Escola e Campus de Verán de Valga
DE EXPLORADORES A LOCUTORES: UNHA SEMANA INESQUECIBLE EN VALGA
Na Escola de Verán de Valga seguimos a gozar de días cheos de aventuras, aprendizaxes e momentos para compartir. Nesta última semana vivimos unha gran variedade de actividades que combinaron xogo, ciencia, creatividade e misterio.
Comezamos con dinámicas moi divertidas que puxeron a proba a nosa imaxinación e traballo en equipo, como a busca do tesouro “os paus perdidos”, os xogos de construción con paus de xeado ou propostas tan orixinais como O Inquilino e o fútbol de cangrexos. Non faltaron tampouco os xogos cooperativos, que nos fixeron rir e colaborar, como A Araña, Policías e Cacos ou Latas de Sardinas.
Houbo tamén tempo para a ciencia e a experimentación, cun obradoiro no que fixemos un volcán en erupción, pompas de xabón xigantes e sorprendentes lámpadas de lava. Ademais, gozamos de xogos de movemento e desprazamento, como carreiras de carretillas, a serpe ou percorridos tolos que puxeron a proba a nosa velocidade e coordinación.
A creatividade estivo moi presente coa construción de niños e a elaboración de instrumentos con materiais de refugallo, así como cos coloridos tarros de sales, que enchéronnos de ilusión.
Un dos momentos máis especiais foi a nosa achega ao mundo da comunicación, coñecendo Radio Valga, facendo dedicatorias e mesmo elaborando un agasallo para a emisora. A visita ás súas instalacións converteunos en verdadeiros locutores e locutoras, vivindo a experiencia de falar en directo nun programa. A xornada completouse cunha merenda no Parque Irmáns Dios Mosquera, desfrutando do tempo libre xuntos e xuntas.
En resumo, foron días cheos de aprendizaxes compartidas, risas e novas experiencias que fan desta escola de verán un espazo inesquecible.
A ESCOLA DE VERÁN DE VALGA VIVE UNHA SEMANA CHEA DE CIENCIA, CREATIVIDADE E DIVERSIÓN PASADA POR AUGA
A pasada semana estivo marcada polas altas temperaturas provocadas pola ola de calor, polo que na Escola de Verán de Valga dedicamos boa parte das xornadas a xogos e festas de auga, perfectas para refrescarse. Nas primeiras horas do día, aproveitamos para realizar actividades creativas e de aprendizaxe, mantendo sempre o espírito lúdico que nos caracteriza.
Un dos momentos máis especiais chegou cando nos convertemos en auténticos exploradores da ciencia. Fixemos experimentos como a “explosión de cores” e o “arcoíris”, e descubrimos que a ciencia tamén pode ser arte: creamos unha pintura a base de cola e espuma de afeitar que, ao secar, inchaba, mesturando así a ciencia coa creatividade.
Non faltaron tampouco os retos en equipo: dividímonos en grupos mixtos para participar nunha competición de construción de torres, pintamos mandalas e divertímonos con xogos de pano.
O broche de ouro chegou o venres coa saída á Área Recreativa de Dios Mosquera. Comezamos a mañá xogando no parque e, despois da merenda, coa calor no seu punto máis alto, gozamos dun refrescante chapuzón no río, sempre baixo a atenta vixilancia das monitoras e dun socorrista.
Foi, sen dúbida, unha semana marabillosa na que aprendemos, xogamos e nos refrescamos, vivindo ao máximo cada momento da Escola de Verán de Valga.
COMEZA UNHA NOVA EXPEDICIÓN EN VALGA
A semana pasada despedimos con moita alegría e agarimo aos nenos e nenas que nos acompañaron durante a segunda quincena de xullo. Celebramos unha festa de despedida moi especial na que as crianzas puideron pintarse a cara, poñerse tatuaxes e compartir momentos únicos coas súas compañeiras e compañeiros.
O venres demos a benvida aos novos participantes desta primeira quincena de agosto, e que mellor maneira de comezar ca xogando! Fixemos diferentes dinámicas de presentación para coñecernos mellor, como o xogo do “Nome con xestos”, onde cada persoa dicía o seu nome acompañado dun xesto divertido que todos e todas tiñan que repetir. Tamén xogamos á “Carreira de nomes”, onde unha monitora nomeaba un gusto —como por exemplo, “gústanche os animais?”— e quen compartía esa afección daba un paso adiante. Deste xeito comezamos a conectar por afinidades e a crear novos vínculos.
