Coida Calo
UNHA SEMANA DE PELÍCULA
Moi boas familias!
Esta semana no servizo de Coida Calo comezamos cun luns ben especial, cargado de emocións, aromas doces e momentos compartidos. Celebramos unha sesión de cine moi particular, na que vimos a película “Zootrópolis” nun ambiente acolledor, transformando a aula nun verdadeiro cine. O mellor? Fixemos palomitas caseiras nunha máquina especial, observando como os grans estalaban un a un, coa emoción que produce ver algo cotián transformarse diante dos nosos ollos. Foi unha experiencia deliciosa!
Aproveitamos tamén os primeiros días da semana para rematar os agasallos familiares que algunhas crianzas tiñan pendentes da semana anterior, garantindo que todos e todas puidesen levar ás súas casas un recordo feito con cariño e creatividade.
A continuación, demos comezo ao noso novo proxecto de plantación de sementes, unha proposta que nos acompañará durante as próximas semanas e que permitirá observar a natureza en acción. Como primeira fase, decoramos con rotuladores acrílicos os recipientes de plástico que utilizaremos como macetas, transformándoos en verdadeiras obras de arte. En breve, encherémolos de terra e sementes, e comezaremos a ver como medra a vida baixo a nosa responsabilidade.
Pero non podíamos pechar a semana sen poñerlle o broche final ao primeiro gran misterio da nosa axencia de detectives: o famoso caso do diamante roubado. Despois de semanas de investigación, pistas, retratos e sospeitosos… chegamos ao desenlace cunha xincana de busca de diamantes no patio, deseñada polos propios nenos e nenas! Foi unha actividade cargada de emoción, cooperación, risas e, sobre todo, moita satisfacción pola misión cumprida.
E como sempre, desfrutamos tamén de moito xogo ao aire libre: fútbol, carreiras, xogo simbólico e construcións no areeiro fixeron as delicias de todos e todas, aproveitando ao máximo os espazos exteriores do centro.
O DIAMANTE PERDIDO, AS FAMILIAS ATOPADAS E AS LETRAS CELEBRADAS!
Moi boas familias!
Esta semana no servizo de Coida Calo vivemos unha auténtica aventura chea de emocións, xogos, arte e agarimo. Todo comezou cunha misteriosa carta do noso detective Benji, quen nos informou dun feito gravísimo: fora roubado o Diamante de Calo! Inmediatamente nos puxemos a pensar todo tipo de hipóteses sobre o sucedido, agardando por novas pistas.
Continuamos recibindo cartas secretas con pistas e advertencias… e o mércores a nosa aula apareceu chea de pegadas misteriosas! Pes descalzos, pegadas de botas, patas de can… E mesmo unha nota na que Benji nos explicaba quenes eran os sospeitosos e as súas declaracións, as cales lemos entre todos e debatimos sobre cal era o máis creíble.
Cos nosos equipos ben formados —os valentes Superrayos e os atentos Chispitas— puxémonos a investigar. Seguimos as pistas, observamos con detalle e atopamos unhas tarxetas de detectives que completamos con moito coidado: incluímos os retratos dos sospeitosos, as pegadas que atopamos, e os nosos identificadores persoais de axentes secretos. Cada neno e nena participou activamente nesta proposta, na que traballamos a atención, a memoria, a observación e, sobre todo, a cooperación e a ilusión compartida. O misterio aínda non está resolto… así que estaremos moi atentos ás próximas pistas!
Tamén nesta semana conmemoramos dúas datas moi especiais. Por un lado, o Día das Familias, coa elaboración duns marcos familiares moi emotivos. Reutilizamos cartón para a base, decorámolo ao gusto de cada participante, debuixamos os retratos das nosas familias, e engadimos pedras decorativas para darlle o toque final. Un agasallo feito con moito coidado, pensado para homenaxear ás persoas que nos acompañan e nos queren cada día.
Por outra banda, conmemoramos o Día das Letras Galegas a través da creación dos retratos das cantareiras, mulleres que mantiveron viva a nosa música e cultura tradicional. Cada neno e nena decorou a súa versión persoal dunha cantareira, e reunimos todos os retratos nun gran mural colectivo repleto de cores, expresións e moita identidade galega.
E como non podía faltar, tamén gozamos de tempo ao aire libre, xogando no patio, facendo carreiras, xogos simbólicos e xogos de mesa, compartindo risas e creatividade.
