MENTRES A MENTE SE MOVE, A VIDA FLORECE

Dende o mes de setembro, no taller de envellecemento activo do Centro Socioeconómico de Porta do Camiño, vimos compartindo cada semana momentos cheos de aprendizaxe, lembranzas e, sobre todo, actividade mental.

A través de sesións semanais estruturadas e variadas, alternamos exercicios cognitivos que permiten manter o coñecemento activo (gramática, comprensión lectora, cálculo básico, memoria e asociación de ideas…) con propostas lúdicas que estimulan a mente mentres desfrutamos do tempo en compañía. Entre as actividades máis recorrentes están os bingos temáticos, as sopas de letras, crucigramas, adiviñanzas, palabras encadeadas ou descubrir palabras e frases ocultas.

A combinación de aprendizaxe formal e xogo permite que as persoas participantes traballen a súa concentración, axilidade mental e capacidade de resolución, ao tempo que reforzan a autoestima e as relacións sociais. Este tipo de talleres non só teñen unha función educativa, senón que favorecen o benestar emocional e permiten manter viva a curiosidade e as ganas de aprender, independentemente da idade. Actividades como as que levamos a cabo potencian a plasticidade cerebral, melloran a memoria, a linguaxe e a atención. Pero, sobre todo, son unha oportunidade para compartir, rir, falar e sentirse parte dun grupo, creando un espazo de confianza e respecto mutuo.

Cada sesión convértese así nun encontro enriquecedor no que todas as persoas achegan algo valioso: un recordo, unha palabra esquecida, unha nova maneira de resolver un reto… e sobre todo, as ganas de seguir participando activamente na vida.