Madruga Os Tilos

UN TRIMESTRE QUE REMATA COS OLLOS POSTOS NO CEO

Esta semana, no servizo de Madrugadores dos Tilos, combinamos creatividade artística e aprendizaxe científica ofrecendo propostas que fomentaron a expresión plástica, a motricidade fina e o coñecemento do mundo natural e dos inventos.

Comezamos rematando os nosos cadros primaverais, un proxecto artístico iniciado a semana anterior. Trouxemos mostras de flores recollidas no contorno (xardíns, camiños, parques…), que seleccionaron e compuxeron sobre unha base artística previamente deseñada. Cada neno e nena realizou a súa propia creación, pegando as flores naturais sobre o forro do cadro, e engadindo os toques finais. O resultado foron auténticas composicións florais únicas, nas que se mesturou o coidado polo detalle coa conexión coa natureza. Unha vez rematadas, levámolas aos fogares, converténdose nun agasallo cheo de cor, esforzo e primavera.

No marco do proxecto anual sobre os grandes inventos da historia, esta semana dedicámola ao telescopio, coñecendo o seu funcionamento, utilidade e a súa importancia para a exploración do espazo. Por unha banda, cada neno e nena escolleu unha constelación impresa sobre cartolina, na que coseron os puntos estelares con fío amarelo, empregando un punzón adaptado. Esta actividade permitiu traballar a coordinación man-ollo, a precisión e tamén o recoñecemento de figuras astronómicas. Por outra banda, iniciamos a construción dunha maqueta dun telescopio, empregando materiais reutilizados como rolos de cartón, pintados e decorados con elementos do universo. A maqueta aínda está en proceso, e será finalizada tras as vacacións.

A través destas propostas, as crianzas puideron experimentar, crear e aprender nun ambiente motivador e participativo. A natureza, a arte e a ciencia convertéronse nos eixos dunha semana na que o descubrimento e a expresión foron protagonistas.

O equipo de Madrugadores Os Tilos

TECLEANDO SABERES E PINTANDO ESTACIÓNS

Moi boas familias!

Esta semana no servizo de madrugadores dos Tilos continuamos a nosa viaxe polo mundo dos grandes inventos da historia. Retomamos unha das nosas propostas favoritas: os crucigramas temáticos. Nesta ocasión, centrámonos no ordenador, ese invento que transformou a forma na que traballamos, nos comunicamos e accedemos á información. A través do xogo e das pistas, as crianzas foron afianzando conceptos como “teclado”, “pantalla”, “internet” ou “ratón”, mentres desenvolvían a atención, a lectura e a memoria.

Por outra banda, coa chegada da primavera, comezamos unha nova proposta creativa estacional. Cada neno e nena deseñou un marco de fotos artesanal a partir de paus de madeira. Primeiro fixemos a estrutura básica, pegando os paus con coidado para formar a silueta do marco. Despois, cada persoa personalizouno coa súa creatividade; deixámolos secar e preparámolos para a seguinte fase.

A próxima semana completaremos esta actividade cun toque moi especial: iremos recoller flores e follas naturais no patio, observando e escollendo aquelas que máis nos gusten para crear unha composición artística dentro do marco. Para pechalo, engadiremos unha peza de forro que nos axude a conservar a creación.

Unha semana de aprendizaxes cruzadas entre tecnoloxía, creatividade e natureza, que deixou moitas ganas de seguir creando.

O equipo de Madrugadores

QUE SE ESCONDE MÁIS ALÁ DO QUE VEN OS OLLOS? UN MICROSCOPIO PARA DESCUBRILO!

Boas de novo familias!

A chegada da primavera enche de luz e enerxía os nosos días no servizo de madrugadores, e que mellor forma de darlle a benvida que aproveitando o espazo exterior para xogar e rematar de espertarnos? Pero iso non foi todo: antes de mergullarnos de cheo nas propostas estacionais, continuamos a nosa viaxe polos grandes inventos da historia, e nesta ocasión centrámonos nunha ferramenta revolucionaria: o microscopio.

