TeoMadruga Calo

BO VERÁN FAMILIAS!!!

Dende o Teo Madruga de Calo desexámosvos que pasedes un estupendo verán!! Este curso foi moi complicado para todas e todos, pero superámolo con boa nota…, así que agora toca xogar, desfrutar, divertirse e … non madrugar!

Unha aperta moi forte para todas as crianzas, e en especial para Daniela, Irene, Iván e Lucía … moita sorte e o noso cariño para sempre!

Un saúdo familias, e o dito BO VERÁN!!!

SORPRESA, SORPRESA!!

Ola de novo familias!!, xa queda pouco para rematar o curso, e esta semana comezamos coa sorpresa de cada ano por estas datas (as crianzas elaboran o seu recordo do curso, nesta ocasión pintar bolsas ou mochilas segundo a súa elección). 

Xa que estes días o sol estaba algo preguiceiro a primeira hora, aproveitamos a semana para adiantar a actividade final. O primeiro foi a elaboración dos deseños; tanto as crianzas de infantil, como as de primaria puxéronse mans á obra e plasmaron os seus deseños en folio (chulísimos!!).

O seguinte paso foi plasmar os debuxos nas bolsas ou mochilas; estes días os primeiros foron os nenos e nenas de primaria, e os resultados polo momento son moi satisfactorios!

Mentres as crianzas de infantil, bastante inquedas por agardar a súa quenda, desfrutaron un montón con diferentes xogos de mesa (xogo de pesca, catro en liña, animais de xoguete…) e coa estampación de cuños de debuxos.

Ata a vindeira nova, boa semana a todas e todos!!

CONTINUAMOS DESFRUTANDO COS XOGOS EXTERIORES

Ola familias!! Aínda que esta semana o tempo non nos acompañou moito para poder saír a xogar fora todos os días, as nenas e nenos de Calo divertíronse un montón as dúas xornadas que saíron.

A semana comezou con xogos como o director de orquestra e o rato; os días seguintes o tempo non nos acompañou, así que aproveitamos para continuar co cinema en valores, nesta ocasión a película seleccionada foi “Soul”, centrada en valores como a amizade, a confianza, o cariño e a responsabilidade, e cunha ensinanza moi importante: “as veces obsesionámonos tanto por alcanzar as nosas metas ou propósitos que acabamos volvéndonos infelices, esquecendo eses pequenos e simples detalles que ten a vida que non valoramos, e que valen moito a pena”.  

Rematamos a semana saíndo a xogar a fora de novo, nesta ocasión o grupo de infantil estivo pintando o patio de xogos con xices, deixando debuxos moi variados e moi chulos, mentres que o grupo de primaria xogou ao Dobble XXL, unha boa alternativa como xogo exterior, e ao pano, un xogo moi clásico que lles gusta un montón por riba de moitos outros.

Ata a vindeira noticia, moitas gracias a todas e todos.

Un saúdo familias!!!

SEMANA DE XOGOS

Ola de novo familias!, afortunadamente o bo tempo acompañounos toda a semana, así que aproveitamos para facer xogos fora. Os xogos foron variados: a bomba, director de orquestra e o pano, no que, a pesar de que os equipos estaban moi equilibrados o resultado estivo moi rifado.

Divertíronse moitísimo en todos os xogos, o que nos gustou especialmente!

Por outra banda, o grupo de infantil tivo tempo para rematar a figura de papel de aluminio, e o grupo de primaria elaborou unha figura con pasta de modelar (recordando a obra de Giacometti) que tardará en secar.

Ata a vindeira semana, un saúdo!!

DIVERSIÓN CON ARTE

Boas familias!!!, continuamos en Calo madrugando e con novas actividades lúdicas á vez que pedagóxicas.

