Madrugadorxs Dodro
DIVERSIÓN, XOGOS E MAXIA EN DODRO!
Como ben sabedes, a semana pasada acompañáronnos Ana e Alexandra, que estiveron facendo prácticas como monitoras de tempo libre. Para que se sentiran como na casa, ensinámoslles algúns dos nosos xogos favoritos: o «pilla estatua», «os oviños da dinosauria» e moitos máis.
O bo tempo animounos a saír ao patio, onde gozamos facendo pompas de xabón. E non só xogamos: tamén fixemos actividades creativas! Alexandra trouxonos unha proposta moi entretida: pintar con rotuladores sobre papel de aluminio e transferir esas cores ao noso debuxo. Ademais, sorprendeunos cun papel máxico que, ao raialo cun pauciño de madeira, revelaba cores agochadas.
Como sempre, tamén dedicamos un tempiño á lectura tranquila, que nos encanta.
Esta nova semana comezámola con moitas ganas, porque imos traballar un tema moi especial: a diversidade. Seguiremos xogando, aprendendo e medrando xuntas e xuntos!
SEMANA CHEA DE XOGO, RECICLAXE E CREATIVIDADE NO SERVIZO DE MADRUGADORES DE DODRO
Esta semana no Servizo de Madrugadores de Dodro gozamos dunha programación chea de movemento, aprendizaxe e creatividade! Comezamos cada mañá con moita enerxía a través de xogos dinámicos como a silla musical, o «baile a lo loco», o zapatito inglés ou o fundir a flota, que fixeron as delicias das pequenas e pequenos participantes.
Aproveitando que o 5 de xuño se celebra o Día do Medio Ambiente, traballamos tamén arredor da importancia da reciclaxe. Fixemos xogos interactivos cos distintos logos de reciclaxe e celebramos unha asemblea na que cada participante puido propoñer xogos que lle gustan para, nas vindeiras semanas, recrear algúns deles con material de refugallo. Un xeito estupendo de coidar o planeta mentres xogamos e aprendemos.
Tamén lle demos a benvida á nova monitora en prácticas, Ana, que nos acompañará durante unha semana. A través dun xogo de presentación, explicámoslle como funciona o noso espazo, a nosa rutina e o que máis nos gusta facer cada día.
Como sempre, reservamos un momento para dar renda solta á imaxinación e ás manualidades, poñendo en valor a expresión artística e o traballo coas mans, parte esencial do noso día a día.
En Madrugadores Dodro seguimos a construír cada mañá un espazo de convivencia, aprendizaxe e diversión.
SOL, MANUALIDADES E MOITO XOGO NO SERVIZO DE MADRUGADORES DE DODRO!
Esta semana no Servizo de Madrugadores de Dodro desfrutamos dun tempo estupendo, con moito sol e calorciño. E como xa se vai notando que o verán está á volta da esquina, puxémonos mans á obra para prepararnos!
Comezamos a semana cunha divertida manualidade: creamos un polbo molón usando vasos de plástico, cortes creativos, ollos adhesivos e, por suposto, moita imaxinación e ganas de pasalo ben. Quedaron verdadeiramente simpáticos!
Pero iso non foi todo no eido das manualidades: tamén fixemos uns xeadiños ben coloridos con cartolina e papel, que decoramos con toppings imaxinarios e moito arte. ¡Unha explosión de creatividade e verán!
E para refrescarnos de verdade, celebramos un taller de cociña, onde elaboramos uns riquísimos xeados de ColaCao.
O bo tempo tamén nos animou a pasar máis tempo ao aire libre, así que aproveitamos para saír ao patio, onde xogamos ao pilla-pilla, gozamos no tobogán e correteamos sen parar. A enerxía e as risas foron as protagonistas destes días!
Rematamos a semana con moitas ganas de seguir creando, xogando e desfrutando do bo tempo que nos agarda.
SEMANA DE MOVEMENTO E DIVERSIÓN
Despois dunha semana chea de emocións e preparativos para o Día das Letras Galegas e o Día da Familia, esta semana en Madrugadores Dodro centrámonos no movemento e na diversión. As nenas e nenos gozaron de xogos activos como o zapatillo inglés ou as estatuas musicais, ideais para espertar o corpo e comezar o día con enerxía.