Sabemos que os primeiros foron creados no século XVII e que grazas a eles podemos ver organismos e partículas invisibles a simple vista; entón, para comprender mellor o seu funcionamento, decidimos recrear un microscopio con materiais reciclados. Para iso, empregamos un bote de deterxente baleiros, pintura, cartón e cartulinas para darlle forma á estrutura. Non nos esquecemos das «placas de mostra», que fixemos con pequenas láminas de cartolina. Unha vez rematado o noso modelo, chegou o momento de comprobar o seu funcionamento! Para iso, rescatamos as cartas do memory que deseñamos en sesións anteriores, onde representamos diferentes elementos observables baixo un microscopio, e xogamos a identificar cales poderíamos ver con esta ferramenta.

Foi unha semana de aprendizaxe e diversión, onde a curiosidade foi a gran protagonista. Agora que sabemos máis sobre o microscopio, quen sabe que outros inventos exploraremos nas próximas semanas?

O equipo de Madrugadores Os Tilos

DESTE XEITO NON COSTA TANTO MADRUGAR!

Moi boas familias!

Esta semana no servizo de Madrugadores seguimos combinando xogo, aprendizaxe e experimentación cunha programación variada e adaptada aos intereses dos nenos e nenas. Comezamos aproveitando os momentos de bo tempo para saír ao exterior para que os participantes desfrutasen do movemento e da actividade ao aire libre, fomentando a convivencia e a cooperación. Para os que preferiron actividades máis tranquilas, houbo espazo para os xogos de mesa.

No ámbito da experimentación, levamos a cabo o experimento da pementa e as bacterias, unha actividade sinxela pero moi visual que nos axudou a comprender mellor a importancia da hixiene e do xabón. A través deste experimento, reforzamos os coñecementos sobre algúns dos grandes inventos que estamos a traballar este mes: o microscopio, o lápis e a penicilina. Descubrimos como o microscopio nos permite ver o mundo invisible, a relevancia da penicilina na medicina e a utilidade do lápis como ferramenta de escritura e creatividade.

Para pechar a semana, organizamos partidas dun xogo clásico que nunca falla: o bingo! Entre risas e nervios, os nenos e nenas foron marcando os números nas súas cartelas, practicando a atención, a paciencia e a identificación numérica. Houbo momentos de celebración e tamén de aprendizaxe, xa que este xogo axuda a reforzar os conceptos matemáticos de forma lúdica.

Con esta combinación de movemento, ciencia e diversión, seguimos creando experiencias enriquecedoras, fomentando a aprendizaxe activa e a convivencia en grupo. Seguiremos descubrindo novos retos na próxima semana!

O equipo de Madrugadores Os Tilos

DO LABORATORIO AO ATELIER

Benvidas familias!

Nesta semana volvemos de cheo á rutina no servizo de Madrugadores, retomando a nosa viaxe polos grandes inventos da historia. Nesta ocasión, introducímonos no fascinante mundo da penicilina, un descubrimento que revolucionou a medicina e salvou millóns de vidas.

Para comprender mellor a súa importancia, creamos un memory temático, un xogo no que os nenos e nenas puxeron a proba a súa memoria mentres descubrían información clave sobre Alexander Fleming, as propiedades da penicilina e a súa importancia na loita contra as infeccións. Organizados en parellas e equipos, aprenderon xogando, reforzando conceptos de forma dinámica e divertida.

Por outra banda, exploramos as múltiples posibilidades dun obxecto tan común como o lapis; un instrumento que usamos a diario pero ao que lle atopamos novos usos. A través dunha proposta creativa, combinamos elementos naturais e reciclados para experimentar con diferentes técnicas de serigrafía, descubrindo formas orixinais de debuxar e estampar.

Foi unha semana onde a ciencia e a arte se deron a man para aprender dunha forma divertida e dinámica e descubrir os inventos que cambiaron o mundo.

