Ludoteca de Verán de Caldas

REMATADAS AS AVENTURAS DESTE VERÁN

Esta semana a pesar de ser a derradeira deste verán non foi moi diferente ao resto de semanas. As actividades, xogos e visitas tivéronnos moi ocupados e ocupadas.

O martes tivemos a fortuna de recibir a visita do Club Roli, encabezado por Raquel e alumnos/as, para a realización dun Taller de Hapkido que emocionou e encantou, a partes iguais, a todas as crianzas. Moitísimas gracias a Raquel e ao Club Roli, non era o primeiro ano que viñades, pero repetiremos…foi estupendo!!

Continuamos o mércores coa visita de David Rego de Mel da Bouza, que se aventurou con nós en amosar ás crianzas como facer xabóns de glicerina e mel. Que estupendo que nenos e nenas poidan aprender algo que parece sinxelo, que xa vos dicimos que non é, e que aprendan o valor deste tipo de produtos naturais e locais.

Moitas gracias a David, e por suposto a Tamara (o noso enlace…jejeje)

O xoves tocou Festa final e reencontro con amigos e amigas deste verán… sen palabras!!

Sen enredar mais, comentarvos que, rematadas xa as aventuras de Benji, deixámosvos unha sorpresa deste para as crianzas na carpeta de fotos desta segunda quenda; agardamos que lles guste, seguro que lles fai ilusión…

Moitísimos bicos para todos e todas!!

COÑECENDO EMOCIÓNS E EXCURSIÓN FINAL DO VERÁN

Despois das festas en Caldas recuperamos a normalidade na Ludoteca e comezamos unha nova semana na Ludoteca lúdica co derradeiro misterio de Benji Holmes e a Ludoteca deportiva coñecendo o Lacrosse.

O martes todos os grupos realizamos unha visita guiada á Praza de Abastos de Caldas, gracias a Susana as crianzas coñeceron o que é unha praza de abastos, os diferentes produtos que alí se poden mercar e a importancia da produción local e de proximidade. Con esta visita aproveitamos para traballar coas crianzas da Ludoteca a alimentación saudable a través de distintas dinámicas.

A semana continuou coa visita da psicóloga Cristina Domínguez, que se centrou nun aspecto de moita importancia, as emocións. Cristina propuxo unha dinámica que consistiu en abrir unha serie de caixas de cores que contiñan imaxes, frases e obxectos relacionados cunha emoción, e sobre a que as crianzas tiñan que contestar unha serie de preguntas; entre estas destacaron: como nos sentimos ante esa emoción; como reacciona o noso corpo ante a mesma; se a consideramos boa ou mala…

Rematou a dinámica facéndose unha posta en común con todos os grupos e liberando dun xeito simbólico un globo da cor da emoción que nos tocara.

O xoves todos os grupos centráronse na realización de diferentes tipos de xogos: cooperativos, musicais, deportivos…etc.; rematamos esta xornada coa visita do Club Acuático Umia que fixeron unha presentación do salvamento deportivo e que animaron ás crianzas a participar nunhas xornadas de portas abertas que terán lugar o 4, 6 e 9 de setembro na Piscina Municipal de Caldas.

Finalizou a semana coa última das excursións do verán, para o que tivemos que madrugar algo mais do habitual, pero que mereceu moitísimo a pena: Museo do mar de Galicia en Vigo, moi cerca da praia de Samil. Comentarvos  que nos soubo a pouco, pero que vos da a posibilidade a vós de facer coas crianzas unha nova visita, porque ver todo con mais calma mellora a aprendizaxe.

Dende a Ludoteca queremos agradecer moitísimo as visitas do Club Acuático Umia,  de Cristina Domínguez e por suposto o noso agradecemento a Susana, que foi unha estupenda guía pola Praza de Abastos.

Ata a vindeira noticia,

un saúdo familias e moi boa semana para todas e todos!!

SEMANA DE VISITAS  

Esta semana na Ludoteca destacamos dúas visitas de importancia, o martes realizamos unha actividade Interxeracional co Fogar do Maior de Caldas gracias á inestimable axuda de Marta, que acompañou a Charo, Miri, Ana, Fifi e Juan (o profesor de cociña) na realización dun obradoiro de cociña moi doce.