Unha vez presentadas todas as persoas participantes, chegou o momento de coñecer a temática desta quincena: a exploración! Para iso realizamos unha emocionante xincana de benvida, na que as crianzas, guiadas por un mapa, pasaron por diferentes estacións representativas dos bloques que traballaremos ao longo destas dúas semanas. A primeira estación foi a creación dun mural en equipo, onde desenvolveron a súa creatividade mentres aprendían a colaborar e compartir ideas. A continuación, chegou o momento de dar valor ás emocións, á igualdade e aos bos tratos coa actividade “A mochila do compañeirismo”, onde cada participante debuxou valores importantes para levar nesta viaxe como exploradores e exploradoras. A última estación foi o “enigma final”, un reto onde tiveron que resolver unha proba en equipo creando unha réplica dunha torre de vasos.
Superadas todas as probas, cada neno e nena recibiu o seu carné de explorador ou exploradora, que decoraron e personalizaron debuxándose a si mesmos neles, listos e listas para comezar esta nova aventura!
O luns viaxamos á prehistoria e as crianzas convertéronse en auténticos artistas rupestres, creando as súas propias obras inspiradas nas antigas pinturas das covas. Como esta semana estivo marcada polas altas temperaturas, tamén dedicamos moitos momentos ao xogo con auga e á celebración de festas refrescantes, ideais para combater a calor mentres nos divertimos. Ademais, introducímonos no mundo da ciencia cos “Experimentos arco da vella”, unha proposta onde os nenos e nenas puideron observar sorprendentes reaccións e gozar da maxia da experimentación.
E, por suposto, tamén houbo tempo para xogos clásicos e moi queridos como o brilé, o pato chosco, a bomba e moitos outros que enchen os nosos días de risas, movemento e aprendizaxes compartidas.
Seguimos explorando, creando e desfrutando. Ata a próxima semana!
SEMANA CURTA PERO CHEA DE EMOCIÓNS NA ESCOLA DE VERÁN DE VALGA!
A semana pasada foi curta… ¡pero intensa! Comezamos con moita ilusión co noso xa famoso Got Talent da Escola de Verán de Valga, onde as crianzas puideron ensaiar os seus números e, nun escenario improvisado, mostrarnos os seus marabillosos talentos. Canta creatividade e valentía!
Durante a semana tamén tivemos tempo para seguir explorando diferentes habilidades. As crianzas mergulláronse na ciencia con vasos de papel, observando con sorpresa como as cores viaxaban dun recipiente a outro. Tamén desenvolveron a súa creatividade a través do arte, coñecendo o estilo pop art e creando as súas propias versións coloridas e expresivas. A linguaxe e o pensamento lóxico estiveron presentes nas actividades de códigos secretos, onde tiveron que descifrar mensaxes ocultas coma verdadeiros exploradores. Ademais, demostraron a súa destreza manual na sesión de papiroflexia, transformando simples follas de papel en figuras sorprendentes feitas coas súas propias mans.
Tivemos tamén unha saída moi especial: unha andaina ata a área recreativa de Valga e o Parque da Anguía, onde merendamos ao aire libre e xogamos en grupo. Unha experiencia máis para recoller no noso Caderno de Exploradores e Exploradoras.
E como esta quincena está a piques de rematar, que mellor que despedila con unha chea de enerxía? Dedicamos esta semana ao deporte, organizando equipos mixtos de maiores e pequenos para participar en torneos de fútbol, baloncesto, dach ball e balonmán. Foron xornadas cheas de movemento, compañeirismo e moita emoción!
Seguimos sumando aventuras inesquecibles neste verán en Valga 🌿🏕️
UNHA SEMANA MÁIS DE AVENTURAS NA ESCOLA DE VERÁN DE VALGA
Despois dunha semana anterior chea de emocións e actividade, esta semana na Escola de Verán do Concello de Valga tomámola cun pouco máis de calma, pero sen deixar de lado a nosa misión como grandes exploradoras e exploradores.
Comezamos descubrindo o mundo dos insectos que habitan no patio do colexio e mesmo construímos casiñas para darlles un lugar onde refuxiarse. Continuamos explorando a natureza a través da técnica da estampación con follas das árbores, creando verdadeiras obras de arte coa súa silueta.
