Cuntilín

VISITAMOS AGADEA

Como todos os meses, fomos de visitaa Agadea. Desta vez, falamos dos xogos de antes e dos de hoxe en día, e tamén os puxemos en práctica. Aproveitamos para comparar os xoguetes de agora (moito máis ruidosos, luminosos…) cos que tiñan antigamente, nos que había que empregar o inxenio e estaban feitos de materiais naturais. Foi unha bonita xornada, que rematou cunha merenda saudable.

Esta semana na axenda 20/30 falamos da “auga  limpa e saneamento”, levamos a cabo diferentes experimentos como o de filtrar auga ou o da choiva ácida.

E como estamos a piques de cambiar de estación, comezamos a elaborar a decoración da primavera para decorar as instalacións do Cuntilín.

Ata a semana!

CONMEMORAMOS O DÍA DA MULLER

Esta semana realizamos diferentes actividades para conmemorar o 8M, “Día Internacional da Muller”. O obxectivo deste día é sensibilizar  á sociedade e potenciar a igualdade real de xénero, aínda que é un tema que no Cuntilín tratamos habitualmente, aproveitamos estos días para facer especial fincapé nel.

Tivemos un contacontos de Igualdade: “A historia dos Bonobos con  anteollos”, e de seguido xogos sobre o conto, que foron moi entretidos. Non faltou tampouco un mural sobre o propio día, que fixeron con agarimo todas as nenas e todos os nenos para decorar as nosas instalacións.

Ademais fomos á lectura do manifesto que se levou a cabo por parte da concelleira de Igualdade, acompañada  por outros membros da corporación municipal, no Centro Sociocultural Xosé Raído Patelas. Alí tamén asistimos a actuación da coral de Ames “Son Elas”, integrada toda por mulleres e que nos deleitaron coas súas cancións.

VISITAMOS AGADEA

O 23 de febreiro foi o “Día de Rosalía”, polo que dende o Cuntilín fixemos a nosa pequena homenaxe a esta muller pioneira. Lembramos a súa vida e obra, recitamos algúns dos seus poemas e rematamos pintando un gran retrato, que vai decorar as nosas instalacións.

 Esta semana tamén tocou o obradoiro de medioambiente, no que falamos da importancia das granxas sostibles e do consumo responsable de carne. Como actividade, cada nena e cada neno creou unha granxa.

No obradoiro de Igualdade, decidimos, por unanimidade, coñecer a historia de diferentes mulleres. Para iso, empregamos o libro: «Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes 2«. Coñecemos a vida de J.K. Rowling, (escritora), Clementine Wamariya, (Contacontos e activista)  e a Lauren Potter (actriz).

Rematamos a semana celebrando os aniversarios deste mes, e tomamos o doce que elaboramos,  estaba boísimo!

Ata a próxima!

 DESFILE DE ENTROIDO POLO POBO

Despois dos días de descanso, volvemos ó Cuntilín e fixemos o desfile de entroido polo pobo, que aprazaramos polo mal tempo. De acorde coa programación deste ano da axenda 20/30 e en relación co obxectivo: “Vida submarina”, fomos disfradados e disfrazadas de diferentes  tipos de peixes, mariscos…

Aproveitando o bo tempo, tanto o luns como o martes fixemos xogos no exterior e levamos a cabo algúns novos como o «tunga», «palomitas» e outros xa coñecidos, pero que nos encantan.

Ademais, o martes foi un día de despedida, xa que marcharon as dúas compañeiras monitoras que estiveron facendo prácticas con nós. Vamos a botalas moito de menos!

O mércores  saímos polo patio a facer unha «batida de limpeza« e rematamos esta semana cun obradoiro creativo  con títeres de animaliños e a súa posterior posta en escena.

Ata a semana.

Un saúdo!

CHEGOU O ENTROIDO!

Un ano máis chegou febreiro e con el o entroido. Por iso, esta semana estivemos con obradoiros relacionados con estas datas.

Elaboramos máscaras cos personaxes favoritos das nenas e dos nenos, máscaras venecianas, con plumas e cores brillantes, coñecemos as tradicións desta época nos diferentes lugares da nosa xeografía, rematamos os disfraces e fixemos unha festa.

Como o tempo non acompañou, tivemos que aprazar o noso tradicional desfile polo pobo para a volta destas «mini vacacións». 

O que si, a festa de disfraces foi un éxito, coma sempre. Realizamos un concurso e houbo tamén merendola, música, baile…

Que teñades un feliz entroido. Ata a volta!