As avoas propuxeron ás crianzas a realización do “roscón de Caldas” moi coñecido por todos e todas. Co cociñado en directo dun par de roscóns, ensináronlle os ingredientes precisos para elaboralo un por un; Juan amasou un pouco e logo repartiu anacos a cada neno e nena que quixo amasar. As avoas puxeron nese momento a súa axuda e paciencia coas crianzas, ás que axudaron coa masa e coa forma do roscón.

A seguinte visita da semana, tal como vos anticipamos, foi a da escritora Baia Fernández, coñecida por moitos/as presentoulles o seu libro “Laia”. Coa axuda de Alejandra, Carla, Olivia e Daniela, Baia fixo unha representación de Laia que encantou a todos e todas.

Dentro desta semana destacamos tamén a actividade de Kayak polo para a Ludoteca deportiva, coa que desfrutaron un montón, e a segunda saída á praia para todos os grupos que a pesar das nubes de primeira hora non foi tan mal.

Moitísimas gracias a todos e todas pola vosa colaboración, en tódolos casos foron experiencias inesquecibles para as crianzas; eternamente agradecidos.

Boa semana para todas e todos!!

SEGURIDADE VIARIA COA POLICÍA LOCAL DE CALDAS

As crianzas da Ludoteca recibiron esta semana a visita da Policía local; cada verán nos reservan algo do seu tempo, o que agradecemos infinitamente, para realizar unha charla e unha actividade práctica sobre a circulación e a seguridade (como peóns, condutores de bici, patinetes…).

Os/as mais cativos, a pesar da choiva, desfrutaron realizando un circuíto no patio cuberto do cole á vez que tiveron a oportunidade de subir a dous dos coches policiais.

Ao día seguinte tocoulles aos mais maiores, nesta ocasión o repaso das normas de circulación e a seguridade levou mais tempo porque logo tocou facer un pequeno circuíto polo centro de Caldas, oportunidade para poñer todo en práctica.

Moitísimas gracias pola experiencia tan fantástica que puido desfrutar a cativada da Ludoteca.

Por outro lado as actividades tanto temáticas como as da Ludoteca deportiva seguiron avanzando nos diferentes grupos.

LUDOTECA DEPORTIVA

Finalizado o mes de xullo coa festa de despedida, comezamos o mes de agosto coas presentacións das novas incorporacións e coñecendo deportes como o Bádminton e a figura de Carolina Marín gañadora de seis campionatos europeos e tres mundiais. Os grupos da Ludo deportiva continuaron a semana coa ruta en bici ou patinete por Caldas, xogos na Carballeira (atrapa a bandeira…) e o Ultimate, modalidade deportiva que se practica cun disco voador ou “frisbee” e co se divertiron e competiron ata o último minuto de xogo.

LUDOTECA LÚDICA

Así foi a semana dos diferentes grupos:

Katherine Johnson (2019/2020)

Novas incorporacións deste grupo, polo que comezaron o mes con xogos de presentación e no parque, un lugar especial para coñecerse e facer novos amigos.

Ao igual que o resto de grupos tiveron unhas pequenas experiencias científicas que lles gustaron moito, a parte das artísticas e creativas polas que destacaron esta semana.

Hedy Lamarr (2018)

Tamén desfrutaron das súas sesións de experimentos científicos, experiencias de observación e hábitos saudables cos Juny Tony. Estas actividades foron alternándose con grande variedade de xogos no que destacamos o Gran Twister, divertidísima experiencia.

Marie Curie (2017)

Semana chea de xogos moi diferentes e creativos: cadeiras de cores, tebras, barcos e faros, twister xigante, evolución…; semana tamén de descubrir diferentes experimentos cun “obradoiro de experimentos máxicos”: o oso invisible, a chuvia de cores, a tinta invisible, os rotuladores máxicos, o fluído non newtoniano e o arco iris máxico.

Remataron a semana nos choróns e na Tafona co misterio da “pantasma dos choróns”, no que tiñan que superar probas e retos na busca dun tesouro.

