Escola de Verán de Dodro

ATA OUTRA!!

Boas tardes familias!

O día de hoxe, 31 de Agosto, tivo lugar a entrega de diplomas na Escola de Verán de Dodro. Os nenos e as nenas participantes tiveron a oportunidade de despedirse de todos os seus compañeiros e compañeiras, así como dos seus monitores.  Foi unha mañá moi divertida, onde se desenvolveron cantidade de dinámicas e de xogos.

Simplemente queda agradecer ás familias e á totalidade de profesionais que fixeron posible esta agradable experiencia. Esperamos vervos a todos e a todas de volta o ano que ven.

Feliz verán!

NON QUEREMOS QUE ESTO REMATE!!

Boa tarde familias! Que tal o pasamos nestes días de festa? Esperamos que estupendamente.

Como cada Xoves, traémosvos un breve resumo das actividades realizadas na última semana na Escola de Verán de Dodro. Comezando polos obradoiros, destacamos o de xogos tradicionais, onde elaboramos os nosos propios xogos con material reciclado e reutilizado: tiro á diana, golf, bolos, tiro ó aro, comebolas… Animámosvos a ver o estupenda que nos quedou a área de xogo no apartado de fotografías! Tamén realizamos a última das actividades vinculadas ó obradoiro de “emerxencia climática”. Nesta ocasión, reflexionamos acerca de solucións individuais que como nenos e como nenas podemos levar a cabo no noso día a día, co obxectivo de coidar o noso planeta e de garantirlle un futuro mellor. Ademais destes obradoiros, tamén desenvolvemos actividades en temática de igualdade. Esta vez centrámonos no bo trato, en termos de igualdade e equidade, así como na elaboración de escritos facendo uso da linguaxe inclusiva.

Por outra banda, como todas as semanas desenvolvemos cantidade de dinámicas e de xogos, de índole cooperativa e deportiva. Tamén realizamos técnicas de relaxación, encántanos escoitar música para pintar! Pero sobre todo, para bailar! Somos uns grandes bailaríns e bailarinas! Ademais, no día de hoxe elaboramos en conxunto un bonito mural para expoñer ás familias o último día da Escola de Verán, que coincide coa entrega de diplomas. O día de mañá terá lugar a última festa da auga, polo que o pasaremos en grande!!

Para terminar, deixámosvos esta breve noticia realizada polos nenos e nenas máis maiores da Escola de Verán, que nos sigue emocionando a pesar de lelo unha e outra vez:

A escola de verán está chegando ó seu fin, e non queremos que remate! As nenas e nenos que nela participamos pasamos un verán moi divertido. Durante este tempo que compartimos o que máis nos gustou de formar parte da escola foi poder facer novos amigos e amigas. Foron unhas semanas moi entretidas pola multitude de xogos que realizamos, incluso inventamos xogos propios! Encantounos poder facer festas de auga, escoitar música e facer coreografías. Este ano a escola de verán foi un espazo no que deixar voar a imaxinación e desenvolver a nosa creatividade. Botaremos moito de menos ó monitor e ás monitoras. Esperamos poder estar xuntas e xuntos o ano que ven!

Gracias ós nenos e ás nenas participantes e ás súas familias por esta fabulosa experiencia. Vémonos o día 31 na entrega de diplomas, a partir das doce e media. Recordade que os nenos e as nenas participantes, independentemente da súa quenda, poden asistir á escola de verán neste día, a partir das nove e media.

Feliz semana familias!

XA NON QUEDA NADA!!

Moi boas familias!

Dende a Escola de Verán de Dodro damos a benvida a última quenda de Agosto. Como é habitual, dedicamos o primeiro día ó desenvolvemento de dinámicas e de xogos de presentación, co fin de favorecer unha boa acollida e integración dos novos nenos e nenas participantes.

En canto ós obradoiros realizados, destacamos os de igualdade de oportunidades, onde se traballaron as desigualdades de xénero na práctica deportiva. “As cores da natureza” é o nome que recibe outro dos obradoiros desenvoltos. Neste caso, os nenos e as nenas elaboraron murais nos cales se representaba o patio da Escola de Verán. Debuxamos moitísimos árbores e un grande sol, propio destes días de Agosto! O terceiro dos obradoiros está relacionado coa temática “emerxencia climática”, e nesta ocasión concienciámonos sobre a importancia de manter a Terra libre de lixo, polo que nos puxemos mans á obra e recollemos os plásticos e outros residuos esquecidos no patio escolar. Ademais, como levamos facendo varias semanas, traballamos no bo coidado do horto. Por último, e tendo en conta que nos encanta a música, tamén levamos a cabo un obradoiro sobre os instrumentos musicais. Aprendemos a identificalos, e incluso elaboramos as nosas propias maracas facendo uso de material reciclado!

