LudoMeis
A LUDOMEIS DESPÍDESE DO VERÁN
O venres día 29 a LudoMeis remata cunha gran festa na que todos/as os/as participantes deste verán son convidados a unha xornada de convivencia na que se compartiron diversos xogos grupais, pero sobre todo, o máis divertido para eles foron os inchables. Porque non deixan de ser nenos, e o que eles necesitan é divertirse, saltar, brincar e despedir dunha forma especial este verán cheo de aventuras.
Ademais, a música non parou de soar, nin eles pararon de bailar. Porque ao fin e ao cabo, a todos nos gusta a diversión. E así rematamos por todo o alto un día de troula todos xuntos. Ata o ano que ven… máis e mellor!
Tras unha pausa para merendar, fíxose a entrega dun bonito detalle feito con moito agarimo por parte dos monitores: un marcapáxinas personalizado co animal debuxado da clase á que pertencía cada neno/a. Ademais, do grupo das maiores, fixeron un discurso agradecendo e detallando a boa práctica feita ao logo do verán, sen dúbida unhas palabras ben especiais… Tampouco hai que esquecer que todas as creacións durante a semana foron froito de capturar momentos inolvidables no fotomatón cos seus elementos decorativos que facían lucir cunha pizca de humor para o recordo.
E ata aquí a LudoMeis 2025… Ata a próxima!
SÓ UN CAPÍTULO MÁIS NA LUDOMEIS!
Arrancamos a últia semana na LudoMeis e a rapazada non fai máis que divertirse.
Comezamos o luns creando animais con folios de cores, cartolinas, periódicos, follas das árbores… Mentres uns fixeron medusas, outros crearon orugas e mariposas. E remataron a xornada participando no xogo das sillas musicais todos xuntos.
O martes comezaron cos preparativos para as decoracións da festa final, onde crearon murais, un fotomatón e os seus complementos para fotografiar un recordo inmemorable, rematando o día todos xuntos facendo improvisacións coas distintas partes do corpo mentres que o resto adiviñaban as representacións.
Comezamos o mércores facendo unha busca do tesouro internacional polo parque da biblioteca no que os exploradores indagaron sobre as pistas e superaron os diferentes retos relativos a países como Francia, México, Xapón e Exipto, logrando desbloquear o gran tesouro! Finalizaron pensando o que lles gustaría ser de maiores e debuxándose a eles mesmos como serían no futuro.
O xoves seguimos coa faceta creativa e plasmaron sobre o papel con témpera as súas mans creando unha árbore e un cactus. Mentres, outros pegaron anacos de papel na silueta do animal que preferiron: o gato.
Finalizamos o venres cunha gran festa final…
A LUDOMEIS CONSTRÚE, CREA, IMAXINA.
Unha nova semana asoma na LudoMeis na que a rapazada segue a sorprender: comezan coa técnica do estorcido, na que cada quen crea o seu debuxo, recórtao e, con esponxas enchen de cor o folio quedando de cor branca a forma do debuxo recortado previamente. Rematan o luns con xogos de percusión corporal no que os máis pequenos traballas a corporalidade, o espacio e o tempo a diferentes ritmos (lento, rápido…).
O martes non deixa de sorprender e… todos xuntos crean un proxecto no que os máis maiores crean títeres de sombras e contan un conto simbólico na escuridade xogando coas luces e sombras aos máis pequenos. Ademais, xogaron a representar cos seus corpos figuras coa sombra de maneira que os demais tiñan que adiviñar de que se trataba. Rematan o día creando o seu propio niño, observando a contorna, recollendo elementos naturais como ramiñas e palla experimentando texturas e valorando a importancia do coidado da natureza.
O mércores tocou unha nova saída: a LudoMeis foi a Cortegada!
O xoves comezan os preparativos para a derradeira semana que aínda está por vir… para a gran festa final! Un fotomatón no que todos deixan a súa pegada e varios elementos decorativos con temática de exploradores como sombreiros, gafas e bigotes. Ademais rematan o día facendo xogos nos que se fomenta a diversidade cultural como son “A pita cega” ou “Sen fronteiras”
E o venres foi o último día de piscina, no que o tempo se comportou de xeito caloroso e puidemos despedir a semana cunha xornada refrescante.