Comezamos a semana coa elaboración dun marcapáxinas, totalmente creativo, con motivo do día das Letras Galegas, un pequeno concurso que os tivo concentrados un bo rato!.  Logo tocounos unha celebración, día internacional dos museos (18 de maio) cunha pequena lección de arte que nos levou a coñecer  ao escultor Alberto Giacometti e as súas obras máis coñecidas. Na primeira parte da lección nenos e nenas crearon esculturas inspiradas en Giacometti con papel de aluminio (o grupo de maiores), e con limpapipas e papel de aluminio (o grupo de infantil). O principal obxectivo conseguímolo xa que ensinamos que a arte pode ser divertida, sen perfección, e que as formas sinxelas poden transmitir tamén grandes emocións. A segunda parte da lección levaranos nos próximos días a crear unha figura en arxila.

A outra novidade da semana foi o sol, por fin!!, así que puidemos saír a fóra a realizar xogos (a bomba e director de orquestra), agardamos que a primavera asome por Calo tódolos días e  así poder desfrutar de  máis tempo de xogo ao aire libre, que xa toca!!

Un saúdo familias, e boa semana para todas e todos!!

Convivencia e cooperación

Unha semana mais achegámosvos as novas sobre as actividades desta semana no Madrugadores de Calo.

A pesar de que a semana tivo un día menos, estes días centrámonos en dinámicas sobre a convivencia e a importancia de cooperar  para acadar un obxectivo común, tivemos así:

  • Visualización da curtametraxe “Bridge”
  • Dinámica de cubos (cooperar para acadar un obxectivo á vez que amosamos a desigualdade no reparto de recursos no mundo)
  • Cinema en valores: visualización de “Mi vecino Totoro” (amosa a importancia de aprender a superar a frustración e as adversidades, e destaca a importancia da colaboración entre as persoas)

Isto foi o que deu de si a semana, para a vindeira moito mais!!

Boa semana para todas e todos!!

RITMO!

Benvidas unha semana mais familias a este noticiario sobre as vosas crianzas!

Aproveitando que a finais da semana pasada celebrouse o día internacional da danza, volvemos converter o comedor nunha sala de cine! Vimos a película titulada “Sigue el ritmo” de Netflix, foi unha película con toques humorísticos na súa gran maioría que captou a atención de todas as crianzas. Ademais demostroulles a importancia de adquirir un compromiso, e valores como o da amizade, o esforzo e a responsabilidade entre outros.

Por último plantamos uns xirasois amarelos ananos, nas macetas que fixeran e decoraran anteriormente, puxémonos de terra ata as cellas! Aínda que o tempo non axudou moito, amañámonos para facelo noutro espazo onde non nos puxéramos coma pitos!

Un saúdo e ata a vindeira noticia familias!

SORPRESA, SORPRESA!!!

Esta semana foi especial para as nenas e os nenos de Calo, entre xogos e xogos tanto o grupo de infantil como o grupo de primaria estivo preparando unha sorpresa da que non vos podemos contar moito …vale! …algunha pequena pista si, tomade nota!:

  • A actividade requiriu esforzo e atención…
  • Concentración máxima en momentos…
  • Ilusión…
  • Moitísima cor…

Agardamos que sexa do voso agrado…, e que chegase san e salvo!!

Que pasedes unha boa semana!!

SEMANA DE CELEBRACIÓNS

A semana en Calo foi intensa en celebracións, o día 22 celebrouse o día mundial da Terra e o 23 o día do libro, de aí a diversidade de actividades.

Para o día do libro grandes e pequenos fixeron uns marcapáxinas moi chulos que seguro usarán nos seus libros ou contos favoritos. A outra das actividades dividímola en dúas partes:

  • Bingo da reciclaxe: combinación do xogo clásico e a aprendizaxe de como debemos reciclar (xogo que lles gustou un montón e que foi sinxelo de desenvolver).
  • Obradoiro de reciclaxe “macetas”: con el dámoslle un novo uso a uns cartóns de leite, que pasarán a ser macetas. Polo momento soamente desenvolvemos a primeira parte, a decoración do que van a ser as nosas macetas, xa que o tempo non acompañou e non puidemos plantar as sementes. Agardamos con moita ilusión, como cada ano, poder facelo esta semana.

