Continuamos cos talleres de memoria en Cuntis.
Se o comezo no mes de outubro estivo caracterizado polo proceso de presentación e adaptación ás características das usuarias e ás experiencias pasadas, este mes de novembro destaca pola confianza obtida neste período. Este factor supuxo a capacidade de perfilar os exercicios e actividades ás características das participantes dun xeito máis acertado, xa sexa a nivel individual coma a nivel grupal.
Precisamente, as actividades que englobaban ao grupo enteiro, aquelas de carácter máis lúdico, son as máis complicadas de adaptar se intentamos ofrecer un xogo no que se exerciten as capacidades intelectuais dun xeito divertido. Sen embargo, existen diversas opcións. Este mes centrámonos en empregar materiais que están ao alcance de calquera.
Así pois, con papel, bolígrafo e algo de tempo pódese deseñar un bingo caseiro, exercicio perfecto para poñer en práctica a capacidade de atención e percepción. Se pola contra decidimos non perder tanto tempo cos preparativos, unha baralla de cartas pode ser unha moi boa alternativa, pois xogos coma o “reloxo” ou o “despistado” exercitan estas dúas áreas cognitivas, ademais de empregar o cálculo ou a capacidade de reacción en menor medida. Ademais, por testemuñas das propias usuarias, son unha excelente maneira de botar o tempo na casa, implicando así ao resto de familiares neste proceso de estimulación cognitiva.