Tamén realizamos un taller de ioga e outro de baile guiado, dúas actividades que nos encantan porque nos axudan a conectar co noso corpo e co ritmo desde as primeiras horas da mañá.
E, como sempre, reservamos un tempiño especial para a lectura, un hábito que cultivamos con moito agarimo. Ler en calma é para nós unha forma perfecta de rematar a mañá antes de comezar o cole.
DODRO CELEBRA EN MADRUGADORES O AMOR EN FAMILIA E A NOSA LINGUA
Esta semana en Madrugadores estivemos mergullados en dúas celebracións moi especiais: o Día da Familia e o Día das Letras Galegas.
Para conmemorar o Día da Familia, estivemos rematando un detalle moi especial: un colgador decorativo feito por nós. Empregamos cerámica para crear a silueta dunha casiña acompañada de corazóns de diferentes tamaños, utilizando moldes de galletas para darlle forma. Unha vez secos, pintámolos con moito agarimo, engadimos unha pegatina conmemorativa e, coa axuda da monitora, colocamos os cordóns para montar o noso colgador. Agardamos que fose do voso agrado, familias.
O venres, para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras, puxémonos moi creativos facendo pandeiretas con pratos de cartón e cascabeis. Unha vez rematadas, acompañámolas con música tradicional galega: cantamos, bailamos e pasámolo en grande!
Foi unha semana chea de creatividade, tradición e moito corazón
A CREATIVIDADE DE DODRO VOA NAS SÚAS COMETAS CHEAS DE COR
Esta semana, o grupo que participa no servizo de madrugadores volveu amosar todo o seu enxeño e creatividade cunha entretida actividade de manualidades. A proposta foi crear cometas empregando materiais reciclados, fomentando así unha aprendizaxe lúdica e comprometida co coidado do medio ambiente.
Para dar forma ás cometas, reutilizáronse anacos de folios de cores sobrantes doutras actividades, que se pegaron sobre unha base en forma de rombo. Como toque final, engadíronse ollos adhesivos, un limpa-pipas para facer a boca e a tradicional cola que completa o deseño.
Ademais, esta semana tivemos unha visita moi especial: Alán sumouse á actividade con moita ilusión. Deseñamos con el a súa propia cometa e desfrutamos compartindo un tempo de xogo e convivencia.
E isto non é todo… Xa estamos traballando na preparación dunha celebración moi especial: o Día da Familia. Ao mesmo tempo, o grupo está mergullado na conmemoración da Semana das Letras Galegas. Pero para saber exactamente o que se está argallando… haberá que agardar á próxima semana!
CREATIVIDADE E VALORES EN DODRO: UNHA SEMANA CURTA, PERO INTENSA!
A pesar de que esta semana foi máis curta polo apagón e polo festivo do 1 de maio (Día das Traballadoras e dos Traballadores), en Madrugadores soubemos sacarlle o mellor partido.
Con moita ilusión, aproveitamos para preparar un agasallo moi especial polo Día da Nai: un maceteiro decorado cunha flor de papel feita polas nenas e nenos. Puxeron todo o seu agarimo e creatividade para que as súas nais teñan un detalle único e feito con moito amor.
Tamén quixemos conmemorar o Día Internacional contra o Acoso Escolar, que se celebra o 2 de maio. Para iso, lemos o conto “Nos tratamos bien” e fixemos unha asemblea onde reflexionamos sobre a importancia de tratarnos con respecto, coidarnos entre nós e fomentar un ambiente no que todas e todos nos sintamos seguros e valorados.
Porque en Madrugadores tamén educamos en valores!
AVENTURAS DE PASCUA E CREATIVIDADE EN DODRO!
O pasado venres, antes de comezar as vacacións de Semana Santa, tivemos unha visita moi especial na aula do Servizo de Madrugadores: o Coello de Pascua! Achegouse para sorprendernos e facer que a mañá fose aínda máis divertida, agochando ovos de Pascua de chocolate por toda a aula. As nenas e nenos gozaron dunha emocionante busca que encheu de ilusión e doces sorrisos a xornada.
