Escola de Verán de Muros

ÚLTIMA AVENTURA: DE MUROS A RIANXO!

Neste último día da Escola de Verán a cativada de Esteiro, Muros e do PREM tiveron unha xornada de convivencia.

Alá foron camiño de Rianxo,vila mariñeira veciña; e sabedes qué? Visitaron o Museo do Mar e unha vez máis, despois de todo o verán atopáronse co último desafío: parece ser que nos fondos mariños de alí agóchase un tesouro… nunca descuberto!!

Será un misterio máis que o noso amigo Benji Holmes nos pon no camiño para resolver??

Ide vós a saber!!

Investigamos??

Vémonos o seguinte verán amig@s!!

Grazas por todo!!

EN MUROS DÁMOSLLE A VOLTA Ó CONTO

Si si, tal como estades a ler; case a piques de rematar a Escola de Verán a rapazada de Muros pon todo patas arriba e converten ó personaxe estrela Benji Holmes no verdadeiro malandrín do campamento, declarándoo culpable de todas as desaparicións e misterios que tiveron lugar durante o verán e nomeándose  a si mesmos/as como  os/as auténticos/as detectives desta aventura. De xeito que non vos fiedes das imaxes en que se ven moi entretidos/as en interesantes exposicións, ocupados/as con sorprendentes experimentos, dándose refrescantes chapuzóns na praia ou totalmente absortos/as en diversos contacontos, xa que agora ó que realmente se dedican é a INVESTIGAR  e a saber o que pode descubrir esta extraordinaria cativada de Muros…

RECTA FINAL NA ESCOLA DE VERÁN DE MUROS!

Vaia por diante unha despedida moi agarimosa para os/as participantes da anterior quenda, moitas grazas a todos/as e que teñades un bo remate de vacacións! E da mesma forma recibimos a última rapazada deste verán, cargando pilas para desfrutar a tope os días que nos quedan; preparádevos a fondo nenos e nenas, xa que tanto as monitoras  como  o enigmático Benji Holmes van a conseguir enredarvos en novas aventuras, retos, misterios e unha morea de actividades e saídas coas que despediremos este verán por todo o alto!

DESFRUTANDO EN IGUALDADE EN MUROS!

Así seguimos na Escola de Verán; dá o mesmo a idade, a cor de pel, se eres neno ou nena, se che gusta isto ou o outro…. xogar en equipo reforza os vínculos sociais, mellora as habilidades de relación, aumenta a empatía, a solidaridade e o compañeirismo. Unha infinidade de valores que quedan de sobra reflexados en todas as actividades que se levan a cabo, moito deporte, saídas a praia, xogos de pistas, talleres de arte e reciclaxe e auténticas búsquedas de obxectos desaparecidos, que se seguides atent@s veredes como traballando en grupo o misterio do cadro perdido pronto será resolto, non perdades detalle…

EXTRA, EXTRA!

NOTICIAS FRESCAS NA ESCOLA DE VERÁN DE MUROS!

 “Desaparición dun cadro moi famoso, firmado por un artista chamado Andy Warhol, caracterizado polo uso de moitas cores e creador da estética Pop Art. A última vez foi visto en algún lugar do pobo de Esteiro. Agradécese colaboración cidadán”

Con esta nova de última hora comezaron os rapaces e rapazas da primeira quenda de agosto.

Entón qué? Seredes quen de resolver o gran enigma amigos/as?

A ver como se vos da…

E non queremos cerrar esta primicia sen antes mencionar os/as

participantes do mes de xullo, que se despediron  da Escola de Verán mostrándonos unha chea de talentos como o baile, a ximnasia, a maxia, estratexias de búsqueda en xogos de pistas…; así que queremos darvos un millón de  grazas a todos/as e dicirvos que vos esperamos o próximo verán!

EXPERIMENTANDO EN MUROS

Así de entretida estivo a cativada da Escola de Verán de Muros estes días, nin máis nin menos que con interesantes experimentos no seu novo “Recuncho Científico”, onde mostraron un gran entusiasmo por participar, expresar ideas, investigar e ampliar coñecementos. Tamén se divertiron con diversas dinámicas nas que, con técnicas moi orixinais, conseguiron distinguir as súas propias pegadas, demostrando unha vez máis como están acadando grandes capacidades e habilidades que os/as convertirán en verdadeiros/as detectives.

E non deixedes de votarlle un ollo as nosas fotos, veredes como, ó mesmo tempo andan envoltos/as tamén  en outros talleres ben distintos de arte e reciclaxe nos que poden deixar voar a súa imaxinación e creatividade.

SEGUIMOS A TODA MARCHA EN MUROS!

Xa arrancou unha nova quenda na Escola de Verán de Muros e non houbo lugar para o aburrimento. Logo dunha gran despedida con moita festa para participantxs da primeira quenda  tocoulle o turno a nova cativada, que entre xogos e dinámicas de presentación, xa logo se viron envoltos/as en novas aventuras coa estrela do campamento, o misterioso Benji Holmes, que aínda non coñecen pero si imaxinan de mil formas diferentes, non hai máis que ver as fotografías que vos achegamos.

Aínda así, con todos estes enredos, aproveitan moi ben o tempo, con xincanas deportivas, entretidas rutas polo pobo, chapuzóns na praia, saídas ó parque…

E seguimos preparando novas sorpresas…

MISTERIOS RESOLTOS EN MUROS!

Quen lle ía a dicir a cativada da Escola de Verán de Muros que en tan pouquiño tempo se lle presentarían tantos casos misteriosos para resolver, que se mochilas perdidas, que se material desaparecido… pero non vos preocupedes, que deseguida quedou ben demostrado que todos e todas se convertiron xa en excelentes detectives.

E entre misterio e misterio aínda lles deu tempo a realizar divertidas festas da auga, entretidas visitas a “Muros mira ó mar”, talleres de reciclaxe, contacontos en Igualdade, xornadas de praia… e moitas cousas máis

De modo que seguide moi atentos/as as próximas quendas amigos/as, a ver que aventuras nos esperan!

PISTOLETAZO DE SAÍDA EN MUROS!

Unha vez máis damos a benvida por todo o alto na Escola de Verán de Muros. Toda a cativada vai poder disfrutar durante estes dous meses dunha chea de aventuras da man dun curioso personaxe chamado Benji Holmes, posuidor dunhas grandes dotes detectivescas que os/as mergullará nunha serie de misterios, os cales terán que ser resoltos con todo tipo de métodos, converténdose desta forma nun verdadeiro persoal investigador.

Así que non perdades detalle de todo o que acontece, porque entre xogos, xincanas, deporte, saídas e moito máis sempre pode haber algunha pista do seguinte misterio…