Foi unha semana na que a tradición, a emoción e o misterio camiñaron da man. Seguiremos informando… porque isto só acaba de comezar!
O XOGO COMO ESPELLO DAS EMOCIÓNS
Moi boas familias!
Esta semana no servizo de Coida Calo puxemos o foco nunha cuestión fundamental para o benestar e a convivencia escolar: o respecto, a empatía e a loita contra o acoso escolar. A través da visualización do conto “Orellas de bolboreta”, reflexionamos de maneira adaptada á idade das crianzas sobre as diferenzas, a autoestima e o valor de ser un mesmo.
Durante a semana, comentamos en grupo a mensaxe do conto, fixemos pequenas asembleas para falar sobre como debemos tratar aos demais, e cada neno e nena elaborou un debuxo representativo da historia, plasmando o que máis lles chamou a atención: orellas especiais, vestidos con buratos, zapatos diferentes ou personaxes que deciden rir con liberdade. Recortamos todos os debuxos e construímos un mural colectivo, no que escribimos tamén mensaxes positivas, frases contra o acoso e reflexións propias, nun traballo conxunto que nos encheu de orgullo e conciencia.
Ademais desta proposta tan significativa, tamén houbo tempo para seguir desfrutando e aprendendo a través do xogo. Na sesión de psicomotricidade, o xogo simbólico volveu ser o protagonista: dentro da aula, os nenos e nenas converteron o espazo nun escenario de creación libre, onde eles mesmos escollen os roles, constrúen situacións e dan renda solta á súa imaxinación.
Outra das propostas que puxemos en práctica foi un xogo de memorización con siluetas: por equipos, debían observar a colocación de diferentes pezas, lembrar a súa disposición e despois reconstruíla igual. Un exercicio que traballa a memoria visual, a atención e o traballo cooperativo dun xeito lúdico e motivador.
Por suposto, tamén houbo tempo para momentos de tranquilidade e concentración, con puzzles, construccións creativas e xogos de mesa, así como para gozar do bo tempo no patio exterior, con movemento, risas e moita enerxía.
Unha semana que combinou o coidado emocional co xogo libre e estruturado, e na que seguimos sementando valores que nos fan crecer por dentro.
BUSCANDO PISTAS… E SUMANDO PUNTOS!
Moi boas familias!
Esta semana no servizo de Coida Calo, aínda que foi máis curta do habitual, aproveitámola ao máximo entre xogos ao aire libre e novos retos dentro da aula. O bo tempo acompañounos algúns días, o que nos permitiu saír aos espazos exteriores do centro e desfrutar en compañía dos clásicos que tanto lles gustan aos nenos e nenas: fútbol, carreiras, construcións no arenero, xogo simbólico e momentos compartidos baixo o sol.
Cando a choiva fixo acto de presenza, retomamos o noso proxecto anual sobre detectives cunha proposta moi especial: a creación das nosas propias axencias de investigación. Organizamos ao grupo en dous equipos e, como punto de partida, cada un escolleu un nome orixinal para a súa axencia: por un lado temos a Axencia “Os Superrayos” e, por outro, “Os Chispitas”. A emoción está servida!
O primeiro reto ao que se enfrontaron foi unha busca de obxectos ocultos, ao estilo do famoso “Buscando a Wally”. Cada equipo tiña unha lámina chea de elementos agochados que tiñan que localizar no menor tempo posible. Unha vez atopado cada obxecto, debían colorealo, poñendo a proba a súa capacidade de observación, concentración e traballo en equipo. Por agora, “Os Superrayos” levan vantaxe no marcador, pero “Os Chispitas” están decididos a dar a volta á situación no seguinte desafío.
Esta dinámica por equipos non só fomenta o espírito de colaboración e o pensamento estratéxico, senón que converte cada actividade nunha experiencia motivadora, chea de aprendizaxe e xogo. A nosa axencia de detectives está oficialmente en marcha… e promete grandes aventuras nas próximas semanas!
Seguiremos informando… e atentos, porque calquera pista pode levarnos ao seguinte misterio!
A CALOTECA COBRA VIDA!
Moi boas familias!
Esta semana no servizo de Coida Calo voltamos á actividade tras o paréntese das vacacións de Semana Santa. A pesar de ser unha semana máis curta do habitual, encheuse de reencontros, xogo, creatividade e moita lectura!