Continuaremos con mais novas, ata entón…

Boa semana e un saúdo familias!!!

ADIVIÑAS  E ARTE

No madrugadores de Calo esta semana dedicámola a un xogo de enxeño, as adiviñas, e á celebración do día mundial da Arte o xoves 15 de abril (data de nacemento de Leonardo da Vinci, un dos maiores artistas da humanidade).

As adiviñas son ditos populares que teñen a finalidade de entreter e divertir ás crianzas, pero como sabedes non soamente nos quedamos aí, á vez nenas e nenos teñen que escoitar con atención, asociar ideas para dar unha resposta e mellorar a comprensión da linguaxe. A actividade tivo moito éxito, foi un xogo en gran grupo no que participaron por igual infantil e primaria. 

O xoves 15 de abril celebrouse o día mundial da Arte co obxectivo de dar a coñecer a importancia que ten, e sobre todo o pensamento creativo. Propuxémoslles  ás crianzas pintar nun anaco de papel continuo  con pincel e témperas o que quixesen, soamente tiñan que ser creativos. Os resultados xa os veredes moi pronto, pero foron xeniais e divertíronse un montón.

Ata a vindeira semana, un saúdo familias!!!

ENTRENANDO A MENTE!!

Xa estamos de volta das vacacións!!, e as nenas e os nenos de Calo están recuperando de novo a rutina de madrugar e o ritmo das actividades. Debe ser a primavera!!, pero nesta ocasión o regreso está costando, especialmente ás crianzas de infantil.

Comezamos esta semana finalizando a visualización da película “Hop”, filme especialmente divertido sobre a Pascua e que quedara pendente de rematar despois das vacacións, e continuamos con algún tempo libre de xogo e con crucigramas, sopas de letras, series numéricas, localizar diferenzas… un tipo de actividade que entretén e divirte, pero que son importantes para manter a nosa mente activa (melloramos o razoamento, a memoria, a velocidade dos procesos mentais e mantemos en forma as nosas neuronas). 

Ata a vindeira noticia familias!!

Boa semana!!

DIVERSIÓN E APRENDIZAXE

Estes días continuamos madrugando en Calo desenvolvendo actividades moi diferentes. Rematado o cinema temático, fixemos un pequeno obradoiro de chapas que, aproveitando as datas, as crianzas dedicaron aos pais, avós, amigos…

Continuamos xogando, e así mentres as crianzas de infantil tiveron unha sesión de xogos individuais, o grupo de primaria realizou unha procura do tesouro”. Consistiu en seguir unha serie de pistas e resolver diferentes adiviñas;  pero para que fose máis entretido e para que pensasen algo máis!!, todo estaba escrito con símbolos, tiveron así que concentrarse para descifrar cada pista e resolver a adiviña final. Sen ningunha dúbida máis adiante repetiremos este tipo de actividade xa que foi pura diversión. 

Como actividade central destes últimos días, centrámonos na Primavera e na Pascua, nesta ocasión tocou a elaboración dun pequeno coello de goma eva, que recortaron, debuxaron, decoraron e pegaron sobre un tarro de cristal que reutilizamos, serviunos para recordar a importancia que ten reciclar, reducir e reutilizar no coidado do noso medio ambiente.

Sen máis despedímonos ata a volta de Semana Santa,

Felices vacacións para todas e todos!!!

… AS MULLERES DA NOSA VIDA …

Esta semana o Madrugadores de Calo centrouse na celebración do 8 de marzo, día internacional da muller; foi un día para recordar que as mulleres seguimos loitando en contra das desigualdades, da discriminación… pero tamén foi o momento de recordar todas as figuras femininas importantes que rodean ás vosas crianzas.

Que mellor xeito de resaltar a importancia e o papel da muller máis próxima a todos/as nós, que coa actividade que lle propuxemos aos nenos e nenas de Calo: “As mulleres da nosa vida”; con ela rendemos unha homenaxe ás nosas nais, avoas, irmás, primas, amigas, tías… que nos fan “grandes” a todos/as nós, á vez que as engrandece a todas elas.

