CREAMOS UN REFRANEIRO… PARA NON PERDER A MEMORIA!

Nos talleres de memoria de Valga, durante estes meses, estivemos elaborando un refraneiro. Utilizando diversos materiais, creamos o noso propio libro, que “cosemos” á man con lá, decorámolo e enchémolo de refráns que fomos recordando e recollendo, co fin de que podan perdurar no tempo e ensinarllos ás novas xeracións.

Ademais disto, traballamos en matemáticas a través de exercicios de cálculo mental e problemas da vida cotiá, e tamén abordamos as letras mediante fichas e xogos como o “titifruti”, no que practicamos a axilidade mental, vocabulario e ortografía, mentres desfrutamos de momentos agradables de risas.

TALLER DE ESTIMULACIÓN COGNITIVA A DOMICILIO NO CONCELLO DE FRADES

Remata unha nova edición do taller de estimulación cognitiva destinado a persoas con deterioro cognitivo leve ou moderado do concello de Frades. Este programa, desenvolvido nos propios domicilios, ofreceu intervencións individuais e personalizadas, adaptadas ás necesidades específicas de cada participante. Durante as sesións traballáronse unha ampla variedade de habilidades cognitivas como a memoria, as funcións executivas, a linguaxe, o razoamento lóxico, a atención e a visoconstrucción, entre outras, co obxectivo de manter e potenciar as capacidades mentais o maior tempo posible. Agradecemos a participación e colaboración das familias. Desexámoslle a todas un feliz verán e reafirmamos o noso compromiso co benestar e a saúde cognitiva para o vindeiro curso.

NOS TALLERES DE MEMORIA DE DODRO HAI TEMPO PARA TODO

Ao longo do mes de maio, nos distintos talleres de memoria do Concello de Dodro, leváronse a cabo diversas actividades orientadas á estimulación cognitiva integral, combinando exercicios de lóxica, linguaxe, atención, cálculo e orientación espacial, e coma sempre, priorizando que se estes talleres se convirtan nun ambiente distendido, participativo e adaptado ao ritmo de cada persoa participante.

Durante as sesións deste último mes actividades moi diversas buscando así fomentar cada unha das áreas a traballar. Lectura de textos clásicos, acitvidade coa que por unha banda, traballamos a comprensión lectora e a atención mediante preguntas específicas, e por outra, realizamos exercicios de discriminación visual de letras concretas dentro do texto. Busca de diferencias, centrando a atención nos pequenos detalles visuais que as diferencian, busca de parellas de figuras, letras ou números activan a memoria visual e a capacidade de asociación, e traballando tamén deste xeito a capacidade de concentración dos nosos e das nosas participantes.

Exercicios diversos de linguaxe como o completado de analoxías, como buscar palabras que só conteñan determinadas letras ou combinacións concretas (por exemplo, a vogal “a” ou que rematen por “-al”) ou a transformación de palabras, modificando a orde das letras para formar novos termos axúdannos a manter activo o razoamento verbal, favorecer a fluidez verbal e a creatividade léxica, memoria léxica e flexibilidade mental.

E como non todo vai ser letras, tamén traballamos cos números con exercicios de clasificación de números segundo distintas condicións: pares ou impares, superiores ou inferiores a un valor determinado, múltiplos, etc., resolvemos operacións numéricas substituíndo figuras por valores asignados e completando sumas e restas segundo esa equivalencia, pirámides numéricas, nas que se debía calcular os valores intermedios a partir de sumas en distintas direccións, reforzando o cálculo mental e a lóxica e fortalecendo o cálculo e a capacidade de categorización.

Exercicios espaciais tipo “Tetris” ou “Tangram”, nos que se tiñan que encaixar pezas ou formas en espazos delimitados, completar o debuxo de forma simétrica, debuxar seguindo os puntos ou replicar o debuxo na cuadrícula valeira, estimulan a visión espacial e a planificación.

Adiviñanzas, refráns e xogos verbais, como palabras encadeadas ou a maleta viaxeira, como actividades lúdicas que fomentan o pensamento lateral e a activación da memoria semántica, e xogos tradicionais, como a escoba, a belisca ou o bingo, que ademais de entreter, traballan o cálculo, a atención sostida e a memoria operativa, completaron un mes cheo de traballo, entretemento e bos momentos nos talleres de memoria de Dodro.

UN ESPAZO ONDE A MEMORIA FLORECE

Durante este mes de maio, no taller de memoria de Porta do Camiño seguimos desenvolvendo sesións nas que o obxectivo principal é manter o enxeño, a memoria e a atención ben activas, a través de actividades variadas que estimulan as diferentes capacidades mentais nun ambiente acolledor e motivador.

Traballamos con textos tradicionais e fragmentos literarios que serven como base para facer preguntas de comprensión, localizar letras concretas ou identificar información específica. Este tipo de exercicios axuda a reforzar tanto a atención como a discriminación visual.

