UN MERECIDO DESCANSO PARA CUNTIS

Este pasado mes de xuño rematou o curso e con el os obradoiros de estimulación cognitiva e memoria en Cuntis. Un último mes no que seguimos traballando dunha maneira dinámica e entretida os distintos aspectos cognitivos e a memoria. Exercicios de ordenar letras e atopar a palabra oculta, cálculo mental e atopar os sinónimos e antónimos foron algunhas destas tan entretidas actividades.

Como remataba o curso, a última semana fixemos unhas sesións máis relaxadas para despedirnos cheas de xogos e momentos de charla. Xogos de naipes, o Uno, quebracabezas, dominó foron algúns dos recursos empregados nestas despedidas.

Para rematar, e premiar o bo traballo dos e das participantes nestes obradoiros, fomos de excursión a Baiona, á que nos acompañaron os concelleiros Ana Loureiro e Toño González, representantes do Concello de Cuntis. Unha vez alí, visitamos a Virxe da Rocha (houbo xente valente que se atreveu a subir ao miradoiro e observar as fermosas vistas que ofrece), despois de esta actividade para todo o grupo, baixamos ao pobo e alí houbo grupos que se foron de andaina polo paseo que rodea o Parador e o Castelo de Monterreal, outros decidiron visitar a réplica da carabela A Pinta e outros aproveitaron para pasear polo paseo marítimo e tomar un refrixerio nalgunha das súas terrazas. Un día de convivencia e de bos momentos sen dúbida!

Agora toca desfrutar do verán!

DEIXAMOS UN BO SABOR DE BOCA EN PONTECESURES

Despois de un breve, pero intenso curso en Pontecesures, despedimos estes obradoiros de estimulación cognitiva e memoria ata o mes de Setembro.

Neste último mes de xuño traballamos como sempre a través de exercicios dinámicos e que supoñían un reto divertido para as e os participantes, tivemos que atopar a palabra que se agochaba nun palabra previa, fixemos cálculo mental, sudokus, e moitos outras actividades que tiñan á nosa xente dos obradoiros nun estado de superación e reto constante, en Pontecesures gústanlles os retos!

Na última semana, e como despedida, tivemos sesións de bingo e almorzo! Unha despedida moi doce, para darlle a benvida a un verán de descanso. Esperámosvos en setembro con enerxías renovadas!

COMEZAN AS VACACIÓNS!!!

Finalmente, chegamos ao remate do curso despois dunhas últimas semanas nas que puxemos todo da nosa parte en canto a interese, esforzo e actitude para poder acadar os obxectivos académicos e persoais das nenas e nenos do Programa de Reforzo Educativo de Muros.

En canto ao balance do curso, sempre é positivo no que se refire á superación persoal no percorrido socioeducativo de cada nen@.

É por todo isto que temos moito que celebrar, polo que aproveitamos o último día de cole para festexar o remate do curso e pasar así unha xornada de xogos, música, baile, amigos, etc.

Encaramos así o comezo do verán, con ganas de desfrutar, descansar e desconectar para volver o próximo curso con máis ganas e forza ca nunca.

ATA A VOLTA!!!