Comezamos os primeiros días aproveitando os raios de sol no exterior, xogando aos clásicos que xa forman parte da nosa rutina: xogos de grupo, movemento e moita diversión compartida, para poñernos ao día cos nosos compañeiros e compañeiras.
Pero se algo marcou a semana, foi o comezo dun novo proxecto moi especial: a conmemoración do Día do Libro. Quixemos celebralo mergullándonos no mundo das historias e da imaxinación a través de diferentes propostas adaptadas ás idades e intereses do grupo.
En primeiro lugar, organizámonos por pequenos grupos para crear os nosos propios comecocos literarios. Cada equipo deseñou, debuxou e decorou o seu comecocos empleando a técnica cooperativa do folio xiratorio, no que colocamos distintas opcións de personaxes, lugares e accións. Unha vez rematados, xogamos con eles e comezamos a inventar relatos únicos, mesturando ao azar os elementos que saían. Así naceron historias divertidas, sorprendentes e moi creativas!
Para completar esta semana tan literaria, puxemos en marcha a nosa propia “Caloteca”, un mural colaborativo onde cada neno e nena debuxou a portada do seu libro favorito e escribiu o título. Xuntos construímos un catálogo visual que reflicte os gustos e recomendacións do grupo, fomentando así o amor pola lectura, a expresión artística e a capacidade de compartir intereses.
A próxima semana seguiremos con novas aventuras… porque os contos, igual ca os xogos, nunca se esgotan!
SAÚDE, ARTE E MOVEMENTO EN COIDA CALO
Esta semana no servizo de Coida Calo celebramos o Día Mundial da Saúde cunha proposta que puxo a proba os coñecementos das crianzas sobre alimentación e hábitos saudables. Organizamos un concurso por equipos, no que cada grupo tiña que responder a un xogo de tarxetas con mitos e realidades sobre o mundo da nutrición. Ademais, engadimos tarxetas sorpresa con adiviñas e retos físicos ou mentais que lle deron un toque divertido e inesperado á actividade. Esta dinámica permitiunos reflexionar sobre hábitos cotiáns, corrixir ideas erróneas e reforzar o traballo en equipo dun xeito entretido e participativo.
Na sesión de psicomotricidade, seguimos promovendo a actividade física a través de xogos e movemento. As crianzas superaron circuitos con diferentes elementos que puxeron a proba o equilibrio, a coordinación e a axilidade. Tamén desfrutaron de xogos de encestar con pelotas, traballando a precisión e a cooperación, sempre nun ambiente lúdico e motivador.
Coa chegada da primavera, quixemos dar a benvida á Pascua cunha actividade creativa: a elaboración de ovos de Pascua con bases de cartón, que decoramos utilizando distintas pastas alimentarias. Cada neno e nena pintou e personalizou o seu ovo con cores e texturas variadas, estimulando a motricidade fina, a imaginación e o gusto estético, ademais de fomentar a reutilización de materiais.
Durante a semana tamén houbo tempo para os xogos ao aire libre e os bailes, aproveitando o bo tempo para favorecer a expresión corporal e o desfrute compartido.
Por último, fixemos entrega dos produtos finais elaborados con arcilla a semana anterior, en conmemoración do Día das Artes Galegas, recoñecendo o esforzo artístico de cada neno e nena e poñendo en valor a importancia da expresión plástica como canle de comunicación e identidade cultural.
Unha semana completa e chea de aprendizaxes no Coida Calo, onde seguimos crecendo e descubrindo o mundo con curiosidade, creatividade e moita ilusión.
UNHA SEMANA CON SELO GALEGO E CORAZÓN AZUL
Moi boas familias!
Esta semana no servizo de Coida foi un fervedoiro de experiencias e aprendizaxes, sempre acompañadas do bo tempo, os xogos e a alegría compartida. Comezamos rematando a nosa triloxía de murais inspirados no universo de Sherlock Holmes, poñendo o foco nesta ocasión en James Moriarty, o seu temido archienemigo; elaboramos un debuxo do noso particular personaxe, e así pechamos esta viaxe polo mundo dos detectives que nos acompañou durante as últimas semanas.
O martes, na xornada adicada á psicomotricidade, voltamos aos clásicos: xogamos ás estatuas, ao burro e outros xogos populares e musicais, desfrutando en grupo do movemento e da diversión sen pantallas.