A LUDOMEIS VISITA A ILLA DE CORTEGADA
O mércores a LudoMeis conquistou unha nova Illa: Cortegada. Emprendemos unha viaxe ata Carril (Vilagarcía de Arousa) e dende alí os exploradores dispuxéronse a cruzar o mar e descubrir novas aventuras.
Tras repostar enerxías e merendar, os nosos amigos Gemma e Luis acompañáronnos na expedición e contáronnos unha morea de curiosidades: os animais que vivían por alí, do que se alimentaban, onde vivían… Faláronnos dos picapaus, o xabaril, as gaivotas, tiburóns, vacalouras…
Ademais, a medida que avanzabamos, descubrimos que antigamente as persoas e nenos daquel lugar, vivían en paz cos animais ata que chegou un rei que o quixo conquistar botando a toda a xente que alí vivía.
Tamén puidemos apreciar os rastros dalgúns animais como as plumas dos paxaros, as súas pisadas o cheiro de árbores como o loureiro e ata unha garza real.
Xa rematando a visita, os nenos regresaban en lancha para finalizar esta visita na que tantas cousas exploraron.
A LUDOMEIS VISITA A ILLA DE ONS
Rematamos a semana cunha viaxe moi especial: a LudoMeis visita a Illa de Ons nunha gran aventura na que os nenos e nenas suben ao barco que lles levará a descubrir un novo paraxe natural.
Ben atentos a cada detalle, nada máis chegar quedan abraiados polas cores da contorna. Dispóñense a facer unha ruta, cada cal adaptada á súa idade cos guías acompañantes que lles ensinou algúns dos lugares máis curiosos.
Os máis novos coñeceron os animais da illa, árbores e plantas, xogaron coa area, a auga, coñeceron o norte cunha brúxula e visitaron un museo no que viron todo tipo de cunchas, animais e ata unha dorna!
Mentres, os máis maiores visitaron parte do parque natural, coñecendo un chisco máis en profundidade a historia e importancia deste lugar tan emblemático e por suposto valorando a necesidade de coidar esta illa.
Despois, todos xuntos dispuxémonos a coller unha das mellores zonas para comer, na praia das Dornas, onde finalmente a auga e area daquel entorno chamaba aos cativos/as a desfrutar dun tempo de lecer que para algúns se fixo moi curto…
Regresamos no barco e algúns dos máis pequenos non puideron resistirse a descansar tras unha xornada do máis emotiva.
E así finalizamos unha intensa semana na LudoMeis, xa que o venres foi festivo.
UNHA SEMANA DE ARTE NA LUDOMEIS
Unha nova semana comeza na LudoMeis… Parece que os nosos artistas están inspirados!
A rapazada comeza o luns creando o seu monicreque con materiais reciclados como son as caixas de ovos, tubos de papel… Píntannos de cores, ponlle ollos, unha boca e… uns decantáronse por un polbo e outros por un monstruo! E como non, para pasalo ben, acabaron a xornada facendo xogos de pano no exterior.
O martes seguiron creando arte, facendo un debuxo sobre papel con cola branca no que despois dispuxeron terra ou sal, obtendo un releve fantástico e rematamos a xornada da mellor forma posible para combater a calor: xogando coa auga, que é o que máis lles gusta a estes nenos e nenas.
O mércores todos os nenos e nenas decoraron de diversas formas a súa inicial: con ceras de cores, mollando os dedos en témpera para facer puntiños, brillantina… deixando voar a imaxinación e abrindo as posibilidades que a rapazada puidera propoñer. Logo saimos ao exterior, rematando con xogos de expresión corporal, imitacións de animais, películas, obxectos… poñendo en valor esta importante canle de comunicación.
E o xoves a LudoMeis fixo unha viaxe fascinante á Illa de Ons, onde descubriron unha morea de cousas!
UNHA SEMANA CHEA DE COR
Comezamos unha nova semana cargadiña de calor na LudoMeis.
