Cuntilín Tardes

DÍA DO LIBRO

O 23 de abril foi unha data elixida pola UNESCO para conmemorar o “Día do libro”, pois coincide co falecemento de grandes figuras da literatura como Cervantes e Shakespeare. Esta semana no Cuntilín conmemoramos este día intercambiando exemplares. Cada neno ou nena elixiu un libro para regalar, no que poñían unha dedicatoraria para a outra persoa. Ninguén quedou sen libro nin sen dedicatoria. Para finalizar levouse a cabo unha lectura conxunta dalgún dos libros seleccionados.

Ademais tivemos un obradorio de cociña moi saboroso. Elaboramos e degustamos unhas magdalenas, que nos saíron ben boas…

Outra das actividades a salientar desta semana foi a Saída a Agadea. Nesta visita interxeracional, na que sempre compartimos vivencias e historias, tivemos a ocasión de xogar con eles ao bingo. Divertímosnos moito e incluso se repartiron premios!

Ata a semana!

POMPAS DE XABÓN

Moi boas, dende o Cuntilín!

Unha das actividades que realizamos esta semana foi un obradoiro de pompas de xabón irrompibles, pasárono moi ben no patio xogando con elas!

En canto a animación á lectura, lemos o conto: “A caixa dos tesouros”, e a continuación levamos a cabo unha búsqueda polo patio pasando diversas probas, ata chegar ó preciado tesouro.

Tamén conmemoramos o “Día da educación física na rúa” con diferentes xogos deportivos no exterior.

En relación coa nosa programación: “Galicia, cultura e tradicións”, os oficios; falamos de ferramentas e obxectos que empregaban en diferentes oficios. Aprenderon moito, pois a gran maioría eran descoñecidos para a cativada.

Tamén dentro da programación deste curso fixemos unha actividade con recursos naturais: A natureza en cores. Consisteu en buscar na natureza (flores, herbas, pedras…) elementos de distintas cores: vermellos, amarelos, laranxa, verdes, azuis…

Ata a semana!

XA ESTAMOS DE VOLTA NO CUNTILÍN

Despois do descanso da semana santa, comezamos o último trimestre do curso con moita ilusión. Estivemos rematando de decorar as instalacións con flores, bolboretas… e todo o relacionado con estas datas de primavera nas que estamos.

Por outro lado, realizamos un obradoiro de medio ambiente de perfumes naturais con flores e follas que recollemos polo patio. Despois do proceso de elaboración das fragancias, leváronas en frascos para as súas casas.

En canto á programación anual: “Galicia, cultura e tradicións” coñecemos a uns seres mitolóxicos do folclore galego vinculados ao río Miño e a Ribeira Sacra: os Xacios e as Xacias, estos teñen corpo de humano e cola de peixe, pero a diferencia das sereas, poden vivir tanto na auga como fóra dela.

Para rematar, elaboramos uns colgantes de arcilla, que decoraron con trísceles ao seu gusto.

Para a semana seguiremos contándovos!

REMATAMOS O SEGUNDO TRIMESTRE

Esta semana estivemos facendo actividades e xogos relacionados con estas datas que se aproximan. Deste xeito, decoramos as instalacións con coelliños e ovos de Pascua, levamos a cabo un xogo de búsqueda, no que había que pasar unhas probas e atopar uns ovos de chocolate polo patio, e como prato final realizamos un obradoiro de cociña de roscas de Pascua. Cada neno e nena do Cuntilín decorou ó seu gusto a súas roscas e logo de enfornalas leváronas para a probar na casa. Esta actividade, que facemos todos os anos por estas datas,  é unha das súas preferidas.

Como tamén estamos a finais de mes, tocou celebrar os aniversarios con xogos musicais e doce.

Con esto poñemos fin a este trimestre. Para o seguinte seguiremos contándovos…

Que pasedes unhas boas vacacións de Semana Santa!

SAÍDA AO SALÓN DO LIBRO

Como xa vén sendo costume para o Cuntilín, un ano máis fomos de visita ao “Salón do Libro infantil e Xuvenil” de Pontevedra. Acompañounos Ana, a concelleira de  Igualdade e Servizos Sociais do noso Concello.

Alí estivemos con Orbil, a súa mascota, e sacamos unha foto con el. Nesta edición o lema do salón leva por título:”Que non pare a música!”, deste xeito moitas das actividades xiran entorno este tema. Visitamos as distintas estancias e desfrutamos delas.