Tamén tivemos tempo para conmemorar dúas datas moi especiais. Por un lado, o Día das Artes Galegas, este ano adicado ao polifacético Isaac Díaz Pardo, artista, ceramista, deseñador, intelectual e defensor da cultura galega. Falamos da súa vida e obra en asemblea e coñecemos parte do seu legado a través de imaxes e anécdotas. Como actividade creativa, modelamos pezas de barro (cuncas, bandexas, pratos, tazas…) inspiradas na súa arte cerámica. O resultado final está en proceso, xa que aínda nos queda a parte máis divertida: pintar as nosas creacións antes de levalas aos fogares como recordo.
Por outro lado, quixemos conmemorar o Día Mundial do Autismo, elaborando entre todos un mural colaborativo cheo de cores e mensaxes de inclusión. Cada neno e nena aportou unha peza simbólica, co seu nome e valores positivos (respecto, amizade, empatía, comprensión…), e co conxunto formamos un gran equipo onde todas as pezas encaixan.
E como o sol foi o noso cómplice, non desaproveitamos a ocasión para xogar no patio, merendar á sombra das árbores, xogar ao fútbol, á comba, facer construcións na area ou bailar en grupo.
DESCUBRIMOS O MUNDO DUN XEITO DIFERENTE
Boas de novo familias!
No servizo de Coida seguimos creando experiencias e aprendizaxes inesquecibles, combinando a diversión co descubrimento. Pero, ademais de explorar novos coñecementos, tamén aproveitamos para desfrutar da natureza e compartir bos momentos cos nosos compañeiros e compañeiras.
Comezamos a semana resolvendo o misterio do experimento que mantivemos en segredo a semana anterior: a creación de fermosas flores utilizando algodón tinxido. Para iso, coloreamos os anacos de algodón con diversas tintas e patróns, engadímoslles auga e deixamos que se impregnaran de cor antes de secar. Pero a nosa viaxe científica non quedou aí! Tamén recreamos un volcán en erupción empregando xabón, bicarbonato, colorante e vinagre, observando de preto a reacción que se producía e que nos deixou a todos abraiados. Coas nosas flores xa listas, démoslle forma e utilizámolas para completar unhas coloridas postais de benvida á primavera, enchendo o espazo con cores e creatividade.
O martes, o bo tempo animounos a saír ao exterior e desfrutar dunha sesión de xogos musicais. Bailamos, rimos e puxemos a proba os nosos reflexos con xogos como as estatuas musicais e a bomba. Xa de volta na aula, seguimos afondando no noso proxecto detectivesco con todo un reto: descifrar o código secreto que Sherlock Holmes creou, coñecido como o código dos bailaríns. Os nenos e nenas máis maiores escribiron misteriosas mensaxes empregando este sistema, mentres que os máis pequenos, coa axuda das monitoras, aprenderon a plasmar o seu propio nome co código. O desafío final foi intercambiar as mensaxes e intentar descifralas, unha actividade que espertou a curiosidade de todos!
Para rematar a semana, demos os últimos retoques ao noso mural sobre Sherlock Holmes e os personaxes que o rodean. Se xa coñeciamos ao astuto detective e ao seu fiel amigo Watson, nesta ocasión afondamos na figura do seu maior adversario: o malvado e intelixente profesor Moriarty.
Foron días de ciencia, enigmas e moita creatividade, e xa estamos desexando ver que novas aventuras nos esperan a próxima semana!
SEGUÍMOSLLE A PISTA AOS NOSOS EXPERIMENTOS?
Moi boas familias!
Esta semana mergullámonos de cheo nunha serie de experimentos científicos, combinando aprendizaxe e diversión. Ademais, continuamos o noso proxecto detectivesco, centrando a atención nun novo personaxe fundamental. Todo isto sen esquecer os momentos de xogo e exploración no espazo exterior!
Comezamos a semana cun experimento moi curioso: «a pementa e as bacterias». A través dun sinxelo xogo con auga, xabón e pementa, descubrimos de forma visual como o xabón axuda a afastar os xermes, unha aprendizaxe importante para o día a día. Aproveitamos tamén para finalizar a proposta pendente do venres anterior: desciframos as mensaxes secretas agochadas nas nosas lupas! Os nenos e nenas quedaron fascinados ao ver como as palabras agochadas ían aparecendo pouco a pouco.
