Teo Madruga

As circunstancias extraordinarias que estamos a vivir coa pandemia do Covid-19, afectan ao desenvolvemento das diferentes actividades de conciliación, fundamentais para todas as familias que por motivos laborais e/ou persoais precisan dun servizo de calidade onde deixar aos menores fora do horario escolar. Por tal motivo, o Concello de Teo, pese ás circunstancias, mantén en activo o programa de Teo Madruga nos centros de Calo,Os Tilos e A Ramallosa, dende as 7:30 horas da mañá ata o momento de entrada no centro.

Para o curso 2020-2021, SIF elaborou un proxecto educativo que ten en conta as normas ditadas pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia e as medidas de prevención do Covid 19 establecidas para o Teo Madruga.

As características que deben seguir as actividades que se leven a cabo (carácter individual), así como a relación e a interacción dos/as participantes nas mesmas (sen contacto e con distancia social de 1,5 – 2 metros), marca as liñas do proxecto lúdico-educativo para este curso.

A continuación presentamos o proxecto “CINEMADRUGA”que pon en relación os días internacionais e as celebracións estacionais, co mundo do cine en valores.

Descrición

O proxecto desenvolverase nos centros educativos do concello de Teo con servizo de Teo Madruga (Calo, Os Tilos e A Ramallosa), e está dirixido ao alumnado de Educación Infantil e Primaria.

CINEMADRUGArelacionará, mensualmente, os días internacionais e as celebracións estacionais co cine centrado na educación en valores, actitudes e habilidades sociais, que nos ofrece moitas posibilidades e contidos de traballo.

Cada un dos meses do curso 2020-2021 (de outubro a xuño), os/as nenos/as participantes visualizarán unha ou dúas películas ou curtametraxes relacionadas con celebracións ou días internacionais dese mes.

Rematada a visualización, e o debate sobre a mesma, os grupos de infantil e primaria realizarán diferentes actividades en relación a esa película (xogos, manualidades, fichas …) que axuden a profundar e enraizar a súa mensaxe.