O OBRADOIRO DE ESTIMULACIÓN COGNITIVA DE PONTECESURES FOMENTA A MENTE ACTIVA DURANTE O MES DE XANEIRO
O Concello de Pontecesures continúa a desenvolver durante este mes de xaneiro o seu obradoiro de estimulación cognitiva, unha actividade dirixida a manter e mellorar as capacidades mentais das persoas participantes a través de exercicios dinámicos e lúdicos.
Ao longo das sesións, traballouse co tangram, un xogo que contribúe a estimular a memoria, o razoamento lóxico, a orientación espacial e a creatividade. Ademais, realizáronse diferentes xogos específicos para reforzar a discriminación visual e a atención, fundamentais para o desenvolvemento e mantemento das funcións cognitivas.
O obradoiro tamén incluíu diversas actividades de matemáticas, sopas de letras e outros exercicios pensados para traballar a concentración, a axilidade mental e o cálculo, todo nun ambiente participativo e adaptado ás necesidades do grupo.
Esta iniciativa reafirma o compromiso do Concello de Pontecesures coa promoción do benestar e o envellecemento activo, ofrecendo espazos de aprendizaxe, convivencia e estimulación intelectual para a veciñanza.

