DiverTeo Ramallosa

A GRAN AVENTURA DOS/AS EXPLORADORES/AS DA RAMALLOSA CHEGA AO SEU FIN CUN VERÁN INESQUECIBLE

A expedición da Ramallosa chegou á súa última xornada, poñendo punto e final a un campamento de verán cheo de emocións, aprendizaxes e grandes momentos. Foron días intensos nos que vivimos multitude de experiencias e fixemos innumerables descubrimentos, sempre acompañados pola forza da amizade, o espírito de compañeirismo e unha boa dose de diversión.

As actividades sucedéronse sen descanso: xogos ao aire libre, obradoiros creativos, xornadas de piscina, roteiros pola natureza, xogos de auga e multitude de desafíos cheos de imaxinación que fixeron este verán moi curto. Entre bailes, cancións e novas amizades, todos e todas levamos na mochila recordos inesquecibles e a ilusión de repetir a aventura.

O campamento da Ramallosa despídese ata o próximo ano coa satisfacción de ter construído entre todos un verán máxico, do que cada explorador e exploradora leva consigo un destello de felicidade e unha morea de historias para contar.


RECICLAXE CREATIVA E MOITA AUGA!!!

No Campamento da Ramallosa non hai tempo para aburrirse! Cada día é unha nova oportunidade para aprender, divertirse e crear recordos inesquecibles. No noso campamento, cada día é unha aventura diferente!

O alumnado de Educación Infantil mergullouse nunha chea de actividades nas que a imaxinación e o coidado do medio ambiente foron os protagonistas. A partir de materiais reciclados, deron vida a fermosas bolboretas feitas co cartón do papel hixiénico, simpáticos saltóns e tartarugas creados con caixas de ovos, e incluso coches e obxectos fantásticos utilizando tapas de plástico e caixas de cartón. A Ramallosa transformouse nun pequeno obradoiro de arte e enxeño, onde cada neno e nena converteuse en inventor/a e artista ao mesmo tempo.

Mentres tanto, o alumnado de Educación Primaria gozou de xornadas cheas de emocións ao aire libre. A piscina foi o lugar perfecto para refrescarse e xogar, mentres que a tirolina puxo a proba a súa valentía. Ademáis, participaron en multitude de xogos de auga e divertidas probas de equipo.


CHEGOU AGOSTO!!! VIAXAMOS A OCEANÍA E APRENDEMOS OS VALORES MÁIS IMPORTANTES DAS PERSOAS!!!

Este mes de agosto todos campamentos de verán do Concello de Teo unímonos para compartir experiencias inesquecibles na Ramallosa. As nenas e nenos de Os Tilos, Calo e A Ramallosa xuntámonos para crear un espazo de convivencia, xogos e aprendizaxe en común, facendo que o verán sexa aínda máis especial!!!

O alumnado de Educación Infantil iniciou o mes cunha emocionante viaxe imaxinaria a Oceanía. Como auténticos exploradores e exploradoras, descubrimos os segredos deste continente máxico converténdonos en koalas, abrazándonos uns aos outros como fan estes simpáticos animais e bailando ao ritmo da música tradicional australiana.

A través de contos, xogos de pistas e manualidades, aprendemos moito sobre as súas paisaxes, as súas culturas e as súas cores. Incluso fixemos un túnel sensorial inspirado na Gran Barreira de Coral, onde puidemos tocar, ver e escoitar como se vive debaixo do mar.

A rapazada de Educación Primaria centrou o seu traballo en construír un mundo mellor tendo moi presente a importancia dos valores. Estes días creamos entre todos e todas un mural colaborativo sobre a amizade, o respecto, a igualdade, a honestidade, a empatía e a solidariedade.

A actividade comezou con dinámicas de grupo para reflexionar sobre cómo nos tratamos uns aos outros e cómo queremos que sexa o noso entorno. A continuación, cada crianza fixo un debuxo representativo dun valor e escribiu unha frase que o definise. Completamos o mural con mensaxes positivas, pegadas das nosas mans e debuxos simbólicos, como corazóns, pontes e mans unidas.

