Campamento de Verán de Pontecesures

DESPEDIDA A TODO RITMO: ARTE, EXPLORACIÓN E MOITA MAXIA COMPARTIDA

Queridas familias,

Chegamos á última semana do campamento de verán do Concello de Pontecesures, pechando así unha aventura inesquecible na que, día a día, exploramos, aprendemos e, sobre todo, compartimos momentos únicos.

Ao longo destes días, combinamos xogos, manualidades e actividades culturais que reforzaron valores fundamentais como a creatividade, a igualdade e o traballo en equipo. O luns iniciamos a semana creando fermosas composicións con elementos da natureza: follas, paus e flores transformáronse en auténticas obras de arte, amosando que a imaxinación non ten límites cando traballamos xuntos.

O martes demos un paso máis na nosa identidade coa elaboración das nosas propias insignias, que simbolizan o esforzo, a amizade e o espírito explorador de cada neno e nena. Ademais, houbo un tempo especial para a relaxación, favorecendo o benestar e a calma en grupo. O mércores completamos as insignias, decorándoas con todo detalle e compartindo coas demais crianzas os significados persoais de cada creación.

O xoves saímos da rutina diaria para desfrutar dunha saída cultural pola vila. Visitamos a exposición “Contrarreloxo”, un proxecto que nos fixo reflexionar sobre o valor do tempo e da familia. A visita foi unha oportunidade para achegar ás crianzas á arte contemporánea e abrir un espazo de diálogo sobre emocións e experiencias. Para completar a xornada, gozamos dunha merenda no parque, compartindo risas e xogos ao aire libre.

E para rematar… o venres teremos unha festa de disfraces chea de cores, baile e alegría, na que cada participante poida converterse no personaxe que queira ser por un día. Así, pecharemos esta edición do campamento, cunha enorme gratitude a todas as familias pola confianza e cun recordo inesquecible para cada neno e nena que formou parte desta aventura. Levamos con nós a aprendizaxe compartida, a ilusión e a certeza de que, cando traballamos xuntos, todo é posible.

Ata o vindeiro verán!


A TRIBO EXPLORADORA EN EQUILIBRIO

Moi boas familias!

O noso campamento de verán en Pontecesures entra xa na súa penúltima semana, e a emoción medra ao saber que nos achegamos ao final desta gran aventura compartida. Foron días cheos de creatividade, tranquilidade e momentos especiais que quedarán gravados na memoria de todos e todas.

Tras o festivo do venres, retomamos o luns con moita enerxía elaborando unhas medallas personalizadas, un recordo simbólico co que cada neno e nena puido celebrar os seus propios logros como explorador ou exploradora. Foi unha actividade moi significativa, que reforzou a autoestima e puxo en valor a participación de cada un no campamento.

Durante a semana tamén houbo tempo para gozar dos nosos xogos favoritos: desde o pañuelo ata o brilé, pasando polas carreiras de relevos ou os saltos á corda, sen esquecer xogos máis tranquilos como as estatuas musicais ou o Simón di. Estes momentos axudaron a fortalecer o espírito de grupo, a colaboración e, sobre todo, a diversión compartida.

O martes puxémonos mans á obra co deseño dun marco decorado con paus naturais, onde cada participante fixo as súas ilustracións personalizadas para completar a creación. Esta tarefa prolongouse tamén ao mércores, cando realizamos a imaxe especial que iría no interior do marco, facendo así unha manualidade única e cargada de recordos.

E para poñer o broche á semana, o xoves desfrutamos dunha sesión de ioga e relaxación, unha proposta diferente que nos axudou a parar, respirar fondo e conectar co noso corpo e coa calma. Foi un momento moi valorado polos nenos e nenas, que atoparon un espazo tranquilo no que compartir en silencio e harmonía.

Así, continuamos avanzando nesta última quenda, gozando de cada instante e preparándonos para pechar o campamento da mellor maneira posible: celebrando o aprendido, o compartido e o vivido en grupo.


A MAXIA DE CREAR XUNTOS

Moi boas familias!

Continuamos a nosa aventura como exploradores e exploradoras, pero nesta ocasión centramos as nosas actividades en propostas artísticas, experimentais e narrativas, onde cada neno e nena puido aportar o seu toque persoal.

Comezamos explorando novas técnicas de manualidades: elaboramos composicións con algodón, creamos mandalas cheas de cor e paciencia, e mesmo decoramos murais empregando distintos materiais e texturas. Estes momentos non só serviron para traballar a motricidade fina, senón tamén para fomentar a concentración, a calma e a expresión individual.

