ESTE MES NAS CLASES DE MEMORIA E ESTIMULACIÓN COGNITIVA NON PARAMOS!
Traballamos de maneira especial o cálculo e a lóxica, con actividades prácticas relacionadas coas compras e o manexo de cartos, ademais de iniciarnos nos sudokus, que supuxeron todo un reto mental para as persoas participantes. Tamén reforzamos o vocabulario con antónimos e realizamos actividades de comprensión lectora para seguir mantendo a mente en forma.
Por outra banda, puxemos en marcha a cabeza con exercicios de orde e lóxica (como organizar pasos da vida cotiá, por exemplo coller un taxi), sopas de letras nas que había que atopar e contar letras, e xogos de buscar diferenzas. Tamén traballamos a memoria e a percepción visual a través de biografías de persoas inventadas, e dedicamos sesións á comprensión lectora, reforzando a capacidade de interpretar e lembrar información escrita.
Pero como non todo vai ser traballar… tamén xogamos moito! Aprendemos un xogo novo de cartas en equipo, fixemos outro moi divertido con números en serie e accións, xogamos ao bingo e puxemos a proba a nosa rapidez mental e coordinación óculo-manual co Speed Cups.
E, ademais de todo isto, tamén tivemos tempo para desfrutar dunha pequena festa na que degustamos uns riquísimos doces típicos elaborados polas propias persoas participantes con motivo do Entroido.

