NA LUDOMEIS DE NADAL ÁS MAÑÁS PASARON VOANDO
Estas vacacións de Nadal foron moi ben aproveitadas por toda a cativada que participou na LudoMeis Nadal 2024-2025, non houbo un intre para aburrirse.
Comezamos estas datas tan fermosas e cheas de ilusión deixando a nosa pegada no Nadal de Meis formando unha árbore de Nadal con todas as pegadas de cada un dos nosos participantes, que eles e elas pintaron e decoraron ao seu gusto. Esta fermosa árbore, na que todos os e as participantes da LudoMeis Nadal estaban representados, encabezaba a zona adicada aos xogos grupais.
Tamén tivemos tempo para facer as nosas propias decoracións de Nadal, monicreques pintados pola cativada; chemineas coroadas por renos, galletas de xenxibre e o mesmo Papá Noel; e mesmo ata puidemos facer a nosa propia bóla de neve cun vaso de plástico, unha decoración para o interior da bóla feita por cada un dos nosos e das nosas pequenas artistas, neve artificial, cartón e unha boa dose de pegamento, cada quen tivo unha decoración de Nadal do máis persoal e con moito agarimo en cada detalle.
Non faltaron os momentos para recordar os valores importantes destas datas tan sinaladas. A través dunha videohistoria titulada “A folga dos elfos do Polo Norte” recordamos a importancia do traballo en equipo, do respecto e sobre todo, que o importante nestas datas é pasalas rodeadas de aqueles que queremos e compartir con aqueles que non teñen tanta sorte coma nós, e ademais que para ter unhas máis que fermosas festas de Nadal o importante non é o número de regalos que atopemos baixo a árbore. Tamén traballamos a xenerosidade, a compaixón e a bondade a través do conto “O roubo do Nadal”. A cativada da LudoMeis Nadal ten moi claro que é o importante e dende logo que o aplica todos os días xogando cos compañeiros e compañeiras, axudando e compartindo bonitos momentos todos e todas xuntas.
Como non podía ser doutra maneira, nestas datas na que os doces son un constante nas casas, adicamos unha das mañás a coñecer os distintos doces típicos destas datas e a facer a nosa propia casa de xenxibre en versión cartón. Por grupos decoraron as distintas pezas que conformarían a nosa casiña, non faltaron os pompóns, os limpiapipas, a purpurina e moita variedade de cores.
Nestas datas, ademais de doces, as panxoliñas e música con temática do Nadal están en cada currucho polo que aproveitando a enerxía musical que estaba no aire da LudoMeis Nadal elaboramos cadanseu instrumento musical; esta vez empregando rolos de cartón que cada participante decorou ao seu antollo, unhas lentellas e un pouco de pegamento fixemos unhas maracas con moito ritmo.
Sobra dicir, que despois destes días de tanto traballo de Nadal, a cativada da LudoMeis Nadal tiña máis que merecida a súa propia festa para despedir o ano. Todos viñeron do máis elegantes, e por suposto que había que lucir eses modeliños co seu correspondente desfile. Tamén falamos das tradicións desta noite tan especial e como non podía ser doutro xeito, tomamos as nosas 12 “uvas” anticipadas. Ás doce do mediodía soaron as badaladas na LudoMeis Nadal e non houbo gusanito que se resistise, e como ben podedes imaxinar, despois das badaladas e das uvas toca bailar e divertirnos moito.
Aproximándose a chegada dos Reis Magos e tendo o Buzón Real tan pretiño, tivemos que facer as cartas para as súas maxestades. Esta cativada ten moi claro o que quere.
E con tanto xoguete rondando, nada mellor que volver ao pasado e ao sinxelo coa fabricación dos nosos propios xogos con material de refugallo, de paso que traballamos a imaxinación, concienciamos sobre a reciclaxe. Cunha caixa de cartón e papeis fixemos o noso propio xogo da rá e tamén un xogo de bolos cuns vasos de plástico e unha bóla de papel, decorámolo e despois démoslle un moi bo uso cunha pequena competición por equipos.
Por suposto que non faltaron os momento para xogar ao son das panxoliñas, as estatuas musicais, o director musical, o pilla-estatua, as agochadas inglesas, polis e cacos, pato-pato-oca, foron algúns dos máis solicitados. Unhas veces xogamos dentro aproveitando o espazo común, pero esas mañás nas que o sol nos acompañou saimos ao patio para xogar.
Con imaxinación, ilusión e ganas de pasalo ben nada é imposible, e dende logo, que a cativada nesta LudoMeis Nadal 2024-2025 pasouno realmente ben, usou a imaxinación, a creatividade, e demostrou un gran compañeirismo e moi bos valores.