EN ABRIL, XOGOS MIL!

A estimulación cognitiva é cada vez máis importante para tratar de frear perdas de memoria e previr as mesmas. De feito, a través de dita estimulación, calquera persoa pode mellorar as súas capacidades cognitivas.

Polo tanto, en Valga, durante este mes combinamos as actividades teóricas con outras máis lúdicas, a través de diferentes xogos.

No que respecta ao ámbito teórico traballamos diferentes tipos de memoria como son: a memoria inmediata, memorizando unha serie de palabras que, posteriormente, tiñan que escribir nunha folla; a memoria a curto prazo, memorizando unha serie de obxectos que despois tiñan que rodear entre unha morea deles; e a memoria visual, memorizando a posición das formas xeométricas nunha cuadrícula e colocándoas en cadanseu sitio nunha cuadrícula en branco.

Amais tamén realizamos exercicios como: campos semánticos, deletrear palabras á inversa, cálculo mental e ordenar letras para formar palabras.

Finalmente, algúns dos xogos que levamos a cabo foron: o bingo, no cal traballamos a atención, a rapidez, a escoita e a memoria; o vexo, vexo, no cal potenciamos a creatividade e a agudeza e memoria visual; o xadrez de cores, para traballar a atención, a concentración, a retentiva e a memoria; e o mémori, a través do cal potenciamos a concentración, a memoria, as habilidades motoras finas e a memoria visual.