O equipo de Madrugadores

CONMEMORAMOS, INFORMAMOS E ACTUAMOS!

Moi boas familias!

Esta semana, aínda que foi máis curta tras o descanso do Entroido, no servizo de Madrugadores quixemos conmemorar o Día da Muller (8M) a través dunha fermosa manualidade chea de significado.

Para iso, elaboramos unha composición artística que representase o crecemento, a liberdade e a igualdade. Comezamos creando a silueta dunha muller en cartolina negra, que serviu como base da nosa obra. Despois, cada neno e nena confeccionou bolboretas en diferentes tons e texturas de cor violeta, cor que simboliza a loita pola igualdade. Con coidado e moita creatividade, fomos colocando todas as bolboretas de maneira que formasen o cabelo da muller, transmitindo a idea de que seguimos medrando, loitando e voando cara a un futuro mellor.

Para completar a nosa creación, engadimos a frase «Que nos sigan crecendo as ás», unha mensaxe inspiradora para recordar que todas as persoas debemos ter as mesmas oportunidades para voar alto. Finalmente, fixemos unha fotografía do proceso e do resultado final para gardar este recordo especial.

Foi unha actividade chea de concienciación, reflexión e moita creatividade, onde os nenos e nenas puideron expresarse a través da arte e comprender a importancia desta data.

O equipo de Madrugadores – Os Tilos

A TODA VELA CARA AO ENTROIDO!

Moi boas familias!

Esta semana no servizo de Madrugadores seguimos a nosa viaxe polos grandes inventos da historia, centrándonos nos barcos e a navegación. Para reforzar os conceptos traballados anteriormente, comezamos cun dos nosos tradicionais crucigramas, no que os nenos e nenas puxeron a proba os seus coñecementos de forma lúdica e divertida.

A medida que avanzaban os días, o Entroido comezou a facerse notar no noso espazo! Quixemos darlle un toque festivo á aula creando uns pallasiños do máis coloridos, onde cada neno e nena puxo a súa imaxinación a voar. Despois de recortar, pintar e decorar con materiais cheos de cor, colgamos as nosas creacións na sala, enchendo o espazo dun ambiente de festa e alegría. O resultado final quedou espectacular!

Ademais, seguimos as divertidas consignas do Meco, vestíndonos cada día segundo os seus mandatos e rindo cos diferentes desafíos que nos propuxo. Entre actividade e actividade, tamén gozamos de momentos de xogo no patio, aproveitando o espazo exterior para movernos e compartir momentos de diversión con compañeiros e compañeiras.

Desexámosvos que teñades uns moi bos (e merecidos) días de descanso escolar; vémonos de novo a próxima semana!

O equipo de Madrugadores – Os Tilos

PEGADAS NA CIENCIA E VERSOS DE ROSALÍA

Moi boas familias!

Esta semana no servizo de Madrugadores continuamos viaxando pola historia para descubrir grandes mentes e celebrar figuras destacadas da nosa cultura.

Para comezar, finalizamos o noso mural das científicas, un proxecto que comezamos a semana pasada en conmemoración do Día da Nena e a Muller na Ciencia. Os nenos e nenas completaron a información sobre investigadoras destacadas, como Isabel Zendal, Olímpia Valencia, Ángeles Alvariño e María Wonenburger, e decoraron o mural coas súas pegadas, simbolizando o rastro que deixan estas mulleres na historia da ciencia. Agora, con todo rematado, podemos ver o resultado final e compartir con orgullo o noso traballo!

Nesta ocasión tamén quixemos conmemorar unha figura imprescindible da nosa literatura: Rosalía de Castro. A súa obra, chea de sentimento, identidade e defensa da lingua galega, segue sendo unha referencia fundamental para a nosa cultura. Como homenaxe, propuxémoslles aos nenos e nenas unha actividade especial: a creación dun marcapáxinas personalizado coa súa poesía.