Jane Goodall (2016)

Comezaron a semana escribindo unha carta a Benji para que contase o novo misterio que tocaba resolver “a pantasma do parque dos choróns”. E coma sempre moitas actividades coas que desfrutaron toda a semana, como:

  • Contacontos “Maruxa” (colaboración nas tarefas do fogar); xogos deportivos
  • Experimentos: pementa e xabón, e ovo saltarina
  • Documental “Jane” de Jane Goodall
  • Taller: “Ábores de Galicia”
  • Carta do duende no que lles pide a elaboración de mandalas naturais
  • Land art preto do río

En canto á saída, os diferentes grupos aproveitaron a fantástica contorna para facer diversas actividades como: xogos lúdicos, “land art” preto do río, “o misterio da pantasma…” e o xogo de “atrapa a bandeira”.

Polo momento é todo…

Un saúdo para todas e todos!!

A PIQUES DE REMATAR XULLO

Ola de novo familias!!, case rematado o mes de xullo os diferentes grupos de nenos e nenas da Ludoteca seguen pasando este tempo de verán entre xogos, investigacións, aprendizaxes… que non paran!!

Esta semana tivemos como saída a visita ao Parque dos Sentidos de Marín, un espazo que ben merece unha visita e co que desfrutaron un montón, unha pena que o grupo de rapaces e rapazas da Ludoteca deportiva tivese de novo mal tempo…

O resto de actividades da semana foron igual de interesantes e diversas:

  • Resolución de novos misterios: Miau…, a caixa dos tesouros, novas pistas do trasno…
  • Talleres preparación festa final de xullo
  • Xincanas e xogos lúdicos nos patios exteriores
  • Conto “o peixe de Benji” e experimentos con auga
  • Xogos cooperativos
  • Talleres de igualdade sobre a diversidade familiar, e outro centrado en: “como nós queiramos ser ” (roupa, peiteados…sen xénero)

En canto á Ludoteca Deportiva, esta semana foi a estelar do fútbol, primeiramente con xogos de iniciación e partidos preparatorios, e logo coa celebración do Torneo de fútbol… que ganas tiñan!!

Pasade boa semana!!

RECIBIMOS A VISITA DA GUARDIA CIVIL

Boas familias!!, non vos asustedes…recibimos a visita, pero tivo unha finalidade didáctica. Este mércores os grupos de Marie Curie e Jane Goodall tiveron a oportunidade de aprender co investigador da Guardia Civil Fran, un montón de cousas sobre roubos, uns dos delitos mais comúns pola zona.

Explicoulles en que consistía o seu traballo paso a paso, dende as primeiras observacións ata a recollida de diferentes pegadas, o material que empregaba… súper interesante!!. Recolleu con eles/as as pegadas dunha man que aparecera na clase dos/as pequechos/as.

Finalmente coa axuda da Sarxento Rut nenos e nenas colocaron as impresións dixitais nun papel oficial que levaron como recordo para a casa.

O xoves recibimos de novo a visita da Sarxento Rut, da Guardia Civil de Caldas de Reis, para impartir unha charla aos rapaces e rapazas da Ludoteca deportiva sobre o “acoso escolar” que, desgraciadamente estes últimos anos estase a converter nun gran problema na sociedade. A charla foi moi interesante e esclarecedora, destacando dende o primeiro minuto a participación do grupo de nenos e nenas, que foron comentando casos coñecidos e facendo moitas preguntas que a Sarxento Rut aclarou moi ben.

Moitísimas gracias aos dous por compartir coas crianzas da Ludoteca a súa profesionalidade e tempo.

Ata a vindeira noticia familias!!

UN SEN PARAR NA LUDOTECA

Unha semana mais vos saudamos para informarvos do día a día da Ludoteca de verán; esta semana cada grupo segue avanzando tanto nas investigacións e na resolución de misterios como nos xogos e deportes. A ludoteca lúdica tivo como actividades especiais a Festa da auga,coma sempre refrescante e divertida aínda que con algunha que outra nube, e a saída por Caldas, dous grupos cunha andaina ata a Fervenza de Segade, e os outros dous con xogos lúdicos na Tafona.

Por outra banda a Ludoteca deportiva puido realizar a saída pendente á Praia do Terrón, unha andaina ao borde do río Umia e unha xornada de competicións e xogos no pavillón.