Tamén participamos en xogos cooperativos, pequenas representacións teatrais e creación de contos colectivos, nos que estes valores foron os protagonistas.


IGUALDADE, TOLERANCIA, INCLUSIÓN E RESPECTO NA RAMALLOSA!!!

Ramallosa, 29 de xullo de 2025 — Este martes, o alumnado de Educación Infantil gozou da lectura do conto “O Arco da Amizade”, unha fermosa historia que lles amosou a importancia da tolerancia e a beleza das diferenzas, descubrindo que cada persoa é única precisamente por ser diferente. Ao remate da lectura pintaron un fermoso debuxo sobre o conto.

Pola súa banda, o alumnado de Educación Primaria participou nunha divertida e educativa “Xincana pola Igualdade”, onde cada cor da bandeira LGTBI simbolizaba un valor fundamental para a convivencia. A través do xogo, aprenderon a respectar aos demais e a valorar a diversidade como unha riqueza común.

Foi unha xornada chea de aprendizaxe, alegría e compromiso cos valores que constrúen unha sociedade máis xusta e inclusiva.


A RAMALLOSA VIBRA COA BANDA DE MÚSICA CULTURAL DE TEO!!!

Ramallosa, 21 de xullo de 2025 — O pasado luns, o campamento da Ramallosa recibiu unha visita moi especial: a Banda de Música Cultural de Teo!!! que nos agasallou cun Concerto Didáctico que resultou ser unha auténtica festa!!!

Baixo a batuta do director D. Javier González Borrajo, a Banda ofreceu unha actuación que combinou maxistralmente música e aprendizaxe. Durante o concerto, os rapaces e rapazas puideron coñecer de preto os distintos instrumentos que compoñen unha Banda: os instrumentos de vento madeira, vento metal e percusión, descubrindo os seus sons individualmente e a súa función dentro da agrupación.

A xornada estivo chea de ritmo e diversión. A Banda interpretou pezas tradicionais como pasodobres, muiñeiras e marchas de desfile, pero tamén sorprendeunos cun repertorio moi especial tocando cancións que escoitamos na radio como “Esa Diva” de Melody, “A Morocha” e mesmo a banda sonora de “Bob Esponxa”.

Un dos momentos máis emocionantes foi cando o propio director invitou aos asistentes a subir ao escenario e probar a dirixir á banda: “Miña nai querida!!! Que experiencia máis fermosa dirixir unha Banda!”, exclamaban entre risas e entusiasmo os participantes.

Para pechar a actuación, a Banda interpretou a muiñeira “A Pepa”, que serviu de banda sonora para un baile improvisado. Os campistas puxeron en práctica o “Baile da Pera”, unha coreografía que preparamos nas clases de zumba co monitor Anxo, esta vez adaptada ao ritmo da muiñeira.

Foi unha xornada inesquecible na que a música, a aprendizaxe e a alegría foron as grandes protagonistas. Dende o campamento da Ramallosa, non podemos máis que agradecer á Banda de Música Cultural de Teo esta marabillosa experiencia. ¡Volvede cando queirades!


IMAXINACIÓN, RELAXACIÓN, NATACIÓN… DIVERSIÓN!!!

O venres 18 de xullo, o alumnado de Educación Infantil do campamento da Ramallosa participou nunha divertida sesión de ioga infantil, onde aprenderon a respirar con calma, a mellorar a súa flexibilidade e a concentrarse mentres realizaban os exercicios e se rían cos seus compañeiros e compañeiras. O ioga é unha actividade que axuda aos máis pequenos a relaxarse, reducir o estrés e fortalecer o corpo.

Por outra banda, a cativada de Educación Primaria desprazouse ata a piscina municipal de “Os Tilos”, onde puideron refrescarse e divertirse con actividades acuáticas. Xogos de natación sincronizada, carreiras de buceo, e un sinfín de actividades que fixeron as delicias de todos os nenos e nenas, que desfrutaron dunha experiencia refrescante nun ambiente seguro e supervisado. Un día completo no que o benestar, a diversión e a aprendizaxe foron da man!