A ciencia tamén tivo o seu espazo protagonista. Os nosos exploradores participaron nunha xincana de experimentos, onde foron resolvendo probas e descubrindo fenómenos curiosos. Ademais, puxemos en marcha un experimento espectacular: a creación dun volcán, que fixo as delicias de todos cando comezou a “entrar en erupción”. Aproveitamos tamén para descubrir o debuxo secreto que tiñamos preparado con cúrcuma, facendo que a sorpresa fose dobre. E mesmo creamos a nosa propia plastilina empregando fariña, sal, un chisco de auga e colorante!

Para pechar a semana, levamos a cabo unha actividade moi especial que uniu a todos os grupos: o noso conto colaborativo. A través do traballo en gran grupo, inventamos unha historia chea de imaxinación, aventuras e personaxes únicos, na que cada neno e nena participou aportando ideas, diálogos ou escenas. Despois, ilustramos as distintas partes do conto.

Dende logo, unha mestura perfecta de arte, ciencia e imaxinación que nos deixa con moitas ganas da próxima semana.


CAS MANS PINTADAS E OS PES COLLADOS

Moi boas familias!

Nestos últimos días, os nosos pequenos e pequenas exploradoras seguiron vivindo novas aventuras no campamento entre pinceis, instrumentos tolos, xogos refrescantes e moita creatividade. Foi unha semana chea de actividades artísticas, xogos cooperativos e celebracións acuáticas.

A semana comezou cunha proposta compartida por todos os grupos: a finalización dos instrumentos musicais feitos con materiais reutilizados (botellas, cartóns, pedras, area…) e a súa presentación nunha pequena “orquestra salvaxe”. A actividade rematou cunha festa de despedida chea de xogos de auga, risas e emoción.

Durante os días seguintes, os máis pequenos deron renda solta á súa imaxinación con propostas artísticas moi sensoriais e variadas. Crearon xarróns de flores en cartón decorados con flores recollidas no patio, traballaron a estampación con algodón pintando murais temáticos da selva e do mar, e experimentaron cunha técnica nova soprando acuarelas con pallas para pintar flores de cores mesturadas e sorprendentes. Para rematar, gozaron dunha segunda festa da auga, con xogos como “a bomba” ou “pasa a auga”, que se converteron en momentos de xogo libre, espontáneo e refrescante no patio.

E cos nosos participantes máis maiores, tamén comezou a semana rematando os seus instrumentos reciclados e participando na demostración musical, para despois mergullarse de cheo en propostas que mesturaban actividade física, creatividade e xogo simbólico. Durante estes días crearon floreros en 3D, xogaron ao brilé, ao pañuelo e ao xadrez humano, e tamén decoraron o patio con debuxos feitos con tiza. A nivel artístico, pintaron murais de exploradores empregando témperas e algodón e tamén elaboraron flores con acuarelas sopradas con palliñas, experimentando con cores e formas.

Os xogos de mesa e cartas tamén tiveron o seu espazo, xerando momentos de calma e aprendizaxe entre iguais. E, como non podía faltar no verán explorador, a semana pechouse cunha nova festa da auga: xogos, risas e moooita auga para celebrar todo o vivido.

Unha semana completa, creativa e chea de momentos especiais para continuar esta etapa do campamento con alegría, aprendizaxe e diversión.

EXPLORADORES EN RUTA: XOGOS, MÚSICA E UNHA SAÍDA CHEA DE HISTORIAS

Benvidas de novo familias!

Esta semana no campamento de Pontecesures seguimos vivindo novas experiencias como auténticos exploradores e exploradoras. Combinamos xogos, manualidades, lecturas, música… ¡e mesmo unha saída polo pobo que nos encantou!

Comezamos a semana co xogo do explorador, no que todos os grupos, dos máis pequenos aos maiores, compartimos retos como chocolate inglés, circuitos por equipos e a ponte de cristal. Ademais, continuamos coidando as nosas sementes máxicas, vendo como pouco a pouco van medrando grazas ao coidado das crianzas.

Os máis pequenos gozaron de actividades especiais como a lectura do conto “Elmer”, que nos ensinou o valor de ser diferentes, e xogos clásicos como a galiña cega. Tamén practicaron xogos deportivos, actividades musicais como o director de orquestra e reprodución de sons, e participaron en momentos de xogo compartido con outros grupos.

Pola súa banda, os nenos e nenas de 6 a 9 anos e os maiores realizaron un sinfín de propostas: pulseiras personalizadas e creación de animais con tubos de cartón.  Xogos de enxeño e cooperación como sopas de letras por parellas, labirintos cooperativos e atrapa a bandeira, e xogos tradicionais e deportivos como relevos, xogos con corda e o sempre divertido escondite.