SEMANA NA LUDOTECA LÚDICA (17 ao 21 de Xullo)

Cada grupo desenvolveu as seguintes actividades:

Katherine Johnson (2019/2020)

As cativas e os cativos pasaron unha semana fantástica chea de xogos, xincanas e actividades “misteriosas”:

  • Obradoiro: “prismáticos de Benji”
  • Bingo de cores e xogos de adiviñas
  • Xogo: “seguindo as pegadas de Benji”
  • Xogos musicais e “buscando os debuxos secretos”

Hedy Lamarr (2018)

Semana moi diversa a deste grupo, aínda que o destacado especialmente foi a resolución do Misterio da desaparición de Miau, o gato da tía Maruxa; nel nenos e nenas tiveron que buscar as pegadas de Miau polo colexio resolvendo diferentes probas. Outras actividades destacadas foron:  xincanas no patio, xogos deportivos (baloncesto e fútbol) o xogo de “Bob Esponja”  e unha actividade de seguridade viaria, importante e fundamental na realización das saídas tanto por Caldas como para as viaxes en bus.

Marie Curie (2017)

O grupo de Marie Curie destacou tamén pola súa semana intensa e pola diversidade de actividades; despois dun inicio de luns con xogos de presentación e un resumo de Benji Holmes e as súas aventuras, xogaron e se familiarizaron cos retratos robot e realizaron un taller de lupas de cores. Continuaron con actividades como: 

  • Elaboración de plastilina caseira para crear e xogar con xeroglíficos
  • Xogos de impresión dixital e resolución do misterio da desaparición de Miau
  • Xogo as 4 esquinas de cores e Dobble xxl por equipos
  • Mural das aventuras de Benji Holmes
  • Xogos tradicionais

Jane Goodall (2016)

Terceria semana de ludoteca e o grupo de Jane Goodall segue desenvolvendo numerosas actividades ao longo das semanas, nesta ocasión destacaron:

  • Presentación do segundo dos misterios da Ludoteca: o gato Miau e carteis de “se busca…”
  • Obradoiro de monicreques de Benji  e xogos musicais
  • Traballando as emocións co conto “El árbol de los recuerdos”
  • Introdución aos xeroglíficos e xincana
  • Coñeceron ao personaxe de Sherlock Holmes
  • Os contos do camiño: “A viaxe das bolboretas” e “Un gato na árbore”
  • Mural sobre a diversidade e arte con rolos de papel hixiénico e cartolinas

Ah!! e unha sesión de Ioga infantil, beneficiosa para a saúde de todos e todas.

SEMANA NA LUDOTECA DEPORTIVA (17 ao 21 de Xullo)

Semana de avances, tanto coñecendo novos deportes como nas competicións entre os dous grupos, Antía García e Laia Sanz. O luns tocou unha introdución ao voleibol, secuencias de pases e partidos en pequenos equipos; continuaron a semana co torneo final e coa saída á praia, que xa tocaba.

Por outro lado, a saída por Caldas desta semana os/as levou a unha andaina ao borde do río Umia, intensa a ratos e que os cansou especialmente. Remataron a semana coñecendo e practicando o Colpbol, un deporte colectivo e integrador.

Para a semana mais …

Boa semana familias!!

NOVA SEMANA DE AVENTURAS NA LUDOTECA

Boas de novo familias!! esta semana deron comezo as excursións que quincenalmente realizamos fora de Caldas e que, como sabedes fanse en autobús, algo que lles fai especial ilusión ás crianzas.

Desafortunadamente os grupos da Ludoteca tiveron sortes dispares, se ben os grupos da Ludoteca lúdica puideron desfrutar de mañás de baño, sol e xogos, os dous grupos da Ludoteca deportiva terán que agardar un pouco mais para saír á Praia do Terrón… a choiva!!

Como actividade extraordinaria destacamos o Taller de Taekwondo que impartiu Fer compañeiro de Lúa Piñeiro, que tivo moitísima paciencia con tanto neno e nena, mil gracias Fer !!. Subdivididos en grupos por idades reencontrouse con alumnos e alumnas do ximnasio e ensinou básicos do taekwondo, arte marcial coreana.

Moitísimas gracias tamén a Lúa Piñeiro que nesta ocasión no último momento non puido acudir, pero á que citamos de novo para unha nova edición da Ludoteca de verán, esperámoste Lúa!!.

SEMANA NA LUDOTECA LÚDICA (10 ao 14 de Xullo)

Esta semana continuamos coa resolución dos misterios que nos propuxo Benji Holmes, o protagonista deste verán, xunto a outras actividades lúdicas e de aprendizaxe divertidas para as crianzas da Ludoteca.