Primeiro, escolleron entre dúas opcións de poemas da autora, recortáronos e debuxaron unha rosa simbólica no centro, representando non só o nome de Rosalía, senón tamén a beleza e a forza da súa obra. A rosa simboliza o amor pola terra, a delicadeza das súas palabras e a resistencia da súa mensaxe ao longo do tempo. Despois, plastificamos os marcapáxinas e engadimos os adornos finais para darlles un toque único. Ao final da semana, cada un levou o seu marcapáxinas a casa, listos para acompañalos nas súas lecturas e lembrar a importancia da nosa literatura.

Un saúdo,

O equipo de Madrugadores – Os Tilos

MADRUGAMOS POLA PAZ

Benvidos e benvidas unha semana máis!

Nas últimas sesión do servizo de madrugadores conmemoramos o Día da Paz cunha proposta especial. Para fomentar valores como o respecto, a amizade e a convivencia, entre todos elaboramos un mural colaborativo.

Como o fixemos? Pois ben, empregando unha chea de bases de magdalenas (facendo contas chegamos a máis de 200 unidades) como soporte, fixemos unha pomba xigante; cando o contorno estivo listo, fixemos uso de cores cheas de significado para darlle os toques chamativos ao proxecto. A actividade permitiu que os máis pequenos expresasen os seus desexos de paz dun xeito artístico e entretido.

Por outra banda, os días de temporal non nos permitiron aproveitar as zonas exteriores como de costume, polo que, no interior da sala nos reunimos para facer pequenos xogos ca pelota e sacarlle o máximo partido aos xogos de mesa. Ademáis, algúns nenos e nenas emplearon estes momentos antes das clases para ler diferentes contos.

Grazas por acompañarnos nesta bonita iniciativa!

FABRICANTES DE CÁMARAS DE FOTOS?

Moi boas familias!

Se vos preguntades o por qué do título desta nova entrega, quedádevos a ler que vos contamos.

Como ben sabedes, estamos a traballar nas sesións de Madrugadores diferentes inventos ao longo da historia; pois ben, nesta semana introducímonos no mundo das cámaras fotográficas. Para iso, decidimos poñernos máns á obra e elaborar o producto final. Comezamos por crear equipos de traballo en función ás preferencias dos participantes; acto seguido, entregamos a cada equipo unha base sobre a que manipular as pezas da cámara. Tivemos que recortar con moito coidado estas pezas, procurando que se mantiveran enteiras (o cal nos costou un pouco), e, unha vez estiveron listas, decorámolas ao noso gusto. Na seguinte sesión, retomamos o máximo coidado na súa manipulación, e colocamos cada peza como correspondía. Para finalizar, fixemos os monicreques que se iban reflexar nas cámaras. Para que vexades os simpáticos resultados, deixámosvos unha fotografía destas.

Dito esto, despedímonos ata a próxima semana, cando remataremos o mes de xaneiro con máis propostas.

NOVA SEMANA, NOVO PROXECTO

Boas familias!

Como recalcamos no título desta entrega semanal, adentrámonos no novo proxecto, o cal nos acompañará durante este mes de xaneiro; seguimos a traballar cos grandes inventos da historia, pero neste momento estamos a coñecer a televisión.

Para iso, nestes últimos días elaboramos a nosa propia televisión, na súa versión máis orixinal e antiga. E como o fixemos? Pois ben, os nenos e nenas adicaron uns minutos a elexir a súa película ou serie televisiva favorita, e con esa información, démoslles uns debuxos identificativos. Acto seguido, pintaron as carátulas e puxéronlle o título. Nun segundo momento, compuxemos a pantalla da televisión, engadindo as series e películas elexidas, como se dunha carteleira se tratase. Por último, tíñamoslle que dar os adornos máis significativos; é dicir, os botóns de volumen e cambio de canal, os bordes ben redondos e, como non, a antena. Para iso, reutilizamos uns anacos de papel de aluminio, démoslle forma e pegámola á cartulina ca que elaboramos a televisión. O resultado final é ben chamativo! E os nenos e nenas aprenderon cómo era este elemento no seus inicios.

