DiverTeo Os Tilos
NO CAMPAMENTO DE OS TILOS VIAXAMOS A OCEANÍA E ARRINCAMOS COAS ÚLTIMAS XORNADAS!
O campamento de verán de Os Tilos entra na súa recta final, pero a diversión e a aprendizaxe seguen moi presentes! Esta semana puxemos rumbo a un novo destino: Oceanía, un continente cheo de cor, natureza e culturas fascinantes.
Ao longo destes días, as participantes gozaron con xogos inspirados nas tradicións e paisaxes oceánicas, nos que non faltou o traballo en equipo, a creatividade e moitas risas.
Tamén elaboramos tótems decorativos, baseados nas representacións simbólicas dos pobos indíxenas da rexión. Un obradoiro no que cada nena e neno expresou a súa personalidade con formas e cores.
O grupo de infantil realizou uns cadros con fíos, combinando texturas e desenvolvendo a súa motricidade fina mentres deixaban voar a imaxinación.
Ademais, prantamos suculentas e decoramos as macetas con moito coidado. Un xeito divertido de achegarnos á natureza e aprender a responsabilizarnos do seu coidado.
Como recordo desta experiencia tan especial, cada participante fixo un imán para a neveira, que levará para a casa como símbolo dos bos momentos vividos neste fantástico campamento.
Tamén quixemos facer unha pequena achega ao fomento da igualdade e da diversidade. No grupo de infantil, traballáronse estes valores a través dun contacontos titulado “O arco da amizade”, e posteriormente pintaron un debuxo relacionado coa historia, reforzando así a comprensión e interiorización da mensaxe. En primaria, realizamos unha divertida ximcana na que, tras superar distintas probas, tiñan que colocar en orde as cores da bandeira LGTBIQ+, promovendo o respecto e a inclusión de forma lúdica e participativa.
Con moita alegría pero tamén algo de nostalxia, arrincamos as últimas xornadas do campamento con novas actividades, máis aventuras e moitas ganas de seguir compartindo.
SEMANA AFRICANA NO CAMPAMENTO DE OS TILOS
Esta semana no campamento de Os Tilos viaxamos a África sen saír do recinto! O continente africano foi o protagonista das nosas actividades, cheas de cor, cultura e diversión.
Comezamos a semana mergullándonos nos xogos tradicionais africanos e descubrindo costumes das súas tribos. Os nenos e nenas gozaron coa pintura de cara inspirada en deseños tribais, e puxeron a creatividade a traballar creando colares e máscaras que encheron o campamento de vida e cor.
Como cada semana, seguimos completando o noso mapa dos continentes: esta vez tocou colocar a insignia africana, un paso máis nesta viaxe arredor do mundo.
Non faltaron tampouco os xogos de equipo, con relevos e xincanas temáticas nas que os símbolos africanos foron os grandes protagonistas. Ademais, gozamos dunha actividade artística ben fresquiña: pintura con xeo, unha experiencia sensorial que encantou ao grupo dos máis pequenos e pequenas.
E por se fora pouco… tamén recibimos dúas visitas moi especiais! A Policía Local e o Grupo de Emerxencias Municipal achegáronse ata o campamento para ensinarnos como é o seu traballo e mostrarnos os vehículos que empregan nas súas intervencións. Tivemos a sorte de montar nos coches patrulla e nos camións de emerxencias… foi toda unha aventura!
Ademais, os integrantes do grupo de emerxencias convertéronse nos nosos auténticos heroes cando conseguiron dúas pelotas que xa dabamos por perdidas. A súa visita encheunos de ilusión e admiración.
Para combater a calor, a piscina foi unha parada obrigada e os xogos de auga puxeron o broche perfecto ás xornadas máis calorosas.
Foi unha semana chea de aprendizaxes, risas e momentos inesquecibles. África deixounos unha pegada fonda… e xa temos ganas de descubrir cal será o próximo destino!
O DIVERTEO DE OS TILOS PON FIN A UNHA PRIMEIRA QUINCENA CHEA DE AVENTURAS, XOGOS E DIVERSIÓN!
Este martes rematou a primeira quincena do Diverteo de Os Tilos, unha experiencia inesquecible para os nenos e nenas participantes, que gozaron de dúas semanas repletas de actividades lúdicas, creativas e educativas.
Durante estes días, os pequenos e pequenas viaxaron arredor do mundo sen saír de Os Tilos. A través de xogos e propostas didácticas, exploraron diferentes continentes como América, Asia e Europa, coñecendo as súas culturas, xogos e curiosidades de xeito divertido.
A quincena tamén estivo marcada pola actividade física e o contacto coa natureza: visitas pola contorna, xogos no parque, partidas de bolos, refrescantes sesións na piscina e emocionantes xogos de auga que fixeron as delicias dos máis activos.
Non faltaron as propostas para poñer a mente en marcha e traballar en equipo: organizamos divertidas xincanas, unha apaixoante busca do tesouro e entretidos xogos de pistas, que espertaron o espírito aventureiro dos participantes.
A creatividade tamén tivo o seu espazo con actividades como mandalas, a elaboración de monicreques, ou o deseño dun orixinal memory aventureiro, co que logo xogaron en grupo. Ademais, aprendemos sobre hábitos saudables co semáforo dos alimentos, que nos axudou a distinguir o que debemos comer máis, menos ou ocasionalmente.
Por suposto, tampouco faltaron os momentos de lecer libre, os xogos predeportivos en equipo, o baile, a música e moitos sorrisos compartidos.
O ambiente durante toda a quincena foi inmellorable, con novas amizades, descubrimentos e moitas ganas de seguir gozando do verán. Sen dúbida, o Diverteo de Os Tilos está a converterse nun espazo máxico onde aprender xogando é a mellor aventura.
Agora, toca coller folgos para a segunda quincena… que seguro vén cargada de novas sorpresas!
COMEZA O CAMPAMENTO DE VERÁN EN OS TILOS CON XOGOS E DIVERSIÓN PARA A CATIVADA.
Este martes deu comezo o campamento de verán situado en Os Tilos, no Concello de Teo, que acolle a 42 menores de entre 3 e 12 anos. A iniciativa, promovida para ofrecer alternativas de ocio durante os meses estivais, tivo unha xornada inaugural centrada na convivencia e a diversión.
Durante o primeiro día, as monitoras organizaron xogos de presentación para que as persoas participantes puidesen coñecerse entre si, rompendo o xeo nun ambiente lúdico e acolledor. Ademais, houbo tempo para o xogo libre, onde cada participante puido explorar os espazos e gozar das instalacións ao seu ritmo.
O campamento continuará nas vindeiras semanas con actividades variadas que combinarán deporte, creatividade, contacto coa natureza e traballo en equipo, adaptadas ás diferentes idades do grupo. Dende o Concello destacan a importancia destes programas para favorecer a conciliación familiar e o desenvolvemento social da infancia.