Elaboramos así un pequeno caderno de fichas no que as crianzas, sobre o debuxo dunha cara en branco, tiñan que debuxar ás mulleres da súa vida e definilas cun adxectivo. Cada grupo tomouse o seu tempo, pero o resultado foi moi satisfactorio para todos e todas.

Rematamos a semana iniciando a visualización dun filme temático, en relación co 8 de marzo, a película “A viaxe de Chihiro”, premiada co Óscar á mellor película de animación no ano 2002, e na que coñeceremos a historia da súa pequena protagonista, Chihiro, que deberá ser valente e levar a cabo unha difícil tarefa.

Boa semana familias!!, ata a vindeira noticia…

Dubidu…

Estreamos mes en Calo con novas celebracións, actividades, e, achegándonos a unha das nosas estacións favoritas, a Primavera!!

Esta primeira semana centrámonos na celebración do 3 de marzo: “día mundial da natureza”, centrada na vida silvestre do noso planeta. A película temática seleccionada foi “O libro da selva”, que conta a vida e a relación de Mowgli con diferentes animais da selva (lobos, oso, pantera…) e coa que gozaron un montón.

Aproveitamos tamén para dar a coñecer ás crianzas unha película centrada na Terra: “Terra, a película do noso planeta”, un documental de impacto que  xa nos fai reflexionar ao inicio “… é hora de parar e facer balance do que temos e do que podemos perder…”; vimos un pequeno tráiler de seis minutos pero que nos deixou impresionados/as.

Finalizamos a semana cun obradoiro de marionetas de animais; o grupo de infantil con marionetas de pau (león, elefante, oso e pantera), e o grupo de primaria cunha marioneta de man (oso).

Ata a vindeira semana familias!!, boa semana para todos e todas!!

A XOGAR!!

Ola de novo familias!!, esta semana foi de moito movemento no madrugadores de Calo (aínda que cada un no seu sitio!). Xogos como o bingo, quen é quen, adiviña a canción e mímica converteron o noso tempo en animación e diversión.

Á hora de xogar a adiviñar a canción, destacar que máis dunha das vosas crianzas de infantil deulles un repaso aos de primaria!, acertando case todas as cancións ao principio de escoitalas, quedamos asombradas!!.

Confirmámosvos, sen dúbida algunha que o xogo co que mellor o pasan é co da mímica (cada crianza desinfecta as mans, escolle un papel cunha palabra que ten que representar con xestos). Destacamos que a pesar de ter que estar sentados nos seus sitios, e que ás veces élles complicado e pesado!, implícanse moitísimo no xogo e se lles da xenial o de representar.

Por outra banda, as crianzas máis pequenas, ademais de participar nalgún dos xogos dos maiores, tiveron tamén a súa semana de xogos e debuxos!.

Ata a vindeira semana, e a desfrutar do sol! que xa nos toca.

Un saúdo familias!

VIVA O ENTROIDO!!!

Chegou o Entroido ao colexio de Calo!!.

Evidentemente este ano o entroido está a ser moi distinto aos anteriores, pero nós non perdemos o entusiasmo e non nos desanimamos, así que a celebralo!!.

Ao longo da semana os nenos e as nenas viñeron con moitísima ilusión, no cole cada xornada tiñan que levar posta unha cousa diferente: un sombreiro, un calcetín de cada cor e por fora do pantalón…

En madrugadores centrámonos en dous talleres de entroido, mentres as crianzas de infantil fixeron unhas máscaras con moita, moita cor que quedaron chulísimas, nenas e nenos de primaria centráronse en algo diferente, un baile, si o que ledes, semana chea de ensaios, risas …

Chegou a xornada de gravar a actuación para todos/as vós, e aínda que custou, en momentos moito, pero que moito…o resultado final foi bo, e o máis importante de todo, pasárono xenial!!

Desexámosvos que pasedes un bo entroido!!!, un saúdo familias!

