CONTINUAMOS FACENDO TRABALLAR AS CABECIÑAS EN PONTECESURES

Neste último mes, non deixamos de traballar nos grupos de Memoria e Estimulación cognitiva de Pontecesures. Un espazo no que tentamos crear un ambiente distendido, de socialización e traballo, no que os nosos e as nosas participantes pasen un momento agradable, entretido e relaxado ao mesmo tempo que traballamos e estimulamos a mente.

Entre risas, anécdotas e ganas de superación vamos traballando distintas habilidades como poden ser a linguaxe, o cálculo e  destreza visual, ademais tamén traballamos a paciencia e a concentración.

Busca de palabras que comecen ou rematen por determinadas letras, relacionar conceptos entre unha selección de palabras, cálculo mental con cifras de diñeiro, quebracabezas numéricos, ordenar sílabas para formar palabras e buscar a sílaba que falta, son exercicios que permiten unha adaptación ás necesidades dos e das participantes, aumentar ou diminuír a dificultade segundo sexa preciso e deste xeito motivalos e que busquen unha superación continúa, sentido a satisfacción de lograr os obxectivos establecidos.

Ademais son exercicios que presentan a vantaxe que se poden realizar en calquera lugar e sen necesidade de material, polo que, en palabras dos nosos e das nosas valentes, de repente atópanse agardando a súa quenda no médico, ou na cama antes de quedarse a durmir, ou mesmo en momentos que se aburren nas súas casas, facendo estes exercicios pola súa conta. Traballan durante o tempo dos talleres e seguen traballando despois.

Como non todo vai ser traballar, tamén tivemos tempo para levar a cabo algún xogo, a baralla sempre gusta, pero aquí en Pontecesures prefiren xogos como as palabras encadeadas, a maleta viaxeira ou o bingo. Xogos cos que mentres pasamos un tempo divertido, distendido e con maior participación entre os e as asistentes, tamén traballamos a memoria inmediata pois teñen que recordar as palabras que xa se dixeron ao mesmo tempo que seguimos traballando a linguaxe e, por suposto, a concentración.