Ademais pudemos asistir a unha sesión de contacontos titulado “Perdido?”, baseado na historia de Oliver Jeffers, un conto inclusivo no que se emprega a lingua de signos.

En resumo, pasámolo moi ben!

Ata a semana!

CONMEMORAMOS O 8M

Estes días, no Cuntilín, falamos de porqué se conmemora este  día e realizamos actividades entorno a el. Unha delas foi a elaboración de flores  violetas, nas que os nenos e nenas poñían en cada folla o nome da muller máis importante na súa vida. Despois, se querían, podían regalarllas a esas persoas.

Tamén realizamos unha actividade conxunta con  AGADEA, na que pintamos unha árbore á que lle colocamos fotos das nenas e mulleres do Cuntilín e de AGADEA,  baixo o lema: “Xuntas medramos mellor, 8M” facendo referencia a unión entre xeracións que creamos cada vez que visitamos esta asociación . Quedou moi bonito!

Ademais coñecemos a historia dunhas grandes referentes como Theresa kachindamoto, Angeles Alvariño e Rogelia dos Outeiros (veciña de Moraña), entre outras.

Ata aquí o máis relevante desta semana, seguiremos contándovos!

OS CASTROS

Moi boas, unha semana máis dende Cuntilín!

Rematado o entroido, volvemos á rutina e con ela, á nosa programación. Afondamos nas construcións típicas, esta vez tocou coñecer unha milenaria, os castros. Pero ademais de ser importantes pola súa historia, Cuntis conta con un castro moi coñecido, como é Castrolandín. Falamos dos materiais con que se facían, como era a vida neles e onde se podían situar. Rematamos a actividade realizando un castro entre todos e todas con materiais de reciclaxe. Como o inverno está a piques de rematar e temos tantas ganas xa de sol, comezamos a preparar o novo mural que preside as instalacións e a decoración do teito. A verdade é que xa tiñamos ganas de ver cores alegres.

Como rematou o mes de febreiro, celebramos os aniversarios. Tivemos doce, xogos, maquillaxe, globoflexia, etc.

Ademais de todo iso, tamén conmemoramos o “Día de Rosalía”, recreamos unha festa tradicional, realizamos contacontos, xogos no exterior, xogos deportivos…

Ata a semana!

CUNTILÍN FAI O CHAPANTE!

Pois si, como ben di o título, este ano o Cuntilín tivo a honra de facer o Chapante, que se presentou na gala que leva o seu nome. Para quen non o saiba, o Chapante ven sendo a representación satírica do descontrol en canto a comida, bebida, festa, etc… que por tradición se asocia coa xente de Cuntis.

Aproveitamos que unha das nosas nenas maiores é moi boa debuxando, para que nos fixese o boceto (unha vez que soubemos como ía a ser). Decidimos que ía ter cara de porco, xa que é o gran protagonista na festa do lacón, e corpo de humano.  Unha das cousas máis características de Cuntis, son as súas augas termais, polo  que o Chapante estaría comendo e dándose un baño relaxante nunha bañeira, como a que hai diante do Balneario. A verdade é que a realidade superou a ficción! Quedounos chulísimo! Entre todos fomos preparando as diferentes partes. O selo persoal do Cuntilín foi na camisa que levaba. Cada neno e cada nena fixo un pequeno debuxo.

A verdade que quedamos moi agradecidos con que contasen co Cuntilín para algo tan importante para o pobo!

Un saúdo

DÍA DA CANDELORIA

Moi boas!

Esta semana realizamos unha morea de cousas no Cuntilín. Rematamos xaneiro conmemorando o “Día  escolar da non violencia e a paz” con Agadea.Lemos o conto  “O ladrón de paraugas” e fixemos un pequeno obradoiro entre todos e todas: uns paraugas e unhas pulserias sobre a paz. Pero este non foi o único día que conmemoramos; o 4 de febreiro celebrase o “Día do orgullo Zombie”, así que aproveitamos a xornada para facer unhas mans de zombies e diferentes xogos terroríficos. 

Tamén fixemos de chefs. Realizamos un obradoiro no cal elaboramos unha riquísima bica de Trives!

Comezou febreiro e con el chegou o Día da Candeloria. Na tradición galega era un día moi importante, xa que era a celebración da metade do inverno. Quixemos que os nenos e nenas coñeceran esta tradición, e lemos refráns sobre este día.

Non nos queremos esquecer de outras actividades como a “Romería tradicional”, na que recreamos unha, con postos de churros e polvo á feira incluídos!, o mural de entroido que xa rematamos e os disfraces que comezan a estar en proceso!