E o gran momento da semana chegou o xoves 31 de xullo, cando realizamos unha saída polo pobo de Pontecesures. Pero antes… aproveitamos moi ben a mañán, pois fixemos uso dos elementos reutilizados que nos ofrecéstedes para facer con eles instrumentos musicais caseiros! Ainda os temos que rematar, pero podémosvos asegurar que sonan moi ben! Mesmo fixemos a nosa propia charanga, á que en gran grupo denominamos “Os chinguitos”.

Despois da festa improvisada, fomos todos xuntos ao parque para compartir unha merenda ao aire libre e logo asistimos a un fermoso contacontos dedicado ás cantareiras, que nos permitiu achegarnos á cultura e ás tradicións galegas dun xeito divertido e participativo.

Foi unha semana chea de aprendizaxes, risas e novas experiencias que nos fan sentir cada día máis unidos como tribo de exploradores. ¡E isto non remata aquí… seguimos a vivir un verán inesquecible!


ÚLTIMA HORA DENDE A BASE EXPLORADORA

Moi boas familias!

Nestes últimos días, os nosos nenos e nenas continuaron a súa gran expedición “Exploradores do Saber”, vivindo cada xornada como unha nova aventura chea de aprendizaxes, xogo e diversión.

As mañás comezaron con tempos de xogo libre que lles permitiron iniciar a xornada ao seu ritmo, fomentando a autonomía e a creatividade individual. Ao longo dos días, participaron en numerosas actividades cooperativas nas que traballaron aspectos como a coordinación, a atención, a estratexia e o traballo en equipo.

Entre os xogos motores máis destacados estiveron os saltos con corda, relevos con conos e aros, brilé, pueblo duerme ou atrapa a cola, que combinan axilidade física con atención e espírito colaborativo. Tamén gozaron de xogos simbólicos e de rol, como polis e cacos ou o xogo do asasino, que fomentaron a imaxinación, a observación e a lóxica.

A nivel artístico, desenvolveron a súa creatividade decorando pedras naturais recollidas no patio, conectando co entorno e transformando elementos sinxelos en pequenas obras de arte. Esta proposta foi moi ben acollida e converteuse nun espazo de expresión persoal e calma dentro do ritmo do campamento.

Un dos momentos máis especiais da semana foi a gran xincana por equipos, na que tiveron que superar múltiples retos: probas de memoria, adiviñas, saltos a corda, xogos de puntería, trivial por equipos e ata un código secreto que descifraron para atopar o “tesouro final”. Unha experiencia chea de emoción, esforzo compartido e moitas risas.

A actividade final da semana foi o xogo atrapa a bandeira, precedido pola creación das súas propias bandeiras por equipos, reforzando a identidade grupal e o sentimento de pertenza.

Mentres tanto, o grupo dos máis pequenos tamén estivo a tope de ilusión e curiosidade. Esta semana exploraron o mundo da xirafa —coñecendo como é, onde vive e que come— para despois representala artisticamente con pintura e moita imaxinación. Iniciaron ademais a creación dun gran mural colectivo de “exploradores aéreos”, recortando, pegando, decorando e engadindo os seus autorretratos, que foron colocados na cesta dun globo aerostático cheo de cor. Unha maneira simbólica e fermosa de viaxar xuntos como grupo.

Tamén continuaron coidando con moito agarimo a súa “semente máxica”, que plantaron e revisaron con atención ao longo da semana, aprendendo sobre o crecemento e a paciencia.

Nos xogos, non faltaron propostas divertidas e adaptadas como Chocolate inglés, Pato ou Oca e unha partida especial de busca das bandeiras compartida cos maiores, fomentando o traballo en equipo e a convivencia entre idades.

En resumo, unha semana completa, variada e moi activa, onde cada día contribuíu a facer medrar aos nosos grandes exploradoras, enchendo o campamento de creatividade, risos, aprendizaxe e compañeirismo.

Dito esto… ata a próxima familias!


PASENIÑO PERO SEN DESCANSO: ASÍ AVANZA A NOSA GRAN EXPEDICIÓN

Moi boas familias!

Nesta entrega semanal temos moito, moitísimo que contarvos…

A nosa expedición de verán continúa en Pontecesures con moita ilusión e novas experiencias para todos os equipos. Nestas últimas semanas compartimos xogos, aprendizaxes e emocións que nos axudan a seguir medrando como exploradores e exploradoras.

Os máis pequenos traballaron a emoción do enfado a través dunha asemblea e da creación de monicreques decorados, espazos onde puideron expresar o que senten e coñecer mellor as súas emocións. Ademais, sementamos lentellas en algodón, empregando vasos reutilizados que previamente decoramos con creatividade e coidado.

