UN MERECIDO DESCANSO PARA CUNTIS

Este pasado mes de xuño rematou o curso e con el os obradoiros de estimulación cognitiva e memoria en Cuntis. Un último mes no que seguimos traballando dunha maneira dinámica e entretida os distintos aspectos cognitivos e a memoria. Exercicios de ordenar letras e atopar a palabra oculta, cálculo mental e atopar os sinónimos e antónimos foron algunhas destas tan entretidas actividades.

Como remataba o curso, a última semana fixemos unhas sesións máis relaxadas para despedirnos cheas de xogos e momentos de charla. Xogos de naipes, o Uno, quebracabezas, dominó foron algúns dos recursos empregados nestas despedidas.

Para rematar, e premiar o bo traballo dos e das participantes nestes obradoiros, fomos de excursión a Baiona, á que nos acompañaron os concelleiros Ana Loureiro e Toño González, representantes do Concello de Cuntis. Unha vez alí, visitamos a Virxe da Rocha (houbo xente valente que se atreveu a subir ao miradoiro e observar as fermosas vistas que ofrece), despois de esta actividade para todo o grupo, baixamos ao pobo e alí houbo grupos que se foron de andaina polo paseo que rodea o Parador e o Castelo de Monterreal, outros decidiron visitar a réplica da carabela A Pinta e outros aproveitaron para pasear polo paseo marítimo e tomar un refrixerio nalgunha das súas terrazas. Un día de convivencia e de bos momentos sen dúbida!

Agora toca desfrutar do verán!