O martes, despois de gozar do bo tempo no patio, trasladámonos á sala de psicomotricidade para levar a cabo unha sesión de xogos populares. O teléfono escachado, a galiña cega e as catro puntas foron algúns dos xogos cos que puxemos a proba os nosos reflexos, a atención e a capacidade de traballo en equipo. Estes xogos, ademais de entretidos, axudan a mellorar a comunicación e a cooperación entre todos e todas.
O mércores retomamos o noso proxecto anual, pero nesta ocasión a atención centrouse en John Watson, o inseparable compañeiro de Sherlock Holmes. Primeiro, realizamos unha pequena asemblea para compartir as ideas previas que tiñamos sobre el, vimos un fragmento da serie animada e, finalmente, cada participante deixou reflexado nun debuxo a súa propia visión deste personaxe. Estes traballos foron colocados no mural colectivo, que pouco a pouco vai collendo forma e converténdose nun auténtico dossier de investigación. Para completar o día, levamos a cabo un novo experimento: as nubes de cores, no que observamos como as cores se mesturan e expanden.
O xoves chegou o momento de dar os últimos retoques ao noso mural de detectives e engadir as últimas ilustracións. Ademais, realizamos o experimento dos debuxos en relevo, para o que utilizamos bicarbonato, colorante e cola. O resultado final sorprendeunos a todos e todas, xa que conseguimos texturas e efectos moi interesantes!
E o venres… un último experimento que mantemos en segredo! Para descubrilo, haberá que agardar á próxima semana. Que sorpresa nos agardará?
Ata a próxima!
DE HEROÍNAS VALENTES A DETECTIVES ASTUTOS!
Moi boas familias!
Esta semana no servizo de Coida comezamos poñendo o broche final á conmemoración do Día da Muller, rematando a visualización da película animada «Brave». A través da historia de Mérida, unha princesa valente e decidida, reflexionamos sobre a importancia da determinación, a igualdade e a liberdade para elixir o propio camiño.
A partir do mércores, retomamos o noso proxecto de detectives, mergullándonos na figura dun dos investigadores máis icónicos da historia: Sherlock Holmes. Para presentar o personaxe, iniciamos unha asemblea na que os nenos e nenas compartiron as súas ideas previas sobre o detective, debatendo sobre as súas habilidades e a súa vestimenta.
Despois, vimos un pequeno fragmento de debuxos animados onde puidemos observar as súas características principais e analizar a súa maneira de resolver misterios. Inspirados por isto, cada participante realizou un debuxo representando a súa propia versión de Sherlock Holmes, reflexando como o imaxinan. Todas as ilustracións foron expostas nun gran mural colectivo, que iremos completando coas novas aprendizaxes das próximas semanas.
Para pechar a semana, puxemos en marcha unha proposta enigmática que verá a luz nos próximos días: a descuberta de mensaxes secretos a través da técnica de raspado. A curiosidade e a expectación xa están no aire, e estamos listos para seguir investigando!
O equipo de Coida
O NOSO 8 MÁIS ESPECIAL
Moi boas familias!
Esta semana no servizo de Coida puxemos a nosa creatividade a traballar para conmemorar o Día da Muller (8M) dun xeito especial. Mediante a arte e a expresión plástica, os nenos e nenas deron forma a unha manualidade simbólica que combina mensaxe e cor.
A proposta consistiu na creación de estatuas de papel co número 8 e duns marcapáxinas conmemorativos, os cales decoraron con mensaxes inspiradoras sobre a igualdade. Durante o proceso, tiveron que colorear, recortar, pegar e montar coidadosamente cada peza, prestando atención aos detalles para conseguir un resultado final chamativo e significativo.
Cada figura construída reflicte non só o traballo manual dos pequenos, senón tamén o valor de aprender e reflexionar sobre o significado deste día. A través da creatividade, transmitimos a importancia da igualdade e da loita por un mundo máis xusto para todos.
Ata a próxima semana, onde seguiremos creando e aprendendo xuntos!
DA POESÍA AO ENTROIDO: O CARNAVAL CHEGOU A CALO!
Moi boas familias!
Esta semana no servizo de Coida comezamos rendendo homenaxe a unha das figuras máis importantes da literatura galega, Rosalía de Castro. Para iso, recreamos un dos seus poemas máis significativos, Adiós ríos, adiós fontes, a través dun traballo colaborativo no que cada neno e nena tivo unha función especial. Os máis maiores encargáronse de escribir parte dos versos, mentres que os máis pequenos ilustraron os pictogramas que acompañaron as estrofas. Con esta actividade, non só nos achegamos á súa obra, senón que tamén fomentamos a creatividade e o traballo en equipo.
