UN ESPAZO ONDE A MEMORIA FLORECE

Durante este mes de maio, no taller de memoria de Porta do Camiño seguimos desenvolvendo sesións nas que o obxectivo principal é manter o enxeño, a memoria e a atención ben activas, a través de actividades variadas que estimulan as diferentes capacidades mentais nun ambiente acolledor e motivador.

Traballamos con textos tradicionais e fragmentos literarios que serven como base para facer preguntas de comprensión, localizar letras concretas ou identificar información específica. Este tipo de exercicios axuda a reforzar tanto a atención como a discriminación visual.

Tamén fixemos propostas visuais como a discriminación de figuras semellantes, a localización de parellas de letras ou números, ou o encaixe de pezas tipo Tetris, que poñen a proba a observación, a percepción espacial e a memoria visual.

Na área do cálculo e do razoamento, realizamos pirámides de números, sumas con figuras substituídas por valores e actividades para clasificar números segundo distintos criterios, favorecendo así o pensamento lóxico e o cálculo mental.

Dentro do traballo lingüístico, fixemos exercicios de formación de palabras con determinadas condicións (como que só conteñan unha vogal específica), xogamos a transformar palabras usando as mesmas letras e unimos números e letras para formar termos compostos, estimulando o vocabulario e a fluidez verbal.

Non faltaron os xogos de atención e axilidade mental, como buscar diferencias, identificar elementos repetidos ou realizar asociacións rápidas. Ademais, dedicamos espazos ao xogo lúdico e tradicional, con partidas de bingo, memory, o uno, o jenga, que tan boa acollida teñen entre os participantes.

Como sempre, as sesións completáronse con momentos de conversa relaxada e espontánea, onde compartimos lembranzas, experiencias e risas que forman parte fundamental deste espazo, onde o que se exercita non é só o cerebro, senón tamén o benestar emocional.

TORNEO DE TENIS DE MESA NA AULA MOZA DE AS NEVES

Este pasado venres 23 de maio celebrouse un torneo de tenis de mesa, onde nos acompañaron dous integrantes profesionais do Centro Cultural de Arcos (Ponteareas).

Ensináronnos como coller a raqueta, como facer puntos, como sacar, etc… Unha tarde amena e divertida e sobre todo lúdica e deportiva.

CONTINUAMOS FACENDO TRABALLAR AS CABECIÑAS EN PONTECESURES

Neste último mes, non deixamos de traballar nos grupos de Memoria e Estimulación cognitiva de Pontecesures. Un espazo no que tentamos crear un ambiente distendido, de socialización e traballo, no que os nosos e as nosas participantes pasen un momento agradable, entretido e relaxado ao mesmo tempo que traballamos e estimulamos a mente.

Entre risas, anécdotas e ganas de superación vamos traballando distintas habilidades como poden ser a linguaxe, o cálculo e  destreza visual, ademais tamén traballamos a paciencia e a concentración.

Busca de palabras que comecen ou rematen por determinadas letras, relacionar conceptos entre unha selección de palabras, cálculo mental con cifras de diñeiro, quebracabezas numéricos, ordenar sílabas para formar palabras e buscar a sílaba que falta, son exercicios que permiten unha adaptación ás necesidades dos e das participantes, aumentar ou diminuír a dificultade segundo sexa preciso e deste xeito motivalos e que busquen unha superación continúa, sentido a satisfacción de lograr os obxectivos establecidos.

Ademais son exercicios que presentan a vantaxe que se poden realizar en calquera lugar e sen necesidade de material, polo que, en palabras dos nosos e das nosas valentes, de repente atópanse agardando a súa quenda no médico, ou na cama antes de quedarse a durmir, ou mesmo en momentos que se aburren nas súas casas, facendo estes exercicios pola súa conta. Traballan durante o tempo dos talleres e seguen traballando despois.

Como non todo vai ser traballar, tamén tivemos tempo para levar a cabo algún xogo, a baralla sempre gusta, pero aquí en Pontecesures prefiren xogos como as palabras encadeadas, a maleta viaxeira ou o bingo. Xogos cos que mentres pasamos un tempo divertido, distendido e con maior participación entre os e as asistentes, tamén traballamos a memoria inmediata pois teñen que recordar as palabras que xa se dixeron ao mesmo tempo que seguimos traballando a linguaxe e, por suposto, a concentración.

Autocoidado en Valga

O programa de autocoidado desenvólvese dende o mes de novembro no Auditorio Municipal de Valga, co obxectivo de promover o benestar físico, emocional e social. Desenvólvense dúas sesións semanais que teñen lugar os luns pola mañá e os xoves pola tarde, favorecendo así a conciliación, de maneira que as persoas participantes poidan elixir entre o horario que mellor se lles adapte. Entre as actividades que se realizan están centradas en promover o autocoidado de forma integral abordando cuestións coma os hábitos de vida saudables, a realización de actividade física, a xestión das emocións, o autocoñecemento e as habilidades de comunicación, entre outras.

