Cuntilín

7 DE ABRIL, DÍA MUNDIAL DA SAÚDE

Aquí estamos de volta despois dunhas breves pero merecidas vacacións! Vimos coas pilas cargadas para comezar con forza o terceiro trimestre.

A primeira novidade que temos e que xa sabemos quen foi o gañador ou gañadora do IV CERTAME DE DEBUXOS SAUDABLES, que foi nada máis nin nada menos que Alba Senín Ruibal! Sen dúbida unha merecida  vitoria, xa que o seu debuxo representaba á perfección o que é a vida saudable. Aínda así, tamén queremos agradecer aos demais participantes do Cuntilín polo seu esforzo e participación. Todos foron debuxos merecedores de gañar o primeiro posto.

 Quen queira poderá visitar a exposición dos debuxos na Biblioteca Municipal Roberto Blanco Torres durante este mes, xa que hoxe día 7 de Abril, conmemórase o día Internacional da Saúde.

Nunca mellor dito, a coidarse! Ata a semana!

CHEGOU A PRIMAVERA

Chegou a primavera ao Cuntilín, e con ela comezamos a traballar o Día Internacional dos Bosques. Falamos da importancia de coidar o medioambiente, dos nosos montes, da fauna e da flora que se atopan neles, tamén lemos o conto “O neno e a árbore” e para rematar fixemos un gran xogo por equipos. Convertéronse en exploradores e exploradoras e nun caderno foron rexistrando todos os animais, plantas, árbores etc. que e atopaban ao redor do centro.

Pero como o venres pasado foi o día do pai, a meirande parte da semana  adicámola a preparar un agasallo para os homes da nosa vida. Cada quen escolleu ao seu (pai, avó, tío, amigo, etc.) e preparáronlle un chaveiro moi bonito coa súa inicial.

Coa chegada da primavera chega a época de empezar a plantar. Este ano comezamos a temporada plantando fabas, a ver se nace algunha!

Por se hai algún despistado ou algunha despistada, para a semana comezamos as vacacións de Semana Santa!

Desfrutadeas pero con sentidiño! Non nos esquezamos do COVID.

Unha aperta!

  CONCURSO SAUDABLE

Esta semana no Cuntilín non paramos de traballar e coñecer un pouquiño máis en profundidade  a vida saudable, xa que este ano por primeira vez participamos no IV Certame de debuxos saudables, onde cada neno e cada nena realizou a súa creación, que xiraba en torno aos hábitos de vida sana. Todas as obras serán expostas durante o mes de abril (que é o mes da saúde) na Casa da Cultura do Concello.

Ademáis tivemos contacontos e taller de reciclaxe, empregando rolos de papel hixiénico elaboramos cos máis pequenos unhas simpáticas ovellas. O conto que lemos foi: “A ovelliña que veu a cear”.

O bo tempo permitiu estar máis no exterior, así que empezamos a traballar as “olimpiadas” e os diferentes deportes que participan nelas. Comezamos co atletismo.

Como se achega o día do pai, avó, tío, etc. estamos elaborando uns pequenos agasallos, pero  xa os veredes.

Ata a semana!

  8 DE MARZO, DÍA DA MULLER

Estamos nunha semana un tanto especial, xa que o 8 de marzo conmemoramos o Día da muller, e dende o Cuntilín como sempre, non paramos de facer actividades.

A máis especial delas foi o mural que preside a entrada do comedor, o cal lle puxemos de nome: “As nosas pioneiras”, onde reivindicamos o lugar de cada unha das mulleres máis importantes das nosas vidas. Cada neno e cada nena escolleu a súa e ao lado puxo a característica máis especial, como por exemplo: “Pili, a máis atrevida” ou “Lola, moi loitadora”…

Tamén realizamos unha Xincana feminista, os máis pequenos por equipos (presididos polas nenas) tiveron que ir superando diferentes obstáculos, e para iso tiñan que ir pasando probas, todas relacionadas con grandes mulleres da historia.

Os maiores, tamén realizaron a súa, pero neste caso relacionando mulleres galegas con acontecementos importantes.

Rematamos as actividades coñecendo un pouco máis ás galegas  Ángeles Alvariño (oceanógrafa) e Isabel Zendal (enfermeira).

Ata  a semana!

CONMEMORAMOS  O  DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Ola, amigos e amigas do Cuntilín!