Por outra banda, realizamos cantidade de dinámicas e de xogos: cooperativos e deportivos, mímica, representacións teatrais, contacontos, bailes, papiroflexia, bolos..  E que na Escola de Verán de Dodro sempre o pasamos estupendamente!

Ata a semana, familias!

REMATANDO A PRIMEIRA QUENDA DE AGOSTO.

Boas familias!

Como todas as semanas, achegámosvos un breve resumo das actividades e xogos que realizamos na Escola de Verán de Dodro nesta segunda semana de Agosto.

En canto ós obradoiros desenvoltos, realizamos diferentes actividades entorno a tres temáticas principais: a pegada de carbono, a alimentación saudable e as mulleres na ciencia e na natureza.

Comezando pola pegada de carbono, reflexionamos, a través do análise de contido audiovisual, acerca da importancia de reducir a nosa pegada. Así, tratamos de medir a propia pegada de carbono no día a día, e consideramos variedade de alternativas e de accións para reducila.

O obradoiro saudable ten por obxectivo concienciarnos arredor dos bos hábitos alimenticios, polo que elaboramos unha pirámide alimenticia e reflexionamos sobre os alimentos que se deben consumir diariamente e aqueles outros de consumo máis ocasional e/ou incluso opcional. Aproveitamos a hora de merenda do recreo para asentar os coñecementos traballados.

As mulleres na ciencia e na natureza é un obradoiro no que se pretende reflexionar sobre o relevante papel que desenvolven as mulleres en diferentes ámbitos científicos, así como as dificultades ás que se tiveron que afrontar ó longo da historia. Neste caso, a protagonista do obradoiro foi Ángeles Alvariño, oceanógrafa, zoóloga e profesora galega. Tamén se desenvolveron dinámicas para romper cos estereotipos de xénero que poidan existir asociados ás profesións.

Por último, realizamos numerosos xogos na natureza, de índole deportiva e cooperativa. Pero tamén nos gusta o xogo libre, polo que desfrutamos de numerosos tempos para deixar voar a nosa imaxinación!

Venres é o último día da semana, e tamén da primeira quenda de Agosto, polo que aproveitamos este espazo de difusión para agradecer ás familias que nos acompañaron ó longo destas semanas de verán, por todo o apoio e compromiso amosado.

E mañá, aproveitando o bo tempo, faremos unha festa da auga! Para despedirnos dos nenos e das nenas que rematan nesta quenda, ó grande!

Feliz Agosto familias!

EMPEZAMOS AGOSTO

Boas tardes, familias!

Na Escola de Verán de Dodro damos a benvida ó mes de agosto, e tamén ós novos integrantes na nosa comunidade. Como non podía ser doutro xeito, comezamos a primeira quenda de agosto realizando dinámicas de presentación e de inclusión, co propósito de garantir un bo acollemento dos nenos e das nenas de novo ingreso nos seus respectivos grupos, e, en xeral, na vida do campamento.

Unha vez realizadas as presentacións, desenvolvemos cantidade de obradoiros e de xogos, así como transplantamos as sementes plantadas na anterior quenda ó horto escolar. O tema central da semana é o mar, polo que se realizaron diferentes actividades encamiñadas a reflexionar sobre a importancia de protexer os océanos e os mares.

Somos nenos/as, pero podemos axudar a salvar os océanos e os mares, así como defender o medio ambiente, e sabemos como facelo! Manter o noso barrio limpo, reciclar e reutilizar, reducir o uso de plástico, consumir peixe obtido de fontes sostibles…

Tamén desenvolvemos obradoiros de igualdade, onde reflexionamos sobre os roles e estereotipos de xénero a través das representacións teatrais, así como realizamos actividades para a mellora da autoestima, mediante a identificación de calidades positivas propias. Encantounos o obradoiro de emocións, onde elaboramos o noso propio mostro come medos!

E ata aquí o resumo da semana, nos próximos días achegarémosvos máis novas sobre a Escola de Verán.

Saúdos, familias.

Xa estamos de volta, familias!