A partir do martes, aproveitamos o bo tempo para saír ao espazo exterior do centro e participar en xogos en gran grupo, nos que a diversión estivo asegurada. Ademais, adentrámonos de cheo na temática do Entroido, dando comezo ás actividades festivas.
Entre elas, elaboramos unhas caretas personalizadas utilizando as nosas pegadas cheas de cor e creamos os nosos propios pallasiños con distintos materiais, traballando a motricidade e a expresión artística. Por suposto, non podía faltar unha das actividades máis esperadas polos nenos e nenas: a sesión de pintacaras! Cada un escolleu o seu deseño favorito, desde animais ata personaxes de fantasía, e transformáronse por un día no que eles e elas quixeron ser. Foi unha semana chea de imaxinación, aprendizaxe e moita cor!
Ata a próxima!
DETECTIVES EN ACCIÓN: UNHA SEMANA MOI COMPLETA!
Moi boas familias!
Esta semana no servizo de Coida continuamos explorando o mundo dos detectives con novas actividades, aínda que comezamos entregando aos nenos e nenas as pegadas de arcilla que fixeran nos últimos días, xa listas para levar ás súas casas como recordo do seu traballo.
Ademáis, demos comezo á creación duns imprescindibles para calquera detective: os prismáticos de exploración. Para iso, empregamos materiais reutilizados como rolos de papel; agrupámolos en pares e comezamos a pintalos e decoralos ao noso gusto. O resultado final verá a luz a próxima semana!
Por outra banda, e aproveitando o bo tempo, saímos ao espazo exterior do centro para divertirnos con diferentes xogos no parque e no patio de aula. Os pequenos desfrutaron con actividades como fútbol, a revolta, pilla-pilla, o xogo de «pi», así como a construción de castelos e casas. Tamén houbo xogos como ao chan ou a lava, onde a imaxinación foi clave para superar os retos!
Na sesión de psicomotricidade, volvemos desfrutar de xogos clásicos que fomentan o movemento e a atención. Xogamos ao Oso Dormilón, onde os nenos deben desprazarse en silencio para non espertar ao oso, traballando a coordinación e o control do corpo. Tamén xogamos ao Zapato Perdido, un divertido xogo de observación e rapidez no que os participantes deben atopar e identificar o dono do zapato escondido. Estas actividades permitiron fortalecer a interacción en grupo e a axilidade dos nenos e nenas.
Dentro da aula, seguimos compartindo momentos de lecer con xogos de mesa como o Uno e as construcións con imáns. Para rematar, montamos os puzzles misteriosos que comezamos a semana pasada, completando así unha nova parte da nosa aventura detectivesca.
Con isto, despedímonos ata a próxima entrega!
Creatividade e valores en acción!
Ola, familias!
Esta semana estivo cargada de creatividade e significados especiais. Continuamos a nosa aventura como detectives elaborando unhas fantásticas gafas, que axudarán aos nosos pequenos investigadores a meterse aínda máis no seu papel.
Ademais, con motivo do Día da Paz, realizamos un fermoso mural colaborativo onde todos e todas puxeron as súas mans para formar o símbolo da paz, destacando a importancia da amizade, o respecto e a convivencia. Tamén creamos preciosas pombas da paz, que representaron o noso compromiso con estes valores fundamentais.
Por último, puxemos a proba a nosa imaxinación cunha actividade moi entretida: fixemos marca páxinas orixinais utilizando paus de xeado e limpa-pipas. Cada neno e nena deseñou o seu ao seu gusto, creando verdadeiras obras de arte que poderán utilizar nos seus libros favoritos.
Foi unha semana chea de aprendizaxe, creatividade e traballo en equipo. Seguiremos desfrutando e aprendendo xuntos!
Que teñades unha moi boa semana!
Resolvendo misterios con novas ferramentas
Ola, familias!
Esta semana foi moi emocionante para os nosos pequenos detectives! Rematamos as lupas que comezamos a crear nas semanas anteriores, converténdoas en ferramentas perfectas para investigar cada detalle e descubrir misterios escondidos.