VISITAMOS AGADEA

Aquí estamos de novo para informarvos do máis importante que fixemos estos días…

Esta semana queremos destacar sobre todo a visita a Agadea, que como sabedes, realizámola unha vez ao mes. Podemos dicir que foi un éxito tanto para os/as participantes do Cuntilín como para as usuarias e usuarios dese servizo. Falamos do libro: “Sobremesas sobre versos”, premio Simbad para o recordo e o alzhéimer 2002. Un libro moi bonito, a partir do que fixemos xogos, empregando as receitas como eixo principal.

Ademáis, como o día 30 se conmemora o Día Escolar da Non Violencia e da Paz, tivemos unha charla sobre esta temática e realizamos un mural.

Por outro lado, aproveitamos para facer un obradoiro onde falamos de outras formas de xogar e de xoguetes máis sostibles.

Para a semana contámosvos máis!       

CIDADES SOSTIBLES

Esta semana no Cuntilín desfrutamos ao máximo do bo tempo, realizando a maior parte das actividades no exterior.

O luns continuamos cos obxectivos da  Axenda 20/30; falamos das “Cidades e comunidades sostibles” e da súa importancia. Como actividade, deseñamos entre todos e todas unha cidade sostible. Como lles gustou tanto esta tarefa, volveron a realizala, pero esta vez no exterior, empregando materiais da natureza.

En canto ao obradoiro de medio ambiente, aproveitamos para relacionalo coa axenda e traballamos as enerxías sostibles, tan necesarias para as cidades. A continuación elaboramos os nosos propios muíños de vento.

Por outro lado, rematamos o mural de inverno que adorna as instalacións. Quedou moi bonito!

E como o entroido está próximo, comezamos a elaborar os primeiros disfraces.

Ata a semana!

 ESPANTAMOS OS XERMES

Moi boas, unha semana máis dende o Cuntilín. Estes días, aproveitando o obxectivo da Axenda 20/30 que nos tocou tratar, realizamos o obradoiro de Igualdade unindo as dúas temáticas. O  obxectivo era a «Redución das desigualdades» e para iso, vimos diferentes vídeos e levamos a cabo un debate.

No obradoiro saudable, traballamos a importancia de lavar as mans, de como facelo, e realizamos un experimento chamado «espantamos os xermes».

Como estamos no inverno, toca decorar as instalacións de acorde coa temática e elaboramos uns gorros e  unhas luvas para decorar.

Para rematar a semana, desfrutamos dunha sesión de cine de inverno.

COMEZAMOS O SEGUNDO TRIMESTRE

Despois dun descanso, aquí estamos de volta no Cuntilín.

Esta semana, comezamos a elaborar o mural de inverno, para iso realizamos un obradoiro creativo onde fixemos esquimós e aproveitamos para coñecer un pouquiño como é a súa vida, onde viven…

En canto a axenda 20/30, esta semana falamos das «Alianzas para lograr obxectivos».Para que fose fácil de entender, realizamos diferentes xogos, onde era preciso facer alianzas para poder lograr o obxectivo do xogo.

Como a actualidade está nos “pellets de plástico”, que están chegando as nosas costas, realizamos unha actividade de medio ambiente onde falamos un pouco máis do que está pasando e aproveitamos para coñecer outras catástrofes que tamén afectaron ás costas galegas, como a do Prestige, etc.

Para a semana máis!

Un saúdo!

 DESPEDIMOS O PRIMEIRO TRIMESTRE

Xa está aquí o Nadal e polo tanto, o primeiro trimestre deste curso 2023-2024 chegou ao seu fin.

Unha das actividades máis destacables desta semana foi a saída a AGADEA, na que elaboramos un obradoiro conxunto de postais coas usuarias e usuarios da asociación, e rematamos cunha merendola, á que nos invitaron. Foi una experiencia moi gratificante que volveremos a repetir pronto.

Estes días, no Cuntilín, as actividades e obradoiros que realizamos xiraron en torno á época do ano na que estamos, rematamos a decoración e elaboramos diferentes obradoiros de nadal: papá noeles, un obradoiro de cociña duns saborosos bonecos de neve…

O último día rematamos cunha gran festa de despedida deste trimestre, na cal xa celebramos os aniversarios deste mes con música, xogos e tamén tarta e merenda.

O trimestre termina pero agardámosvos no Cuntilín Nadal, que comeza o 26 de decembro en horario de 9 a 14 horas.

Que pasedes unhas FELICES FESTAS!

