EN DODRO MÁNTEMOS A MENTE ACTIVA

Despois das vacacións de Nadal, retomamos os talleres de memoria en Dodro, onde en sesións semanais de dúas horas, e que se desenvolven en distintos lugares do municipio (Imo, Tallós, Teaio, Lestrobe, Bexo e Traxeito), fomentan un espacio de sociabilización entre os e as participantes, ao mesmo tempo que a través de distintos tipos de exercicios traballamos a memoria e a estimulación cognitiva.

A través de actividades como o cálculo aplicado á vida cotiá, reflexionamos sobre conceptos útiles relacionados con gastos, compras ou organización do fogar ou coa realización de lecturas comprensivas que nos permiten traballar a atención, a interpretación e o diálogo compartido.

Outro dos nosos puntos fortes é o razoamento lóxico, coa resolución de desafíos sinxelos pero estimulantes, así como propostas léxicas para activar o vocabulario. Ás veces propoñemos retos como “palabras que comecen por C e rematen en A”, “termos con máis de sete letras”, ou palabras relacionadas con diferentes temáticas, dende as estacións do ano ata os alimentos.

E como non podía faltar, adicamos tempo a xogos colectivos coma o bingo, as palabras encadeadas, as rondas de termos temáticos ou outras propostas nas que o humor e o compañeirismo son sempre protagonistas.

Do mesmo xeito, tamén celebramos merendas de Entroido nos que os participantes elaboraban un postre de Entroido da súa elección e no que creamos un ambiente no que os recordos e anécdotas afloran, pasando un  momento máis relaxado no que a socialización, tan importante para un estado de benestar, se produce dun xeito natural.

Outro día para o recordo, foi o dedicado ao Caldo de gloria polo día de Rosalía, sesión na que os participantes compartiron receitas e recordos de tempos nos que a abundancia non era o máis común, favorecendo a creación de momentos de complicidade entre os e as participantes.

Despois destes meses de traballo, podemos dicir, que o esforzo se nota e con cada sesión destes talleres que pasa vamos vendo unha maior soltura e capacidade en todos e todas elas.