O VALOR DA PAZ

Unha semana máis achegámonos a vós para darvos a coñecer as actividades destes días en Calo.

Como o día 30 de xaneiro foi o día da paz, tocounos un pouco de cine; nesta ocasión  visualizamos “La guerra de los botones”, un filmeque vai sobre dous grupos de amigos de pobos veciños que están enfrontados dende hai tempo, e o botín consistía en quedarse cos botóns dos rivais.  Cos máis maiores tratamos o que era a paz, a tolerancia e a non violencia, e a súa importancia; os máis peques fixeron uns debuxos chulísimos!! que reflexaban o estupendo que é levarse ben cos amigos e coas amigas.

Completamos a semana anotando unha serie de xogos novos para facer no madrugadores, aumentando así o “banco de xogos” como recurso lúdico no que poidan participar todos/as (garantindo sempre as medidas de seguridade do Covid-19).

Un dos primeiros xogos que realizamos foi “Quen é?”, un xogo de mímica no que nenos e nenas tiñan que adiviñar: oficios, animais, obxectos…etc.  O resultado foi moi positivo xa que se involucraron un montón,  Felicitacións!!.

Un saúdo familias!, ata a vindeira noticia.

OBRADOIROS DE EMOCIÓNS

Ola familias de Teo Madruga!

En Calo esta semana, rematado o visionado da peli “Del revés”, seguimos a traballar sobre as emocións pero dun xeito diferente xa que realizamos dous obradoiros “emocionantes”

O grupo de primaria elaborou con material de reciclaxe unha das emocións, á vez que personaxe, da película. Doutra banda, o grupo de infantil centrouse na elaboración dun “dado das emocións” co que xogaron a representar e adiviñar as principais emocións.

Ata a vindeira noticia,  Boa semana para todas e todos!!

EMOCIÓNS EN CALO

Ola familias! En Madrugadores esta semana achegamos de novo ás crianzas ao mundo do cine. Nesta ocasión comezamos falando do que eran os sentimentos e cales eran as seis emocións “básicas”; sorprendémonos para ben por todo o que sabían e coñecían, así que continuamos introducindo pouco a pouco o que é a Intelixencia emocional.

Feita a introdución, e un pequeno debate, visualizamos a película “Del revés” onde se reflexan esas emocións “básicas” a través dos ollos da nena protagonista, Riley. Nas próximas xornadas continuaremos con actividades sobre a peli, coas que se divertirán os nenos e as nenas de Calo.

Sinalar que, ante a situación tan complicada que estamos a pasar polo Covid-19, e falando de sentimentos e emocións, estamos moi orgullosas das crianzas xa que se adaptan e respectan moi ben as diferentes normas, Felicitacións! para todas e todos, e moitas gracias.

Un saúdo familias, e boa semana!!

XOGAMOS!!

Dende madrugadores de Calo esperamos que pasásedes unhas boas festas, aínda que fosen diferentes!. Acabouse o Nadal e con el as vacacións, polo que tocou volver á rutina.

Os nenos e as nenas de Calo regresaron con moitas ganas de ver aos/ás compañeiros/as, e contar todo o acontecido nas vacacións (xogos, agasallos…), aínda que iso si algo preguiceiros/as, supoñemos que polo madrugón.

A pesar do frío, esta semana non paramos e xogamos a diferentes xogos tradicionais e … deixamos voar a imaxinación!!

 A vindeira semana retomamos de novo o cine en valores con CineMadruga.

Feliz semana a todos e todas!!!

BO NADAL  DESDE CALO!!

Unha semana mais, e xa a piques de acabar o trimestre, achegámonos a todos/as vós para desexarvos de todo corazón que pasedes unhas Felices Festas!!. Sabemos que serán moi diferentes, pero tamén que as afrontaremos con moita ilusión e coa esperanza posta nun novo ano que será o da superación desta terrible pandemia que estamos a sufrir.

