Madrugadores CODI Valga

VARIEDADE, CREATIVIDADE E NOVAS SORPRESAS EN MADRUGADORES CODI-VALGA

Esta semana en Madrugadores Valga estivo chea de variedade e diversión. As persoas participantes gozaron de diferentes xogos de movemento como o pilla-pilla, o zapatiño inglés e outras propostas dinámicas coas que descargar enerxía e pasalo en grande.

Tamén houbo tempo para traballar a motricidade fina a través do xogo libre con plastilina, unha actividade na que ademais puxeron en marcha toda a súa creatividade. Entre as propostas máis orixinais destacou o xogo dos restaurantes, onde elaboraban diferentes comidas con plastilina e recreaban situacións do día a día.

Non faltaron tampouco os momentos de calma e concentración: os mías maiores aproveitaron para estudar de cara aos seus exames, mentres que os máis pequenos desfrutaron da lectura de distintos contos.

Ademais, xa comezamos a preparar varias sorpresas e creacións que temos entre mans e que moi pronto poderedes descubrir.

OS MADRUGADORES DE VALGA CELEBRAN MAIO CON XOGOS E TRADICIÓNS

A semana pasada estivo cargada de creatividade a través de diferentes manualidades. Por iso, nesta semana démoslle paso a xogos de movemento. Para iso, empregamos globos e, ao longo dos días, coñecemos e practicamos diferentes propostas lúdicas, como Carreira con globo, Atrapa o globo, Que non caia!, Transporta o globo e Explota e gaña!. Foron momentos moi divertidos e cheos de entusiasmo.

Ademais, para dar a benvida ao mes de maio, falamos sobre algunhas tradicións propias desta época, como a de colocar xestas nas portas para evitar que entre o pasmo, entre outras. Como complemento, tamén realizamos e coloreamos un debuxo relacionado con esta festividade.

LECTURA E CONCIENCIA AMBIENTAL EN MADRUGADORES CODI – VALGA

Esta semana, no servizo de madrugadores, as actividades estiveron principalmente centradas na celebración do Día do Libro. As nenas e nenos participantes gozaron de diferentes sesións de contacontos, nas que a imaxinación e o gusto pola lectura foron protagonistas, creando momentos de escoita activa e participación.

Porén, o 22 de abril fixemos unha pausa nas actividades lectoras para conmemorar o Día da Terra. Con este motivo, realizamos unha actividade creativa na que descubrimos a técnica de estampación con globos. Primeiro, mollamos a base dun globo en pintura azul e, a continuación, empregamos outro máis pequeno con pintura verde para completar a composición. Deste xeito, cada participante elaborou o seu propio globo terráqueo, ao que posteriormente, coa axuda da monitora, se lle engadiu un soporte.

Retomando a temática da lectura, coincidindo coa celebración do Día do Libro, tamén falamos da tradición de Sant Jordi, na que se agasalla cunha rosa e un libro. A partir desta idea, realizamos unha manualidade especial: un marca-páxinas con sorpresa, combinando creatividade e significado simbólico arredor da lectura.

Ao longo da semana, promovéronse valores como o respecto polo medio ambiente, o gusto pola lectura e a expresión artística, nun ambiente lúdico e participativo para todas as persoas asistentes.

BENVIDA Á PRIMAVERA: XOGOS E CREATIVIDADE EN MADRUGADORES CODI – VALGA

Os nenos e nenas volveron despois do fin de semana de pascuilla cheos de enerxía , polo que nos primeiros días da semana dedicamos o tempo a xogos de movemento como o pilla-pilla, o zapatiño inglés, entre outros, favorecendo así a actividade física e o bo ambiente entre iguais.

Cara ao final da semana, chegou o momento de despedirnos da decoración de Pascua que elaboraramos anteriormente e dar paso a unha nova ambientación máis acorde coa estación na que estamos . Nesta ocasión, realizamos un collage con motivos primaverais, empregando flores, follas e pétalos, deixando voar a creatividade de cada participante.

Unha vez rematadas as creacións, plastificámolas coa axuda da monitora e colgámolas na porta, de xeito que cada mañá, ao entrar, poden ver e desfrutar da súa propia obra de arte .

