TALLERES DE MEMORIA E ENVELLECEMENTO ACTIVO DE DODRO
Durante este mes de Novembro, nos Talleres de Memoria e Envellecemento Activo desenvolvidos no Concello de Dodro, realizamos diversas actividades orientadas tanto ao traballo cognitivo como á reflexión persoal e social, poñendo especial atención na conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
1. Actividades relacionadas co 25N
Ao longo das sesións deste mes, dedicamos un espazo importante a comprender o significado do 25N, conversar sobre a súa orixe e reflexionar sobre a importancia de continuar loitando contra a violencia machista. Realizouse un debate aberto, no que as participantes e participantes puideron expresar as súas opinións, compartir experiencias e analizar os motivos polos que esta data segue a ser necesaria na sociedade actual. A actividade fomentou a expresión emocional, a escoita activa e o respecto polas diferentes aportacións. Como parte do traballo creativo e simbólico arredor da efeméride, elaboramos:
- Medallas conmemorativas pintadas polas persoas asistentes.
- Un debuxo titulado “Coas miñas mans podo…”, no que cada persoa escribiu e decorou aquelas accións, capacidades e fortalezas que as mulleres son quen de realizar, poñendo en valor o seu papel esencial na familia, na comunidade e na sociedade. Estas actividades combinan traballo psicomotor fino, memoria semántica, autoestima e identidade persoal.
2. Actividades de estimulación cognitiva
Ademais do traballo centrado no 25N, ao longo do mes continuamos coas dinámicas habituais de estimulación mental dos talleres:
a) Sopas de letras. Realizamos sopas de letras variadas, con diferentes estilos e temáticas, co obxectivo de reforzar: Atención sostida, Velocidade de procesamento, Memoria visual, Recoñecemento de vocabulario.
b) Cálculos matemáticos.
Traballamos tamén exercicios de cálculo e razoamento lóxico, adaptados ao ritmo de cada participante. Estes exercicios favorecen: Memoria de traballo, Lóxica numérica, Mantemento das habilidades básicas da vida diaria.