Ademais, introducimos unha nova actividade que lles encantou: fixemos pegadas dixitais. Os nenos e nenas aprenderon a crear as súas propias impresións, explorando de forma divertida o mundo das pegadas dactilares. Con estas dúas ferramentas – lupas e pegadas – convertéronse en verdadeiros expertos na investigación e pasárono en grande xogando e poñendo en práctica as súas habilidades.
Seguimos aprendendo e desfrutando xuntos nesta aventura de detectives!
Que teñades unha moi boa semana!
Pequenos artistas e grandes detectives en acción
Ola, familias!
Esta semana seguimos desfrutando do inverno a través de actividades creativas e entretidas. Os nenos e nenas puxéronse mans á obra para crear uns fermosos copos de neve utilizando paus de xeado. Con moita imaxinación e destreza, decoraron cada copo, converténdoos en pequenas obras de arte que transmiten o espírito desta estación.
Ademais, iniciamos unha nova actividade relacionada coa nosa aventura de detectives: a actividade da lupa. Os pequenos están investigando e buscando pistas, desenvolvendo a súa capacidade de observación e pensamento crítico. Aínda non rematamos, pero están moi emocionados por continuar e descubrir que sorpresas nos deparará este proxecto.
Foi unha semana moi produtiva e chea de aprendizaxes. Seguiremos avanzando con ilusión nas próximas actividades!
Que teñades unha moi boa semana!
Estamos de volta
Ola, familias!
Esta semana comezamos o novo ano cheos de enerxía e ilusión, retomando as nosas actividades despois das vacacións de Nadal. Os nenos e nenas tiveron a oportunidade de compartir como pasaron as festas, os momentos máis especiais e, por suposto, os agasallos que recibiron. Foi marabilloso escoitar as súas historias cheas de felicidade e entusiasmo.
Para entrar de novo no papel de detectives, vimos unha película que nos mergullou no apaixonante mundo da investigación. Esta actividade non só foi moi entretida, senón que tamén lles permitiu reforzar a súa curiosidade e espírito observador, cualidades clave para os nosos pequenos detectives.
Foi unha volta cargada de emocións e bo ambiente, que nos axudou a comezar o ano con moitas ganas. Seguiremos desfrutando e aprendendo xuntos nas próximas semanas!
Que teñades unha excelente semana!
Feliz Nadal
Ola, familias! Esta semana foi máxica e chea de actividades propias destas datas tan especiais. Tivemos a oportunidade de ver unha película que lles encantou aos nenos e nenas, transportándoos a unha fermosa historia que espertou moita emoción e ilusión.
Ademais, seguimos traballando a nosa creatividade elaborando fermosas bólas de Nadal que adornarán as árbores das casas, reflectindo o esforzo e cariño que puxeron en cada detalle. Tamén pasámolo en grande xogando ao bingo, unha actividade que combinou diversión e aprendizaxe.
Un dos momentos máis especiais foi a creación dun reno moi divertido, empregando técnicas de pintura e materiais diferentes, con moita imaxinación e concentración. Foi unha actividade que puxo de manifesto o seu talento e ganas de crear cousas fermosas para este Nadal.
Moitas grazas por acompañarnos nesta aventura!
Que teñades unhas moi boas festas, vémonos pronto.
QUERIDO APALPADOR…
Ola, familias!
Esta semana foi moi especial, pois xa empezamos a sentir a maxia do Nadal. Vimos un vídeo do Apalpador que emocionou a todos os nenos e nenas e, cheos de ilusión, escribiron a súa carta con moito coidado e entusiasmo.
Ademais, rematamos as chapas de detectives que viñemos creando nas últimas semanas. Foi un momento moi significativo cando, orgullosos do seu traballo, as colocaron na roupa para sentirse como auténticos detectives. Non cabe dúbida de que estes pequenos están listos para calquera misión!
Por se isto fose pouco, tamén gozamos dunha actividade moi divertida e chea de aprendizaxe. Armados cunha lupa, lanzáronse á busca obxectos que puidesen servirlles como probas nas súas investigacións. Foi unha experiencia que espertou a súa curiosidade, capacidade de observación e espírito de equipo.
Seguimos avanzando nesta emocionante aventura de detectives e preparando momentos inesquecibles neste tempo de Nadal.
Desexámosvos unha moi boa semana e vémonos na próxima!
DICIR PA TA CA
Ola, familias!
