Escola de Verán de Dodro

“Ata a próxima!”

Na última semana da escola de verán de Dodro aproveitamos ao máximo cada minuto. A principios de semana, o tempo dounos un respiro e permitiunos facer a última festa da auga do verán. Ademais, aproveitando a temática que nos acompañou durante estes dous meses, das olimpíadas populares, tamén nos disfrazamos de deportistas de todo tipo, dende bailaríns ata xogadoras de fútbol. Foi xenial! Para rematar, o ultimo día, fixemos unha gran festa na que non faltou música, a entrega de diplomas, unha gran merendola e un photocall no que fixemos moitas fotos. Solo nos queda dar as grazas a tódalas e tódolos participantes e despedirnos ata o próximo ano. Moitos biquiños!

“A miña personaxe favorita”

Achégase o final do verán e, con el, o final da nosa escola de Dodro. A pesares disto, seguimos traballando e desfrutando un montón. Esta semana foi un pouco chuviosa, polo que tivemos que poñernos a cuberto e fixemos unha gran festa con actuacións musicais na que bailamos e cantamos ata non poder máis. Aparte diso, tamén resolvemos complicadas adiviñanzas e fixemos un gran mural titulado: “A miña personaxe favorita”.

E ti, que queres ser de maior?

Aínda que non o pareza, os días están a pasar moi rápido, e o mes de agosto xa está a piques de rematar. Por iso, na escola de verán de Dodro estamos aproveitando ao máximo o tempo que nos queda, realizando todo tipo de actividades. Esta semana, iniciámola co visionado da película “Brave” e traballando as diferentes profesións, así como os roles de xénero que están presentes nas mesmas. Ademais, continuando coa temática das olimpíadas, coñecemos novos deportes e elaboramos unha canastra coa que xogar nas longas tardes de choiva. Finalmente, tamén xogamos a xogos de mesa coma o “parchís” ou o “quen é quen”.

En Dodro somos uns artistas!

Ó longo desta nova semana, as nenas e nenos de Dodro continuamos coas actividades de verán. O mes de agosto comezámolo con moitísimo traballo, coma a gravación do noso videoclip, unha gran festa de disfraces ou mesmo a elaboración dunha mascota olímpica deseñada por nós mesmos, coa que posteriormente fixemos un gran mural. Ademais, divertímonos con novos xogos coma “O baile dos globos” ou “Corre e para”. Este verán non temos parada!

O verán en Dodro non remata!

Comeza agosto, e con el, un novo mes para desfrutar nas instalacións da Escola de Verán de Dodro. Ó longo da semana realizaremos unha gran cantidade de actividades novas, coma unha festa de disfraces ou un mercado tradicional, entre outras moitas. Pouco a pouco iremos contando máis cousiñas para que poidades ir vendo o ben que o estamos a pasar este verán.

En Dodro estamos de festa.

Co motivo do remate do mes de xullo, na Escola de verán de Dodro, as nenas e nenos participantes estivemos preparando unha gran festa ambientada na cultura chinesa. Para iso, elaboramos as nos as propias roupas e adornamos os recunchos como si na China nos atopasemos. Ademáis, fixemos moitos xogos olímpicos, como o fútbol, o balonmán ou volleyball, combinándoos con xogos tradicionais, como o escondite, a mariola ou a pita cega. Finalmente, coma tódolos venres, desfrutamos dunha gran molladura na festa da auga. Foi unha semana moi intensa! 

En Dodro desfrutamos en equipo

Durante esta nova semana, os e as participantes da Escola de verán de Dodro, continuamos divertíndonos moito. Comezamos o a semana traballando algúns dos valores que deben estar tan presentes no deporte e reflexando o resultado nun gran mural. Por outro lado, visualizamos fragmentos da película Mulan, co obxectivo de comprender mellor a igualdade entre mulleres e homes e fixemos un teatriño de sombras chinesas para a súa representación. Ademais, comezamos a elaborar unhas marabillosas medallas de ouro e de prata. Para rematar a semana, o venres celebramos a festa da auga, da cal marchamos todos empapados. Que ben o pasamos!

Comeza o verán en Dodro.

Ó longo da primeira quincena de xullo, as nenas e nenos do Concello de Dodro, abrimos de novo as portas da Escola de verán. A temática elixida para este ano foi a de Olimpíadas Populares, combinando así o deporte cos xogos de toda a vida. Para iso, nos encargamos de elaborar unha antorcha olímpica, os nosos propios bolos ou as nosas chapas personalizadas. Ademais, xogamos a moitos xogos que non coñecíamos antes, coma “Cabeza de dragón” ou “A araña” e, ata plantamos leitugas. Todo isto, iso si, acompañados da mascariña, que aínda que non é nada cómoda para xogar, estámolo a facer xenial. ¡Este ano si que nos merecemos unha medalla olímpica máis que nunca!