuntis.
En colaboración con Servizos Sociais, os nenos e nenas do Cuntilín fixéronlle postais a todos os /as maiores do noso Concello, e estas foron repartidas por Servizos Sociais.
Sen dúbida, unha iniciativa moi especial que realizamos con todo o noso cariño dende o Cuntilín.
Que pasedes unhas Boas Festas!
AMICOS NO CUNTILÍN
O día 3 de decembro foi o “Día Internacional das Persoas con Discapacidade” e como xa ven sendo tradición no Cuntilín, recibimos unha visita moi especial. Este ano viñeron dende Boiro: Amicos,unha asociación sen ánimo de lucro para a integración de persoas con discapacidade intelectual, parálise e dano cerebral. Tivemos uns monitores e monitoras de excepción, que foron os propios usuarios e usuarias da asociación, quen nos realizaron diferentes técnicas e dinámicas de sensibilización: circuíto en cadeira de rodas, descubrir a través do sentido do olfacto distintos alimentos, pasar a pelota sen utilizar as mans…
Sen dúbida, foi unha actividade de gran valor educativo que, como novidade, este ano tamén participaron as familias do Cuntilín.
Encantounos a actividade! Grazas por vir!
3 DE DECEMBRO. DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE
Como este sábado é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, dende o Cuntilín estivemos facendo actividades de sensibilización toda a semana. Entre outras, realizamos diferentes xogos de integración así como o concurso “pasapalabra”, concretamente o rosco final, onde cada vogal correspondía con algunha palabra relacionada coa diversidade. Podemos adiantar que estamos á espera dunha visita moi especial relacionada coa temática, pero cando teñamos o día fixado, xa vos contaremos máis.
En canto á programación “Galicia Máxica”, tocounos parar en Esteiro e Ribeira. En Ribeira coñecemos as dunas de Corrubedo, a pedra da Rá, e as embarcacións mariñeiras típicas da zona, a dorna.
De Esteiro, o que máis lles gustou foi sen dúbida o Gran Prix das carrilanas. Por iso, aproveitando o taller de reciclaxe que tocaba esta semana, creamos as nosas propias carrilanas e botamos unhas carreiras.
Como xa estamos en decembro,comezamos coa decoración de Nadal, está quedando todo precioso! Xa o veredes!
Un saúdo!
CUNTILÍN DI NON
Esta semana as actividades que realizamos no Cuntilín foron dirixidas a conmemorar o día 25 de novembro, Día contra a eliminación da violencia contra as mulleres.
O luns tivemos unha charla de sensibilización sobre as relacións afectivo-saudables. O martes realizamos un contacontos e posterior role playing. O conto foi “Orellas de bolboreta”.
O mércores tivemos unha xincana pola igualdade, onde por equipos (idades variadas) tiveron que ir superando obstáculos e resolvendo diferentes frases, todas elas de mulleres célebres na historia.
O xoves tocou facer un percorrido polos inventos máis importantes para a humanidade realizados por mulleres.
Pero a actividade por excelencia, que tanto tempo e traballo levou preparar, foi a obra de teatro coa que culminamos a semana, Arturo e Clementina. O obra trata de unha parella de tartarugas onde ela, Clementina se ve sometida a vontade de Arturo, o seu mozo. Co tempo e farta, Clementina comeza pouco a pouco a tomar as rendas da súa vida, e a decidir que quere e que non, culminando estas decisións nun gran cambio. Sen dúbida, un gran clásico que todos debemos coñecer.
Todas as familias foron invitadas a representación, e podemos dicir que foi un éxito rotundo de asistencia!
Queremos agradecer ós grandes actores e actrices que temos no Cuntilín, polo seu traballo e esforzo, e a todas as familias por participar sempre nas actividades que propoñemos.
Un saúdo!
Ata a semana!
EXCURSIÓN Á CORUÑA
Sen dúbida, a actividade estrela desta semana no Cuntilín foi a gran excursión que tivemos á cidade da Coruña, para visitar o Aquarium Finisterrae e a Torre de Hércules. Puidemos desfrutar dunha tarde diferente, rodeados de animais mariños e acompañados por Ana Loureiro, Concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Xustiza, coa que compartimos esta experiencia.
Coñecemos un montón de especies novas, aprendemos coas actividades interactivas, pero o que máis lles gustou a todos e todas foi a sala Nautilus decorada ao estilo do submarino do capitán Nemo (da obra de Xulio Verne), onde o que acaparou toda a atención por parte dos nenos e nenas foron os grades peixes.
En canto o resto de actividades destes días, salientar que tocou parar e coñecer o Concello de Rianxo. Unha pequena vila mariñeira chea de historia e de cultura, cuna de grandísimos escritores galegos como: Castelao, Manuel Antonio, Rafael Dieste, etc. e que alberga diferentes tesouros arquitectónicos e arqueolóxicos como o hórreo máis grande do mundo, na parroquia de Santa Baia do Araño, ou os restos da antiga fortificación datada do século XIII e mandada construír por Paio Gómez Chariño, o Castelo da Lúa (os restos atópanse á carón do paseo marítimo de Rianxo, na desembocadura do río Té). En relación con esto, os obradoiros destacados foron: a elaboración dun hórreo e a creación da silueta de Castelao en estaño.
Como vedes, foi unha semana repleta de actividades. Para a semana máis!
Un saúdo!
A PRAIA DOS CRISTAIS
Moi boas!
Estamos aquí de volta para informarvos das últimas novidades do Cuntilín.
