Ludoteca de Verán de Caldas

FINAL DE VERÁN, FINAL DA LUDOTECA…

Ola familias!!, mais que unha noticia isto vai a ser un ata pronto!!

Esta derradeira semana foi intensa, con moitas emocións diferentes, contentos por todo o ben que o pasaron, con tristeza por un lado por acabar (que rápido pasou)  e con alegría por outro porque xa falta menos para a seguinte.

Moitos agradecementos a todos e a todas vós, foi un inmenso pracer para todos/as nós pasar este verán cos vosos fillos e fillas; reforzamos vínculos cos mais veteranos e veteranas, e creamos novos vínculos cunha nova xeración de cativos/as que entran arrasando!! Jejejeje

Un inmenso bico de parte de todas as monitoras e os monitores da Ludoteca de verán de Caldas Reis 2025… tal como nos decides vos…

Ata o verán que ven!!!


CONTINUAMOS CREANDO, EXPERIMENTANDO, XOGANDO E EXPLORANDO

A piques de rematar xa na Ludoteca esta semana cada grupo de nenos e nenas continuo realizando actividades incribles que entusiasmaron por igual a pequechos/as e aos/ás mais maiores; falamos de lámpadas de lava, mosaicos orixinais, impresións vexetais, cores que camiñan… e outras tan divertidas que fixeron que a semana pasara voando.

Os nosos e as nosas compis deportistas tiveron xornadas de fútbol nas Corticeiras e  realizaron unha xornada de xogos e deportes onde se puxeron na pel de persoas con diferentes discapacidades, resultou moi impactante para todos e todas.

Familias afrontamos a recta final deste verán 2025!!

Boa semana!!


RECARGAMOS BATERÍAS

A semana na Ludoteca de Caldas foi moi curta pero sen deixar de ser intensa, non vaiades a pensar. Os grupos dos mais pequenos e pequenas continuaron coas actividades lúdicas, nesta ocasión destacamos contacontos, experimentos, busca do tesouro, taller de cometas e talleres de reciclaxe e decoración con flores.

E os/as maiores da Ludoteca deportiva puideron participar un ano mais na actividade de kayak polo impartida polo Club náutico Umia e coa que desfrutaron un montón.

A semana curta, curta a rematamos coa derradeira excursión á Praia, unha mañá solleira, divertida e intensa coma sempre.

Continuamos familias, imos a pola derradeira quenda da Ludoteca de Verán 2025!!

Un saúdo e boa semana para todas e todos!!!


A APRENDIZAXE DOS EXPLORADORES DE CALDAS

Comezamos o mes de agosto e os pequenos e as pequenas exploradoras da Ludoteca de Caldas continúan aprendendo un montón de cousas novas. Ao longo desta semana, na que adaptamos e cambiamos actividades pola ola de calor, os/as peque exploradores/as estiveron:

“Osiños exploradores”:

  • Experimentaron coa sal e as xices de cores
  • Crearon unha pequena Galaxia e unha orixinal plastilina caseira
  • Fixeron unhas chulas marionetas de dedos
  • Molláronse con xogos de auga e posteriores festas… (menos que os grupos de maiores, xa que o vento os enfreaba)

“Mariposas exploradoras”:

  • Experimentaron coa canela e a auga
  • Fixeron pompas de xabón e pompeiros con limpapipas
  • Crearon “minimundos” en bandexas con area kinética, arroz, fabas e colorantes
  • Experimentaron con luces e sombras
  • Elaboraron un mural con burbullas de cores diferentes
  • Contacontos “Maruxa”
  • Festa da auga

“Stitch”:

  • Realizaron un obradoiro de súper heroes e heroínas e creación de capas
  • Fixeron xogos musicais
  • Elaboraron as máscaras de Stitch
  • Xogaron ao bingo dos alimentos
  • Traballaron sobre a igualdade con Superlola
  • Festa da auga

Por outro lado a Ludoteca deportiva continúa unha semana máis coas súas andanzas deportivas. Como deportes continuaron co balonmán e o tenis;  destacar ademais que compañeiras da Ludo, coa colaboración dos/as monitores/as deportivos/as, realizaron un taller de ximnasia rítmica fantástico, felicitacións e moitas gracias chicas!!

