Febreiro no Teo Madruga
Ao longo deste curso no Teo Madruga estamos a desenvolver un proxecto lúdico-educativo co nome de “CineMadruga”, e que pon en relación os días conmemorativos internacionais e as celebracións estacionais co mundo do cine en valores.
Como fixemos nos meses anteriores este mes de febreiro centrarémonos en dous días internacionais e nunha celebración estacional:
- Día internacional da muller e da nena na ciencia (11 febreiro)
O noso obxectivo é promover o acceso, o empoderamento e a participación plena e equitativa das mulleres e das nenas na ciencia.
Coa visualización da película temática, e dinámicas como xogos, talleres de ciencia, e pequenos obradoiros…, achegaremos ás crianzas á experiencia de mulleres vinculadas á ciencia, dando a coñecer o seu traballo e, quizás, espertar nos/as madrugadores/as a vocación científica.
- Día internacional da lingua materna (21 de febreiro)
Considérase lingua materna o primeiro idioma que adquire unha persoa cando nace e que despois forma parte da súa vida como instrumento de comunicación, tamén se coñece como lingua nativa.
O obxectivo desta celebración é dar a coñecer, preservar e protexer todos os idiomas que se falan no mundo; no Teo Madruga centrarémonos na lingua galega como o noso aceno de identidade.
Rematada a visualización da película temática realizaremos actividades como: taller de música galega, contacontos e o xogo Pasapalabra.
- Celebración do Entroido
Comezaremos esta celebración cun repaso polos entroidos máis coñecidos de Galicia: pantallas, cigarróns, felos…e por suposto os Xenerais da Ulla, o exemplo máis próximo para as nenas e os nenos de Teo. A actividade a desenvolver será un obradoiro de máscaras e antefaces.
Recordarvos que estamos a empregar o cine como instrumento educativo, destacámolo pola súa capacidade de formar e informar dun xeito distendido e lúdico.