Esta semana continuamos a nosa aventura de detectives con moitas actividades divertidas e enriquecedoras. Como cada martes, fomos a psicomotricidade, onde os nenos e nenas gozaron dunha sesión chea de movemento, coordinación e moito xogo en equipo. Este momento é sempre un dos favoritos, porque lles permite liberar enerxía mentres desenvolven habilidades importantes dun xeito lúdico.
Ademais, seguimos inmersos no noso proxecto de detectives, que está a espertar moita curiosidade e creatividade entre os máis pequenos. Esta semana, puxémonos mans á obra para crear un accesorio esencial para calquera detective que se prece: unha cámara de fotos! Non só deseñaron as súas propias cámaras, senón que tamén incluíron unha imaxe “sospeitosa” que investigarán nas próximas actividades. Foi marabilloso ver como cada un deles aportou a súa imaxinación para personalizar o seu traballo, poñendo toda a súa ilusión neste proxecto.
Estamos seguros de que estes pequenos detectives seguirán sorpréndonos coas súas habilidades e a súa creatividade ao longo das próximas semanas.
Que teñades unha moi boa semana e vémonos na próxima actualización!
A AXUNDANTE DE BENJI
Ola, familias!
Esta semana foi moi entretida e chea de actividades que os nenos desfrutaron ao máximo. Despois das clases, algo que sempre lles encanta é poder desconectar e refuxiarse no xogo, que para eles é moito máis que diversión: é tamén unha oportunidade para explorar, aprender e compartir cos seus compañeiros.
Entre os momentos destacados, tivemos unha sesión de psicomotricidade onde os nenos traballaron a súa coordinación e expresividade de maneira lúdica. Ademais, aproveitamos o bo tempo para pasar un ratiño no parque, correndo, xogando e explorando. Foi unha gran oportunidade para liberar enerxía e fortalecer a súa conexión coa natureza.
Tamén realizamos unha actividade moi especial e creativa que lles encantou. Con cores, tesoiras, pegamento e moita imaxinación, dedicámonos a pintar, recortar e decorar aos personaxes que nos acompañarán nesta aventura ao longo do curso. Agora xa coñecen a Olivia e a Benji, dous detectives moi especiais. Olivia é unha axudante indispensable para o noso protagonista principal, e os nenos tiveron moitas ideas sobre como poderán axudarnos a resolver misterios e aprender cousas novas durante o ano.
Foi unha semana chea de aprendizaxes e momentos que quedarán na memoria dos máis pequenos. Seguiremos explorando, descubrindo e divertíndonos xuntos semana tras semana.
Desexámosvos unha moi boa semana e vémonos na próxima!
O NOSO AMIGO BENJI
Ola, familias!
Cada semana recibiredes unha pequena noticia no voso correo onde vos contaremos as actividades que realizamos cos nenos e nenas. Este espazo é para compartir con vós os momentos especiais e os avances dos pequenos/as ao longo do curso.
Queremos informarvos de que a programación deste curso está centrada no apaixonante mundo dos detectives. O noso protagonista é Benji, un personaxe que nos acompañará durante todo o curso, guiándonos a través de manualidades, xogos e enigmas que nos desafían a pensar como auténticos investigadores. Tamén aproveitaremos para traballar datas e valores importantes, conectando todo cunha aprendizaxe significativa.
Esta semana comezamos presentándolles aos pequenos/as esta temática tan divertida. Traballamos na creación das nosas chapas personalizadas de detectives, coas que nos unimos oficialmente ao equipo de Benji. Ademais, puxemos a proba as nosas habilidades resolvendo os primeiros enigmas. Os nenos e nenas demostraron ser uns verdadeiros expertos no pensamento crítico e na creatividade!
Tamén fixemos unha actividade especial para sinalar a importancia do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Creamos unha obra simbólica coas nosas mans, transformándoas en fermosas bolboretas como símbolo de paz, igualdade e respecto.
Por suposto, non faltou o noso momento semanal de psicomotricidade, coma cada Martes. Tamén disfrutamos ao aire libre aproveitando o bo tempo. Foi unha oportunidade perfecta para movernos, xogar e seguir reforzando o traballo en equipo.
Estamos encantados/as co entusiasmo e a participación dos nenos e nenas nesta primeira semana. Esperamos que tamén vos guste estar ao día das súas aventuras a través destas noticias semanais.
Ata a próxima semana!