Campamento de Verán de Pontecesures

“Ata pronto!”

Hai que dicir que en esta semana non nós quedou nada atrás! Sacámoslle o máximo partido, dende xogos de todo tipo: “Cruzar a fronteira”, “A raíña ou o rei piden”, “Branco e negro”, un contacontos dos Bolechas, protagonizado por un dos nosos participantes, talleres de manualidades, como: a creación dunha lámpada de Mushu, un dos personaxes favoritos entre nenas e nenos da película de Mulán. Un lapiseiro en forma de castelo…, ata levamos a cabo unha obra de teatro. Foi todo un non parar!

E sen contar as celebracións do bingo que xogamos e a festa da auga, na que nos acompañou o xogo da “Pataca quente”, este xogo trataba de meter un globo nun xoguete cun temporizador e movelo de persoa en persoa, así que rematase o tempo, chaparrón a quen lle tocara.

Aínda que este ano está a ser diferente, ninguén se esquece de que: “O último día é o último día! E hai que celebralo!, non porque acabe o campamento senón por como o pasamos. Rapazas e rapaces viñeron disfrazadas e disfrazados da casa, sorprendendo ás demais coas súas vestimentas. Xogamos, bailamos, falamos e pasámolo moi ben e como se soe dicir: “De hoxe nun ano”.

Desexámosvos un bo comezo de curso e moito ánimo. Vémonos pronto!

Unha mañá de Hóckey.

O día 18 de agosto recibimos a visita dun xogador que gañou o campionato de España e  debutou na federación galega de patinaxe de Hóckey,  Alejando Ferreiro Soriano. Nenas e nenos mostraban moita curiosidade por este deporte, descoñecido incluso para as persoas máis pequenas.

Preparámoslle a Alejandro unha benvida moi acolledora e xa rapidamente se dispuxo a explicar as diferentes modalidades de hóckey que existen, como: hóckey sala, hóckey sobre céspede, sobre xeo e sobre patíns, este último é o que el practica.

Tróuxonos para que puidésesmos ver os seus patíns, a protección que usan estas xogadoras e xogadores, xa que como tamén vimos as bolas son moi duras, e o stick que é o pau co que se soe xogar.

Despois de escoitar con atención o que Alejandro nos dicía dispuxémonos a facer un quecemento dando toques cos nosos sticks no circuíto establecido. E como non, un partido final, moi disputado!

Rapazas e rapaces pasárono xenial, invitaron a Alejandro a que cando poida nos volva a facer outra visita, “ E pronto! “

Pouco queda.

Xa deu comezo a segunda quenda de agosto, e con ela a búsqueda do tesouro de Pontecesures. Rapazas e rapaces deron captura a diferentes pistas que as levaron a 3 moedas diferentes: ouro, prata e bronce, cadansúa cun premio, quen se fixera con elas desfrutaria deste.

Tamén fixemos un: pasapalabra, chamado: “Mulán non pasa palabra”, con películas animadas nas que fixemos dalgunha forma fincapé ao longo do campamento. Por grupos nenas e nenos deberían superalas, foi un xogo moi entretido.

Por outra banda, esta semana recibimos a visita dun xogador de Hóckey, fixemos un karaoke e unha sesión de mímica na que nos rimos un montón.

Seguimos a espera doutra semana igual ou mellor ca esta. Ata pronto!

Equidade en marcha.

Como sempre damos a benvida ao campamento de Pontecesures, esta semana está a ser unha semana marcada pola igualdade e comezámola dunha forma distinta, cunha saída! Esta foi para asistir a inauguración dunha pintada contra a violencia de xénero.

Ademais tamén levamos a cabo diversos talleres, algúns deles: a creación dunha diana en relación coa película “Brave”, na que se recolleron as palabras que nenas e nenos consideraron máis significativas as cales tiñan unha puntuación asignada: igualdade (200 p), amor (150 p), liberdade (100 p) e axuda (50 p). Unha vez colgada rapazas e rapaces dispuxéronse a lanzar unha boliña de plastilina e ver quen conseguía unha maior valoración.

Tamén o taller de máscaras tras a sesión de cine da película “Mulán”, a princesa que rompeu a lei, osaa personaxes de Mushu e Mulán foron as escollidas para que se disfrazasen.

E sen olvidarnos de todos os xogos que practicamos: just dance, zumba, as estatuas musicais, carreiras, átomos e moléculas, salto a comba en diferentes posicións e moitas máis cousas que seguiremos poñendo en marcha.

Ata a semana que ven!