Á volta das vacacións, e xa de novo na rutina, puxémonos mans á obra coa celebración do Día do Libro, que se conmemora o 23 de abril. As nosas nenas traballaron con moita ilusión nunha manualidade moi especial: a creación dun libro cos seus debuxos. Un proxecto no que cada páxina reflicte a súa imaxinación e creatividade.
E como non paramos nunca, esta semana tamén comezamos a preparar con moito agarimo un agasallo moi especial para unha data próxima e moi importante… pero iso é unha sorpresa que desvelaremos moi pronto!
ÚLTIMA SEMANA ANTES DAS VACACIÓNS DE SEMANA SANTA EN MADRUGADORES DODRO
Chegamos á última semana antes dunhas máis que merecidas vacacións de Semana Santa, e en Madrugadores Dodro xa sentimos a ilusión no aire. Temos moitas ganas de que cheguen para poder desfrutar da Pascua no noso concello veciño: Padrón.
Con esta motivación, seguimos coas nosas actividades creativas e nesta ocasión fixemos un poliño saíndo dun ovo de Pascua. Ademais, engadímoslle un pau de médico para convertelo nunha divertida marioneta!
Pero non todo é traballo manual… tamén seguimos movendo o corpo con xogos de movemento como as estatuas musicais ou «encesta a pelota», actividades coas que gozamos moito.
E, con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, dedicamos o noso momento de lectura ao conto “O meu irmán Luca”, unha fermosa historia que nos axudou a comprender mellor o autismo e a importancia da empatía e o respecto pola diversidade.
Seguimos enchendo as mañás de enerxía, creatividade e ilusión!
SEMANA CHEA DE ENERXÍA EN MADRUGADORES!
A primavera xa está aquí e a Pascua achégase, polo que en Madrugadores quixemos darlle a benvida dunha maneira moi especial. Durante esta semana, as nosas nenas e nenos desfrutaron de diversas actividades que fomentaron tanto a creatividade como a motricidade fina e grosa.
Para traballar a precisión e a coordinación, elaboramos un ovo de Pascua conectando unha serie de puntos, unha actividade que, ademais de ser divertida, axudou a mellorar a motricidade fina das pequenas e pequenos.
O bo tempo acompañounos, e a presenza do sol encheunos de enerxía, polo que aproveitamos para realizar xogos que puxeron os nosos corpos en movemento. Entre todos, o máis aclamado foi «Pelota ao aro», un entretido reto no que, lanzando a pelota coma se fose un xogo de bolos, debían conseguir que a bola quedase dentro do aro.
Foi unha semana chea de diversión, aprendizaxe e movemento! Estamos desexando seguir descubrindo e xogando máis a próxima semana.
Un saúdo familias!
COMEZA A PRIMAVERA NO SERVIZO DE MADRUGADORES DE DODRO
Aínda que o tempo non o reflicta de todo, a primavera xa chegou ao Servizo de Madrugadores de Dodro. Con enerxía e ilusión, seguimos enchendo as nosas mañás de actividades que fomentan a aprendizaxe, a creatividade e o benestar.
O 21 de marzo celebramos o Día Mundial da Síndrome de Down, unha data especial para lembrar a importancia da inclusión e do respecto pola diversidade. Para conmemorar este día, sumámonos ao xesto dos calcetíns desaparellados, un símbolo de que todos somos diferentes, pero igual de valiosos. Ademais, fixemos unha manualidade especial sobre os calcetíns desaparellados como mostra de apoio e concienciación.
Continuamos tamén coas nosas sesións de ioga, unha actividade que nos axuda a comezar a xornada con calma e equilibrio. E, por suposto, seguimos apostando pola potenciación da lectura, unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento dos máis pequenos.
Así avanzamos nesta primavera, aínda que o clima aínda teña dúbidas. ¡Nós seguimos desfrutando cada mañá con alegría e aprendizaxe!
APRENDEMOS CORES EN INGLÉS XOGANDO CON MÚSICA E DESENVOLVENDO A NOSA CREATIVIDADE.