Para a semana máis!

Un saúdo!!!!

OBRADOIRO DE PAN

Esta semana no Cuntilín realizamos un obradoiro de pan. Coñecemos os diferentes tipos que hai e os ingredientes que leva.  A partir de aí, tiveron que facer o seu propio bolo.  Aínda que non poidemos levar a cabo todo o que aprendemos para elaboralo (deixalo levedar, os cambios de temperatura, etc.) saíronnos riquísimos!

As actividades de igualdade xiraron en torno a figura de Marie Curie, pioneira no campo da radioactividade e a única persoa en recibir dous premios nobel en diferentes categorías.    Realizamos experimentos e un xogo empregando radiografías de diferentes partes do corpo, de  animais…

En canto á programación “Galicia: cultura e tradicións”, coñecemos o ser mitolóxico “o Nubeiro” e realizamos diferentes xogos en relación a este personaxe.

Rematamos a semana dun xeito máis lúdico realizando un pintacaras e xogos musicais.

Ata a semana!

COMEZAMOS UN NOVO TRIMESTRE NO CUNTILÍN

Despois dunhas merecidas vacacións, estamos de volta no Cuntilín! Esta semana realizamos un obradoiro creativo, onde fixemos uns pingüins para decorar, empregando algodón, cola e témpera. No obradoiro saudable, quixemos afondar nos diferentes alimentos e realizamos uns  debuxos ó estilo de “Giuseppe Arcimboldo”,  empregando a súa famosa silueta e decorandoa con  alimentos saudables.

En canto á programación “Galicia: cultura e tradicións” afondamos nas construccións típicas. Coñecemos a historia da Torre de Hércules, as lendas que a rodean e  tamén fixemos un xogo.

Rematamos a semana cunha xincana de medio ambiente, onde tivemos que ir superando diferentes probas relativas á reciclaxe.

Como sempre, tamén houbo tempo de xogos deportivos, reforzo escolar, etc

Un saúdo!

CHEGOU O NADAL!

Sen darnos conta chegou o Nadal ao Cuntilín, e con el as tan esperadas vacacións.

Rematamos con unha saída a Cardecide para ver as luces de Nadal. Os veciños e veciñas preparan a aldea para estas datas con moita decoración. Un espectáculo para ver, tendes que ir!

Como rematan as clases, celebramos os aniversarios deste mes de decembro e realizamos a nosa saída mensual a Agadea.

Dende Agadea quixeron celebrar con nós (e con outras entidades do Concello) o comezo das vacacións e a chegada do Nadal con unha gran festa, onde se fixeron xogos, cantamos cancións, tomamos chocolate con churros e desfrutamos todos e todas xuntos. A verdade que foi unha tarde moi especial.

Sen máis, aquí vos esperamos á volta,  que teñades un Bo Nadal e un próspero aninovo!

Unha aperta moi grande!

«CONMEMORAMOS O DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS»

Moi boas dende o Cuntilín!

Esta semana, aínda que foi breve xa que tivemos un festivo polo medio, estivo cargadiña de actividades moi divertidas. Rematamos a semana pasada con un “escape room”, onde tiveron que ir superando diferentes probas, descifrar uns códigos e axudar a levar a uns extraterrestres de volta ao seu mundo.

Continuamos a semana coa decoración de Nadal. Seguimos construíndo a nosa árbore dos desexos onde cada neno e cada nena escribiu o seu desexo para o ano novo. Como o día 10 de decembro foi o “Día Internacional dos Dereitos Humanos”, coñecemos os nosos dereitos, realizamos un debate e fixemos un xogo.

Para a semana máis!

Un saúdo!

XOGOS DO MUNDO

Moi boas, dende o Cuntilín! Como rematou o mes, festexamos os aniversarios de novembro. Fixemos o noso doce de chocolate, bailamos, cantamos e pasámolo xenial.  Pero non foi a única actividade da semana. Tivemos tempo a coñecer diferentes xogos do mundo, sendo os “bolos fineses” o favorito de todos  e todas. Tamén comezamos coa preparación da decoración de Nadal. Este ano, queremos facer unha árbore entre todos e todas, e niso estamos. No obradoiro de reciclaxe, aproveitamos para facer xogos con elementos reciclados, como tapóns, cristais erosionados do mar, ou envases de iogur. Foi unha actividade que lles gustou moito. Todo o que sexa manipular e crear é un éxito no Cuntilín!