O DERRADEIRO EMPURRÓN!

Comenzamos xa a terceira e última avaliación, e no Programa de Reforzo Educativo de Muros, voltamos das vacacións con enerxía renovada e con moitas ganas de seguir aprendendo e superándonos día a día neste proceso.

É momento de poñer en práctica todo o aprendido durante este curso para obter os mellores resultados posibles neste último mes de traballo.

Durante este ano fomos gañando, entre outras cousas, autonomía e seguridade, polo que temos maior confianza en nós mesmos e nas nosas posibilidades cara a encarar este último tramo do curso.

ADAPTÁNDOSE A CADA UN

A ximnasia adaptada é unha modalidade de exercicio físico deseñada para persoas con mobilidade reducida ou condicións físicas específicas. A través de movementos e rutinas personalizadas,  traballamos a flexibilidade, o equilibrio, a forza e a coordinación, sempre respectando as limitacións e necesidades de cada persoa. Con esta disciplina buscamos mellorar a calidade de vida, previr complicacións derivadas de enfermidades ou lesións, e fomentar a autonomía e benestar físico, adaptándonos aos ritmos e capacidades de cada persoa.

XIMNASIA DE MANTEMENTO PARA COIDARSE

A ximnasia de mantemento é unha actividade física deseñada para mellorar a saúde xeral, manter a mobilidade e previr problemas musculares e articulares. Nestas clases enfocámonos en traballar todos os músculos mediante exercicios suaves que traballan a flexibilidade, o equilibrio, a forza e a resistencia, adaptados ás necesidades e capacidades de cada persoa. É ideal para persoas de todas as idades, especialmente para quen busca manterse activos sen realizar esforzos excesivos, e é unha excelente opción para mellorar a calidade de vida e previr enfermidades relacionadas co sedentarismo.

FORTALECENDO A MEMORIA

Dende hai varios meses o concello de Valga leva a cabo un curso de memoria para maiores. Durante este tempo, realizamos exercicios destinados a fortalecer a nosa memoria a través de diversas actividades, entre elas matemáticas, comprensión lectora, escritura e sopas de letras, entre outras. Ademais, nos obradoiros participamos en xogos variados, que van desde xogos de mesa como dominó e cartas ata actividades como “Pasapalabra”, historias tolas, «dúas verdades e unha mentira», tutti frutti, etc. Sempre nos divertimos moito xogando, xa que o goce é fundamental para mellorar a memoria.

REFORZO ESCOLAR NO AUDITORIO DE VALGA: APOIO PARA QUEN MÁIS O PRECISA

Desde o pasado 14 de outubro, o Auditorio de Valga acolle un servizo moi valioso para o alumnado do concello: clases de reforzo escolar pensadas para nenos e nenas que atopan máis dificultades á hora de estudar ou facer os deberes.

Este espazo de apoio está dirixido a rapaces e rapazas desde 1º de Primaria ata 4º da E.S.O, ofrecéndolles un lugar tranquilo onde resolver dúbidas, organizar o estudio e recibir axuda adaptada ás súas necesidades.

As sesións teñen lugar de luns a venres, en horario de 16:30 a 19:30. O alumnado distribúese en grupos segundo idade e o nivel, o que permite ofrecer un acompañamento máis axeitado para cada caso.

OS MÉRCORES, COMIDA E BO AMBIENTE NO CPI EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN

Dende o pasado mes de outubro, cada mércores ao mediodía, no CPI Eusebio Lorenzo Baleirón lévase a cabo o servizo de comedor escolar, onde o alumnado da ESO pode xantar, descansar e compartir un bo rato cos compañeiros e compañeiras.

O comedor realízase aproveitando que ese día os rapaces e rapazas de secundaria teñen clase pola tarde. Así, entre a saída da mañá e o regreso ás aulas, 12 estudantes quedan no centro para xantar. Cada un trae a súa propia comida da casa, pero contan cun microondas para poder quentala comodamente.

Ademais do tempo para xantar, o comedor ofrece un ambiente acolledor no que o alumnado pode aproveitar o tempo libre facendo tarefas escolares, xogando a xogos de mesa ou participando noutras actividades recreativas, fomentando así a convivencia e o aproveitamento do tempo entre clases.

Esta proposta busca dar resposta a unha necesidade concreta do alumnado de secundaria, facilitando a conciliación e mellorando a experiencia educativa dentro do propio centro.