UN ESPAZO ONDE A MEMORIA FLORECE
Durante este mes de maio, no taller de memoria de Porta do Camiño seguimos desenvolvendo sesións nas que o obxectivo principal é manter o enxeño, a memoria e a atención ben activas, a través de actividades variadas que estimulan as diferentes capacidades mentais nun ambiente acolledor e motivador.
Traballamos con textos tradicionais e fragmentos literarios que serven como base para facer preguntas de comprensión, localizar letras concretas ou identificar información específica. Este tipo de exercicios axuda a reforzar tanto a atención como a discriminación visual.
Tamén fixemos propostas visuais como a discriminación de figuras semellantes, a localización de parellas de letras ou números, ou o encaixe de pezas tipo Tetris, que poñen a proba a observación, a percepción espacial e a memoria visual.
Na área do cálculo e do razoamento, realizamos pirámides de números, sumas con figuras substituídas por valores e actividades para clasificar números segundo distintos criterios, favorecendo así o pensamento lóxico e o cálculo mental.
Dentro do traballo lingüístico, fixemos exercicios de formación de palabras con determinadas condicións (como que só conteñan unha vogal específica), xogamos a transformar palabras usando as mesmas letras e unimos números e letras para formar termos compostos, estimulando o vocabulario e a fluidez verbal.
Non faltaron os xogos de atención e axilidade mental, como buscar diferencias, identificar elementos repetidos ou realizar asociacións rápidas. Ademais, dedicamos espazos ao xogo lúdico e tradicional, con partidas de bingo, memory, o uno, o jenga, que tan boa acollida teñen entre os participantes.
Como sempre, as sesións completáronse con momentos de conversa relaxada e espontánea, onde compartimos lembranzas, experiencias e risas que forman parte fundamental deste espazo, onde o que se exercita non é só o cerebro, senón tamén o benestar emocional.

