Entradas

CREAMOS UN REFRANEIRO… PARA NON PERDER A MEMORIA!

Nos talleres de memoria de Valga, durante estes meses, estivemos elaborando un refraneiro. Utilizando diversos materiais, creamos o noso propio libro, que “cosemos” á man con lá, decorámolo e enchémolo de refráns que fomos recordando e recollendo, co fin de que podan perdurar no tempo e ensinarllos ás novas xeracións.

Ademais disto, traballamos en matemáticas a través de exercicios de cálculo mental e problemas da vida cotiá, e tamén abordamos as letras mediante fichas e xogos como o “titifruti”, no que practicamos a axilidade mental, vocabulario e ortografía, mentres desfrutamos de momentos agradables de risas.

Autocoidado en Valga

O programa de autocoidado desenvólvese dende o mes de novembro no Auditorio Municipal de Valga, co obxectivo de promover o benestar físico, emocional e social. Desenvólvense dúas sesións semanais que teñen lugar os luns pola mañá e os xoves pola tarde, favorecendo así a conciliación, de maneira que as persoas participantes poidan elixir entre o horario que mellor se lles adapte. Entre as actividades que se realizan están centradas en promover o autocoidado de forma integral abordando cuestións coma os hábitos de vida saudables, a realización de actividade física, a xestión das emocións, o autocoñecemento e as habilidades de comunicación, entre outras.

FORTALECENDO A MEMORIA

Dende hai varios meses o concello de Valga leva a cabo un curso de memoria para maiores. Durante este tempo, realizamos exercicios destinados a fortalecer a nosa memoria a través de diversas actividades, entre elas matemáticas, comprensión lectora, escritura e sopas de letras, entre outras. Ademais, nos obradoiros participamos en xogos variados, que van desde xogos de mesa como dominó e cartas ata actividades como “Pasapalabra”, historias tolas, «dúas verdades e unha mentira», tutti frutti, etc. Sempre nos divertimos moito xogando, xa que o goce é fundamental para mellorar a memoria.

REFORZO ESCOLAR NO AUDITORIO DE VALGA: APOIO PARA QUEN MÁIS O PRECISA

Desde o pasado 14 de outubro, o Auditorio de Valga acolle un servizo moi valioso para o alumnado do concello: clases de reforzo escolar pensadas para nenos e nenas que atopan máis dificultades á hora de estudar ou facer os deberes.

Este espazo de apoio está dirixido a rapaces e rapazas desde 1º de Primaria ata 4º da E.S.O, ofrecéndolles un lugar tranquilo onde resolver dúbidas, organizar o estudio e recibir axuda adaptada ás súas necesidades.

As sesións teñen lugar de luns a venres, en horario de 16:30 a 19:30. O alumnado distribúese en grupos segundo idade e o nivel, o que permite ofrecer un acompañamento máis axeitado para cada caso.

Día da Muller, 8M

Pasou o 8M e moitos concellos quixeron poñer o seu graíño de area para seguir loitando polo Igualdade.

O Concello de O Pino, co alcalde á cabeza, fixo a lectura do manifesto e centrouse no comercio para esta campaña.

No Concello de Valga saíron á rúa cunha Andaina da Muller e para os mais pequenos, coa maga Leo Leiño disfrutaron da Maxia pola Igualdade.

En As Neves, visitáronse os diferentes coles para concienciar dende pequeniños con dinámicas e contacontos.

En Cuntis, a lectura do manifesto e o encontro interxeneracional dou inicio ás actividades que se están a celebrar acabando o sábado 15, na Casa do Médico cunha charla dirixida a adolescentes.

No Concello de Frades, ó igual que en outros concellos como o de Avión rematáronse as actividades con reparto de diferente material de merchandising.

BROCHE DE OURO

No mes de febreiro comezaban, tanto no CODI coma no Auditorio Municipal de Valga, os obradoiros de estimulación cognitiva organizados polo concello coa intención de contribuír ao envellecemento activo das persoas maiores e ofrecerlles alternativas de socialización.