Iniciamos o luns buscando elementos naturais para pintalos e facer decoracións, rematando a xornada cunha sesión de xogos de auga.
No martes fixemos unha busca de cores polo exterior, apreciando cada elemento da contorna coas súas cores así coma na vestimenta propia dun mesmo e nos demais, levando a cabo unha progresión de menor a maior dificultade que mantiña a emoción nos máis pequenos. Rematamos a mañá descubrindo novos xogos do mundo, neste caso típicos de Oceanía, que non son tan diferentes aos nosos…
Ó día seguinte puxemos a proba a nosa faceta científica e comprobamos diferentes formas de apreciar o arco da vella sen necesidade da chuvia e do sol: tan só precisamos lanternas, rotuladores de cores, cinta transparente, un rolo de papel, un recipiente con auga, un pequeno espello, un folio e… apagar as luces! Finalizamos cun taller saudable con exercicios de relaxación, identificando os movementos corporais co ritmo da música.
O xoves os nosos artistas crearon a súa obra coa técnica do collage con anacos de papel, periódicos e revistas, rematando a xornada cunha sesión de relaxación onde os nenos e nenas facían movementos corporais suaves para volver á calma despois dun día movido.
E por non variar, o tempo acompañou ata o venres para poder rematar unha semana máis na piscina!
UNHA SEMANA MOI ELÉCTRICA NA LUDOMEIS
Avanzamos no verán con outra semana do máis interesante na LudoMeis. Comezamos a semana cun paseo musical polos continentes, escoitamos música, bailamos, e descubrimos sons e ritmos de todas as partes do mundo.
No martes experimentamos coa electricidade estática: separar pementa negra dunha morea de sal, facemos fuxir a pementa nun bote de auga, atrapar papeis cun globo, peiteados moi divertidos poñendo os pelos de punta cun globo… Moitas opcións e moi divertidas para ver como traballa a electricidade estática.
Continuamos a mañá cunha gran xincana por equipos: limbo, saltar á corda, lanzamentos de aros… Todo un traballo en equipos para poder completar o circuíto.
Tamén traballamos a inclusión con xogos nos que toda a LudoMeis tiñan que traballar en equipo para poder avanzar: nun círculo grande agacharnos todos a un tempo sen poder apoiarnos coas mans ou avanzar coas pernas atadas son exemplos de como axudándonos entre nós podemos conseguir os obxectivos.
Cara o final da semana coñecemos xogos de África e danzas do mundo. Non somos tan distintos, a cativada do mundo xoga a cousas moi semellantes!
E coma sempre, para rematar a semana por todo o alto gozamos dun día do máis entretido na piscina!
A LUDOMEIS VAI A APÍPOLIS
O xoves 24 de xullo, a LudoMeis tiña un día do máis especial organizado.
Pola mañá, gozamos das instalacións e dos obradoiros que nos tiñan preparados en Apípolis.
Visitamos a exposición na que nos explicaban como traballan as abellas, como recollen o pole e todo o proceso polo que pasa ata chegar a converterse en mel.
Puidemos coñecer a indumentaria e os instrumentos que se empregan na apicultura, unha vez vestidos coa indumentaria axeitada entramos no apiario onde nos ensinaron como son as colmeas, que hai no seu interior e puidemos ver que as abellas son do máis tranquilas cando nós mantemos a calma.
Tamén fixemos as nosas propias galletas, nas que empregamos un dos produtos que saen do traballo tan bo que fan as abellas: o mel. Unhas galletas que amasamos cada un de nós e que despois levamos para as nosas casas.
Ensináronnos o método de extracción do mel dos panais, e entre todos conseguimos sacar o mel dun dos panais que as abellas xa encheran. Mel que tamén nos ensinaron a encher e dos que levamos un bote cada un.
Con outro dos produtos que as abellas nos regalan, a cera, fixemos cada un a súa vela e que por suposto, tamén levamos para a casa.
Despois dunha mañá tan interesante, achegámonos a Pontevedra, onde despois de comer todos xuntos á sombra das árbores, dispuxémonos para gozar e para refrescarnos no parque de auga da cidade.