Como cada ano, o 24 de  Febreiro conmemórase o día do nacemento de  Rosalía de Castro. Por iso, aproveitamos estas datas para coñecer un pouquiño máis dela, tanto da súa vida como da súa obra. Lemos algúns dos seus poemas e tamén escoitamos os que se converteron en cancións moi coñecidas.

En canto á igualdade fixemos unha búsqueda do tesouro coas mulleres inventoras máis importantes, e centrámonos no conto “ O País dos mandóns” , sobre o cal realizaron unha manualidade.

Rematamos a semana con un taller de reciclaxe, onde crearon uns monstros moi monstruosos! xogamos no patio con xices, ao escondite, cachibote etc.

Ata a semana!

“DÍA INTERNACIONAL DA LINGUA MATERNA”

Aquí estamos de novo dende o Cuntilín, con unha chea de actividades.

Esta semana o tempo dounos “unha de cal e outra de area” así que aproveitamos os raíños do sol para realizar xogos deportivos no exterior, xogos clásicos, actividades de  expresión artística (empregando elementos da natureza), e xogos con música.

Pero cando o tempo non quixo acompañarnos, tivemos outras actividades, como o visionado da curtametraxe clásica “O Grúfalo”, o contacontos “Cabaciña” coa súa manualidade, e tamén comezamos a traballar coas actividades para o 8 de Marzo “Día Internacional da Muller”.

Como o 21 de febreiro foi o “Día Internacional da Lingua Materna”, falamos da importancia da nosa lingua, fixemos un pequeno debate cos maiores, e visualizamos o extracto da película “O Bosque animado”.

Para a semana máis! Un saúdo!

Ata a semana!

SORPRESA DE ENTROIDO!

Esperamos que pasarades un bo entroido, familias!

Aquí está a nosa pequena sorpresa! Entre todos e todas elaboramos o noso particular “TIK TOK”. Por grupos inventaron os pasos, escolleron as cancións…e sobre todo pasárono xenial ensaiando e gravando!

A pesar da situación que estamos vivindo, os nosos nenos e nenas non deixan de sorprendernos e sempre teñen ganas de facer cousas novas para divertirse.

Esperemos que vos guste tanto como a nós!

Un saúdo!

ENTROIDO NO CUNTILÍN

Comezamos a celebrar o entroido no Cuntilín! Elaboramos máscaras, fixemos diferentes xogos e tamén obradoiros.

Ademáis continuamos ensaiando a gran sorpresa que vos estamos preparando para a semana que ven, pero eso xa o veredes no seu momento!

Como esta tamén é a semana máis amorosa do ano (14 de febreiro, San Valentín), aproveitamos para ler o conto “Adivina cuánto te quiero” e fixemos unha pequena manualidade de papiroflexia.

En canto a igualdade, coñecemos a Ada Lovelace, matemática, informática e escritora e levamos a cabo unha búsqueda do tesouro dos inventos máis importantes realizados por mulleres. Despois cada neno e cada nena inventou a súa propia máquina: crearon a máquina de facer nenos e nenas, a máquina de facer chuches ou ata un autobús voador.

Para a semana máis!

CUNTI-ROCK!

No Cuntilín, ao mal tempo boa cara… literalmente! Nin o virus nin a choiva poden coas nosas ganas de pasalo ben e de seguir desfrutando da música, dos bailes e dos compañeiros/as!

Comezamos febreiro realizando diferentes actividades relacionadas co teatro e coa música. En canto a Igualdade, esta semana coñecemos ás irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, as primeiras mulleres en ir a universidade en Galicia, sen dúbida todo unhas pioneiras, tendo en conta a época na que estaban. Como entre outras cousas estudaron mediciña, aproveitamos para realizar unha pequena manualidade relacionada.

Os máis pequenos e pequenas cumpriron por fin a súa petición (moi repetida!), a de ler o conto do Polo Pepe. Lémolo en diferentes versións e como imaxinaredes, non defraudou! Para rematar a actividade elaboraron o seu propio poliño!

Pola contra, os maiores comezaron a elaborar un novo mural. Como sempre ,tamén tiveron tempo para adicarllo ao estudo.

O DÍA DA PAZ

Aquí estamos  de novo, amigos e amigas do Cuntilín! A pesares da choiva e dos diferentes temporais aquí non paramos de facer cousas!

Como o sábado é “O día da Paz e da non violencia” comezamos a realizar diferentes actividades: manualidades (realización de mándalas, pombas da paz..), concurso de debuxo (con premio ao que  mellor  reflexe os valores paz e da non violencia), contacontos, etc.

En canto a proxección, tocou visualizar o extracto da película “Antz”, todo un clásico da animación que non coñecían.