Katherine Johnson (2019/2020)

Os/as mais cativos/as da Ludo esta semana coñeceron exemplos de “Mulleres marabillosas de Galicia”, centrándose no exemplo de María Pita, da que fixeron debuxos moi creativos. Continuaron con diferentes actividades entre as que destacamos:

  • xogo de pistas con códigos emojis; debuxos de detectives con xices no patio
  • xincana con aros, cordas, conos…; xogos cooperativos co paracaídas
  • procura do tesouro: “o roubo do diamante máxico”; decoración de barcos de papel

Hedy Lamarr (2018)

Nesta semana o grupo de nenos e nenas de Hedy Lamarr coñeceu a Sherlock Holmes, personaxe literario que lles resultou moi interesante e que plasmaron nuns chulos debuxos. Continuaron ademais a semana con actividades centradas en dous talleres: “alimentación saudable” (elaboraron dúas rodas de alimentos, os saudables e os que non o eran) e “mulleres marabillosas” con exemplos como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Verónica Boquete, Lucía Freitas… Completaron a semana con diferentes xogos no parque, xogo de pistas, xincana de obstáculos…e coñeceron a “Blasín, o ratón superdetective”.

Marie Curie (2017)

O grupo de seis anos ao longo da semana realizou actividades moi diversas: festa de disfraces e maquillaxe de cara, coñeceron os logros na ciencia de Marie Curie, cantaron e xogaron ao “fua”, resolveron o “misterio do roubo do diamante máxico” mediante retos e pistas acuáticas… Destacamos especialmente a realización de dous Talleres: Igualdade e Alimentación saudable; no primeiro traballaron sobre as profesións desmentindo as diferenzas entre xéneros, e no segundo realizaron unha “cata de froitas a cegas” co claro obxectivo de fomentar o consumo de froita entre a cativada dun xeito lúdico.

Jane Goodall (2016)

As nenas e nenos do grupo Jane Goodall tivo unha semana moi intensa, e como mostra:

  • resolución de pistas do misterio do diamante roubado; visita do trasno (duende) e resolución do primeiro dos misterios cun acertixo
  • xogos en gran grupo (tomate, miradas…); xogos de mesa por equipos
  • coñecendo os códigos segredos existentes  e creación dun código propio en pequenos grupos
  • Taller de alimentación saudable: “semáforo da alimentación”
  • Xogos de observación para mellorar a capacidade observadora dos/as nenos/as.
  • Os contos do camiño: “A viaxe das bolboretas” e “Un gato na árbore”

SEMANA NA LUDOTECA DEPORTIVA (10 ao 14 de Xullo)

Os grupos de deporte da Ludoteca completou unha nova semana de deportes e xogos, aínda que esta semana foi algo máis diversa. Destacamos como actividades:

  • final de brilé; xogos guiados; ximnasia rítmica e baile
  • gravación coreografía dirixida (deporte e baile)
  • scape room: “mulleres destacadas no deporte” para mellorar a cohesión de grupo e o traballo en equipo
  • Inicio Taller: “empatizar nun mundo diverso” (resolución de conflitos) 

Ah!! por suposto recuperarán a súa saída á Praia, quedade tranquilos/as.

Isto foi todo familias…

Saúdos

BENVIDAS FAMILIAS Á LUDOTECA DE VERÁN DE CALDAS

Ola familias!!, chegou un novo verán e por tanto unha nova edición da Ludoteca de Caldas de Reis. Comezamos a semana con moitísima ilusión e con xogos de presentación, fundamentais para coñecerse entre todos/as, sobre todo se temos en conta que este ano ampliouse a idade dos/as participantes coa Ludoteca deportiva.

Destacar antes de continuar,  a Inauguración oficial da Ludoteca que tivo lugar o mércores, e na que tivemos a sorte de recibir a visita do Concelleiro Jacobo Pérez Gulin e a Concelleira Carmen Torres Iglesias. Moitas gracias por dedicar parte do voso  tempo ás crianzas da Ludoteca de Caldas, foi un pracer.

