Campamento de Verán de Frades

FIN DO CAMPAMENTO DE VERÁN DE FRADES CUNHA GRAN FESTA PIRATA

O Campamento de Verán de Frades puxo o broche de ouro cunha animada festa pirata, na que os nenos e nenas se converteron en auténticos corsarios por un día.

A rapazada chegou disfrazada con parches, sombreiros e espadas, enchendo de cor e imaxinación o peche desta edición do campamento. Non faltaron os xogos, a música e, por suposto, unha boa merenda para repoñer forzas: uns deliciosos perritos quentes que fixeron as delicias de todos os participantes.

Foi unha xornada chea de diversión e sorrisos, perfecta para despedir unhas semanas de convivencia, aprendizaxe e amizade.


NOVA QUENDA: FEIRAS E FESTAS MEDIEVAIS

O Campamento de Verán de Frades, que este ano ten como temática central as tradicións galegas, inicia unha nova quenda chea de maxia e viaxes ao pasado.

Nesta ocasión, a rapazada mergullarase no mundo das feiras e festas medievais, descubrindo como se vivía naquela época a través de xogos, obradoiros e actividades ambientadas na Idade Media. Non faltarán os escudos, as historias de cabaleiros e donas, nin tampouco a recreación do ambiente festivo das feiras tradicionais.

Unha semana para aprender, divertirse e coñecer de preto unha parte da nosa historia e cultura popular!


COMEZA UNHA NOVA QUENDA NO CAMPAMENTO DE VERÁN DE FRADES: PROTAGONISTA, A FESTA DAS FLORES

Damos comezo a unha nova quenda do Campamento de Verán de Frades, que este ano está dedicado ás tradicións galegas como fío condutor de todas as actividades.

Nesta quenda, centrarémonos na celebración da Festa das Flores, unha tradición que encherá a semana de cor, natureza e creatividade. A través de xogos, obradoiros e dinámicas participativas, a rapazada mergullarase nesta festividade tan representativa da nosa cultura popular.

Comezamos con ilusión e moitas ganas de continuar coñecendo e celebrando as nosas raíces dun xeito divertido e educativo!


VISITA DE SOGAMA: APRENDEMOS A RECICLAR DIVERTÍNDONOS!

Esta semana no Campamento de Verán de Frades tivemos unha visita moi especial: ¡viñeron a vernos dende SOGAMA!

A través dunha actividade moi divertida e participativa, aprendemos como separar correctamente os residuos, a importancia de reducir, reutilizar e reciclar, e como cada pequeno xesto pode axudar a coidar o noso planeta.

Ao rematar a actividade, levamos unha sorpresa: déronnos agasallos como recordo da súa visita e como premio pola nosa participación.

Foi unha mañá diferente, chea de aprendizaxe, concienciación e moita ilusión!


SEMANA DAS TRADICIÓNS E O CAMIÑO DE SANTIAGO

Na terceira quenda do Campamento de Verán de Frades, as nenas e nenos gozaron dunha semana moi especial dedicada ás nosas raíces baixo o lema “Campamento das Tradicións”.

Durante estes días, realizamos actividades arredor da cultura galega: xogos populares, música tradicional, obradoiros de artesanía, contacontos e moito máis. O protagonista da semana foi o Camiño de Santiago, co que traballamos a través de dinámicas, xogos e talleres que achegaron aos pequenos e pequenas a súa historia, simboloxía e importancia na nosa cultura.


O CAMPAMENTO DE VERÁN DE FRADES CELEBRA AS TRADICIÓNS MARIÑEIRAS POLA FESTA DO CARME

Esta semana, o Campamento de Verán do Concello de Frades céntrase nas tradicións mariñeiras galegas, coincidindo coa celebración da Festa do Carme. Os nenos e nenas participan en obradoiros, xogos e actividades que lles achegan ao mundo do mar, ás lendas costeiras e ao traballo dos mariñeiros. A través desta iniciativa, Frades aposta por transmitir a riqueza cultural galega mesmo dende o interior, combinando aprendizaxe e diversión.