Como todas as semanas, tamén tocou o tan esperado por eles e elas “Just Dance”; por outro lado demostraron a súa expresión creativa coa elaboración dun gran mural, e seguimos traballando a igualdade, onde coñeceron a pintora lucense Xulia Minguillón, unha pioneira da súa época que puido dedicarse ao que máis lle gustaba nuns anos moi difíciles.

Para a semana máis e mellor!

CUNTILÍN E AS EMOCIÓNS

Boas a todos e todas!  Esta semana aproveitamos o bo tempo que fixo para estar no exterior. Fixemos moitos xogos deportivos, cooperativos e por equipos. Tamén realizamos un concurso creativo empregando materiais da natureza (paus, pedras, follas, etc.).

Como todas as semanas, houbo tempo de xogos musicais, principalmente o Just dance, pero esta vez competindo entre eles e elas.

En canto ao conto da semana para os máis pequenos e pequenas tocou todo un clásico, “O monstro de Cores”. Traballamos as diferentes emocións a través da lectura e dunha manualidade, onde cada un e cada unha elaborou o seu mostro ca emoción que escolleu.

En canto a Igualdade, esta semana coñecemos a persoa de Clara Campoamor e como a súa labor marcou o transcurso da historia no noso país, xa que foi unha das principais impulsoras do sufraxio feminino en España.

Ata a semana, amigos e amigas do Cuntilín!

CHEGOU O INVERNO AO CUNTILÍN

Rematou o Nadal e aquí estamos de novo, con moitas ganas de volver e comezar o segundo trimestre. Eso sí, cheíños de frío! agora si que podemos dicir que estamos no inverno! Por iso aproveitamos e cambiamos a decoración de Nadal do comedor, pola propia desta estación. Os/as maiores encargáronse da decoración do comedor, facendo entre outros, copos de neve  a través da papiroflexia. Os máis pequenos e pequenas leron o conto “Porque te quero tanto!” e realizaron de manualidade un oso polar.

Temos que recordar neste punto que as actividades son realizadas sempre seguindo as pautas e medidas ANTICOVID-19 (materiais desinfectados e individuais).

Como tamén tivemos bo tempo, aproveitamos ao máximo as horas de luz no exterior, por iso fixemos xogos deportivos como carreiras de relevos, carreiras de animais, por equipos etc.

Ata a semana!

DESPEDIMOS O TRIMESTRE!

Ola familias! No Cuntilín despedimos o primeiro trimestre do curso, e esta última semana antes do Nadal dedicámosnos a todo tipo de actividades relacionadas con esta época que tanto lle gusta ós nenos e nenas. Rematamos o noso mural e continuamos con obradoiros de adornos, algúns para decorar a aula e outros para levar para a casa. Fixemos un concurso de decoración de árbores, escoitamos e cantamos panxoliñas de diferentes países, visualizamos fragmentos de contos navideños e divertímosnos con diferentes xogos.

Dende o Cuntilín desexámosvos un bo Nadal!

E lembrámosvos que hai Cuntilín de Nadal os días 23, 28, 29 e 30 de decembro e 4, 5 e 7 de xaneiro.

 ACHÉGASE O NADAL!

Xa arrecende a polvoróns e soan panxoliñas de fondo no Cuntilín! Achégase o Nadal e con el toda a ilusión destas datas. Como vimos duns días de moitos exames e traballos, os nosos nenos e nenas maiores  estaban desexando comezar coa decoración e actividades propias destas datas. Por iso, a primeira actividade foi a de elaborar o noso típico mural de Nadal (que preside a entrada do comedor). Pero tamén diferentes actividades como crebacabezas de Rodolfo o Reno, un Papá Noel móbil, ou adornos para a árbore de Nadal.

Para rematar, visualizamos o extracto da película “O Grinch”, un clásico destas datas.

Ata a semana que ven amigos e amigas!

OS ANIMAIS CHEGAN AO CUNTILÍN

Boas a todos e a todas! Esta semana foi moi breve, pero aquí estamos de volta para contarvos as últimas novidades  do Cuntilín. Como o día 10 foi o Día Internacional dos Dereitos dos Animais aproveitamos para concienciar sobre a importancia de coidar a natureza, en especial aos seres vivos. Para iso, realizamos diferentes xogos, como o memori, xogos de imitación, carreiras de animais, unha pequena manualidade, debuxaron os seus animais favoritos e visualizamos varias curtametraxes  para sensibilizar sobre o abandono.