Após de cinco meses, onde se tratou de frear o deterioro cognoscitivo a través de diferentes exercicios, xogos e de colaborar para obter un maior benestar e calidade de vida dos participantes, puxémoslle o broche de ouro a estes meses de traballo cunha excursión.

O venres 19 de xullo viaxamos en autobús cara o Grove, onde nos agardaba un catamarán para navegar, durante unha hora e cuarto, pola Ría de Arousa. Asemade, puidemos gozar das paisaxes marítimas e achegarnos á actividade das bateas e aos parques de cultivo de mexillóns, ostras e vieiras.

 Pero isto non era todo, no catamarán puidemos gozar dunha degustación de mexillóns e ostras, acompañados dunha bebida refrescante.

Unha vez de volta no porto continuamos cara a nosa seguinte parada… a Illa da Toxa! Unha vez alí, contamos con tempo libre para coñecer a illa, pasear, mollar os pés na praia ou facer algunha compra no centro comercial.

Finalmente, emprendemos a viaxe de volta cargados de agradecemento, ledicia e unha morea de recordos xunto cos compañeiros e compañeiras das rutas de autocoidado e dos usuarios e usuarias do CODI.

Moito esforzo nas clases de reforzo de Valga!

Este último mes, os nenos e nenas tiveron moito que estudar xa que as semanas estaban cheas de exames. Ademais de isto seguimos facendo as tarefas diarias e reforzando todos os contidos xa aprendidos. Ademais de isto, estes últimos días estivemos divertíndonos con xogos educativos, como o: “quién  es quién?” onde cos nenos e nenas máis pequenos fortaleceron diferentes parte do corpo e as cores en inglés. Cos máis maiores xogamos : “El primero de la clase” onde repasamos todo o aprendido e ao “Sushi Go” onde potenciamos o cálculo mental.

Dando por finalizado as clases, solo queda desexarvos un bo verán!

OS NOSOS RECORDOS SON A NOSA RIQUEZA!

E como ben indica o título desta noticia… OS NOSOS RECORDOS SON A NOSA RIQUEZA! E diso saben moito en Valga, xa que o mes de maio estivo caracterizado polos numerosos debates que fixemos arredor dos recordos: xoguetes e xogos da infancia, música tradicional de cada época e a escola, entre outros moitos.

Alén do anterior, seguimos traballando o desenvolvemento cognitivo e a memoria a través das seguintes actividades: memoria a longo prazo, adiviñando cancións e cantantes dándolles unha soa frase; pensamento lóxico, razoamento e deducir información, descifrando palabras a través dun código de símbolos e letras; comprensión lectora e memoria, ordenando palabras alfabeticamente; cálculo mental; praxias, escribindo as letras que estaban dadas a volta; e rastreo visual, memorizando unha serie de obxectos que despois tiñan que rodear entre unha morea deles.

Por último, algúns dos xogos que levamos a cabo foron: o bingo das froitas (inventado por nós no momento), no cal traballamos a atención, a rapidez, a escoita e a memoria; o tres en raia, onde traballamos a velocidade de reacción, o pensamento motriz e a intelixencia; as sete diferenzas, co cal potenciamos a agudeza e memoria visual; o pasapalabra, para o desenvolvemento cognitivo, lingüístico e social; e, finalmente, a estrela dos xogos: O TELÉFONO AVARIADO. Sen dúbida, co anterior, pasamos grandes momentos de risas e diversión.

O ÚLTIMO EMPUXÓN NOS REFORZOS DE VALGA!

Estamos a punto de finalizar o curso escolar, e os nenos e nenas están cargados de probas para comprobar o aprendido durante este terceiro trimestre. Nas horas de reforzo facemos os deberes día a día e preparamos con nenos e nenas as súas probas, facilitando así o estudo destes na casa. Ademais cando os exames e os deberes no lo permiten reforzamos os contidos que o alumnado aprende na cola dunha maneira máis dinámica, como pode ser a través do bingo, para reforzar os números, o bingo das horas e por suposto tamén utilizamos as novas tecnoloxías. Estamos poñendo o noso esforzo en sacar este curso coas mellores cualificacións posibles!

ÁNIMO, QUE XA QUEDA POUCO!