O OBRADOIRO DE MEMORIA DE PONTECESURES REFORZA HABILIDADES COGNITIVAS A TRAVÉS DE XOGOS VISUAIS E LINGÜÍSTICOS

O grupo de participantes do obradoiro de memoria desenvolveu durante este mes diferentes sesións centradas na estimulación cognitiva mediante actividades lúdicas e dinámicas. Entre elas, destacaron os exercicios baseados en xogos de mesa que permitiron traballar múltiples procesos mentais fundamentais para o mantemento da autonomía e o benestar cognitivo.

Durante as sesións, as persoas asistentes exercitaron:

  • Atención e concentración.
  • Memoria de traballo.
  • Percepción visual.
  • Resolución de problemas.
  • Estimulación cognitiva xeral: reforzando o razoamento e potenciando a neuroplasticidade a través do xogo.

Ademais das tarefas visoespaciais, realizáronse actividades verbais como xogos de palabras que comezan por diferentes letras, exercicios de relación de termos, recordo de palabras ditas ao inicio da clase, ou a procura de nomes de muller que comezan pola letra E. Tamén se levou a cabo o coñecido xogo dos vasos, no que as participantes debían observar unha figura e posteriormente reproducila, reforzando a memoria visual e a coordinación.

Destacamos a alta participación e motivación das asistentes, subliñando que este tipo de obradoiros non só favorecen o adestramento cognitivo, senón que tamén crean un espazo de relación social e benestar emocional.