Por outra banda, seguimos a facer uso dos xogos de mesa; nesta semana, o divertido “Virus” foi o protagonista, e o causante de grandes risas nas mañáns de Madrugadores.

Dito esto, desexámosvos unha moi boa semana, ata a seguinte!

COMEZA UN NOVO ANO CHEO DE EXPERIENCIAS

Moi boas de novo familias!

Nesta curta semana, no servizo de Madrugadores do CEIP Plurilingüe dos Tilos demos comezo ao segundo trimestre do curso, e inauguramos o ano, que esperamos esté cargado de aventuras e boas experiencias.

Para iso, comezamos poñéndonos ó día tras o descanso do Nadal; os nenos e nenas compartiron as súas vivencias e historias máis destacadas para eles. Durante o tempo restante das sesións, aproveitamos para xogar no exterior cas pelotas e fixemos competicións cos xogos de mesa dos que dispoñemos.

Na seguinte semana retomaremos as dinámicas dos proxectos que estamos a preparar. Ata entonces, que pasedes unha moi boa semana!

O NADAL ESTÁ Á VOLTA DA ESQUINA!

E como non podía ser doutra maneira, no servizo de madrugadores dos Tilos estamos a desenvolver todo tipo de decoracións e preparativos para estas datas.

Como vos comentábamos a semana anterior, comezamos a fabricar unha árbore cas palmas de todos os participantes, deixándoas reflexadas nas ventás do comedor. E nestos días rematámola engadindo flocos de neve, bolas de cores e, como non, a estrella. Ademáis, fixemos unha serie de guirnaldas que colgamos por toda a estancia; os nenos e nenas calcaron os debuxos en cartulinas de cores, recortaron as figuras e decoraron cos toques finais; por último, agrupámolas cas series que máis nos gustaban e listo! Levounos un par de días rematalas, pero o resultado non pode ser máis vistoso.

Por outra banda, estamos a facer un cartel cun alfabeto do máis temático; escollemos os debuxos e puxémonos mans á obra coloreando e recortando as letras, pero este verédelo na próxima semana, cando o teñamos rematado.

Ata ese momento, pasade unha moi boa fin de semana!

INAUGURAMOS O MES DE DECEMBRO

Boas de novo familias!

Nesta semana, aínda que foi curtiña, no servizo de madrugadores dos Tilos aproveitamos ao máximo o tempo das mañáns para darlle a benvida ao mes de decembro, así como a seguir elaborarando propostas do proxecto do mes, que vos recordamos que abarca aspectos referidos á electricidade e ás lámpadas. Respecto a este último, o que decidimos prepararlle aos nenos e nenas foi un crucigrama temático, o cal realizamos dixitalmente en base aos seus coñecementos previos. Finalmente, aínda que cada un cubreu o seu, resolvímolo en equipo, xa que algunha que outra palabra se nos estaba complicando acertala, e precisamos algunha pista para completalo.

Por outra banda, e como vos comentábamos, demos paso ás propostas do Nadal que seguiremos a desenvolver nas próximas semanas; a primeira, como non podía ser doutra maneira, levaba consigo colocar a árbore. Sen embargo… optamos por unha idea ca que todos e todas puideran participar e botar unha man! Para iso, fixemos uso das témperas e as mans dos madrugadores, e estampamos o boceto da árbore nunha das ventás da aula. Agora ben, fáltanos decorala e darlle os toques finais, pero iso verédelo a próxima semana!

“VOA ALTO, VOA LEXOS, VOA LIBRE”

Dende o servizo de Madrugadores dos Tilos saudámosvos unha semana máis; desta vez, baixo o lema “voa alto, voa lexos, voa libre”, xa que vos queremos amosar a proposta que levamos a cabo para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha data chea de valores que compartir, e que tratamos con especial agarimo. Polo tanto, durante as sesións desta semana, os nenos e nenas puxéronse a traballar para esbozar unhas ás representativas do lema que vos comentábamos. Non foi un proxecto sinxelo, xa que tivemos que debuxar a forma, recortar moreas de plumas e pintalas de cor violeta (sen esquecernos de mezclar as cores para conseguir o resultado que queríamos), e, o máis complicado de todo, unir as pezas de forma simétrica. A pesares de que nos levou máis tempo do esperado, o produto final resultou moi chamativo, e estamos ben orgullosos del!