Tamén houbo tempo para coñecer curiosidades sobre eles, cales son os sons que emiten, os diferentes hábitats nos que viven e os perigos que corren actualmente por culpa da acción do ser humano, principalmente.

Pero co mes de decembro chegaron tamén os exames, así que os maiores dedicáronlle un tempo importante a preparalos.

Ata a próxima semana!!

DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Ola amigos e amigas do Cuntilín, aquí estamos unha semana máis.

Como o xoves día 3 é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade realizamos diferentes xogos e técnicas grupais de sensibilización. Fixemos carreiras con unha soa perna, xogos de orientación sen usar o sentido da vista, xogos de mímica, etc. Pero tamén visualizamos diferentes fragmentos de curtametraxes cos maiores como “El circo de las mariposas” e posteriormente indagamos na vida do protagonista Mark Vujicic, unha persoa con gran afán de superación e para cal non hai obstáculos pese as dificultades.

Cos/as máis pequenos e pequenas, aproveitamos para realizar un contacontos “Cómo axudo a Antón?” e ao rematar, entre todos e todas puxemos de manifesto o que lle aconteceu a Antón e intentamos buscar solucións para resolver as diferentes situación coas que se atopa o protagonista.

Os últimos días tivemos un tempo estupendo o que nos permitiu xogar moito no exterior, onde realizamos os seus xogos favoritos como o “escondite, cachibote ou Among us”. Tampouco deixamos de lado as técnicas de relaxación, que son importantísimas, así como a hora de estudo cos máis maiores.

Ata a semana!

CUNTILÍN DI NON

Esta semana conmemoramos o Día Contra a Violencia de Xénero, e por iso dende Cuntilín levamos todo este mes realizando diferentes actividades sobre este tema.

A actividade por excelencia foi o “Concurso de marcapáxinas” . Tanto maiores como pequenos e pequenas, aportaron o seu granciño de area plasmando nos seus debuxos a tan desexada igualdade, respecto e tolerancia entre homes e mulleres, nenos e nenas. Unha vez rematados, entre todos e todas votaron ao  máis representativo de cada grupo (infantil/primaria e secundaria). Finalmente, agasallamos a cada un dos nenos e nenas co marcapáxinas gañador, sendo para eles unha sorpresa, xa que non sabían cal fora.

Pero tamén tivemos tempo para facer xogos deportivos en igualdade, visualizar a curtametraxe  “Carlitos es un abusón” e tamén traballar cos Rompecontos (démoslle a volta aos contos clásicos cambiando os roles dos/as protagonistas).

Por outro lado, venres día 20, foi o Día universal dos dereitos dos nenos e das nenas, por iso aproveitamos para coñecer os seus dereitos, e entre todos elaboraron un representativo mural (seguindo sempre as medidas anticovid).

Actividades de Igualdade I

Boas amigas e amigos do Cuntilín. xa estamos a metade de novembro, e con el chegan as actividades de igualdade para conmemorar o día 25 de este mes.

Pero antes, rematamos coa ciencia e cos científicos. Finalizamos a semana coñecendo os grandes inventos do último século, sendo  sen dúbida internet o invento que máis espertou curiosidade de todos.

Esta semana, comezámola realizando diferentes actividades de igualdade. Fixemos técnicas grupais de corresponsabilidade, análisis de letras de cancións e de videoclips co grupo dos/as máis maiores, diferentes “role playing”, e comezamos a preparar o concurso que imos a facer o día 25 de novembro.

Ademáis, houbo tempo para adicarllo ao xogo ao aire libre, deportivo así como tempo para o estudo.

Para a semana máis e mellor!Un saúdo!

A ciencia no Cuntilín

Ola a todos e todas! Esta semana no Cuntilín convertémonos en científicos e científicas!

O día 10 de novembro conmemorouse o “Día Internacional da Ciencia” e aproveitamos para coñecer un pouquiño mais o traballo deses e desas grandes profesionais, así como dos inventos máis relevantes para a historia da humanidade. Relacionado coa temática, visualizamos un extracto da película “Choiva de albóndigas”.

Aproveitando algún raíño de sol despois de moito tempo, volvemos a xogar ao “Cachibote” tanto maiores como pequenos (eso sí, cumprindo as normas e medidas de seguridade respecto ao COVID-19).

Sen esquecernos das nosas sesións diarias de relaxación ou musicais, onde a actividade claramente favorita e o “Just dance”! Todos queren dirixir os bailes!

Volvemos para a semana con máis aventuras dende Cuntilín!