Esta semana, aproveitando a celebración dos Xogos Olímpicos de Tokyo, decidimos desenvolver as nosas propias Olimpíadas na Escola de Verán de Dodro. Facendo uso dos recursos naturais que nos brinda a contorna do centro, así como de diferente material reutilizado e/ou reciclado, realizamos diferentes obradoiros e cantidade de xogos. Tras a elaboración de medallas, bandeiras e pancartas, demos comezo ás Olimpíadas, nas que os nenos e as nenas competían pola medalla nos seguintes deportes: carreira de relevos, ximnasia rítmica, bádminton e fútbol. Pero ó final, como o importante é participar e pasalo ben, todos e todas as participantes recibiron a súa medalla.

Ademais das Olimpíadas, desenvolvemos outros obradoiros, como son “os seres vivos” e os de igualdade. En canto ás actividades realizadas acerca dos seres vivos, estudamos as súas funcións vitais, así como a importancia das cadeas tróficas nos diferentes ecosistemas. En relación cos obradoiros de igualdade, centrámonos na identificación de roles e estereotipos de xénero en contos tradicionais e/ou en personaxes de xogos de rol.

Por outra banda, realizamos diferentes técnicas de relaxación e practicamos ioga. Encántanos escoitar música clásica mentres pintamos mandalas!

Mañá é o último día da segunda quenda de Xullo, e toca despedirse dalgúns nenos e nenas, polo que decidimos realizar unha festa de disfraces, na que desenvolveremos moitísimos xogos e o pasaremos en grande!

Ata aquí as novas desta semana. Non queda máis que agradecer ás familias que nos acompañaron neste mes de Xullo, por facer tan agradable esta experiencia. Dende a Escola de Verán de Dodro desexámoslle un feliz verán!

Saúdos, familias.

As árbores.

Boas tardes, familias!

Estades desfrutando do verán? Esperamos que si! Pois os nenos e nenas da Escola de Verán de Dodro estámolo a pasar moi ben, á vez que aprendemos cantidade de cousas novas, non si?

A segunda quenda de Xullo dedicámola ás árbores. Mediante o desenvolvemento de obradoiros e de xogos, tomamos conciencia sobre a importancia que teñen os bosques para o planeta. Tamén estudamos a variedade de árbores autóctonas do noso territorio, á vez que facemos rutas polo recinto escolar para tratar de recoñecer cada unha delas. A deforestación pon en perigo a vida da Terra, polo que tamén poñemos en valor a importancia de plantar, plantando a nosa propia árbore!

Por outra banda, en relación có coidado do planeta, tamén traballamos arredor da reciclaxe, realizando unha serie de actividades que teñen por obxectivo concienciar sobre a necesidade de cumprir a regra das “tres R” -reducir, reutilizar e reciclar- para mellorar o mundo.

Estas son tan só algunhas das actividades que realizamos, entre moitísimas máis: obradoiros de igualdade, teatro, mímica, xogos deportivos e cooperativos…

Esperámosvos por aquí a próxima semana, onde vos contaremos máis experiencias do campamento de verán de Dodro.

Saúdos!

Ola de novo!

Transcorrida a primeira quenda de Xullo, non queda máis que agradecer ós nenos e nenas participantes, así como ás súas familias e ó conxunto de profesionais que fan posible o correcto funcionamento da Escola de Verán, e o máis importante, que a dotan dun sentido de comunidade e de compromiso mutuo.

Os primeiros días de campamento adicámolos, principalmente, ó desenvolvemento de dinámicas de presentación, co obxectivo de garantir o coñecemento entre os/as participantes na Escola de Verán e os seus monitores/as, que os acompañarán ó longo desta experiencia. Unha vez familiarizados/as cos espazos e cos seus integrantes, realizamos numerosos xogos -de distensión, deportivos, cooperativos…-, bailamos, escoitamos contos e reflexionamos sobre os mesmos, participamos en diferentes obradoiros -xestión das emocións, igualdade, ecoloxismo…- e incluso, cada Venres, fixemos a festa da auga!

E recordade, estamos en tempos de pandemia, polo que é importante seguir extremando precaucións para que os máis pequenos/as poidan seguir disfrutando do verán no campamento.

Feliz día familias!

Moi boas, familias!

Dende a Escola de Verán de Dodro dámosvos a benvida a este espazo de difusión de noticias, onde vos manteremos informadas das diferentes actividades lúdicas e formativas que se están a desenvolver no campamento, baixo o lema “Non hai planeta B!”.  

Estade atentas ás novas, pois iremos actualizando as noticias cada semana.

Unha aperta!