Nestes días seguimos viaxando por Galicia, e esta vez tocou parar en Muxía e Laxe. Coñecemos a pedra de abalar de Muxía e a praia dos cristais de Laxe que, para quen non o saiba, foi un antigo vertedoiro de cristais e co paso do tempo e a erosión do mar converteuse na praia que hoxe coñecemos.
Despois de moito tempo (tanto como dous anos) volveron de novo os obradoiros de cociña!!! Preparamos unhas deliciosas galletas saudables.
Como se aproxima unha data moi importante, o 25 de novembro, comezamos a preparar as actividades para esos días: unha obra de teatro, lazos violetas para aderezar as instalacións, etc.
Como actividade de Igualdade, coñecemos a vida de grandes mulleres que cambiaron o mundo.
Para rematar, non deixamos de lado as actividades deportivas, xogos en equipo, meditación…
Para a semana contámosvos máis!
SAMAÍN NO CUNTILÍN
Xa está aquí unha das festas que máis lle gusta ós nenos e nenas: O Samaín. Os días previos realizamos varios obradoiros para decorar as instalacións; elaboramos cabazas, pantasmas, demos, bruxas, monstros, gatos negros, morcegos, arañas, etc. para adornar a parede, a porta e as ventás. O venres celebrámolo cun desfile de disfraces, un taller de máscaras, música e xogos terroríficos.
Por outro lado, estivemos realizando actividades relacionadas coa programación, neste caso sobre Pontedeume. Despois de coñecer cousas interesantes deste pobo como a súa historia e lendas, realizamos actividades sobre el. Construímos a ponte, o torreon e a muralla; tivemos un concurso de froitas (moi típico de Pontedeume), etc.
En canto a Igualdade falamos de Lella Lombardi, primeira muller piloto de Fórmula 1. Despois abrimos un debate sobre se lle parece xusto ou non as trabas que tivo por ser muller. A continuación metémonos no papel dela facendo carreiras con coches de xoguete.
Ata a semana!
RECREAMOS O GLOBO DE BETANZOS
Esta semana no Cuntilín centrámosnos nun pobo que nos pareceu moi interesante; unha das cousas que máis lles chamou a atención del -ós nenos e nenas- foi o famoso globo que elaboran e botan ao aire todos os anos a noite do 16 ó 17 de agosto. Nós, para non ser menos, tamén creamos un e decorámolo con debuxos divertidos; ao rematar botámolo ó aire.
Viaxamos mediante imaxes ó “parque do pasatempo” un lugar con moita beleza, con estanques, un auditorio ó aire libre… e unha zona infantil de xogos como: o labirinto, un parque, etc. De seguida entretivémosnos resolvendo algúns pasatempos, pero en papel: as diferenzas, o labirinto, sudokus, etc.
Coñecemos a “lenda das cen doncelas” (lenda de Betanzos) e fixemos unha adaptación para a posta en escena, con caracterización incluida.
Outra actividade a destacar que lle gustou a todos e todas foi unha perfomance sobre iguadade, onde mesturamos diferentes artes: pintura, baile, etc. e que quedou moi ben.
Para rematar, o venres achegámosnos á biblioteca municipal para desfrutar das aventuras da Lúa, no último Contacontos desta volta: Contos da Lúa.
COÑECEMOS FISTERRA
Como xa vos adiantamos na anterior noticia, este curso -no Cuntilín- imos a indagar en diferentes pobos de Galicia. Esta semana eliximos Fisterra, contamos as súas lendas, a súa historia… e algunhas das curiosidades deste pobo. Tamén falamos de Alexandre de Fisterra, poeta, inventor e editor, nacido alí e que inventou xogos tan coñecidos polos nenos e nenas como son: o futbolín e o fundir a flota. Os obradoiros destacables desta semana foron: os faros e unha árbore que elaboraron estampando follas (collidas no patio) e pintadas con témperas.
Por outro lado, conmemoramos o “Día Internacional das mulleres rurais” (15 de outubro), lembrando a importancia que tiveron estas na sociedade dende sempre, e recoñecendo o seu papel decisivo na erradicación da pobreza. Falamos das que coñecemos nós: avoas, nais, tías…
Tivemos a segunda saída ó Contacontos na Biblioteca Municipal para ver: “O arquivo do Chibo” (contos de Pablísimo), onde o pasamos xenial coa posta en escena e coas diferentes historias contadas, que xiran en torno o conto coñecido: “Os sete cabuxos e o lobo”.
Para a semana contámosvos máis!
COMEZA UN NOVO CURSO
Xa fai unhas semaniñas que empezou o novo curso e con el unha nova etapa do Cuntilín. Despois do verán volvemos con moitas ganas, e os primeiros días adicámosnos a xogos de presentación para coñecernos, posto que (aínda que a maioría xa participaron neste programa os anos anteriores) sempre hai nenos e nenas que se incorporan por primeira vez.
Tamén comezamos coa nova programación deste curso, que leva o nome de: “Galicia máxica”. Dentro dela viaxaremos por diferentes lugares da nosa Comunidade Autónoma con historia e lendas moi interesantes. O punto de partida foi A Coruña (cidade) e centrámonos na Torre de Hércules, María Pita, en lendas da Coruña, etc.
Outras actividades especiais que fixemos foron: o mural de outono, un xogo de pistas polo patio e varios xogos e obradoiros (bolboretas, polbos)… Todo isto sen olvidar as tarefas do colexio.
Rematamos esta semana desfrutando do contacontos: “O ladrón de paraugas” de Fran Campos e “Bandullo Azul”, na Biblioteca Municipal de Cuntis.
Seguirémosvos informando semanalmente de todo o que facemos.
Ata a próxima!