En Madrugadores de Calo continuamos e rematamos as actividades de Nadal, e das que xa vistes algúns resultados; árbores de Nadal, bolas de purpurina, Papá Noel e felicitacións para a familia mantivéronnos moi ocupados/as estas derradeiras xornadas, pero a ilusión de todos/as foi sen lugar a dúbida o mellor agasallo para nós.

Agora toca uns días de descanso que as crianzas teñen merecido, xa que este curso está sendo moi complicado e supón un gran esforzo para todos e todas, as nosas  Felicitacións!!! Por suposto tamén para vós familias.

Bo Nadal!! E ata a volta, bicos de Antía, María e Isa.

TEMPO DE NADAL

Estes días en Madrugadores de Calo andamos moi ocupados/as coas actividades do Nadal, que tanto entusiasman ás vosas crianzas, e das que iredes vendo resultados moi pronto.

As vindeiras xornadas, e ata as vacacións do Nadal, aproveitaremos para traballar xunto aos nenos e nenas aspectos como a imaxinación e creatividade, a psicomotricidade fina, a reciclaxe… e algúns valores asociados a esta época do ano, e á pandemia que nos tocou vivir. 

Saúdos familias!!! Boa semana para todos e todas.

BENVIDO DECEMBRO!

Ola familias! Esta semana comezamos decembro, e polo tanto as actividades de Nadal!!

Rematando algunha que outra actividade pendente, continuou a semana coas crianzas facendo e coloreando debuxos sobre estas festas, recordade que é unha das épocas favoritas de nenas e nenos… e maiores tamén!!

Despois dalgún que outro atranco tecnolóxico, rematamos a semana coa visualización de parte da película “Arthur Christmas: operación regalo”, coa que comezamos o cine de Nadal e que captou a atención das crianzas dende o primeiro instante.  

A vindeira semana, máis curta do habitual, remataremos a película e comezaremos as manualidades de Nadal, actividades que causan sempre moita expectación en Madrugadores.

Un saúdo familias!!, ata a vindeira noticia.

UNÍMONOS AO 25N

Boas familias! Nesta semana de Madrugadores de Calo puxémonos as gafas violetas para ver as cousas dende unha perspectiva de xénero e así ser conscientes das desigualdades que sigue habendo a día de hoxe entre os homes e as mulleres.

Esta semana tivo lugar o 25N, día Internacional contra a violencia de xénero; o primeiro foi preguntarlle ás crianzas se sabían que era este 25N e a continuación visionamos dúas curtametraxes: “Slap her” e “Es un abusón Carlitos”. Con elas buscamos a reflexión sobre a violencia contra a muller e o acoso entre nenos e nenas, e que deran o  seu punto de vista sobre estas situacións que a día de hoxe acontecen.

Xa rematando a semana puxémonos mans á obra para facer o símbolo feminino cunha pasta de sal, quedaron chulísimos e nenas e nenos esforzáronse moito na súa elaboración!; foi unha actividade lúdica que dou a coñecer este símbolo entre as crianzas que o descoñecían.

Dende Madrugadores de Calo, moitas gracias a todos e todas.

Un saúdo familias!, ata a vindeira noticia.

MANS E BRAZOS ROBÓTICOS

Ola familias!!, continuamos coas actividades de Madrugadores unha semana mais; xa finalizado o tema da tolerancia, estes días centrámonos na creación dun invento “man ou brazo robótico caseiro”. Propuxemos aos nenos e nenas esta actividade, coa que están entusiasmados/as e coa que traballamos a creatividade, psicomotricidade fina, a reciclaxe – reutilización de recursos, á vez que espertamos neles/as a curiosidade pola enxeñería. 

O grupo de primaria estivo ao longo desta semana: recortando  e decorando o brazo e as diferentes pezas que o compoñen, e recortando outras pezas complementarias. Nos vindeiros días faremos a montaxe e practicaremos o seu uso… agardamos que sexa un éxito, sobre todo polo entusiasmo, esforzo e tempo que empregaron na súa creación.

