En O Pino reciclamos e xogamos

Como sempre que nos dan vacacións, o que máis nos apetece a todas e a todos é xogar. En  Lecer Semana Santa sabémolo, e por iso este ano o xogo foi o protagonista, aínda que cunha particularidade, xogamos reciclando!

Si, si, en O Pino gústanos ser responsables co  medioambiente, así que, baixo o lema «Reciclamos e xogamos», animámonos a facer un pouco de todo, pero sempre con materiais reciclados.

Fixemos, entre outras cousas, xogos de mesa e xoguetes para compartir a diversión, pintamos ovos de pascua de cartón e papel de xornal, xogamos a xogos que non necesitan xoguetes, e ata fixemos un bonito móbil primaveral para colgar do teito, mesmo grazas aos nosos cubos de reciclaxe para tirar o lixo démonos conta da cantidade de plásticos e envases que utilizamos a diario, case todo ía ao contedor amarelo!

Hai tantas cousas que podemos facer reciclando, que algunhas se nos quedaron no tinteiro para cando volvamos vernos.

O clima tamén nos fixo o enorme favor de darnos uns días estupendos para xogar baixo o sol e, por suposto, non desperdiciamos a oportunidade! xogamos e bailamos ata fartarnos.

Esperamos vervos de novo a todas e a todos nunha próxima ocasión, ata entón, unha forte aperta!