O CAMPAMENTO DA RAMASOLLA CONVÉRTESE NUNHA AUTÉNTICA BASE DE EMERXENCIAS POR UN DÍA!!!

Hoxe as crianzas do noso campamento recibiron unha visita moi emocionante! A Policía Local e os Servizos de Emerxencias do Concello de Teo achegáronse ata o colexio cun auténtico despliegue de medios: dous coches patrulla, un camión de bombeiros e un vehículo de Protección Civil.

Durante a xornada, os dous axentes da Policía Local amosáronlle aos nenos e nenas todo o seu material de traballo: dende os famosos “pinchos” para deter os coches dos malos pinchándolles as rodas, ata os cascos, escudos antidisturbios, porras, pistolas, esposas, luces, conos de emerxencia, alcoholímetro… ¡ata incluso un dron! Tamén fixeron soar as sirenas e deixaron que as crianzas subiran aos coches e falaran pola megafonía.

Os bombeiros, pola súa parte, ensináronnos como combaten o lume: puxemos a proba a potencia das mangueiras, probamos as máscaras de osíxeno para zonas sen visibilidade e descubrimos como funciona o seu enorme ventilador para despexar o fume. Por suposto, tamén tivemos a oportunidade de subir ao camión.

Foi unha experiencia inesquecible e moi divertida, onde aprendemos a valorar o importante traballo destes profesionais que cada día velan pola nosa seguridade. Moitísimas grazas á Policía Local, aos Bombeiros e a Protección Civil de Teo por esta visita tan especial!


EXPLOSIÓN DE COR E IGUALDADE NO DIVERTEO “A RAMALLOSA”!!!

Armados con tizas de cores, esta semana as nenas e nenos do noso campamento pintaron moreas de sal e area coas que crearon formas sorprendentes e combinacións imposibles dentro de botes de cristal. Cada participante trouxo da casa un bote especial (de colonia, tarros de aceitunas, ou incluso “potitos”) onde foron colocando as súas capas de sal coloreada, formando verdadeiras paisaxes máxicas no interior de cada recipiente. A mestura de area e sal, xunto coas cores vibrantes, permitiu que cada bote se convertese nun pequeno mundo de fantasía, onde a imaxinación foi a verdadeira protagonista. As crianzas gozaron facendo xiravoltas de cores, liñas infindas e ondas misteriosas, sorprendéndose cos resultados de cada creación.


UNHA SEMANA DE FADAS E SUCULENTAS NO DIVERTEO “A RAMALLOSA”!!!

Da man da “Fada do Saco Verde” esta semana descubrimos que cousas do noso mundo nos gustan e cales nos disgustan, reflexionamos sobre como melloralo e falamos dos nosos sentimentos. Aída Cobas, contacontos familiar do Festival Internacional de Narración Oral Altántica, fixo que voase a nosa imaxinación nun mundo de fadas e ilusión. Tamén traballamos aspectos importantes sobre como coidar e respectar o medio ambiente, rematando esta actividade plantando unha suculenta que levamos para a casa. Ademáis de todo isto, fixemos actividades deportivas en grupo, xogos tradicionais, “Festas da Auga”, manualidades,… e un sinfín de descubrimentos extraordinarios!!!


O REENCONTRO AGARDADO… CHEGOU O VERÁN!!!  VOLTAMOS Ó DIVERTEO  “A RAMALLOSA”!!!

Rematado o cole, o pasado día 23 de xuño inauguramos o DIVERTEO “A RAMALLOSA”. Un sinfín de boas sensacións e ganas de disfrutar xuntos/as do verán palpábanse no ambiente. 53 crianzas deron comezo a actividade, chegando ás 106 neste mes de xullo. Ao abeiro da temática deste ano: “EXPLORADORES DO SABER”, cada mañá o tempo pasa rapidísimo descubrindo os diferentes continentes, coñecendo a súa música, cultura, natureza, etc., mentras deixamos voar a nosa imaxinación, desenvolvemos a nosa creatividade e nos divertimos nun espazo lúdico e de respecto.