En canto a xogos coñeceron o “dodgeball” e practicaron o conogol e unha serie de xogos por equipos; ah!, e por suposto xogos con auga e Festa da auga

Por último, unha semana mais, continuaron as visitas na Ludoteca; o venres destacamos a charla de Astronomía de Aurelio Rey, gran afeccionado á astronomía, que un ano mais achega ás crianzas da Ludo a este mundo tan “estelar”; moitísimas gracias de novo Aurelio.

O venres tamén os/as deportistas da Ludoteca tiveron unha charla sobre os “perigos das redes sociais” a cargo de Javier, Guardia Civil que dun xeito distendido amosou á rapazada todos os perigos das principais redes sociais á vez que lles ensinou a estar en alerta.  Moitísimas gracias Javier, foi unha experiencia moi interesante, repetiremos.

Continuamos familias!, achéganse días de festas e tamén de descanso, ánimo para todos e todas!!

Boa semana!!


FINALIZAMOS XULLO…COMEZAMOS AGOSTO!!

Acabamos de finalizar xullo e collemos impulso para continuar agosto coa mesma ilusión que o facíamos ao iniciar xullo. As nenas e nenos da Ludoteca estanse a converter en grandes “exploradores do saber”, continúan con actividades de ciencia, creatividade, vida saudable, xogos do mundo… e traballando as emocións dun xeito lúdico moi chulo.

Por outro lado a rapazada da Ludoteca deportiva, continuou coas  prácticas e competicións de diferentes deportes, coñeceron un montón de xogos lúdicos, e non deixaron de lado as actividades enfocadas a traballar sobre a Igualdade e os diferentes valores, de tanta importancia para esta etapa das súas vidas.

En canto ás visitas agradecemos moitísimo a visita de xente que quixo compartir  coa rapazada da Ludoteca o seu traballo, labor e saber. Eternamente  agradecidos pola participación de: Club Roli, Carlos Padín, José Luis, Policía local de Caldas, Enrique Táboas e o Fogar do Maior de Caldas, Clube Moraña en ruta, Bilblioteca de Caldas e o Clube Disc Golf De Santiago;

Graciñas a todas e todos de corazón!!

Finalizamos xullo pero non a Ludoteca, collemos forza pero continuamos!!!

Boa semana familias!!


APRENDEMOS E NOS DIVERTIMOS A PARTES IGUAIS

Novas actividades na Ludoteca de Caldas ao longo desta semana que, a pesar de ter un día menos, non baixou o ritmo.

Estas xornadas pasadas destacamos as visitas que realizamos ou que recibimos e que nos serviron para aprender un montón de cousas. Falamos da visita á biblioteca dos “cangrexiños” na que coñeceron como era unha biblioteca e no que tiveron un contacontos moi chulo!; do taller de atletismo do “Moraña en ruta”; da visita e práctica do Disc golf da Ludo deportiva; a visita de José Luis que repasou cos nenos e nenas aspectos importantes para o coidado medioambiental de Caldas; o Taller de cestería de Enrique Táboas como a actividade interxeracional deste verán, e por último a visita ao Parque dos sentidos de Marín, con moitísimas doses de  diversión.

Mencionar ademais que todos os grupos continuaron coas actividades das súas programacións, obxectivo: “cumprir todos os requisitos dun gran explorador do saber”.

Moitísimas gracias a tod@s  os/as que viñeron á Ludoteca ou que nos recibiron, foi un honor recibir o voso saber.

Familias, continuamos!! Chegamos xa á derradeira semana de Xullo…

Un saúdo e boa semana para todas e todos!!


SEGUE A DIVERSIÓN NA LUDOTECA

Continuamos unha semana mais coas actividades da Ludoteca, días nos que nenas e nenos traballaron as emocións con emojis de cores e algodón moi chulos, fixeron pompas de cores, estampacións con vexetais, crearon unhas lupas de explorador/a  e prismáticos moi orixinais..