Kore

O xoves día 6 o campamento de Pontecesures foi convidado a unha inauguración, esta foi a exposición dunha pintada reinvindicando a violencia de xénero. A autora Laura Tova amosou a su obra “Kore” na que aparecía escrito a seguinte frase: “Renacer máis libres e fortes”.

Nenas e nenos asistiron a esta presentación analizando o que se atopaba na nova parede da escola infantil, comentaron o que máis lles chamou a atención, razoaban porque poidería ser así e intentaban xustificalo.

Unha vez rematadas as suposición a autora deu a coñecer a resposta a todas esas cuestións, o significado da obra e a que daba visibilidade. Rematando cunha ronda de preguntas na que rapazas e rapaces se mostraban satisfeitos xa que non tiveron ningún tipo de dúbida. Sacamos unha fotografía para o recordo e despedímonos amosando gratitude ante a invitación e felicitando a curiosa creación.

Ao pé da letra

Outra semana máis damos a benvida ao campamento das Olimpíadas de Pontecesures, nenas e nenos deron comezo a este coa: Misión imposible!, en dous grupos tiveron que superar 10 probas tal e como indicaban as súas instrucións, unha das máis importantes era o xogo en equipo.

Ademais, fixemos diferentes actividades deportivas como o brilé, no que sempre nos organizamos con: pedra, papel e tesoiras, en capitanas e capitáns, a elección da formación de cada equipo, do balón ou do campo. Tamén conseguimos transformar canutos de papeis en unicornios, coches e diferentes animais, con diversos materiais de refugallo.

Da mesma maneira tivemos a celebración da festa da auga e o circuíto ciclista, ambos días se prestaron para despedir o mes de xullo, e como non, a música e o baile apropiáronse de nós.

Como de costume cando algo remata e porque algo novo se achega, o mes de agosto iniciouse cunha sesión de cine, a película “Brave”, estaba na carteleira. Despois de rematala fixemos unha pequena xuntanza na que comezou a tertulia sobre a época, costumes, personaxes, a trama e moitas cousas máis que pronto amosaremos. Non o podes perder!

De cara a fama.

Benvidas e benvidos outra semana máis o noso campamento de verán, temos que comunicar que: Comezamos o noso camiño cara a celebridade!

Como en todas olimpíadas cada deportista presenta e fai un recorrido coa súa bandeira, nós debuxámolas, recortámolas, e intentamos reconstruílas. Tampouco nos olvidamos da mascota, tras unha posta en común nenas e nenos confeccionaron a: Monguersito, quen nos acompañará en toda esta aventura, recordando en cada un dos seus brazos diferentes valores olímpicos a respetar.

Unha vez rematados estes dous puntos clave, deron comezo os xogos: baloncesto, salto de lonxitude, así como outras actividades deportivas.

Ademais creamos dous personaxes, tanto masculino como feminino, e asignámoslle diferentes profesións, coincidindo en que calquera dos dous se pode adicar a mesma cousa, tanto deportistas como perruqueiras ou perruqueiros, astronautas, cociñeiras e cociñeiros, etc.

E como todo mérito ten a súa recompensa encamiñámonos no paseo da fama, cada nena e neno elaborou a súa estrela dedicada a unha das súas mellores proezas, a cal foi construída con diferentes materiais.

Esperamos cheas de entusiasmo a seguinte semana de cara á popularidade e más alá.

Diferente pero non moito

O 6 de xullo deu comezo o Campamento das Olimpíadas de verán en Pontecesures. Este está a ser un verán diferente pero igual de entretido, tanto nenas como nenos deron a benvida cun mural dos aneis olímpicos, facendo alusión a temática proposta: “Olimpíadas populares”.

Así como as diferentes deportistas que forman parte destes xogos: Ana Peleteiro, Verónica Boquete, etc, toda esta información foi acompañada coa posta en práctica dos diferentes deportes que exercen estas profesionais como: partidos de fútbol, lanzamento de disco, triple salto, etc, todos eles mostrando a que posición chegaba cada un dos participantes, mellorías se practicaban un tempo e recompensa de ouro, prata ou bronce a quen quedase nos primeiros postos.

Ademais dos diferentes talleres non puidemos deixar atrás a celebración deste tempo tan bo cunha molladura acompañada de dardos refrescantes. De igual modo a xincana ciclista, na que nenas e nenos trouxeron as súas bicicletas mostrando os seus dons no circuito que se atoparon.

O noso verán acaba de inaugurarse, seguiremos na procura de novas inquietudes todas e todos xuntos, con ganas de máis.