O martes 20 de febreiro deron comezo, tanto no CODI coma no Auditorio Municipal de Valga, os obradoiros de estimulación cognitiva organizados polo concello coa intención de contribuír ao envellecemento activo das persoas maiores e ofrecerlles alternativas de socialización.
Un total de trinta e dúas persoas gozarán destes obradoiros, dirixidos, na súa meirande parte, a maiores de sesenta e cinco anos; aínda que tamén asisten participantes de menor idade.
Estes obradoiros, impartidos todos os martes en horario de mañá, estenderanse ata o mes de xuño. Neles, tratarase de frear o deterioro cognoscitivo a través de exercicios e xogos que contribúan a estimular e adestrar a parte cognitiva e, deste xeito, colaborar para obter un maior benestar e calidade de vida dos participantes.
No mes de febreiro leváronse a cabo dúas sesións e, na primeira destas, recibiron a visita do alcalde e os seus concelleiros, os cales animaron aos asistentes a seguir participando tanto nesta actividade como naquel outras que leve a cabo o concello, especialmente as destinadas a este sector da poboación. Amais, traballouse arredor de actividades como son as dinámicas de presentación, as palabras encadeadas e ordenar letras para crear palabras.
Na segunda sesión crearon unha historia inventada conxuntamente, a cal debían recordar para responder posteriormente ás cuestións formuladas sobre a mesma. Do mesmo xeito, memorizaron palabras que logo tiñan que escribir, adiviñaron cancións e deletrearon palabras á inversa.
Finalmente, cómpre destacar que, en ditos obradoiros, traballarase o desenvolvemento cognitivo dunha forma lúdica e sempre tendo en conta os intereses e necesidades dos participantes, adaptándose ao ritmo de cada un e promovendo a colaboración entre todos e todas.