UN RETO DE PASCUA E UNHA VOLTA CHEA DE ILUSIÓN EN MADRUGADORES

O último día antes das vacacións de Semana Santa, as persoas participantes do servizo de madrugadores de Valga enfrontáronse a un reto moi especial. Coa axuda da monitora e do Coelliño de Pascua, organizouse unha busca cooperativa de ovos na que, para conseguir cada nova pista, tiñan que superar diferentes probas: atopar cenorias agochadas, completar pequenos retos de movemento, facer percorridos saltando como coellos, entre outras.

Foi unha actividade na que, ademais de desfrutar moito, demostraron o seu gran inxenio, a capacidade de traballo en equipo e o bo ambiente que caracteriza ao grupo.

Xa á volta das vacacións, comezamos a semana cunha gran asemblea na que os nenos e nenas compartiron as súas experiencias, contando que fixeron durante estes días: as atraccións nas que montaron, especialmente na Pascua de Padrón, e as ganas que tiñan de seguir aproveitando os últimos días de “pascuilla”.

Ao longo da semana tamén realizamos diferentes xogos para facer as mañás máis dinámicas e divertidas, como o pilla-pilla, o zapatiño inglés, o agochado ou o xogo da foto.

En definitiva, foron días cheos de ilusión, convivencia e moito movemento, nos que o grupo seguiu fortalecendo os seus vínculos nun ambiente lúdico e acolledor.

UNHA SEMANA DE ESFORZO, MANUALIDADES E XOGOS EN MADRUGADORES

A pasada semana en madrugadores estivo marcada polos últimos exames antes das vacacións, polo que os nenos e nenas participantes aproveitaron este espazo para facer os derradeiros repasos e afrontar as probas con maior tranquilidade.

Mentres tanto, os máis pequenos dedicaron o tempo a realizar diferentes manualidades co obxectivo de darlle ao noso espazo un ambiente máis primaveral e tamén cun toque de Pascua. Elaboramos decoración con ovos, coellos e outros elementos propios desta época, actividade á que se foron unindo tamén os maiores unha vez remataban os seus repasos.

Ademais, ao longo da semana levamos a cabo a creación duns chaveiros de madeira, que os nenos e nenas puideron pintar e decorar ao seu gusto, dando renda solta á súa creatividade.

Como é habitual, tamén houbo tempo para os contacontos, xogos e momentos de lecer libre, favorecendo así un ambiente equilibrado entre o traballo, a creatividade e o desfrute.

XOGOS, CREATIVIDADE E MOMENTOS COMPARTIDOS EN MADRUGADORES

Esta semana en madrugadores CODI Valga comezamos as mañás con moita enerxía e ganas de xogar. Os nenos e nenas desfrutaron de diferentes xogos de mesa e tamén de momentos de xogo libre cos materiais da aula.

Ademais, dedicamos tempo á creatividade realizando debuxos e pequenas manualidades, nas que cada participante puido deixar voar a súa imaxinación. Tampouco faltaron os xogos de movemento, que sempre son un dos momentos máis esperados da mañá.

En xeral, foi unha semana tranquila na que compartimos xogos, risas e moi bos momentos antes de comezar a xornada e empezamos a prepararnos para darlle a benvida a primavera.

XOGO, IMAXINACIÓN E IGUALDADE EN MADRUGADORES CODI-VALGA

A pasada semana en Madrugadores CODI-Valga transcorreu nun ambiente de xogo, creatividade e aprendizaxe compartida.

Unha das actividades que máis protagonismo tivo foi a plastilina, que se converteu nun dos materiais favoritos da cativada. Durante diferentes momentos da semana, os nenos e nenas gozaron manipulándoa e dando renda solta á súa imaxinación, creando figuras, formas e pequenas construcións propias.

Ademais, aproveitamos para conmemorar o Día Internacional da Muller, o 8 de marzo. Para achegar esta data á cativada, dedicamos un tempo a visualizar diferentes curtas adaptadas á súa idade que nos permitiron reflexionar sobre a igualdade, o respecto e a importancia de valorar a todas as persoas por igual.

Como actividade creativa relacionada con esta celebración, os nenos e nenas tamén deseñaron as súas propias pulseiras conmemorativas do 8M, empregando diferentes cores e materiais. Foi un momento moi especial no que, ademais de traballar a creatividade, puidemos conversar sobre o significado desta data.

PEQUENOS MOMENTOS, GRANDES APRENDIZAXES EN MADRUGADORES CODI-VALGA

Esta semana en madrugadores continuamos coa nosa rutina diaria, chea de momentos de xogo, aprendizaxe e convivencia.