Tamén fixemos propostas visuais como a discriminación de figuras semellantes, a localización de parellas de letras ou números, ou o encaixe de pezas tipo Tetris, que poñen a proba a observación, a percepción espacial e a memoria visual.

Na área do cálculo e do razoamento, realizamos pirámides de números, sumas con figuras substituídas por valores e actividades para clasificar números segundo distintos criterios, favorecendo así o pensamento lóxico e o cálculo mental.

Dentro do traballo lingüístico, fixemos exercicios de formación de palabras con determinadas condicións (como que só conteñan unha vogal específica), xogamos a transformar palabras usando as mesmas letras e unimos números e letras para formar termos compostos, estimulando o vocabulario e a fluidez verbal.

Non faltaron os xogos de atención e axilidade mental, como buscar diferencias, identificar elementos repetidos ou realizar asociacións rápidas. Ademais, dedicamos espazos ao xogo lúdico e tradicional, con partidas de bingo, memory, o uno, o jenga, que tan boa acollida teñen entre os participantes.

Como sempre, as sesións completáronse con momentos de conversa relaxada e espontánea, onde compartimos lembranzas, experiencias e risas que forman parte fundamental deste espazo, onde o que se exercita non é só o cerebro, senón tamén o benestar emocional.

CONTINUAMOS FACENDO TRABALLAR AS CABECIÑAS EN PONTECESURES

Neste último mes, non deixamos de traballar nos grupos de Memoria e Estimulación cognitiva de Pontecesures. Un espazo no que tentamos crear un ambiente distendido, de socialización e traballo, no que os nosos e as nosas participantes pasen un momento agradable, entretido e relaxado ao mesmo tempo que traballamos e estimulamos a mente.

Entre risas, anécdotas e ganas de superación vamos traballando distintas habilidades como poden ser a linguaxe, o cálculo e  destreza visual, ademais tamén traballamos a paciencia e a concentración.

Busca de palabras que comecen ou rematen por determinadas letras, relacionar conceptos entre unha selección de palabras, cálculo mental con cifras de diñeiro, quebracabezas numéricos, ordenar sílabas para formar palabras e buscar a sílaba que falta, son exercicios que permiten unha adaptación ás necesidades dos e das participantes, aumentar ou diminuír a dificultade segundo sexa preciso e deste xeito motivalos e que busquen unha superación continúa, sentido a satisfacción de lograr os obxectivos establecidos.

Ademais son exercicios que presentan a vantaxe que se poden realizar en calquera lugar e sen necesidade de material, polo que, en palabras dos nosos e das nosas valentes, de repente atópanse agardando a súa quenda no médico, ou na cama antes de quedarse a durmir, ou mesmo en momentos que se aburren nas súas casas, facendo estes exercicios pola súa conta. Traballan durante o tempo dos talleres e seguen traballando despois.

Como non todo vai ser traballar, tamén tivemos tempo para levar a cabo algún xogo, a baralla sempre gusta, pero aquí en Pontecesures prefiren xogos como as palabras encadeadas, a maleta viaxeira ou o bingo. Xogos cos que mentres pasamos un tempo divertido, distendido e con maior participación entre os e as asistentes, tamén traballamos a memoria inmediata pois teñen que recordar as palabras que xa se dixeron ao mesmo tempo que seguimos traballando a linguaxe e, por suposto, a concentración.

ADAPTÁNDOSE A CADA UN

A ximnasia adaptada é unha modalidade de exercicio físico deseñada para persoas con mobilidade reducida ou condicións físicas específicas. A través de movementos e rutinas personalizadas,  traballamos a flexibilidade, o equilibrio, a forza e a coordinación, sempre respectando as limitacións e necesidades de cada persoa. Con esta disciplina buscamos mellorar a calidade de vida, previr complicacións derivadas de enfermidades ou lesións, e fomentar a autonomía e benestar físico, adaptándonos aos ritmos e capacidades de cada persoa.

XIMNASIA DE MANTEMENTO PARA COIDARSE

A ximnasia de mantemento é unha actividade física deseñada para mellorar a saúde xeral, manter a mobilidade e previr problemas musculares e articulares. Nestas clases enfocámonos en traballar todos os músculos mediante exercicios suaves que traballan a flexibilidade, o equilibrio, a forza e a resistencia, adaptados ás necesidades e capacidades de cada persoa. É ideal para persoas de todas as idades, especialmente para quen busca manterse activos sen realizar esforzos excesivos, e é unha excelente opción para mellorar a calidade de vida e previr enfermidades relacionadas co sedentarismo.