A Semana Pasada no programa de Madrugadores Dodro divertímonos aprendendo as cores en Inglés dunha forma moi especial: a través de xogos e música!
Cada mañá, os nenos e nenas participaron en actividades dinámicas onde bailamos, cantamos e xogamos, reforzando así os distintos cores de maneira divertida e educativa. Desde cancións interactivas ata xogos de movemento, cada actividade axudounos a aprender sen darnos conta.
Ademais, púxemos a proba a nosa creatividade preparando un regalo moi especial para o Día do Pai. Con moita ilusión casa neno e nena deseñou deixando voar a súa imaxinación.
Foi unha semana chea de ritmo, aprendizaxe e creatividade. Estamos desexando seguir explorando novas formas de aprender xogando!
Ata a semana familias.
COLORES, MÚSICA E IGUALDADE
O venres previo as vacacións de Entroido, nos Madrugadores de Dodro enchemos a aula de alegría e cor. As nenas por fin puideron desfrutar do seu traxe feito a man de pallaso e por suposto fixemos un desfile no cal mostramos o noso entusiasmo e creatividade. Ademais a música de entroido acompañounos durante a xornada, convertendo o ambiente nunha festa chea de ritmo e diversión.
A volta destes días de descanso, aínda que dó tivemos dous días, dedicámolos a traballar un tema moi importante: O Día Internacional da Muller, celebrado o pasado 8 de Marzo. Para conmemorar este data. realizamos diferentes actividades enfocadas na igualdade de xénero. Entre elas, visualizamos contos que promovían valores de equidade, levamos a cabo un xogo de rol sobre os roles de xénero e terminamos a xornada bailando a ritmo da canción «Lo que es nuestro» de Natalia Gil, que nos inspira a reflexionar sobre a importancia da igualdade.
Estas actividades permítenos non solo divertirnos, senón tamén aprender e reflexionar sobre temas fundamentais.
Seguimos crecendo xuntos Madrugadores de Dodro!
ENTRE VERSOS E COLORES VIVIMOS EN MADRUGADORES
A semana pasada, en Madrugadores Dodro,, estivemos traballando con moita ilusión na elaboración do noso traxe de entroido. Cada día estamos máis cerca de velo terminado e encántanos como está quedando!
Ademais, o pasado 24 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro. Para render homenaxe, realizamos unha bonita manualidade inspirada no seu poema “Miña casa, meu lar”, creando a nosa propia casiña en honor os seus versos cheos de sentimento.
Por outro lado, desde o CRA de Dodro-Padrón enviáronnos unhas indicacións de como debemos vir vestidos esta semana para ir entrando no ambiente do entroido. Por suposto desde o Servicio de Madrugadores, sumámonos con moito entusiasmo a esta proposta, desfrutando cada día da maxia e a alegría de estas datas tan especiais.
Seguimos con ganas e ilusión neste mes tan festivo familias!
CREATIVIDADE, MOVEMENTO E SORRISOS SEN FIN EN DODRO
Boas familias,
A semana pasada, como xa adiantamos, no servicio de madrugadores realizamos unha actividade especial para celebrar o amor e a amizade. As nenas prepararon con moita ilusión un detalle de San Valentín para regalar a persoa que elas elixiran como mostra de cariño. O venres, leváronse para a casa a súa creación para entregala. Espero que fose un momento bonito para todos!
Ademais, continuamos coas nosas actividades de Entroido. Esta semana realizamos a primeira manualidade relacionada co noso disfrace. Non queremos desvelar aínda de que se trata, pero deixamos unha pista: está cheo de cor, alegría e un gran sorriso non pode faltar. Imaxinádesvos que pode ser?
Por outro lado, seguimos dedicando tempo a lectura, fomentando o gusto polos contos e as historias. Tamén continuamos cos xogos de movemento que tanto nos gustan. Para facelo máis divertido incorporamos avións de papel que elas mesmas crearon.
Seguiremos compartido os nosos avances!
Un saúdo!
