Co inicio do curso escolar empezamos tamén o Taller de Escolaridade no Concello de Dodro.
Co incio do curso escolar tamén comezamos en Dodro co Taller de Escolaridade para o alumnado de Primaria. Este ano contamos con 17 nenas e nenos de diferentes cursos: primiero, segundo, terceiro, cuarto e sexto de Primaria. A pesar das diferenzas de idades e cursos o ambiente que se respira neste taller é marabilloso: rapazas e rapaces colaborando, compartindo momentos de xogo e risas, de amizade, de coidado, de respecto, de agarimo,…
Todos os días traballamos para sacar adiante as tarefas escolares pendentes e os exames – aínda que estemos ao comezo do curso xa tivemos algún que outro – pero tamén temos tempo para liberar enerxía bailando e para relaxarnos coa técnica de Koeppen e unhas cantas respiracións profundas.
Neste grupo tan heteroxéneo no que contamos con persoas escritoras, bailarinas e debuxantes,… hai un xogo de destreza que tivo unha gran acollida: o xogo tipo “ Jenga” ( torre de ladrillos de madeira). Para aquelas e aqueles que xa acabaron as súas tarefas ou que necesitan uns minutos de desconexión para coller forzas contamos con múltiples xogos pero este está a ter un gran éxito entre as persoas asistentes. A pesar de ser un xogo moi sinxelo achega múltiples beneficios xa que exercita a concentración e a paciencia ademáis desenvolve a capacidade de análise así como a toma de decisións.
Foi un comezo de curso emocionante e con novidades do que vos seguiremos contando cousas que xa están en proceso e outras pendentes de comezar para que os nenos e as nenas non só saquen adiante o curso senón que desenvolvan e melloren as súas capacidades e habilidades como persoas.