Esta primeira semana de Ludoteca foi moi intensa para cada un dos grupos de nenos e nenas que dividimos por idades (anos de nacemento). Como as últimas edicións, cada grupo leva un nome; se o ano pasado foron animais, nesta ocasión pensamos en nomes de mulleres científicas e deportistas destacadas. Os nomes seleccionados polos diferentes grupos foron:

Ludoteca lúdica

  • Nenas/os 2019/2020: Katherine Johnson            Nenas/os 2018: Hedy Lamarr
  • Nenas/os 2017: Marie Curie                               Nenas/os 2016: Jane Goodall

Ludoteca deportiva

  • Nenas/os 2015/2014: Antía García    
  • Nenas/os 2013/2012/2011/2010: Laia Sanz

SEMANA NA LUDOTECA LÚDICA (3 ao 7 de Xullo)

A temática deste ano é especialmente divertida e chea de enigmas e misterios; co nome de “Benji Holmes e os catro misterios da Ludoteca” ímonos a centrarnos xogos sociais á vez que introduciremos ás crianzas nun mundo de aventuras no que a imaxinación será fundamental.

Katherine Johnson (2019/2020)

Logo dunhas xornadas moi intensas de xogos destacamos a presentación audiovisual de Benji Holmes protagonista da Ludoteca deste verán, co que coñeceron o traballo dun detective, e do que a continuación elaboraron un mural moi chulo: A semana rematou cun xogo de pistas pola carballeira, onde as crianzas tiñan que atopar a “axenda secreta de Benji”. 

Hedy Lamarr (2018)

Primeiro coñeceron a temática detectivesca deste verán, coñecendo e debuxando ao seu protagonista!!. Seguiu a semana con xogos polos diferentes espazos e coa presentación de quen foi Hedy Lamarr, actriz inventora dun sistema precursor do Wifi (tan importante na actualidade).  Finalizaron a semana cunha “Busca do tesouro” para o que se tiveron que preparar coñecendo o que era un emoji, e coñecendo o que é un abecedario de símbolos; crearon as crianzas o seu propio “código de emojis”.

Marie Curie (2017)

O grupo de Marie Curie centrouse esta semana na realización de xogos como as cadeiras musicais, atrapa a bandeira, o pano, bomba…etc. Coñeceron a Benji e realizaron a súa primeira aventura. Profundaron no mundo tan complexo dos códigos secretos e remataron a semana cun terceiro xogo de pistas, nesta ocasión pola fantástica  carballeira de Caldas.  

Jane Goodall (2016)

Despois dun inicio de Ludoteca con xogos de presentación este grupo iniciou sen perder un minuto a temática deste ano e, introducindo na mesma a un trasno, personaxe que anda a deixar pistas e cousas pola Ludoteca e nas casas das crianzas!!.

Continuaron a semana co primeiro dos misterios “o roubo do diamante máxico”, coñecendo por primeira vez o que eran os códigos secretos, coas trasnadas do trasno pola Ludoteca ao que se engadiron diferentes xogos por equipos (probas, paracaídas, xogos de pistas…). Destacar tamén a elaboración dun fantástico mural sobre a etóloga que lles da nome Jane Goodall.

SEMANA NA LUDOTECA DEPORTIVA (3 ao 7 de Xullo)

Dentro da Ludoteca de Verán creouse este ano a Ludoteca deportiva, enfocada aos rapaces e ás rapazas entre 8 e 12 anos de idade. Está dirixido ao fomento da maior variedade posible de xogos e modalidades deportivas, así como ao fomento dunha vida saudable e de benestar persoal.

En total fixéronse dous grupos grandes (tede en conta que en xogos por equipos é necesario) que en momentos se subdividen. Ao igual que na Ludo lúdica, os equipos levan o nome de dúas figuras femininas do deporte destacadas (Antía García e Laia Sanz).

Logo dunha primeira xornada de xogos de presentación e xogos variados (escollidos polas crianzas), presentáronse as normas e como ía ser o funcionamento da parte deportiva da Ludoteca.

O martes dedicouse ao baloncesto (xogos de tiros, pases, canastras …) xogadas e partidos en pequenos grupos. O mércores continuaron cun torneo de baloncesto xa en equipos grandes, e coa obtención das estrelas que foron colocadas no mural do torneo.

Continuaron as xornadas con diferentes tipos de xogos tradicionais,  iniciación ao Brilé e unha Xincana. Finalizaron a semana cunha mañá de competicións no pavillón deportivo de Caldas, nesta ocasión semifinais e finais de Brilé.

Seguirémosvos informando para a semana, ata entón…

Boa semana para todas e todos!!!