ENTRE CORAZÓNS E DISFRACES: ASÍ VIVIMOS AS MAÑÁS EN DODRO
En madrugadores Dodro, como xa sabedes cada mañá é unha oportunidade para aprender, crear e desfrutar. Con motivo de San Valentín, as nenas están elaborando un regalo especial para sorprender a quen elas desexen, expresando a súa creatividade.
Pero nestes días, tamén seguimos pensando nos carnavais. Ademais dos regalos xa estamos traballando para encher a aula coa espírito do carnaval coas nosas decoracións.
Por suposto, seguimos coas nosas rutinas habituais, na que os as pequenas desfrutan de xogos de movemento, baile, lectura de contos e moitas actividades que fan de cada mañá un momento especial antes de comezar a xornada escolar
A próxima semana seguiremos compartindo momentos especiais e desfrutando xutos familias.
BENVIDO FEBREIRO!
Boas familias, está semana puxémoslle fin o mes de Xaneiro, e como sabedes o día 30 foi o Dia da Paz Escolar, por iso en madrugadores Dodro decidimos elaborar unha pombas como símbolo, e falamos sobre o importante da empatía e a non violencia.
Por suposto, tamén rematamos o gorro e as manoplas e colocámolas na nosa porta como decoración. Ademais, para celebrar o Día da Candelaria, fíxemos uns paxaros coa técnica de Origami
E como sempre houbo tempo para a lectura, e nesta semana coñecemos “El Lobezno Perdido” e “Respira”
Xa comezou febreiro, polo tanto nos xa nos imos empezar a preparar para o entroido.
CHEGOU O FRÍO A DODRO!
Boas familias, como sabedes a semana pasada fixo moito frío e a pesar de que na aula de madrugadores estamos moi a gusto, puxémonos man a obra e creamos uns gorros e unha manoplas para o frío que pronto decorarán a nosa porta.
Ademais, tivemos tempo como sempre para ler, divertinos e desenvolver a nosa creatividade a través de xogos de construción e movemos o corpo con moito baile.
Saúdos familias!
VOLTA A ESCOLA!
Unha vez deixado atrás o Nadal , en madrugadores de Dodro retomamos a rutina pero antes as nosas nenas quixeron contarnos os agasallos que o Apalpador e os Reis Magos deixaron nas súas casas, como xa sabíamos, comprobamos que se portaron moi ben xa que viñeron cheos de agasallos.
Aínda que a semana foi curta comezamos a elaborar unha manualidade sobre a estación do Inverno. Utilizamos paus de madeira para unha vez pintados crear copos de neve. Xa veredes o resultado final.
Pronto novas noticias! Un saúdo familias!
O NADAL PETA A PORTA EN DODRO!
Última semana antes das vacación de Nadal, pero en Dodro temos moita enerxía, esta semana rematamos as árbores que comezamos a semana pasada. Ademais con respecto o Nadal coñecemos a historia do Grinch a través dun corto. E por suposto puxémoslle música as nosas mañás con diferentes vilanciños.
Como ben notamos todos o frío chegou con moitas ganas e para quentar o corpo fixemos un circuíto onde trepamos, saltamos e incluso bailamos.
Por suposto, esta semana houbo tempo para a lectura.
Felices festas familias, vémonos a volta!
CHEGOU O NADAL A DODRO
Despois desta ponte, en madrugadores Dodro chegou oficialmente o Nadal, e como sinal disto as nosas nenas comezaron a elaborar unha fermosa árbore de Nadal. Para iso utilizamos lazos de pasta que pintamos de cor verde introducíndoas nun pequeno recipiente e dándolle movemento. Logo disto, unha vez secas imos pégalas nunha árbores que antes pintamos e por último colocaremos as súas bolas que para iso empregaremos pequenos pompóns de diferentes cores.
Ademais, como sempre en madrugadores dámoslle moita importancia a lectura e por iso mergullarémonos na historia do Nadal a través de diferentes contos. E por suposto sempre queda tempo para activar o corpo e a mente xogando a diferentes xogos como: memory, pilla-pilla, baile, etc.
Unha vez deixado atrás o Samaín, en madrugadores de Dodro xa nos estamos poñendo as pilas para prepararnos para empezar a decorar a aula de madrugadores con adornos de nadal.
