EN MARCHA UN NOVO CURSO CON TEO MADRUGA E TEO COIDA

Co inicio dun novo curso escolar comezan os servizos de conciliación que o Concello de Teo pon en marcha e que desenvolve, un ano máis, Servicios Integrales de Formación S.L Ditos programas de conciliación facilitan ás familias harmonizar a súa vida laboral co coidado de fillos e fillas menores, mediante unha alternativa de ocio fora ho horario lectivo escolar (momentos anteriores á entrada no centro escolar e momentos posteriores á saída do centro).

TEO COIDA 2021-2022

O Teo Coida presenta dúas opcións, Teo Coida 1 e Teo Coida 2. O primeiro deles, Teo Coida 1 desenvólvese no CEIP dos Tilos no momento da saída do centro escolar, entre as 14.00 e as 15.15 horas; o segundo, Teo Coida 2, desenvólvese despois do remate do comedor, nos centros educativos de Calo, Tilos e Ramallosa.

O horario do Teo Coida 2 en cada un dos centros durante este curso é o seguinte:

  • Tilos                          15.00 a 18.00 horas
  • Calo                          15.00 a 18.00 horas
  • Ramallosa               15.30 a 18.00 horas

Ao longo deste curso desenvolveranse diferentes actividades lúdicas e o proxecto “As mil e unha historias”, proxecto co claro obxectivo de promover a lectura e a nosa lingua entre as crianzas, á vez que introducimos ensinanzas, valores, emocións…

TEO MADRUGA 2021-2022

O Teo Madruga desenvólvese nos centros de Calo, Tilos e Ramallosa no tempo anterior á entrada nos centros escolares, nos tres casos dende as 7.30 horas da mañá. O servizo, creado para a conciliación da vida laboral e familiar, comprende tanto o servizo de gardería como o de almorzo.

O horario en cada un dos centros durante este curso é o seguinte:

  • Calo                          7.30  a 9.15 horas
  • Tilos                          7.30 a 9.00 horas  
  • Ramallosa               7.30 a 9.30 horas

Ao longo deste curso desenvolverase o proxecto “ImaxinAcción”, centrado en fomentar a creatividade e a educación en valores (respecto, igualdade, tolerancia, diversidade…) entre as/os usuarias/os do Teo Madruga.