Por outra banda o grupo de infantil ao longo da semana realizou as seguintes actividades:

  • Elaboración  e decoración da silueta da “nosa man”
  • Man – robótica de cartolina
  • Xogos
  • Debuxos

Isto é todo polo momento, para a semana seguirémosvos informando, pasade unha boa semana!!. 

Un biquiño familias!!!.

INVENTOS  E  TOLERANCIA

Unha semana mais achegámosvos as actividades do Madrugadores de Calo destes días, un menos polo festivo de Teo. Ao comezo da semana nenos e nenas compartiron con todos/as nós aqueles inventos que estiveron pensando e preparando o fin de semana anterior, e familias!, a verdade é que tivemos moita variedade como por exemplo: mochila que nos da todo o que necesitamos para o cole cando a abrimos, un robot que fai e reparte comida, botella de auga que se vai enchendo segundo se vai acabando… e moitos, moitos máis.

Despois dun San Martiño moi atípico, pero dunha xornada festiva que nos permitiu un pequeno descanso, visualizamos o filme “Planet 51”, coa que vamos a traballar a tolerancia e o respecto cara aos demais nos vindeiros días.

Boa semana familias!!, Un saúdo para todos e todas!!.

EUREKA!

Boas familias! Nesta semana de Madrugadores de Calo voltamos a convertir o noso espazo nunha verdadeira sala de cine!

Despois dun luns onde xogamos a un xogo chamado “Dark Stories”, visionamos o filme de “Lluvia de albóndigas”, despois dunha curta presentación onde falamos sobre algúns datos de interese dimos a coñecer o que eran os inventos e os inventores/as.

Tamén levamos a cabo unha busca, posterior ao visionado, sobre os distintos inventos creados ata agora como a radio, o futbolín, o bolígrafo, a tostadora, etc.

Neste venres, último día da semana, falamos e vimos unha presentación sobre os grandes inventos da historia, onde se incluían os diferentes inventores (destacando a Marie Curie polos seus descubrimentos ao redor da radioactividade e algúns elementos radioactivos).

Para a semana as vosas crianzas serán as protagonistas, darémoslles a oportunidade de ser elas as inventoras, con que nos sorprenderán?

Dende Madrugadores de Calo, moitas gracias a todos e todas.

Un saúdo familias!, ata a vindeira noticia.

MOITO MAXÍN HAI NO SAMAÍN !!!

Ola familias!! Esta semana a dedicamos  a preparar este terrorífico Samaín!. Ao longo da semana realizamos diferentes debuxos relacionados con esta festividade: pintamos bruxas, morcegos, cabazas e incluso zombis e momias!!; ademais aproveitamos a actividade para levar a cabo un concurso de debuxos para aqueles máis terroríficos e orixinais!, tivemos 4 gañadoras, dúas pequenas de infantil e dúas maiores de primaria Parabéns!!.

Aproveitamos esta festividade para que as crianzas fixeran polo menos unha cabaza, e tendo en conta que este ano non podía ser de verdade fixémola de cartolina, aportando cada crianza a súa imaxinación, quedaron chulísimas!!.

Engadir que este venres todas as crianzas viñeron disfrazadas de personaxes terroríficos, moi logrados a verdade, e estivo xenial!!.

Antes de rematar destacar que estamos moi contentas con todas as crianzas, e aínda que vivimos esta situación tan estraña e diferente a outros anos, estanse portando súper ben e cumprindo as regras unha semana máis.

Dende Madrugadores de Calo, moitas gracias a todos e todas.

Un saúdo familias!!, ata a vindeira noticia.

DESCUBRIMOS O MUNDO DE FANTASÍA DE CORALINE

Comezamos a semana en Calo coa película “Os mundos de Coraline”, primeira das actividades relacionadas co Samaín; a través dela nenos e nenas descubriron un mundo de fantasía inacabable, pasaron algún pequeno momento de “medo” (eh!, pero moi pouquiño e baixo control, non vaiades a pensar mal…) á vez que fomentábamos entre eles/as a curiosidade, a coraxe, o valor do esforzo, a comprensión e a importancia da familia (independentemente do seu tipo).