 SAMAÍN TERRORÍFICO

Estes últimos días do mes, no Cuntilín, adicámolos á temática do Samaín, data que lle encanta os nenos e nenas. Fixemos xogos terroríficos como por exemplo “as tumbas musicais”, “pantasmas e vampiros”, “carreiras de momias”…

Contamos contos de medo e tamén visualizamos algún fragmento de películas de medo, e incluso fixemos o noso propio túnel do terror!

Realizamos diferentes obradoiros. Entre os máis divertidos destacaron os que levamos a cabo con materiais de reciclaxe. Por unha banda, máscaras, e por outra crearon uns divertidos monstros! Que medo daban!

Ata a próxima semana, familias!

HÁBITOS SAUDABLES

Ola a todos e todas! Estos días, no Cuntilín, continuamos traballando a alimentación saudable, pero esta semana centrámonos máis no deporte e na actividade física, promovendo hábitos de vida saudable.

Fixemos xogos de relevos de diferentes tipos: o das froitas, o das verduras etc., técnicas de relaxación como a de Jacobson Schultz, iniciación ao Ioga e as diferentes posturas…

Pero tamén houbo tempo de xogar aos “super heroes” ou ao “Comecocos, pedra, papel, tesoira” que lles encanta tanto a pequenos como aos máis maiores.

Ademáis de xogar, tamén houbo tempo para adicarllo ao estudo por parte dos/das máis maiores.

Como sabedes, estamos moi preto do día de “Samaín” polo que andamos argallando cousas moi tenebrosas! pero iso queda para a próxima…

Unha aperta!           

TRABALLAMOS A ALIMENTACIÓN

Boas! amigas e amigos de Cuntilín, aquí estamos unha semana máis. Nesta conmemoramos o Día Internacional da Alimentación (16 de outubro) e aproveitamos para ver fragmentos da película “Ratatouille”, que trata dun rato que quere facer realidade os seus soños e converterse nun gran Chef.

Cos maiores,aproveitamos para traballar a alimentación dun xeito diferente. Como está tan de moda o xogo “Among us” fixemos a nosa versión.  Había que ir pasando misións para poder reparar a nave. Dentro da nave había un impostor que convertía aos tripulantes en pantasmas .Os tripulantes, para gañar, tiñan que saber quen era o impostor ou acabar as misións, cada una das misión estaba  relacionada coa alimentación saudable.

Ademáis, seguimos coas actividades diarias de iniciación a relaxación e meditación, que cada día lles gusta máis.

Como sempre, aproveitando o bo tempo, fixemos xogos no exterior deportivos, cooperativos, por equipos etc. (sempre mantendo as distancias de seguridade).

Para a semana máis e mellor. Un saúdo!

CHEGA O OUTONO A CUNTIS

Aquí estamos amigas e amigos de Cuntilín unha semana máis. Esta, un pouquiño máis breve, pero igual de entretida!

Entre as actividades máis destacada que realizamos estes días están os xogos cooperativos (con distancia de seguridade sempre) tanto no pavillón como no patio, xogos deportivos no exterior, actividades musicais para os/as máis cativos/as ou actividades propias do outono. Sen ir máis lonxe, ata fixemos unha pequena expedición aos castiñeiros do colexio! Collemos unha morea de castañas e abelás!

Como este curso é un pouquiño diferente, aproveitando ao máximo o bo tempo e xogamos moito no exterior. Fixemos concursos de carreiras de relevos, de baile, circuítos con obstáculos,etc.

Para a semana máis e mellor! Veñen actividades interesantes, xa vos contaremos!!!!

Benvidos/as a Cuntilín!

Despois de tantos meses…por fin volvemos a Cuntilín (Cuntis)! Eso sí, dun xeito diferente, xa que agora non podemos achegarnos, temos que levar mascarillas… pero o importante e poder volver a estar xuntos (pero con metro e medio de distancia eh!).

Setembro foi un mes de adaptación ás novas normas, espazos e actividades.   Fixemos moitos xogos no exterior, podemos dicir que “O Director/a de Orquestra” foi o favorito do grupo de Infantil! Non paran de pedírnolo!!! En canto aos maiores, o xogo por excelencia foi o dos bolos. Cada un/ha coa súa botella, tiñan que tirar os bolos. O que menos puntos tivese era o gañador/a.

Coa chegada de outubro, comezamos coa programación de Cuntilín para o curso, que se chama “Cunticine”. Pero diso xa falaremos para a semana!

Un aperta para todos e todas!