CONMEMORAMOS O DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

Despois duns días de descanso, estamos de volta no Cuntilín!

Con motivo do “Día Internacional das persoas con discapacidade” recibimos a visita da Asociación APACAF, que nos falaron das persoas con autismo, e de como traballan con elas no seu centro.  Foi moi interesante e aprendemos moitas cousas.

Como xa estamos en decembro, continuamos decorando as instalacións coa temática de Nadal. Fixemos unha árbore, adornamos as ventás…

En canto ao obradoiro de Igualdade,  realizamos diferentes actividades sobre as tarefas no fogar, o reparto delas e como poderíamos distribuílas equitativamente.

En canto a animación á lectura, como tamén foi o “Día Internacional das Montañas”,  aproveitamos para ler un conto sobre os nosos montes.

Por último, seguimos coñecendo a  Axenda 20/30, e empezamos a falar do obxectivo «Industria, innovación e infrastructuras» a través de diferentes vídeos, debates, etc.

Ata a semana!

UNHA VISITA ESPECIAL

Moi boas, dende o Cuntilín!

Esta semana no obradoiro de animación á lectura coñecemos o conto «Xela a superheroína da aldea» e aproveitamos para facer unha actividade sobre o rural e a importancia de coidalo.

Como xa estamos ás portas de decembro, comezamos coa decoración de Nadal. Aproveitamos para facer un obradoiro de reciclaxe con rolos de papel e ceras manley: elaboramos as nosas árbores.

A semana pasada non puidemos celebrar os aniversarios deste mes (pola inauguración da exposición do concurso de debuxos polo 25 N), entón fixémolo esta. Como sempre: música, xogos e doce para merendar. Esta vez o doce elaborámolo nós, e podemos dicir que nos encantou!

Rematamos  cunha charla moi interesante. Tivemos a visita da doutora Vanesa Alende, coa que aprendemos moitas cousas sobre hábitos de vida saudables, sobre primeiros auxilios… Resultounos moi interesante.

Ata a semana… Un saúdo!

CUNTILÍN DI NON

Aquí estamos outro ano máis conmemorando dende o Cuntilín o Día Internacional da Eliminación da violencia contra a muller, o 25 de novembro.

Este ano as actividades xiraron en torno as bolboretas, como símbolo da liberdade,  xa que teñen ás para voar  alto e libres, como deberían ser todas as persoas.

A actividade por excelencia foi o “Concurso de debuxos” que realizamos, onde as/os gañadoras/es, foron expostos na Biblioteca Municipal. Se queredes pasar a vela estará ata o próximo xoves 30.

Temos que agradecer á corporación municipal polo seu apoio na presentación.

Ata a semana!

FAME CERO

Ola de novo, familias!

Esta semana no Cuntilín seguimos traballando a fondo a programación para o 25 N. Comezamos co “Concurso de debuxos pola igualdade”, onde grandes e pequenos poideron plasmar as súas ideas. Máis adiante xa vos contaremos onde poderedes ver a exposición destas creacións.

En canto aos obradoiros, realizamos varios; sobre roles e estereotipos de xénero, que é a violencia? e rematamos co de que é o consentimento?.

En canto a axenda 20/30 seguimos  traballando co obxectivo “Fame cero”.

Para iso,  falamos das desigualdades só por nacer nun ou noutro lugar, para facelos e facelas partícipes e que tomen conciencia da sociedade que nos rodea.

A semana rematou con xogos no exterior, aproveitando  o bo tempo.

Para a semana máis, un saúdo!

A ÁRBORE DA IGUALDADE

Comezamos novembro, e con el a traballar unha das temáticas máis importantes para o Cuntilín, que aínda que se fai ao longo de todo o ano, neste mes, queremos dedicarlle toda a nosa atención. Falamos por suposto,  das actividades polo 25 N, “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.”

Este ano escollemos como eixe central as bolboretas, polo que comezamos decorando o noso espazo con elas. Máis adiante xa vos explicaremos por que eliximos este motivo. Aproveitando iso, fixemos un obradoiro: elaboramos bolboretas con diferentes materiais.

Como tivemos un pequeno respiro en canto ao tempo, fixemos diferentes xogos no exterior por equipos. En canto á Axenda 20/30, esta semana comezamos co obxectivo “Fame cero”, para iso visualizamos unha serie de curtas e a continuación realizamos unha actividade e un debate sobre o anterior.

