Mos clausura as V Xornadas da Muller cun cento de participantes e foco na saúde mental e o uso dixital
As sesións abordaron o impacto dos delitos dixitais, a educación no uso dos móbiles e a perspectiva xurídica, con asistencia presencial e en streaming
O Concello de Mos vén de clausurar as V Xornadas da Muller, celebradas os días 25 e 26 de marzo de 2026, nas que participaron arredor dun cento de persoas tanto de maneira presencial como a través de streaming.
A segunda xornada contou coa intervención de Ana Izquierdo Galante, quen analizou as consecuencias na saúde mental de mulleres e menores vítimas de delitos dixitais. Durante a súa exposición, afondou no trauma post-delito e na valoración pericial do dano psicolóxico.
Tamén participaron Alexandra de Arnela e Alicia de Arnela, do Gabinete Pedagóxico Familiar Arnela, que abordaron o debate sobre a prohibición do uso dos móbiles e a necesidade de educar nun uso responsable e axeitado das novas tecnoloxías.
Pola súa banda, María Corredoira, profesora titular de Dereito Penal da USC, achegou unha visión xurídica sobre a materia tratada ao longo das xornadas.
As sesións estiveron moderadas por Ana María Rodríguez, avogada do CIM de Mos, e a clausura correu a cargo de Leopoldo Costas Alonso.
Estas xornadas consolídanse como un espazo de reflexión e formación arredor da igualdade, a prevención da violencia e o impacto das novas realidades dixitais na sociedade.































