Un día do máis emocionante e divertido!
UNHA VISITA MOI ESPECIAL NA LUDOMEIS
Continuamos outra semana máis na ludoteca, e aínda que unha semana máis curta do normal, non menos interesante.
Comezamos a semana elaborando os nosos propios xogos con material de refugallo: quebracabezas, o xogo de atopar as parellas ou un xogo para encaixar figuras xeométricas foron algunhas das opcións que lle ensinamos á cativada e polas que se decidiron a elaborar coas súas propias mans. Un folio, cores, cartón, pegamento, e, sobre todo imaxinación para facer os seus deseños propios, é todo o que precisan.
Seguimos a semana con un contacontos sobre a igualdade na contorna do parque: “Vivan as unllas de cores”, “As xirafas non poden bailar”
Despois dunha boa sesión de xogos (O pobo durme, o director musical, a bomba e moitos máis) creamos un mural entre toda a LudoMeis no que plasmamos todo o aprendido sobre a igualdade no contacontos da mañá.
O mércores foi un día do máis especial coa visita que nos fixeron os servizos de emerxencias. Protección civil de Meis, unha ambulancia de Vilagarcía e dous camións de bombeiros (un forestal e outro urbano) de Portas foron a ledicia da cativada da LudoMeis. Nunha charla do máis entretida déronlle información moi importante como a que número chamar se se atopan nunha emerxencia ou que facer se alguén se corta ou de desmaia. A continuación puideron ver o equipamento e aparellos que empregan e subir aos vehículos para observar ben de preto todas as súas partes. As sereas soaron a todo dar!
Para rematar esta visita tan emocionante, os nosos invitados agasallaron aos pequenos e pequenas cunha festa da espuma do máis especial. Toda unha experiencia!
O xoves agardávanos unha nova saída que prometía ser do máis interesante: Apípolis e o parque de auga de Pontevedra.
A LUDOMEIS EXPLORA VOLCÁNS E O DESCOBRE AS BURBULLAS IRROMPIBLES
Comezamos a semana con forza e concienciándonos das posibilidades que nos da o material de refugallo que temos polas nosas casas, nesta ocasión creamos os nosos propios instrumentos musicais (maracas, tambores en miniatura, castañolas…) Todo se aproveita!
Viaxamos ata América para descubrir algún dos seus xogos e percatámonos de que non son moi distintos aos noso, con outros nomes, e algún que outro cambio, pero no outro lado do mundo tamén se xoga ao turra soga, ao pilla pilla ou mesmo ao brilé.
Como vos exploradores nos que nos queremos converter, temos que saber un pouquiño de todo, e nesta ocasión puxémonos en modo científico e investigamos a mellor fórmula para crear unhas burbullas moi resistentes… e conseguímolo! Saían unhas burbullas moi grandes, que flotaban un bo anaco no aire e que incluso resistían algún impacto contra a nosa roupa, e todo con ingredientes que temos na nosa casa: auga, azucre, xel fixador para o pelo e xabón de lavar o pratos, pero o máis importante de todos foi a paciencia para dar coa receita perfecta.
Cos instrumentos unha vez ben secos tamén fixemos unha batucada grupal, primeiro practicamos en grupos pequenos os ritmos e despois toda a LudoMeis xunta. Aquí hai moito ritmo!
Continuamos a semana creando o noso propio volcán, e vimos de primeira man o que acontece cando se misturan vinagre e bicarbonato: o volcán entra en erupción! Tamén plantamos as nosas lentelliñas e agardamos velas medrar nos vindeiros días.
Na recta final da semana resolvemos unha serie de retos en grupos para acadar as pezas finais do misterio que debería resolver a LudoMeis ao completo. Pequenos e maiores traballando en equipo, unha mostra de que todos e todas temos algo que aportar.
E como non podía ser doutra forma e, a pesar de que o día non pintaba moi bo ao comezo da mañá, rematamos a semana coa nosa sesión de piscina. Á auga patos!
