TALLERES DE MEMORIA E ENVELLECEMENTO ACTIVO DE DODRO
Durante este mes de Xaneiro, nos Talleres de Memoria e Envellecemento Activo desenvolvidos no Concello de Dodro, realizamos diversas actividades orientadas tanto ao traballo cognitivo como á reflexión persoal e social, poñendo especial atención na conmemoración do Día da Paz, e da aprendizaxe das partes do Xornal.
Ao longo deste mes, o alumnado participou en diversas actividades orientadas ao desenvolvemento integral das súas capacidades. Traballouse a comprensión lectora e a expresión oral e escrita a través da análise de xornais, a elaboración de resumos de noticias e a interpretación de imaxes. Complementariamente, realizáronse actividades artísticas e creativas que favoreceron a coordinación óculo-manual, a planificación e a creatividade.
Tamén se levaron a cabo xogos lingüísticos, de memoria e de asociación, así como dinámicas de formación de palabras e cálculos sinxelos, reforzando as habilidades cognitivas, matemáticas e de atención. A planificación das tarefas diarias contribuíu á mellora da autonomía persoal e da organización temporal.
Finalmente, destacouse o traballo en valores mediante a conmemoración do Día da Paz, promovendo a reflexión, o debate e a convivencia, así como o respecto, a empatía e a tolerancia no día a día da aula.