FORTALECENDO A MEMORIA

Dende hai varios meses o concello de Valga leva a cabo un curso de memoria para maiores. Durante este tempo, realizamos exercicios destinados a fortalecer a nosa memoria a través de diversas actividades, entre elas matemáticas, comprensión lectora, escritura e sopas de letras, entre outras. Ademais, nos obradoiros participamos en xogos variados, que van desde xogos de mesa como dominó e cartas ata actividades como “Pasapalabra”, historias tolas, «dúas verdades e unha mentira», tutti frutti, etc. Sempre nos divertimos moito xogando, xa que o goce é fundamental para mellorar a memoria.

PENSAR, LEMBRAR E COMPARTIR: ASÍ SON OS NOSOS TALLERES

No taller de memoria que se leva a cabo no Concello de Dodro continuamos cada semana ofrecendo espazos de participación, aprendizaxe e benestar no que as persoas maiores exercitan as súas capacidades mentais de maneira activa, amena e adaptada ao grupo.

A través de propostas variadas e enfocadas ao adestramento cognitivo, traballamos áreas como a memoria, a linguaxe, a atención, o cálculo e a lóxica. Nestes encontros empregamos xogos de mesa clásicos como a escoba ou a belisca, nos que se combina a diversión coa práctica do cálculo mental, a estratexia e a memoria operativa. Así mesmo, realizamos actividades visuais para identificar obxectos iguais ou elementos repetidos, estimulando a axilidade visual e a capacidade de discriminación.

Tamén desenvolvemos exercicios orientados ao campo lingüístico, como buscar palabras que comezan ou rematan por determinadas letras, potenciar vocabulario e clasificar termos segundo distintas categorías (por exemplo, froitas, ferramentas ou animais), reforzando a organización semántica e a evocación verbal. Dentro deste mesmo ámbito, xogamos a pensar palabras que encaixan dentro dunha categoría específica, traballando así o acceso léxico e a fluidez mental.

Outras tarefas que realizamos son sopas de números, busca de diferenzas, ou actividades para localizar imaxes ou palabras repetidas, ideais para mellorar a concentración, a atención sostida e a memoria visual. Tamén propoñemos exercicios máis funcionais, como os que empregan moedas e billetes, para reforzar o cálculo mental e manter familiaridade con elementos do uso diario.

De xeito oral e nun ambiente máis distendido, traballamos habilidades lingüísticas, memoria e rapidez mental con xogos como as palabras encadeadas ou a maleta viaxeira, nos que a creatividade, o humor e a atención xogan un papel protagonista.

Por suposto, tamén reservamos tempo para momentos de conversa compartida, nos que afloran anécdotas, lembranzas e costumes dos tempos pasados, facendo do taller un espazo emocionalmente enriquecedor no que, ademais de traballar a mente, reforzamos vínculos, autoestima e memoria afectiva.

Cada sesión é unha oportunidade para seguir aprendendo, manterse activos e demostrar que, a calquera idade, a mente pode seguir creando, evocando e gozando do presente.

A MEMORIA TAMÉN SE ADESTRA!

No taller de memoria que desenvolvemos semanalmente no Centro Sociocultural de Porta do Camiño en Santiago de Compostela, volvemos con enerxía e entusiasmo tras o descanso das vacacións de Semana Santa. Retomamos as sesións co obxectivo de seguir estimulando as capacidades cognitivas das persoas participantes a través dun amplo abanico de actividades que combinan exercicio mental, socialización e aprendizaxe continua.

Durante estas semanas estivemos realizando propostas que nos axudan a manter a mente activa dun xeito dinámico e entretido. Traballamos exercicios que requiren identificar e contabilizar elementos dentro de imaxes complexas, buscar secuencias numéricas que reforzan a atención e o razoamento lóxico, ou asociar adxectivos con substantivos, activando o vocabulario e a memoria semántica. Tamén nos centramos na memoria visual, reproducindo mentalmente formas, cores ou disposicións, e fixemos tarefas que consisten en buscar diferenzas entre ilustracións semellantes, o que require concentración, observación e detalle.

Outro tipo de exercicios consistiu en atopar palabras agochadas ou completar textos que estaban parcialmente incompletos, propoñendo así pequenos retos lingüísticos que traballan a comprensión lectora, a creatividade e a agilidade mental. Todo isto complétase con momentos máis lúdicos, nos que compartimos partidas de xogos como o memory, xogos de cartas tradicionais e palabras encadeadas, xerando un ambiente participativo e distendido onde o sorriso e a complicidade están sempre presentes.

A través destas actividades, non só se traballan aspectos cognitivos como a atención, a linguaxe, o cálculo ou a memoria a curto e longo prazo, senón que se potencia tamén a autoestima, o benestar emocional e o sentimento de pertenza a un grupo. Este taller convértese cada semana nun espazo de crecemento persoal, de aprendizaxe mutua e de envellecemento activo e saudable.

Seguimos adiante con moitas ganas de continuar aprendendo, compartindo e demostrando que manter a mente en forma tamén é unha forma de vivir mellor.