BROCHE DE OURO

No mes de febreiro comezaban, tanto no CODI coma no Auditorio Municipal de Valga, os obradoiros de estimulación cognitiva organizados polo concello coa intención de contribuír ao envellecemento activo das persoas maiores e ofrecerlles alternativas de socialización.

Após de cinco meses, onde se tratou de frear o deterioro cognoscitivo a través de diferentes exercicios, xogos e de colaborar para obter un maior benestar e calidade de vida dos participantes, puxémoslle o broche de ouro a estes meses de traballo cunha excursión.

O venres 19 de xullo viaxamos en autobús cara o Grove, onde nos agardaba un catamarán para navegar, durante unha hora e cuarto, pola Ría de Arousa. Asemade, puidemos gozar das paisaxes marítimas e achegarnos á actividade das bateas e aos parques de cultivo de mexillóns, ostras e vieiras.

 Pero isto non era todo, no catamarán puidemos gozar dunha degustación de mexillóns e ostras, acompañados dunha bebida refrescante.

Unha vez de volta no porto continuamos cara a nosa seguinte parada… a Illa da Toxa! Unha vez alí, contamos con tempo libre para coñecer a illa, pasear, mollar os pés na praia ou facer algunha compra no centro comercial.

Finalmente, emprendemos a viaxe de volta cargados de agradecemento, ledicia e unha morea de recordos xunto cos compañeiros e compañeiras das rutas de autocoidado e dos usuarios e usuarias do CODI.