Por outra banda, puxemos fin ao proxecto do mes de novembro que levaba por nome “O reloxo, o telégrafo e o teléfono; o compás” mediante un particular xogo en equipos, un Kahoot temático. As monitoras presentamos unha serie de preguntas e afirmacións que os nenos tiñan que resolver dixitalmente (marcando a opción correcta) poñéndose dacordo co seu equipo; con estas cuestións repasamos os inventos vistos ata o momento (canto tempo fai que se crearon, quenes foron os seus creadores, en qué ano foi…) e pasamos un moi bo rato tratando de adiviñar que equipo sería o gañador.

Ata aquí o reporte desta semana, vémonos de novo no mes de decembro!

INAUGURAMOS A SECCIÓN DE NOTICIAS SEMANAIS!

Boas a todos e a todas!

Dende o servizo de Madrugadores dos Tilos damos comezo a esta sección de noticias semanais cas que queremos compartirvos os traballos, xogos, celebracións e proxectos que poñemos en marcha cada mañá.

Nestas últimas semanas adicámonos a ambientar a sala con motivos de Samaín mediante varias manualidades que os nenos e nenas elaboraron en equipo (recreacións de cabazas, morcegos e arañas con lana e cola para pegalos nas ventás, telarañas e espantapáxaros) e añadindo pequenos detalles aos almorzos como pintarlle caretas na pel ás froitas (plátanos e mandarinas). Finalizamos esta festividade ca visualización dun filme ca temática de Halloween, a versión orixinal da Famillia Addams, ca que tanto os grandes coma os máis pequenos o pasaron de medo!

Tamén celebramos o Día Mundial da Alimentación ca creación dun prato saudable, ao que lle incluimos as proteínas, as froitas, os cereais e as verduras, sen esquecernos da importancia do consumo de auga. Os nenos e nenas esbozaron os debuxos dos alimentos e colocáronos entre todos no mural.

Por outra banda, traballamos no proxecto do papel recreando os papiros exipcios; para iso, empregamos vendas e moito café; fixemos unha mezcla cos ingredientes e deixámolo secar durante días para que se quedara consistente e semellara aos papiros orixinais.

E xa entrando no mes de novembro comezamos co proxecto “O reloxo, o telégrafo e o teléfono; o compás” diferenciando entre varios tipos de reloxos (o analóxico e o de area) e facendo unha recreación de ambos, como podedes ver nas imaxes que vos amosamos.

Finalmente, comezamos esta semana conmemorando un día moi especial para todos e todas: o Día Universal da Infancia; unha data para sensibilizar sobre a importancia dos nenos e das nenas e poñer en valor os seus dereitos e deberes, e, do mesmo xeito, as obligacións da sociedade no seu conxunto de garantizar o respeto a esos dereitos. Así, elaboramos un mural colaborativo no que deixar constancia da nosa visión dos dereitos e deberes de todas as persoas.

Por outra banda, cada día facemos algún xogo de mesa; sen duda, o maís pedido ata o momento é “A Polilla Tramposa”, co que competimos por ver quen fai trampas da forma máis discreta e divertida posible sen ser pillado para poder quedar sen ningunha carta e gañar. Aínda que os xogos de palabras tamén están tendo éxito nestos últimos días; entre varias persoas ou equipos temos que adiviñar e combinar letras e palabras dixitalmente para atopar “a palabra do día”.

Ademáis, aproveitamos que o tempo todavía nos permite xogar no exterior e adicamos un anaco da xornada para sair e botar unhas partidas ca pelota e así coller enerxía antes da entrada ás aulas.

Ata a próxima semana familias!