A LUDOMEIS VISITA A ILLA DE SÁLVORA
Seguimos avanzando neste verán e na LudoMeis tivemos unha semana do máis interesante, entre carreiras de ovos, inventar o noso código secreto, descubrir xogos de Asia, xogos de palmas e cancións, deixar voar a nosa imaxinación e pintar cos dedos as nosas propias mandalas, bailes e actividades nas que traballamos os valores e buscamos aquelas cousas polas que estamos agradecidos, foi pasando a semana ata que chegou o agardado xoves no que nos agardaba a gran aventura da semana: íamos en barco a visitar a Illa de Sálvora.
Toda unha experiencia na que a cativada mostrou unha vez máis o ben que se comporta e as ganas de aventuras que teñen como os grandes exploradores que son.
Na viaxe de ida tivemos a sorte de observar un grupiño de golfiños ben pretiño do noso barco, foi a ledicia de todos nós. Unha vez que chegamos á illa recibíronnos os cabalos que nela habitan de forma totalmente salvaxe, merendamos, e comezamos a xornada de descubrimentos.
Cada grupo acompañado polas guías oficias arrancaron a ruta ata a aldea. Ao longo desta camiñata a guía íanos contando curiosidades e datos importantes sobre flora e fauna. Puidemos ver as crías de gaivota e aprendemos moitas cousas interesantes sobre este animaliño, a importancia que ten para o ecosistema, a forma na que crían, e como debemos respectar o seu espazo.
No camiño atopamos cun investigador que nos explicou que estaba facendo reconto da cantidade e tipo de larvas que se atopaban na auga do lavadoiro, pois desta forma poden facer un estudo do tipo de animais que habitan a illa e de se sofren aumento ou perda de poboación. Ademais ensinounos un tritón que acababa de recoller.
Unha vez que chegamos a aldea, a guía explicounos a historia da Illa de Sálvora e as fases polas que pasou, aprendemos porque hai cabalos e cervos na illa, que a capela que vimos ao chegar no barco era unha antiga taberna mariñeira e moitos datos interesantes do que foi pasando coa illa ao longo dos anos.
Unha vez de volta no barco, emprendemos a viaxe de volta para volver ás nosas casas despois dun día emocionante.
ARRANCA A LUDOMEIS VERÁN 2025
O pasado luns 30 de xuño arrancou a LudoMeis Verán 2025, programa que se estenderá ata o 29 de agosto en horario de 07:30 a 15:00, cuns horarios de entrada e saída flexibles co obxectivo de facilitar nun maior grao a conciliación familiar.
Esta primeira semana adicámola á presentación da cativada, coñecer ao monitorado e crear un ambiente de confianza e un lugar no que a diversión adquire o papel protagonista.
Presentámoslles a temática que guiará esta ludoteca de verán, que nesta ocasión busca converternos en auténticos exploradores do saber e que, a través da arte, ciencia, deporte, retos, valores e moito máis, exploremos o mundo que nos rodea e coñezamos outras culturas.
Aproveitando as altas temperaturas fixemos xogos con auga nos que traballamos a axilidade, a puntería, o equilibrio e o traballo en equipo, habilidades que todo bo explorador debe ter a punto sempre.
Ademais, puidemos gozar de dúas xornadas na contorna do parque da Praza de España e da Casa do Escudeiro, onde fixemos xogos de circuítos, practicamos ioga ao son da música, observamos a contorna en busca de insectos e outros seres vivos, e tamén visitamos a Biblioteca Municipal en busca de información sobre xogos doutras partes de Europa aos que posteriormente puidemos xogar. Un bo explorador ten que saber onde atopar a información que precisa.
Tivemos a sorte ademais de atoparnos coa furgoneta da campaña Galicia sabe Amar que se atopaba na praza de España e fixémoslles unha visita na que puidemos degustar unhas croquetas de polbo e unha tosta de mexillón. Incluso nos agasallaron cunha clase sobre o uso e funcionamento das nasas. Toda unha experiencia para o noso grupo de exploración!
Para rematar a semana, tivemos a sorte de que o clima nos acompañou e a xornada de piscina foi todo un éxito.