Rematamos a semana coa conmemoración do “Día Mundial das persoas con discapacidade”. Visualizamos unha curtametraxe e realizamos diferentes xogos de concienciación.

Boa ponte! Ata a semana!

25 N NO CUNTILÍN

Dende o Cuntilín conmemoramos o 25 de novembro: “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller”, realizando diferentes actividades. A máis destacada delas foi o concurso de debuxos que realizamos. Os nenos e as nenas tiñan que reflexar o que é para eles un mundo con violencia de xénero e un mundo sen violencia de xénero. Os debuxos gañadores foron expostos na biblioteca municipal, polo que podedes pasar a velos por alí. Rematamos as actividades participando na Andaina organizada polo Concello de Cuntis.

Rematamos a semana coa  saída mensual a Agadea. Este mes coñecemos o libro gañador do premio Simbad para o Recordo, que foi “O nobelo de nenuca”. Un conto moi bonito  que ten como finalidade concienciar aos máis pequenos e pequenas dunha enfermidade como é o Alzhéimer .

Ata a semana!

OS VASOS DA IGUALDADE

Moi boas dende o Cuntilín, aquí estamos unha semana máis. Estos días estivemos  afondando na programación de este curso: Galicia: cultura e tradicións.  Coñecemos algunhas construccións típicas, e falamos concretamente da importancia que tiñan as lareiras nos fogares. Aproveitamos para construir a nosa propia lareira. Rematamos a actividade co contacontos “Miña casia, meu lar”.

Continuamos cos oficios tradicionais e para iso realizamos o “pasapalabra dos oficios”.

Rematamos a semana con un obradoiro de igualdade, dentro das actividades polo 25 N. Creamos diferentes vasos móbiles, onde as nenas e nenos decidían as profesións que máis lles gustasen.

Para a semana máis!

SERES MITOLÓXICOS

Aquí estamos de volta no Cuntilín despois de tantos días. Esta semana coñecemos unha figura mitolóxica moi curiosa para os nenos e as nenas, O Gatipedro . Un gato de cor branco, con un corno na fronte e unha lingua moi longa, que entra nas habitacións dos máis cativos e cativas, bota auga polo corno, e dese xeito soñan que se fan pis na cama. Temos que dicir que espertou moita curiosidade. Rematamos a actividade con un xogo de pistas.

Tamén realizamos un obradoiro creativo, onde elaboramos mandalas. Para iso empregamos diferentes lás de cores e depresores para facer de bases. Foi unha  actividade entretida e relaxante á vez, xa que estiveron concentrados enredando a lá, combinando as cores, etc.

Rematamos a semana coa celebración do magosto. Asamos castañas e merendámolas, estaban ben boas!

Para a semana máis, un saúdo!

SAMAÍN NO CUNTILÍN!

Estos días no Cuntilín  estivemos de festa en festa! Celebramos os aniversarios de setembro e outubro. Como sempre, elaboramos o noso propio doce, xogamos aos xogos favoritos dos nenos e das nenas que estaban de aniversario, bailamos, etc.

As actividades do Samaín comezaron con un obradoiro de cociña. Con fariña, ovos e améndoas, creamos uns dedos de bruxa tenebrosos. Pero o mellor de todo é que estaban boísimos! A seguinte das  actividade foi un obradoiro de máscaras.

Como tiñamos previsto un gran xogo polo pobo, pero o tempo non nos acompañou,decidimos facer unha xincana nas instalacións. Superamos diferentes probas noxentas, outras que daban moito medo e rematamos escavando nunha lápida!  Pasámolo xenial!

A semana rematou coa elaboración de diferentes pócimas máxicas e unha gran festa de disfraces!

Como sabedes temos uns días de descanso! Boa ponte!

MOI BOAS, DENDE O CUNTILÍN!

Aquí estamos de volta un curso máis. Este ano a programación xirará en torno á cultura e as tradicións galegas. Afondaremos na gastronomía, nas festas, nas construcións tradicionais, na música, etc. pero ademais, tamén teremos tempo para realizar as tarefas escolares, a saída mensual a AGADEA, visitas de persoas relevantes, grandes xogos, xincanas, festas temáticas…

Como xa comezou o outono, realizamos o noso tradicional mural, que preside a entrada das instalacións, así como outras actividades relacionadas con  esta estación.

Todas as semanas vos iremos contando o que andamos a argallar polo Cuntilín!

Un saúdo!