Pero antes, esta semana aproveitamos para facer xogo libre, experimentamos a facer trazos co pincel simulando a un ourizo, desfrutamos de distintas historias a través dos contos e por suposto seguimos aprendendo día a día.
Debido a que hoxe o CRA de Dodro-Padrón celebraba o magosto, aprendemos sobre el.
Pronto novas noticias! Un saúdo familias!
BENVIDO NOVEMBRO
O pasado día 30 chegou o momento que tanto ansiabamos, por fin que chegou o Samaín. Como non en madrugadores Dodro tamén o celebramos, os nenos e nenas sorprendéronnos cos seus terroríficos e marabillosos disfraces. Por suposto o ambiente tamén estaba listo para ese día, xa que como vos fomos dicindo creamos distintas decoracións. Por suposto para celebralo houbo moito baile e diversión.
Despois da gran festa, os días de descanso viñeron moi ben. E cheos de enerxía activamos o corpo cun circuíto de psicomotricidade onde as crianzas reptaron, saltaron e o máis importante desfrutaron.
Listos para as aventuras deste mes!
SEMANA DE PREPARATIVOS E AVENTURAS…
O mes de outubro está a punto de rematar, e para celebrar o Samaín o día 30 queremos ter a nosa aula ambientada nunha tenebrosa noite. Por iso esta semana estivemos preparando con material está decoración. Pasado o día xa veredes o resultado final o cal, esperemos que vos de moito medo ao mesmo tempo que vos guste.
Puxemos en pausa a nosa creación para conmemorar o dia internacional da biblioteca escolar, que tivo lugar o pasado 24 de outubro. Como xa sabedes para nos a iniciación a lectura e algo fundamental, e un día como ese non o desaproveitamos e mergullámonos en diferentes historias dalgún dos libros da nosa interesante biblioteca.
Ademais seguimos activando o noso corpo con bailes de cancións tenebrosas. Está semana a canción estrela foi “Momia Dance”. Encántanos.
Estamos desexando vivir o Samaín e contarvos as nosas aventuras.
Ata pronto familias.
O SAMAÍN ESTÁ PRETO
Agora que xa estamos acostumados a rutina, na aula de madrugadores de Dodro estamos cheos de enerxía e ledos desfrutamos do tempo. Esta semana como manualidade creamos uns terroríficos e coloridos pantasmas.
Para realizar estes pantasmas descubrimos unha nova técnica: consiste en mollar un pompón en pintura, collelo cunha pinza da roupa para non mancharnos e estampalo no papel varias veces creando así diferentes puntos. Con esta creación ademais de mostrar a nosa creatividade tamén traballamos a motricidade fina da cativada. O resultado foi incrible.
Por suposta a semana dou para moito máis, e fixemos varios xogos nos que activamos o corpo e bailamos a ritmo de “chumbula chumula”. E tamén xogamos con pezas e elaboramos diferentes debuxos.
Estamos desexos de vivir o Samaín con vós para a semana e ver que tenebrosas aventuras nos esperan…
EN DODRO GÚSTANOS MADRUGAR
O pasado 11 de setembro iniciouse o servizo de madrugadores na Escola de Vigo Dodro. Este mes de setembro comezamos adaptándonos un pouco a nova rutina, xa que a pesar de ver algunha cara coñecida temos novas incorporacións dos máis pequenos da escola.
Comezamos establecendo unhas rutinas e un listado de normas tanto para os nenos e nenas que fan uso do servizo de almorzo como para os que só utilizan o servizo de gardaría. Pero por suposto tamén houbo tempo para o desfrute, xa que se realizaron xogos de presentación, xogos de momento.
Co comezo do mes de outubro, comprobamos que estamos máis que adaptados así que comezamos coas primeiras manualidades. Como ben sabedes, outubro é o mes do Samaín polo cal elaboramos unhas bruxas pintando as nosas mans de verde. E para facer a porta da aula máis divertida realizamos uns espantallos ben divertidos. Para afianzar o vocabulario do Samaín xogamos a “atopar a parella” e por suposto houbo tempo para a lectura.
Seguiremos contándovos as nosas aventuras!