TALLERES DE ENVELLECEMENTO ACTIVO DO CONCELLO DE DODRO

Durante o mes de febreiro, nos Talleres de Memoria e Envellecemento Activo do Concello de Dodro, desenvolvemos unha programación centrada principalmente na celebración do Entroido e na conmemoración do 23 de febreiro, data de nacemento dunha figura fundamental da literatura galega, Rosalía de Castro. As actividades combinaron estimulación cognitiva, creatividade, tradición cultural e convivencia grupal.

1. Actividades relacionadas co Entroido

a) Elaboración de máscaras venecianas: Cada participante deseñou e decorou a súa propia máscara de estilo veneciano. Para a súa elaboración empregamos todo tipo de materiais de manualidades: pegamentos, brillantina, plumas, lentejuelas, pinturas, cartolinas decorativas e outros elementos ornamentais. Esta actividade favoreceu a creatividade, a psicomotricidade fina, a coordinación óculo-manual e a planificación da tarefa, ademais de potenciar a expresión artística individual.

b) Clasificación de máscaras tradicionais galegas: Realizamos actividades de identificación, comparación e clasificación das principais figuras do Entroido en Galicia, coñecendo as súas características, vestimenta e lugar de orixe. Entre elas traballamos: Os Cigarróns, Peliqueiro, Madamas e Galáns, Folións, Xenerais do Ulla e Pantallas. Estas dinámicas permitiron traballar a memoria semántica, a asociación visual, a atención sostida e o reforzo da identidade cultural galega.

c) O peliqueiro: partes e decoración: Afondamos nas partes que compoñen a vestimenta do peliqueiro (careta, mitra, chocas, traxe tradicional…), aprendendo a nomealas, describilas e identificalas correctamente. Posteriormente, realizamos unha actividade plástica na que cada persoa pintou a súa propia representación dun peliqueiro, reforzando a atención ao detalle, a concentración e a coordinación.

d) Festas e receitas de Entroido: Celebramos diversas xornadas festivas nas que compartimos momentos de convivencia e degustación de receitas típicas do Entroido. Elaboramos e degustamos: Filloas, Orellas, Biscoitos, Flores de chocolate, Chocolate quente. Estas sesións fomentaron a socialización, a evocación de recordos asociados ás tradicións gastronómicas e o benestar emocional a través da celebración compartida.

2. Conmemoración do 23 de febreiro: Rosalía de Castro

Con motivo do 23 de febreiro, conmemoramos o nacemento en 1837 de Rosalía de Castro, figura esencial da literatura galega e símbolo da identidade cultural de Galicia. Durante as sesións: Realizamos actividades sobre a súa vida e obra, traballando a comprensión lectora e a memoria. Creamos o noso propio poema, estimulando a expresión escrita, a creatividade e a evocación de sentimentos e lembranzas. Pintamos retratos de Rosalía, favorecendo a expresión artística, a atención e a concentración. Esta conmemoración permitiu combinar o traballo cognitivo coa posta en valor do patrimonio literario galego, fortalecendo o sentimento de pertenza cultural e a autoestima colectiva.

En conxunto, o mes de febreiro caracterizouse por unha programación dinámica, participativa e culturalmente significativa, promovendo un envellecemento activo a través da tradición, a creatividade e a convivencia.