A cativada gozou especialmente dos momentos de construción, creando diferentes estruturas e deixando voar a súa imaxinación coas pezas. Tamén tivemos varios espazos de contacontos, nos que compartimos historias que espertaron a atención, a curiosidade e a participación activa dos nenos e nenas.

Non faltaron os xogos de movemento, fundamentais para comezar o día con enerxía, nin unha sesión de xogo libre, onde puideron escoller as actividades segundo os seus intereses, fomentando a autonomía e a toma de decisións.

Ademais, desfrutaron da manipulación da plastilina, elaborando as súas propias figuras e empregando diferentes moldes. Esta actividade permitiulles potenciar a creatividade e a motricidade fina dun xeito lúdico e relaxado. Seguimos sumando pequenos grandes momentos cada mañá

VOLVEMOS Á RUTINA CON ENERXÍA E CELEBRANDO A NOSA CULTURA

Tras os días de descanso, en Madrugadores CODI-Valga retomamos a rutina con moitas ganas e, sobre todo, con moita diversión.

Durante a semana desfrutamos dos nosos xogos de mesa favoritos, como o divertido Taco, gato, cabra, queso, pizza” e o sempre emocionante Impostor”, que puxeron a proba a nosa rapidez, atención e capacidade de observación. As risas estiveron máis que aseguradas!

O venres aínda tivemos tempo para aproveitar o último día de Entroido. A cativada viña moi ilusionada co desfile no centro educativo e compartiu con moito entusiasmo de que se ía caracterizar cada clase. Foi un momento cheo de emoción e creatividade.

E, como non podía ser doutro xeito, comezamos a semana conmemorando a figura de Rosalía de Castro. Ademais de escoitar algúns dos seus poemas máis coñecidos, realizamos un retrato da autora, achegándonos así á súa figura e á importancia que ten para a nosa lingua e cultura.

Seguimos aprendendo, compartindo e medrando xuntas e xuntos cada mañá.

ENTROIDO, COR E TRADICIÓN EN MADRUGADORES DE VALGA

Esta semana en Madrugadores CODI Valga dedicámola a prepararnos para a chegada do Entroido, achegándonos ás tradicións propias destas datas dun xeito creativo e participativo.

A primeira actividade que realizamos foi a elaboración do noso propio peliqueiro. A persoa participante de máis idade encargouse de debuxalo sobre papel continuo, mentres que o resto dos nenos e nenas colaboraron cortando folios de cores en pequenos anacos. Unha vez preparado, cubrimos a pantalla do peliqueiro empregando a técnica do collage, unha actividade coa que, ademais de traballar a motricidade fina e a creatividade, nos achegamos ao Entroido tradicional.

Para continuar coa ambientación do espazo, tamén elaboramos cadeas de cores coas que decoramos a aula, enchéndoa de alegría e cor.

Por suposto, esta semana está chea de risas e bos momentos, xa que cada día cumprimos con ilusión os mandatos propostos pola escola, facendo que a espera polo Entroido sexa aínda máis divertid

CONSTRUÍNDO A PAZ DESDE MADRUGADORES CODI-VALGA

Como ben sabedes, o pasado venres 31 celebrouse o Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Por este motivo, ao longo desta semana, a cativada do servizo de madrugadores CODI-Valga estivo envolta en diferentes actividades relacionadas con esta temática tan importante.

Para comezar, realizamos unha chuvia de ideas na que as persoas participantes puideron expresar palabras que, para elas e eles, axudan a construír a paz no día a día, como o respecto, a amizade, a axuda ou a empatía. Unha vez recompiladas todas estas achegas, levamos a cabo un mural colectivo no que os nenos e nenas deron cor e forma a estas palabras, fomentando así a expresión creativa e o traballo en grupo.

Ademais, tamén houbo tempo para a diversión e o movemento a través de xogos como o tren e o cabalo, favorecendo un ambiente de convivencia positiva, cooperación e bo trato entre todas as persoas participantes.

UNHA SEMANA DE INVERNO NOS MADRUGADORES DE CODI VALGA

O mal tempo e o inverno estiveron moi presentes esta semana, e por iso nos Madrugadores de CODI Valga decidimos preparar unha decoración especial para o noso espazo. Entre todas e todos deseñamos un mural no que debuxamos un iglú e elaboramos folerpas de neve, que logo colocamos tanto no mural como na porta da aula, creando un ambiente invernal cheo de maxia.

