MEMORIA PARA MAIORES EN CUNTIS. CURSO 2022/2023

O pasado mes de novembro de 2022 comezou un novo curso de estimulación cognitiva para persoas maiores polas diferentes parroquias de Cuntis. Nestes talleres optimizamos o funcionamento da memoria á vez que charlamos e pasamos un bo rato.

A maioría das actividades son mediante xogos e actividades dinámicas que impliquen a todos os membros do grupo, as cales serven para traballar a memoria e tamén para interactuar e cooperar, que é unha das grandes claves para que as actividades desenvoltas teñan éxito.

Algunhas das actividades que realizamos nestes últimos meses foron: buscar as parellas de iguais, identificar obxectos, memorizar palabras e imaxes para despois describilas, puzzles, xogos de cartas, clasificar obxectos e palabras por categorías, construír frases a partir de palabras soltas, xogos musicais, bingo, resolver xeroglíficos e acertixos, xogos matemáticos, mímica, trivial, pasapalabras… En xeral, como se pode observar, actividades moi diversas destinadas a causar o máximo interese grupal. En cada sesión realízanse entre 4-5 actividades que se distribúen en 1h e media.