PUNTO LILA EN FRADES

Este domingo día 26 foi a primeira das 3 xornadas informativas polo 8M, Día Internacional da Muller,  previstas en Frades.

Nesta ocasión estivemos co punto lila en Ponte Carreira, onde, ademais de informar acerca deste día, fixemos entrega duns agasallos ofrecidos polo concello.

Proximamente poderemos atopar o punto lila en Abellá, o día 3 de Marzo, e novamente en Ponte Carreira, o 12 de Marzo.

MEMORIA PARA MAIORES EN CUNTIS. CURSO 2022/2023

O pasado mes de novembro de 2022 comezou un novo curso de estimulación cognitiva para persoas maiores polas diferentes parroquias de Cuntis. Nestes talleres optimizamos o funcionamento da memoria á vez que charlamos e pasamos un bo rato.

A maioría das actividades son mediante xogos e actividades dinámicas que impliquen a todos os membros do grupo, as cales serven para traballar a memoria e tamén para interactuar e cooperar, que é unha das grandes claves para que as actividades desenvoltas teñan éxito.

Algunhas das actividades que realizamos nestes últimos meses foron: buscar as parellas de iguais, identificar obxectos, memorizar palabras e imaxes para despois describilas, puzzles, xogos de cartas, clasificar obxectos e palabras por categorías, construír frases a partir de palabras soltas, xogos musicais, bingo, resolver xeroglíficos e acertixos, xogos matemáticos, mímica, trivial, pasapalabras… En xeral, como se pode observar, actividades moi diversas destinadas a causar o máximo interese grupal. En cada sesión realízanse entre 4-5 actividades que se distribúen en 1h e media.

ENTROIDO NO PINO!

O domingo puidemos festexar o carnaval con unha tarde moi divertida no Pino, disfrutamos de baile e animación coa compañía da orquestra Compostela, ademais levouse a cabo un desfile de disfraces. Unha tarde de Entroido moi divertida!

CREATIVIDADE E PAPIROFLEXIA NO CEIP CAMIÑO DE SANTIAGO

Ao longo destes meses, a rapazada de Papiroflexia e Creatividade estivo inmersa nun montón de actividades!

Por unha banda, en Papiroflexia, os nenos/as de Primaria están a descubrir que cun simple anaco de papel pódense facer todo tipo de figuras: dende o coñecido barco e avión ata un Pikachu ou diversos animais! Trátase dunha actividade diferente na que estamos a desenvolver a coordinación óculo-manual, traballando a concentración e a memoria, e aprendendo a ser pacientes e constantes nas nosas creacións!

Por outra banda en Creatividade, os peques de Infantil están a realizar diversas manualidades, fomentando a psicomotricidade fina (recortando, pegando, doblando…), a súa imaxinación e creatividade, animándolles en todo momento a facer as súas propias creacións e a expresarse con liberdade!

Se queredes saber máis sobre o que andamos a facer… Estade ben atentos/as!!

Actividade de Aikido para CEIP Camiño Inglés

A nosa actividade propón a través de xogos e formas, fortalecer e facer máis flexible o corpo e a perder o medo ás caídas, xa que se lles ensina a rodar (ukemi) para non facerse dano contra o chan se é que caen por causa dunha proxección dunha técnica ó de forma accidental.

O Aikido Tradicional tenta transmitir ferramentas que faciliten a mobilidade, os desprazamentos (tanto estando de pé como de xeonllos); o manexo de ferramentas (o bastón e a espada de madeira) que, a través de movementos estruturados (Kata), permiten que sexa o corpo e non a través do razoamento, memorizar accións que permitan actuar de forma automática #ante perigos.

Nas clases os nenos tamén aprenden e reforzan valores (cooperación, respecto, etiqueta, solidariedade) que poñen en práctica cos seus compañeiros e co desenvolvemento da clase.

VOLTA Ó COLE 2023!

O Programa de Reforzo Educativo de Muros constitúese dun total de 15 nenas e nenos de diferentes idades e cursos, repartidos en grupos de catro persoas. Trátase dun proceso formativo, educativo e social que pretende a mellora individual a largo prazo.

Nestes últimos meses, traballáronse tanto aspectos socioeducativos (habilidades sociais, motivación, resolución de conflitos…) coma académicos, atendendo ás individualidades de cada neno/a.

O traballo diario da resposta tamén ao calendario escolar, tratando de levar ó día as tarefas de estudo, a través do reforzo académico naqueles aspectos que o requiran, por medio de ferramentas de traballo tanto tradicionais, como por medio das TICs ou dos xogos de lóxica, atención, habilidade e memoria.