Comezamos tamén un traballo conxunto entre todos os equipos: a creación dun photocall da tribo exploradora, no que deron o primeiro paso facendo debuxos de animais. Tamén fixemos un collage colectivo, aprendemos o que é un periódico, e realizamos saídas polo patio para explorar insectos, observándoos no seu contorno e recreándoos en plastilina ou follas recollidas ao redor. Traballamos a coordinación con saltos á corda, e fixemos divertidas construcións, incluíndo vehículos con esterillas.

O grupo dos medianos participou en intensas e entretidas xincanas tematizadas, resolvendo adiviñas sobre animais e superando probas deportivas. Tamén xogaron ao pañuelo, ao brilé, a xogos cooperativos como o lobo e desfrutaron do xogo libre vixiado, combinando actividade física con momentos de convivencia.

Un dos momentos máis especiais foi a creación da nosa «Árbore do agradecemento», na que cada neno e nena compartiu algo polo que se sentía agradecido. As súas palabras convertéronse en follas que agora decoran unha árbore moi especial, símbolo da nosa unión como grupo.

Ademais, contamos coa visita do equipo de «A Vila do Mañá», un proxecto artístico e educativo que nos convidou a crear colectivamente empregando materiais coma pintura en spray, pinceis, papel continuo e moita imaxinación.

Pola súa parte, o grupo dos maiores viviu unha semana chea de retos. Comezaron cunha xornada de xogos como a comba, o xogo dos conos e “adiviña a película”. Tras o festivo local do luns, o martes dedicárono á creación dunha oca xigante con spray, mentres que o mércores prepararon os seus propios vasos ecosistemas e organizaron unha completa busca do tesouro, que puxeron en práctica ese mesmo día.

O xoves pecharon a semana cunha xincana de busca de animais e comezaron a deseñar a súa pancarta conmemorativa, onde recollen os trofeos e logros compartidos durante estes días.

E aínda quedaba máis por descubrir: nos últimos días participaron na elaboración de pratos saudables con distintos alimentos, mesturando cor, sabor e creatividade. Montamos siluetas de animais, ensamblando as súas partes para coñecer mellor a súa anatomía, e traballamos con arcilla, creando distintos elementos cos que puxemos en práctica a nosa imaxinación e motricidade fina. E para rematar… gozamos dunha refrescante e esperada festa da auga, onde rimos, corremos e mollámonos coa alegría do verán.

Semana tras semana, a nosa tribo medra en ilusión, compañeirismo e espírito explorador. Seguimos construíndo xuntos un verán inesquecible!


TRIBO EXPLORADORA EN MARCHA! COMEZA A GRAN EXPEDICIÓN DO VERÁN  

Moi boas familias!

Dámosvos a benvida ao campamento de verán do Concello de Pontecesures! Esta será a primeira de moitas noticias semanais nas que compartiremos con vós as nosas experiencias, xogos, creacións e aventuras. Cada xoves, presentarémosvos as novidades do noso día a día como verdadeiros exploradores e exploradoras.

Na primeira semana demos os primeiros pasos como grupo. Establecemos as nosas rutinas, coñecémonos a través de dinámicas como “a tea que nos une” e organizámonos en equipos. Mesmo fixemos un mural decorativo co nome de cada equipo e o noso “kit básico de exploración”, que xa embelece o espazo do campamento.

Houbo tempo para todo: xogos de exterior como O oso dormilón, A lata de sardiñas, lanzamento de frisbee, fútbol, baloncesto, saltos á comba, Palabras encadeadas, O director de orquestra, construcións, sesións de ioga, debuxos, plastilina e ata a creación do noso propio “mini-xogo caseiro”: o Mini-cesto. Tamén nos aventuramos polo patio do colexio nunha auténtica exploración e rematamos cunha emocionante busca do tesouro.

Na segunda semana, continuamos coa nosa misión exploradora cun montón de propostas novas: xogo simbólico no ximnasio, construción de cabanas, Bote bote cachibote, Brilé, coreografías, murallas humanas, carreiras de zancos e circuitos de obstáculos. Elaboramos as nosas fichas de exploradores e xogamos ao ¿Qué hora é, señor lobo?

Ademais, traballamos a emoción da felicidade a través dunha ficha decorada con elementos naturais do noso contorno. Tamén creamos a nosa insignia de exploración e unha lupa máxica que nos acompañará nas seguintes aventuras.

E como non podía faltar, disfrutamos con xogos populares e cooperativos como O espello, Rei ou raíña manda, A bomba, As cadeiras musicais, O pano, Simón di ou carreiras de relevos. A diversión estivo garantida!

Comeza así unha emocionante viaxe que continuará cada semana, sempre coa ilusión e a alegría de compartir, explorar e aprender xuntos. Ata a próxima!