O resto de xornadas dedicámolas a rematar algunha pequena actividade pendente, aos xogos individuais, a colorear debuxos de Samaín, e a un taller de chaveiros moi orixinal que fixemos con pompóns de cores e os nomes dos/as nenos/as que, rapidamente colocaron nas súas mochilas.  Boa semana para todos e todas, ata a vindeira semana!!!

NOVOS MOMENTOS LÚDICOS NO TEO MADRUGA DE CALO

Esta semana continuamos en Calocoas actividades de “Ratatouille”, película proxectada con anterioridade, e un recurso excelente para traballar diferentes aspectos.

O grupo de nenas e nenos de infantil centrouse estes días en:

  • Colorear debuxos sobre a peli
  • Facer un pequeno rato de papel (manualidade de colorear e pegar)
  • Colorear  debuxos dos  seus personaxes animados favoritos
  • Elaborar un quebracabezas, individual, de Ratatouille
  • Facer o Semáforo dos alimentos (relacionar os alimentos mais ou menos sans coas cores dos semáforos)

Por outra banda, o grupo de nenas e nenos de primaria dedicaron estes días a:

  • Manualidade de “papiroflexia” (rato de papel marca-páxinas)
  • Colorear debuxos sobre a película
  • Elaborar un quebracabezas, individual, de Ratatouille
  • Rematar a pirámide dos alimentos (non todos/as…)
  • Colorear  debuxos dos  seus personaxes animados favoritos
  • Xogos individuais e lectura

Semana intensa e lúdica no Madrugadores de Calo, continuará…

Boa semana familias!!!, ata a vindeira nova.

COÑECEMOS DUNHA MANEIRA LÚDICA A BO ALIMENTACIÓN

Ola familias! esta semana adicámonos a transformar o noso comedor nunha auténtica sala de cine!

A principios de semana comezamos a ver a fantástica película de “Ratatouille”, unha película na que o noso protagonista é un pequeniño rato que o único que desexa é chegar a ser un gran chef. Isto non lle ía ser fácil e, esta película, conta todos os momentos polos que pasou o noso pequeno amigo para poder cumprir o seu soño xunto a un montón de amigos!! Traballando así os valores da amizade e de superación, por todos os problemas aos que se enfrenta e a de novas amizades que fai o noso pequeno protagonista ao longo do filme.

Grazas ao cole puidemos usar o proxector e facer un cine como ten que ser, respectando as medidas e moi orgullosas das crianzas, xa que cumpren moi ben con todas as medidas do protocolo e son moi responsables.

Para rematar, cando finalizamos o visionado do filme, xogamos un aforcado coa frase do chef Gusteau, ademais realizamos unha pirámide alimenticia para saber cómo estaban as nosas crianzas co tema da alimentación que tanto nos preocupa!

Dende Madrugadores de Calo, moitas grazas a todos e todas.

Un saúdo familias!, ata a vindeira nova.

BENVIDOS/AS, MADRUGADORES E MADRUGADORAS DE CALO

Regresamos ao cole!!, este ano dentro dunha “nova normalidade” moi diferente aos outros anos, pero coas mesmas gañas e ilusión de sempre.

Ao longo do pasado mes de setembro, as nenas e os nenos de Calo adaptáronse moi ben ás novas características do servizo (protocolo de entrada ao servizo, actividades individuais, con distancia e sen contacto e protocolo de entrada ao cole).

Aproveitamos as xornadas de setembro para elaborar diferentes xogos (oca e xogos de asociación), algunha que outra manualidade (marca páxinas, monicreque – dedo, cartel porta) e por último un estoxo de goma eva para gardar, con toda seguridade, a máscara no momento de almorzar e xantar.

Comentarvos por último, que estamos moi orgullosas dos vosos nenos e nenas, xa que se están adaptando moi ben a todo, e están sendo para nós uns campións e unhas campioas; Parabéns!!!

Dende Madrugadores de Calo, moitas gracias a todos e todas.

Un saúdo familias!, ata a vindeira noticia.