Pero, aínda así, a alegría e a diversión non pararon. A música estivo moi presente e tivemos a sorte de que a nosa compañeira Mara nos amosase a súa pandeireta. Grazas a ela, gozamos de distintas cancións e compartimos un momento moi especial cheo de ritmo e sorrisos.

Seguimos aprendendo, creando e disfrutando xuntas e xuntos cada mañá.

XOGAR, MOVERSE E CREAR: ASÍ VIVIMOS A SEMANA EN MADRUGADORES CODI VALGA

Esta semana, no Plan Madruga de Valga, continuamos desfrutando de momentos cheos de diversión, participación e creatividade. As persoas participantes tiveron a oportunidade de compartir diferentes xogos de mesa, como o memory, tabú ou Stop!, fomentando así a concentración, a memoria e o traballo en equipo nun ambiente distendido e cooperativo.

Ademais, tamén houbo tempo para os xogos de movemento, nos que o protagonismo foi para os globos. A través deles realizamos distintas dinámicas como relevos, unha adaptación do “voleibol” ou o reto de conseguir que o globo non toque o chan, actividades que promoveron a actividade física, a coordinación e, sobre todo, moitas risas.

Por suposto, a creatividade tamén estivo moi presente, xa que comezamos a elaborar diferente decoración de inverno. Deste xeito, as nenas e nenos puideron expresar a súa imaxinación e colaborar na creación dun espazo máis acolledor e acorde coa estación.

Seguimos así desfrutando das mañás en Madrugadores de Valga, combinando xogo, movemento e creatividade nun ambiente de respecto e convivencia.

LEMBRANDO O NADAL E DANDO A BENVIDA AO NOVO ANO EN MADRUGADORES DE VALGA

A semana pasada en Madrugadores CODI Valga tocou volver á rutina tras as vacacións de Nadal. Comezamos estes primeiros días do ano compartindo experiencias, xa que os nenos e nenas tiveron a oportunidade de comentar como pasaran as festas. Para facelo máis doado e visual, realizamos unha actividade gráfica na que cada participante cubriu e decorou unha folla na que resumiu con quen estivera durante o Nadal, que lugares visitara, que comidas lembraba con máis cariño ou cal fora o seu momento favorito, entre outras cousas.

Unha vez posta a vista no pasado recente, chegou o momento de mirar cara ao futuro. Aproveitando estas datas tan sinaladas, dedicamos un espazo a reflexionar e establecer os propósitos para o novo ano, fomentando a expresión de desexos, metas e ilusións de maneira positiva.

Tamén houbo tempo para colaborar no coidado do espazo común, retirando entre todas e todos a decoración de Nadal que nos acompañara durante as festas. Para rematar a semana, non podía faltar a diversión, que nesta ocasión veu da man de novos xogos de mesa, favorecendo o compañeirismo, a participación e os momentos compartidos.

ÚLTIMOS DÍAS DO CALENDARIO DE ADVENTO EN MADRUGADORES VALGA

Últimos días do calendario de advento en Madrugadores Valga

En Madrugadores Valga seguimos a desfrutar do Nadal e, como ata agora, continuamos abrindo cada día o noso calendario de advento, cheo de actividades e pequenos retos. Ademais, xa nos queda pouco para finalizar este calendario e dar comezo ás vacacións de Nadal, aínda que seguimos a vivir cada xornada coa mesma ilusión e as mesmas ganas do primeiro día.

Esta semana estivo marcada pola creatividade, xa que elaboramos postais de Nadal, nas que as nenas e os nenos puideron deseñar a súa propia postal ou empregar unha plantilla. Ademais, decoramos unha árbore de Nadal ao gusto de cada participante, utilizando pegatinas e engadindo un lazo para converter a creación nun adorno para a árbore.

Para rematar a semana, démoslle movemento ao corpo cun reto do calendario de advento: o xogo do “balón nevado”, no que, cun globo de cor branca, as persoas participantes tiñan que dar toques sen deixar que tocase o chan.

Por último, elaboramos a carta aos Reis Magos, na que cada participante escolleu dous ou tres xoguetes dun catálogo e pegounos na súa carta, expresando así os seus desexos para estas datas tan especiais.