A música tamén estivo presente grazas ás estatuas musicais, que nos axudaron a traballar o ritmo dun xeito lúdico. Ademais, tivemos un taller emocional a través do conto “Ups, se me ha escapado un miedo”, no que puidemos falar dos nosos medos e aprender a relativizalos a través dunha dinámica grupal.
Nesta semana tamén entramos no mundo dos códigos secretos, mellorando as nosas habilidades como auténticos exploradores e exploradoras. Ademais, deseñamos a nosa propia banda e carnet de explorador, todo un símbolo da nosa identidade nesta aventura estival.
A nosa mirada exploradora levounos tamén a observar o espazo desde outra perspectiva: as figuras xeométricas. Ademais, puxemos a proba a nosa memoria e coñecementos cunha divertida batalla de preguntas.
A creatividade non faltou, grazas ao taller de arcilla no que puidemos experimentar con texturas e formas. E, como non podía ser doutro xeito, tamén gozamos dun refrescante taller de auga con pompas, ideal para estas xornadas tan calorosas.
Como sempre, non faltaron os xogos deportivos, entre eles o brilé, o xogo da bomba, atrapa a bandeira ou as divertidas sardiñas enlatadas. E para poñerlle o broche final á semana, celebramos unha nova Festa da Auga, perfecta para combater a calor e gozar xuntas e xuntos dunha mañá chea de diversión.
A ESCOLA DE VERÁN DE VALGA TRANSFORMA OS NENOS E NENAS EN AUTÉNTICOS EXPLORADORES
A Escola de Verán de Valga deu comezo cunha intensa e divertida programación na que os participantes se preparan para converterse en verdadeiros exploradores e exploradoras. Durante estes primeiros días, as crianzas participaron en actividades como escape rooms, xincanas e buscas do tesouro, co obxectivo de poñer a proba a súa atención e capacidade de traballo en equipo.
Pero non todo foi movemento e aventura: tamén houbo tempo para a creatividade. Os nenos e nenas exploraron o mundo das artes plásticas a través de actividades como o deseño do escudo do grupo, a creación de collages e a práctica de diferentes técnicas de pintura.
Para combater a calor do verán, organizáronse divertidas festas da auga nas que, ademais de superar diferentes probas, gozaron xogando con pistolas de auga e refrescándose entre risas.
Como remate desta primeira quincena, o luns realizouse unha excursión á Mina Mercedes, onde puideron explorar a natureza e desfrutar das instalacións do parque. E o martes recibiron a visita do grupo Ritmos con Alma, composto por unha clarinetista, unha contrabaixista e unha educadora social. Con elas participaron na actividade A hora do ritmo, unha proposta lúdica e dinámica coa que se busca achegar ás crianzas a instrumentos menos habituais para elas, como o clarinete ou o contrabaixo, fronte a outros máis populares como a guitarra ou a batería.
A Escola de Verán continúa con máis actividades cheas de aprendizaxe, diversión e moita imaxinación.
COMEZA A ESCOLA DE VERÁN DE VALGA CON MOITA ENERXÍA E ESPÍRITO EXPLORADOR!
O luns 1 de xullo deu comezo a Escola de Verán do Concello de Valga no CEIPP de Baño-Xanza, enchendo de ilusión e movemento o patio do colexio. Nesta primeira quincena recibimos ao grupo de participantes que nos acompañarán nas mañás de verán, en horario de 9:00 a 14:00.
A xornada arrancou cunha cálida acollida e diversos xogos de presentación que nos axudaron a coñecernos mellor. Tras iso, fixemos a división por grupos de idade para adaptar mellor as actividades ás necesidades e intereses de cada neno e nena.
Xa en grupos, realizamos xogos de distensión para romper o xeo e dar paso á gran novidade deste ano: a temática “Exploradores do Saber”. Unha proposta chea de aventuras, aprendizaxes e retos que nos acompañará ao longo de todo o verán.
Os primeiros pasos desta viaxe incluíron probas divertidas para activar a imaxinación e a creación do seu propio escudo, símbolo da súa identidade como auténticos exploradores e exploradoras.
Arrincamos así un verán cheo de descubrimentos, xogos, amizade e diversión!