No obradoiro de Igualdade, elaboramos a “Árbore da Igualdade”. Entre todas as nenas e todos os nenos encheron a árbore de follas, todas diferentes, diversas, pero igual de importantes e necesarias para esa árbore.

E como o tempo volveu a facer das súas, tivemos unha sesión de cine con palomitas. Encantoulles!

SAMAÍN NO CUNTILÍN

A actividade por excelencia desta semana foi a festa de Samaín que celebramos o martes. Nela realizamos diferentes obradoiros como o de cociña terrorífica, onde elaboramos unhas tumbas moi saborosas, tivemos un obradoiro creativo no cal elaboramos máscaras e rematamos cun desfile, xogos e música.

Pero ademais, aínda que esta semana foi máis curta, deunos tempo a rematar de decorar as instalacións para a festa con diferentes personaxes, como vampiros e gatos negros. Tamén realizamos un teatro coas marionetas elaboradas polas nenas e polos nenos.

Como rematou o mes, celebramos os cumpleanos cunha gran festa para quen cumpleu no mes de outubro, comemos a tarta, cantamos e levamos a cabo diferentes xogos, que foron moi divertidos.

Para a semana contámosvos máis!

Un saúdo!

CONMEMORAMOS O DÍA DA MULLER RURAL

Esta semana no Cuntilín tivemos diferentes obradoiros creativos de Samaín. Elaboramos pantasmas, arañas, morcegos, gatos negros e vampiros. Rematamos os murais terroríficos que fixemos para as portas,  e comezamos a preparar as instalacións para a festa da vindeira semana.

Continuamos afondando na Axenda 20/30, co obxetivo: “Saúde e benestar”. A nosa idea é crear a nosa Axenda 20/30 do Cuntilín, tendo en conta todo o que estamos aprendendo.

No obradoiro de Igualdade desta semana, falamos das familias e da diversidade que hai nelas, dos roles de xénero, e rematamos co xogo  “Pasapalabra das familias”.

En canto á actividade de animación á lectura , como estamos nestas datas, o conto foi moi “terrorífico”. Lemos: “A bruxa enrabechada”, e entre todas e todos creamos a nosa propia poción máxica, encantounos!

Para rematar, queremos destacar a actividade que realizamos para conmemorar o “DÍA DA MULLER RURAL” (celebrado o 15 de outubro). Tivemos a visita dunhas marabillosas mulleres do rural, que nos contaron como foi a súa infancia e como é a súa vida hoxe en día, no rural de Galicia. Foi unha actividade moi gratificante!

Ata a semana!

O OUTONO

E pasiño a pasiño chegou o outono, por iso, como xa é tradición no Cuntilín, elaboramos o mural que preside a entrada con dita temática. Saímos de “expedición” polo patio para recoller froitos desta estación: noces, abelás, castañas, etc. E aproveitamos un obradoiro creativo que tivemos para crear un corvos, e así engadirllos tamén ao mural.

Comezamos a traballar os obxectivos da Axenda 20/30. Falamos do que son, do que pretenden e empezamos a afondar nos primeiros: “ Fin pobreza” e “Saúde e benestar” realizando  diferentes actividades.

Ademais tivemos varias saídas, por unha banda, fomos á biblioteca Municipal a unhas sesións de contacontos, que se levaron a cabo os venres de setembro. Encantáronos!

E por outra, asistimos ás actividades realizadas na OMIX polo mes da ciencia.

Como xa adiantaramos, este curso comezamos a festexar os aniversarios. O último venres de mes elaboramos unha festa para todos os nenos e nenas que cumpriron en setembro, comemos doce, bailamos, cantamos e xogamos.

Seguiremos contándovos…

Un saúdo!

COMEZA O CUNTILÍN DO CURSO!

Moi boas!

Aquí estamos un curso máis dende o Cuntilín. Comeza o colexio e nós comezamos con el, con moitas ganas de volver a ver a todas as nenas e nenos que nos acompañan durante todo o ano, así como recibir ás novas e novos participantes.

Este curso, a programación principal denomínase “Axenda 20/30”. Con ela, queremos que as cativas e  os cativos coñezan os dezasete obxectivos  propostos pola ONU para acadar un mundo máis sostible.

Ademais, seguiremos tendo obradoiros de igualdade, medio ambiente, animación á lectura, obradoiros creativos, saídas, visitas, etc.

Como novidade, este curso queremos celebrar os cumpleanos, polo que o último día de cada mes elaboraremos o noso propio doce e celebrarémolo por todo o alto!

Xa vos iremos contando máis!

Ata a próxima!