A MAXIA DO NADAL ESPERTA EN MADRUGADORES CODI VALGA

A primeira semana de decembro estivo marcada polas actividades e os retos que nos foi indicando o calendario de Advento. Cada día trouxo unha proposta diferente, facendo que o alumnado participante puidese gozar de momentos lúdicos, creativos e de convivencia.

Ao longo destes días realizamos actividades de todo tipo: xogamos ao Tabú navideño, participamos na Busca da Estrela, cantamos no Karaoke de Nadal, compartimos momentos de emoción no Bingo e, como broche creativo, celebramos a actividade “Acéndense as luces”, que encheu o espazo dun ambiente festivo e acolledor.

Foi unha semana chea de ilusión, participación e espírito de Nadal, na que cada nena e neno contribuíu a crear un tempo especial de encontro e diversión.

CREATIVIDA, ILUSIÓN E NADAL EN MARCHA

Tras conmemorar o 25N, en Madrugadores CODI Valga puxémonos mans á obra para recibir o Nadal. Sacamos toda a nosa creatividade e comezamos deseñando a nosa árbore de Nadal. Para iso, as persoas participantes decoraron un anaco de triángulo de cartolina que posteriormente unimos de maneira estratéxica para formar a árbore.

Despois chegou o momento de elaborar a decoración para as portas e os ventanais. Mentres as participantes e os participantes maiores deseñaban e recortaban as decoracións, as crianzas máis pequenas, coa axuda dalgún compañeiro ou compañeira maior, íanas colocando no seu sitio.

Dámoslle así a benvida a decembro cun espazo totalmente decorado. O que nos agarda agora é un calendario de Advento no que cada día teremos un reto, unha manualidade ou unha pequena sorpresa á que enfrontarnos. O primeiro día sorprendeunos cun memory de Nadal, co que puidemos mellorar a memoria ao mesmo tempo que desfrutamos.

Estamos desexando descubrir que máis nos espera durante estas semana

MEDRANDO EN VALORES EN MADRUGADORES CODI VALGA: DA INFANCIA Á IGUALDADE

Esta semana houbo moito que celebrar no noso espazo, xa que o pasado 20 de novembro se conmemora o Día da Infancia. Para visibilizar esta data tan importante, as persoas participantes de Madrugadores Valga visualizaron o curto adaptado ás idades “LOU”, unha curtametraxe que explora o acoso escolar desde a perspectiva dun observador. Aproveitamos a proxección para reflexionar de maneira sinxela e adaptada sobre valores, dereitos e deberes, favorecendo así a empatía e o respecto.

Por outra banda, encamiñándonos ao 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, dedicamos parte do tempo a unha manualidade conmemorativa. Inspirámonos na canción La Puerta Violeta”, de Rozalén. Para iso, sobre unha cartolina morada, dobramos un anaco no que debuxamos unha porta como símbolo de saída e liberdade. No interior desa porta, cada nena e neno representou un símbolo de felicidade ou de liberación, creando así unha obra colectiva cargada de significado.

Ademais, durante o tempo de lectura tamén traballamos a conciencia sobre esta temática a través de diferentes contos, como Cuando las niñas vuelan alto” ou “¿Hay algo más aburrido que ser una princesa rosa?”. Para completar a nosa semana, tamén gozamos de diversos xogos de movemento adaptados ás necesidades do grupo.

Unha semana chea de aprendizaxe, reflexión e creatividade en Madrugadores Valga.

UNHA SEMANA CHEA DE XOGOS,CONVIVENCIA E LECTURAS EN MADRUGADORES CODI- VALGA

Esta semana en Madrugadores estivemos cargadas e cargados de actividade e diversión! O grupo participou nunha grande variedade de xogos, adaptados ás diferentes idades e intereses.

O alumnado máis pequeno disfrutou con propostas como “Adiviña quen son?” e “A pescar”, que lles permitiron traballar a imaxinación, a expresión e a coordinación.

O alumnado maior, pola súa parte, puxo a proba a súa rapidez mental e a atención co clásico “Stop!”, un dos favoritos do grupo.

Tamén realizamos xogos en conxunto, nos que todas e todos compartiron espazo e dinámicas de movemento: desde o escondite ata a galiña cega, actividades que sempre xeran risas, participación e moito dinamismo.

Por suposto, non faltou o noso momento de calma, dedicando tempo á lectura de diferentes contos, fomentando así o gusto pola lectura e un ambiente tranquilo dentro da rutina da mañá.