E aínda mais…, realizaron varios experimentos científicos que recolleron nun pequeno caderno, cadros de fíos, elaboraron slime e uns monicreques con pelos de lá moi creativos.

Rematamos a primeira quenda de xullo cunha festa de auga que encheu a Ludoteca de xogos, risas, carreiras e auga, moita auga!!

Finalizamos a semana coa segunda das saídas por Caldas, os/as mais cativos cun Xogo de pistas co obxectivo de encontrar “pitiños”, mentras os/as outros/as exploradores/as paseban pola beira do río descubrindo flora e fauna.

Non nos esquecemos dos nosos deportistas que esta semana celebraron unha Semana Olímpica na que:

  • crearon os seus propios países, bandeiras… e desfilaron
  • realizaron  diferentes probas olímpicas: triplo salto, test de forza, proba de velocidade, carreira de relevos e lanzamento de xavelinas…
  • adiviñas e acertixos  por tempos, non digades que non son orixinais ehh!!

A Ludo Deportiva rematou a quenda coa saída á praia do Terrón, na que ademais de desfrutar a praia tiveron tempo de practicar o voley praia, con moita rivalidade…pero da boa.

Finalizaron a semana cunha ruta que serviu tamén de aprendizaxe para a elaboración dun “caderno de ruta”, e con retos por equipos que superaron sen problema.

Continuamos…

Boa semana familias!!


SEMANA MOI ACTIVA NA LUDOTECA DE CALDAS

Boas de novo familias!! Na segunda semana de actividades na Ludoteca nenos e nenas continuaron “explorando o saber” a través da realización de diferentes actividades como por exemplo: manualidades, xogos lúdicos e xogos cooperativos (vasos, rivais, terra-mar-aire…), bailes (actívate e bailes do mundo…), “a roda das gratitudes”, coñecendo ecosistemas, plantando sementes e manualidades (flores con vasos…).

Por outro lado a Ludoteca deportiva comezou outra semana de deportes, xogos e talleres de vida saudable. Divididos en grupos fixeron unha rotación de voleibol, baloncesto e frisbee. Como novidade estreamos as actividades na Encarnación, un espazo diferente no que continuamos cos deportes e xogos da semana.

A actividade especial da Ludo deportiva foi esta semana o taller de vida saudable: “os alimentos”; un total de sete actividades polas que os grupos foron rotando e nas que se involucraron un montón; especial mención facemos ao “rap dos alimentos” co que desfrutaron especialmente. Remataron a semana coa elaboración de “pelotas de plátano” (modificación das clásicas tortiñas de plátano con avea, leite vexetal e gotas de chocolate negro).

Continuaremos informándovos…

Boa semana para todas e todos!!


BENVIDAS E BENVIDOS Á LUDOTECA DE VERÁN

Con moita ilusión vos damos a benvida familias!! á Ludoteca de Verán 2025 de Caldas de Reis, unha aventura chea de aprendizaxes, emocións, xogos e moita imaxinación!.

Ao longo dos meses de xullo e agosto, os vosos nenos e as vosas nenas vivirán experiencias únicas nun espazo lúdico e educativo onde as amizades tamén serán as grandes protagonistas. Este verán a nosa Ludoteca lúdica terá como fío condutor o proxecto “Exploradores do saber” centrado nas emocións, os xogos, a creatividade e os valores; e a Ludoteca deportiva continuará mergullándose en diferentes deportes, novas propostas de xogos lúdicos e coñecendo os deportes locais.

Tras as primeiras xornadas de xogos de presentación e organización de grupos tocou falar da temática, votar o nome do grupo e en marcha!!!.

Pero isto non é nada, comezamos co que será unha chea de actividades, saídas,  visitas e actividades especiais coas que a cativada e rapazada de Caldas desfrutarán dun fantástico verán.

Ata a vindeira información familias,

Un saúdo