Ademais, esta semana demos comezo ao traballo arredor do 25N – Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, con pequenas reflexións e actividades adaptadas ás idades de todas as persoas participantes.

Seguiremos informando das novidades e propostas especiais das vindeiras semanas.

COMEZAMOS O DÍA CON ENERXÍA EN MADRUGADORES CODI VALGA!

Esta semana en madrugadores CODI Valga seguimos coa nosa rutina diaria, comezando cada mañá cun tempo de almorzo para aquelas persoas participantes que o realizan no espazo, creando un momento de convivencia e bo ambiente antes de iniciar as actividades.

Houbo días nos que apostamos polos xogos de movemento, que nos axudan a activarnos e comezar o día con enerxía, e outros nos que optamos polos xogos de mesa, fomentando a cooperación, a atención e o respecto ás quendas.

Ademais, continuamos coa lectura de diferentes contos, unha actividade que xa se converteu nun dos momentos favoritos do grupo. A través destas historias seguimos estimulando a imaxinación, o gusto pola lectura e o disfrute da tranquilidade antes de comezar a xornada escolar.

Para rematar, agardamos ver que novas aventuras nos traerá a próxima semana.

SAMAÍN EN MADRUGADORES  CODI -VALGA

Como xa anticiparamos a semana pasada, nesta dedicámonos de cheo a prepararnos para o Samaín. Aproveitamos cada momento para fomentar entre a rapazada o gusto pola lectura a través de diferentes contos e historias cheas de misterio.

Ademais, puxemos en marcha a nosa creatividade traballando as habilidades plásticas e decorando o espazo de Madrugadores con ambientacións ben tenebrosas.

A semana culminou cunha sesión de zumba na que nenas e nenos, convertidos en auténticos seres do máis terroríficos, moveron o esqueleto ao ritmo da música.

E, como non podía faltar, tamén houbo tempo para os xogos de sempre: o pilla-pilla, o escondite, os xogos de construción e moitos máis momentos de diversión compartida.

Despedimos o mes de outubro con moita enerxía e ilusión… ¡a ver que nos depara este mes de novembro!

PREPARÁNDONOS PARA O SAMAÍN EN MADRUGADORES VALGA

Esta semana, no Servizo de Madrugadores do CODI de Valga, metémonos de cheo na preparación do Samaín. Desde o servizo, queremos achegar aos nenos e nenas participantes as costumes e tradicións de Galicia, vivindo esta festividade con ilusión e aprendizaxe.

Comezamos cunha asemblea na que puxemos en común o que xa sabiamos sobre o Samaín, e logo achegámonos a esta tradición a través da lectura de diferentes contos temáticos, potenciando así o gusto pola lectura desde as idades máis temperás.

Por suposto, tamén houbo tempo para a imaxinación e a creatividade:
O grupo máis novo pintaron os seus personaxes favoritos disfrazados, mentres que o grupo máis maior deseñaron tea de arañas, morcegos e cabazas que utilizamos para decorar o noso espazo e darlle un aire máxico e misterioso.

O ambiente xa cheira a Samaín, e as mañás en Madrugadores Valga están cheas de diversión, aprendizaxe e moita maxia!

BENVIDAS, FAMILIAS! COMEZAMOS UNHA NOVA TEMPADA DE MADRUGADORES EN VALGA

O pasado 8 de setembro demos comezo ao Servizo de Madrugadores no CODI de Valga, onde os rapaces e rapazas veñen cada mañá a desfrutar desde as 7:30 ata as 9:30, antes de entrar ao colexio.

Este ano contamos con nenos e nenas de diferentes idades, e entre todos e todas estamos creando un ambiente acolledor no que compartimos xogos, risas e momentos de creatividade.

As primeiras semanas de setembro serviron para coñecernos mellor e participar en diferentes dinámicas de grupoque nos axudaron a comezar o curso con enerxía e bo humor. Despois do almorzo, chega o momento do xogo libre e compartido, no que gozamos con xogos de mesa como o Dobble, Memory, cartas ou Apalabrados, ademais de xogos de construción e habilidade como as torres de Lego, o Jenga ou o clásico Encesta o aro.

Non faltou tampouco o espazo para a imaxinación e a expresión artística, poñendo cores aos nosos debuxos favoritos.

Agora xa estamos a preparar con moita ilusión as actividades de Samaín, que encherán as mañás de misterio, risas e diversión.